DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Luns, 27 de abril de 2026 Páx. 25330

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 6 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para persoas galegas residentes no exterior para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalaría de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2026/27 (código de procedemento TU200D).

BDNS (Identif.): 900879.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/900879

Primeiro. Tipoloxía e número de bolsas

1. As bolsas poderán ser de nova adxudicación ou de renovación.

2.1. As bolsas serán de nova adxudicación para os/as alumnos/as que se matriculen por primeira vez nunha titulación do CSHG.

O numero de bolsas será de:

• 5 bolsas para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

• 5 bolsas para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría.

2.2. As bolsas supoñen:

• Un desconto do 80 % no prezo da matrícula ordinaria establecido na Orde do 4 de xullo de 2014 pola que se fixan os prezos privados correspondentes aos estudos conducentes á obtención das titulacións do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, modificada pola Orde do 20 de marzo de 2026 (DOG núm. 59, do 30 de marzo).

• Unha axuda para gastos de viaxe desde o país de residencia do alumnado ata Santiago de Compostela e gastos de primeiro establecemento por unha contía máxima de 1.500 euros. Inclúense gastos de viaxe desde o país de residencia a Santiago de Compostela, aloxamento e manutención e seguro médico, no caso de que sexa necesario, ata o 1 de decembro de 2026.

3. As bolsas serán de renovación para o alumnado galego residente no exterior que obtiver a bolsa no curso anterior e que cumpra os requisitos exixidos na súa convocatoria e nas mesmas condicións en que obtivo a bolsa.

Segundo. Persoas beneficiarias

1. Para poder optar á concesión dunha bolsa deberán cumprirse as seguintes condicións:

– Ter entre os 18 e os 30 anos (incluídos).

– Estar en posesión da nacionalidade española.

– Residir fóra de España.

– Acreditar un mínimo de dous anos de residencia fóra de España inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.

– Estar vinculado/a a Galicia dalgún destes xeitos:

• Ser persoa emigrante nacida en Galicia.

• Ser persoa emigrante non nacida en Galicia, pero ter residido en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar.

• Ser descendente por consanguinidade dunha persoa nacida en Galicia.

– No caso das bolsas para estudos do grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, ter solicitada a preadmisión no curso 2026/27 antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes destas bolsas ou, no caso de bolsas de renovación, estar matriculado no grao en Xestión de Empresas Hostaleiras (1º, 2º ou 3º).

– No caso das bolsas para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría, ter sido admitido/a no curso 2026/27 antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes destas bolsas.

– Non estar incurso/a en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Ademais, para os estudos de grao en Xestión de Empresas Hostaleiras exíxese a homologación do título de bacharelato.

3. Para o alumnado galego residente no exterior que curse o grao de Xestión de Empresas Hostaleiras e que teña que renovar a bolsa:

– A nota media no expediente académico do curso do/da bolseiro/a ten que ser igual ou superior ao 10 % da nota media de todos os expedientes dos/das alumnos/as matriculados/as no curso polo que lle foi concedida a bolsa, cumprir os requisitos para matricularse no curso completo e que o/a bolseiro/a cumpra os requisitos académicos previstos no artigo 22.a) para o seu mantemento.

4. Quedan excluídas aquelas persoas que resultasen beneficiarias desta bolsa na convocatoria anterior e que causasen baixa ou renunciasen a ela.

Terceiro. Obxecto e réxime

Estas bases teñen por obxecto o establecemento de bolsas de matrícula ordinaria e unha axuda para gastos de primeiro establecemento e viaxe, en réxime de concorrencia competitiva, para as persoas galegas residentes no exterior que cursen as titulacións que imparte o CSHG no curso 2026/27, código de procedemento TU200D.

Cuarto. Financiamento

1. As bolsas previstas nesta resolución constitúen axudas en especie no caso da matrícula ordinaria no CSHG.

2. A Axencia de Turismo de Galicia financiará a axuda para gastos de viaxe e primeiro establecemento con cargo á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.480.0, proxecto 2015 00006, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, cun crédito total de 15.000 euros.

Quinto. Bases reguladoras

Resolución do 6 de abril de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para persoas galegas residentes no exterior para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalaría de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2026/27 (código de procedemento TU200D).

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 29 de maio de 2026.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Sétimo. Aboamento e xustificación

1. A bolsa de matrícula non supón a entrega efectiva de diñeiro ao alumnado ao cal lle foi concedida. A concesión da bolsa supón a posibilidade de matricularse nas titulacións sen necesidade de aboar o importe que lle foi concedido segundo o tipo de bolsa.

Unha vez publicada a resolución de concesión no Diario Oficial de Galicia, a persoa beneficiaria poderá aplicar o desconto correspondente sobre o prezo da matrícula.

2. O aboamento da axuda para os gastos da viaxe desde o país de residencia ata Santiago de Compostela e os gastos de primeiro establecemento realizarase unha vez que o alumnado estea admitido e matriculado no CSHG. As axudas serán transferidas directamente á persoa beneficiaria, a través dunha conta bancaria aberta en España. Para esta finalidade, as persoas beneficiarias deberán achegar o certificado de titularidade bancaria correspondente.

Xunto coa solicitude de cobramento deberán achegarse facturas e xustificantes de pagamentos dos billetes de viaxe, aloxamento e manutención e seguro médico, de ser o caso. A data das ditas facturas e xustificantes de pagamentos estará comprendida entre a data de admisión no CSHG e o 30 de novembro de 2026.

En ningún caso se aboará un importe maior do xustificado polo alumnado nos documentos probatorios mencionados con anterioridade. O prazo de presentación da solicitude de cobramento ten como data límite o 1 de decembro de 2026.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2026

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia