A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, establece como un dos dereitos básicos das persoas consumidoras a formación e a educación en materia de consumo. Sinálase na exposición de motivos que a actuación administrativa debe superar o concepto tradicional de formación e educación, cinguida, tradicionalmente e en exclusiva, ao coñecemento polas persoas consumidoras dos seus dereitos como tales, para entender esta formación e educación integradas nun contexto máis global onde este coñecemento teña que complementarse de maneira simbiótica con outros coñecementos dos que non poida prescindir á hora de adquirir bens e servizos, como a sustentabilidade ambiental, económica, social e cultural.
Así mesmo, o artigo 50 desta lei sinala que a Administración competente en materia de consumo, conxuntamente coa competente en educación, establecerá un plan de formación específico orientado a favorecer o tratamento da educación para o consumo nos currículos das diferentes etapas e niveis do ensino regrado, na forma en que mellor se axuste á finalidade pedagóxica de cada un deles.
A educación para o consumo é fundamentalmente unha educación social e cidadá, que incide na comunidade e representa un medio para avanzar cara a unha cidadanía máis crítica, autónoma e consciente dos seus dereitos e responsabilidades, disposta a actuar nunha sociedade globalizada e cambiante.
Promover a educación para o consumo responsable nos centros docentes da Comunidade Autónoma é, por tanto, un interese do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, co obxecto de que o alumnado desenvolva as competencias que lle permitan exercer os seus dereitos como persoas consumidoras, actuando no mercado de forma autónoma, responsable e solidaria.
En consonancia con estes principios, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia participa na organización do concurso de ámbito estatal Consumópolis 20, conxuntamente coa Dirección Xeral de Consumo do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, e outras quince comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla, e que consta de dúas fases: unha fase autonómica, organizada polos organismos competentes en Consumo de cada cidade e/ou comunidade autónoma, en que se seleccionarán os equipos gañadores a nivel autonómico; e unha fase nacional, organizada pola Dirección Xeral de Consumo, en que participarán os equipos que resulten gañadores en cada cidade e/ou comunidade autónoma.
A finalidade do concurso é promover a reflexión de forma consciente, crítica e solidaria sobre distintos aspectos do consumo responsable, mediante a realización das actividades que se propoñen no concurso: o percorrido pola cidade virtual de Consumópolis e o deseño, a elaboración e a exposición dun traballo en equipo sobre consumo responsable.
Pola súa parte, a Orde CSM/1008/2021, do 20 de setembro (BOE núm. 230, do 25 de setembro), establece as bases reguladoras a nivel estatal dos premios do concurso escolar Consumópolis. A citada orde regula no artigo 5 a fase autonómica, dispoñendo que os organismos competentes en materia de consumo das comunidades autónomas ou cidades autónomas de Ceuta e Melilla organizadoras do concurso que convoquen os premios ou recoñecementos autonómicos no seu respectivo ámbito territorial mediante a correspondente convocatoria autonómica poderán participar na convocatoria nacional.
O 7 de xullo de 2025, o Ministro de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 ditou a Orde pola que se convocan os premios nacionais do concurso escolar 2025-2026 Consumópolis-21: Á hora de consumir, que non te domine o «click». O extracto da mesma publícase no BOE núm. 164, do 7 de xullo de 2025.
En consecuencia, correspóndelle ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia, adscrito á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, convocar a fase autonómica do concurso, co obxecto de seleccionar os equipos gañadores que representen a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal do concurso.
Con este fin, na Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, existe na aplicación 14.80.613A.481.1 unha partida orzamentaria consignada pola contía de 5.700 euros para atender o pagamento dos premios obxecto desta convocatoria.
Por todo iso, como director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto convocar e regular a fase autonómica do concurso do curso escolar 2025-2026 Consumópolis-21 sobre consumo responsable e calidade de vida, que leva por título: Á hora de consumir, que non te domine o “click” (código de procedemento IN114A).
2. O concurso escolar comprende as seguintes actividades:
a) Primeira parte: un percorrido pola cidade de Consumópolis resolvendo diversas probas de carácter pedagóxico e lúdico, segundo o disposto nas bases nacionais do concurso escolar Consumópolis e o recollido na convocatoria nacional para a edición 2025-2026 sobre consumo responsable e sostible, Consumópolis-21: Á hora de consumir, que non te domine o «click», e nas instrucións xerais de participación.
b) Segunda parte: deseño, elaboración e presentación dun traballo en equipo sobre consumo responsable, consistente na realización dun podcast, cuxas características específicas se detallan nas citadas instrucións xerais de participación.
Artigo 2. Participantes
1. Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas que cursen estudos de 5º ou 6º de educación primaria ou de 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria ou formación profesional básica en calquera centro público, concertado ou privado da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. No caso dos colexios rurais agrupados (CRA) e as escolas unitarias que, polas súas especiais circunstancias xeográficas ou demográficas, teñan dificultades para conformar os equipos unicamente con alumnado de 5º e 6º cursos de educación primaria, poderán completar os ditos equipos con alumnado doutros cursos de educación primaria.
3. Cada alumno ou alumna participante só poderá formar parte dun equipo. Os equipos deben procurar a paridade, polo que se procurará que cada equipo non teña máis de tres membros do mesmo sexo.
4. Cada equipo debe estar coordinado por un docente do centro. Un mesmo docente poderá coordinar máis dun equipo no seu centro.
5. Non existe límite para o número de equipos que se poden formar en cada centro docente.
Artigo 3. Categorías de participación
Establécense tres categorías de participación:
– Categoría A: alumnado de 5º e 6º curso de educación primaria.
– Categoría B: alumnado de 1º e 2º curso de educación secundaria obrigatoria.
– Categoría C: alumnado de 3º e 4º curso de educación secundaria obrigatoria ou de formación profesional básica.
Para a participación na convocatoria da fase autonómica, os equipos deberán estar previamente inscritos na páxina web do concurso para a edición anual de Consumópolis-21: Á hora de consumir, que non te domine o «click» (https//consumopolis.consumo.gob.es/), segundo o recollido nas instrucións xerais de participación.
Artigo 4. Premios
1. Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada unha das categorías de participación.
2. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada unha das categorías de participación representarán a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal.
Artigo 5. Certificación e recoñecemento
Todos os membros do equipo poderán recibir, ademais dos premios, un diploma do Instituto Galego do Consumo e da Competencia que os acredita como gañadores.
Artigo 6. Obxectivo e desenvolvemento do concurso
1. O obxectivo do concurso é promover a reflexión, de forma crítica, solidaria, responsable e sostible, sobre distintos aspectos do consumo responsable mediante a realización das actividades que se propoñen para poder optar aos premios.
2. As instrucións xerais de participación de cada unha das partes do concurso encóntranse na páxina principal do concurso.
3. Na primeira parte do concurso, os cinco integrantes do equipo deberán completar o percorrido pola Cidade de Consumópolis, que constará de 10 probas, de carácter pedagóxico e lúdico, que se presentarán aos participantes ao longo del.
4. Considerarase que un equipo rematou esta primeira parte cando os cinco membros do equipo completaran o percorrido. O percorrido completarase cando se realizasen as seguintes probas: «Boa Memoria», «Diccionario», «Black Friday», «Os meus Colegas», «Recarga o móbil», «Verdadeiro falso», «O kilovatio», «O Rosco de Consumópolis», «Conectados» e «5 cartas contra Míster Click». Todas estas probas son obrigatorias.
5. Con carácter excepcional, se por unha incidencia técnica ou outra causa imprevista non fose posible completar as dez probas da primeira parte de forma xeneralizada, a Dirección Xeral de Consumo poderá de forma motivada excluír a realización dalgunha das probas previstas no punto anterior.
6. Na segunda parte, coa que se pretende fomentar o traballo en equipo, os cinco integrantes do equipo deberán deseñar, elaborar e presentar un traballo sobre consumo responsable, consistente na realización dun podcast dunha duración de aproximadamente 3 minutos que conteña unha serie de entrevistas radiofónicas, entrevistando a consumidores responsables, tendas, influencers, ou empresas de sectores afectados que teñan relación co lema do concurso: Á hora de consumir, que non te domine o “click”. O obxectivo do podcast será o de informar aos oíntes da radio de Consumópolis no ámbito escolar, familiar e social sobre o consumo responsable. As características específicas dos ditos traballos detállanse nas instrucións xerais de participación do concurso.
Artigo 7. Apoio aos centros docentes
1. Como axuda para realizar as actividades que son obxecto do concurso, os equipos participantes contarán coas fichas informativas e pedagóxicas, en formato PDF, relacionadas co consumo responsable que están localizadas no sitio web www.consumopolis.consumo.gob.es
2. Ademais, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia ofrécelles aos centros docentes o asesoramento que necesiten para realizar as actividades que son obxecto do concurso, que poderán solicitar poñéndose en contacto coa Escola Galega do Consumo a través do enderezo de correo electrónico igc.escuela@xunta.gal, ou do número de teléfono 881 99 90 91.
Artigo 8. Formalización a través da plataforma e obtención da ficha virtual
1. Subido o traballo á plataforma de Consumópolis, o persoal docente coordinador pode descargar a ficha virtual correspondente, documento que contén os datos do traballo: referencia, nome do equipo, compoñentes e título.
2. Unha vez que a ficha virtual do traballo descargouse, o traballo non se pode modificar.
3. Se o docente coordinador non descarga a ficha virtual do traballo, a fase autonómica do concurso non se considera finalizada.
Artigo 9. Memoria da participación no concurso
1. Cada equipo elaborará unha memoria en que expoña como foi a súa participación no concurso. Na memoria recollerase, de maneira resumida e esquemática, o traballo realizado por cada equipo e a aprendizaxe alcanzada como consecuencia da participación no concurso.
2. A memoria poderá realizarse en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia e na súa estrutura contará cos seguintes elementos:
a) Portada, onde se indicará: o nome do equipo, o título do traballo, o nome do centro, o nome do docente coordinador e o nome dos membros do equipo.
b) Índice paxinado.
c) Corpo da memoria, cunha extensión máxima de 7 páxinas, en que se diferencie de modo claro a valoración da experiencia e da aprendizaxe acadadas. Neste documento cada equipo debe explicar, como mínimo, as seguintes cuestións:
1ª. Como se organizaron os membros do equipo para a resolución das probas do xogo en liña e cal foi, se é o caso, a documentación consultada.
2ª. Como se organizaron os membros do equipo para a realización do traballo conxunto, a distribución dos respectivos roles e tarefas, as fontes documentais consultadas, as ferramentas e os demais materiais empregados.
3ª. A valoración do propio alumnado sobre o aprendido en cada unha das fases do concurso.
d) Achegaranse, se é o caso, un anexo bibliográfico e fotográfico en formato dixital das actividades realizadas polo alumnado durante a participación no concurso.
Artigo 10. Prazo de presentación
O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 5 de maio de 2026.
Artigo 11. Presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede. xunta. gal. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
3. A mera inscrición na páxina web non comporta a participación nestes premios autonómicos.
Artigo 12. Documentación complementaria
1. As solicitudes de participación irán acompañadas da seguinte documentación complementaria:
a) Ficha virtual en formato PDF descargada desde a plataforma do concurso. Para obter esta ficha é preciso subir o traballo do equipo á plataforma.
b) Memoria descritiva do traballo desenvolvido. Debe estar realizada polo alumnado participante e presentarse en formato PDF.
c) Documento de autorización de ambos os pais ou titores legais de cada un dos menores de catorce anos que vaian participar no traballo, ou o consentimento de cada un dos maiores de catorce anos, descargada desde a plataforma do concurso.
2. A documentación complementaria presentarase electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias presentadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 13. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, salvo que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.
d) Certificado de estar ao día ne pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar copia dos documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 15. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 16. Publicación dos actos
Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de concesión de premios.
Así mesmo, poderá ser igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web do Instituto Galego do Consumo e da Competencia https://consumo.xunta.gal/
Artigo 17. Xurado
1. Os traballos que se presenten a esta convocatoria serán examinados e avaliados, de conformidade cos criterios establecidos no artigo 18, por un xurado constituído por:
a) Presidente/a:
A persoa titular da xerencia do Instituto Galego do Consumo e da Competencia ou persoa en que delegue.
c) Vogais:
– Dous/dúas funcionarios/as do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.
d) Secretario/a:
A persoa titular da Dirección Técnica da Escola Galega do Consumo.
2. O funcionamento do xurado estará regulado polas normas básicas contidas na sección 3 do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e pola sección III, do capítulo I do título I (artigos 15 e seguintes) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O xurado terá facultades para resolver as dúbidas que aparezan na interpretación das bases desta convocatoria.
3. O xurado, de ser necesario, poderá dispoñer a constitución dunha comisión técnica especializada para colaborar na valoración daqueles traballos que considere pertinentes, que poderá estar integrada por asesores e asesoras de Innovación Educativa e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.
4. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Con todo, o xurado poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos se as características dos traballos así o permiten.
Artigo 18. Criterios de valoración
1. Para a selección dos equipos con dereito aos premios autonómicos, o xurado terá en conta:
a) A puntuación das probas incluídas no percorrido pola cidade virtual de Consumópolis, que quedará establecida de forma automática polo propio sistema, con base nos criterios de coñecementos e habilidades detallados nas instrucións xerais de participación.
b) A valoración dos traballos en equipo na segunda parte do concurso será de acordo cos seguintes criterios e baremos:
1º. Coherencia do traballo cos obxectivos do concurso: valorarase ata 40 puntos.
2º. Creatividade e orixinalidade do traballo: valorarase ata 20 puntos.
3º. Presentación/exposición do traballo: valorarase ata 20 puntos.
4º. Calidade técnica: valorarase ata 15 puntos.
5º. Calidade lingüística: valorarase ata 5 puntos.
c) O xurado valorará ao cincuenta por cento a puntuación acadada no percorrido pola Cidade de Consumópolis e o traballo en equipo valorarase ao cincuenta por cento, segundo os criterios establecidos na letra b).
Artigo 19. Resolución
1. As solicitudes entenderanse desestimadas se non son resoltas no prazo de cinco (5) meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes.
2. A proposta de concesión de premios emitida polo xurado elevarase ao director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.
3. A resolución ditada ao abeiro desta convocatoria poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpoñer os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou ou debeu ditala, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación. Se o acto non é expreso, poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento para partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
b) Recurso contencioso-administrativo perante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou a resolución, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, si esta é expresa.
Artigo 20. Pagamento dos premios
1. O pagamento dos premios, por unha contía máxima de 5.700 euros, farase con cargo á aplicación orzamentaria 14.80.613A.481.1 dos orzamentos do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para o ano 2026, onde existe crédito adecuado e suficiente.
2. Os centros gañadores teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
3. Toda alteración posterior nos proxectos presentados das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
4. Así mesmo, en caso de incumprimento de calquera das condicións establecidas para a súa concesión, existirá a obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.
Artigo 21. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a fornecer á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016,do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 22. Difusión e publicación
1. O Instituto Galego do Consumo e da Competencia poderá proceder á reprodución, publicación e divulgación dos proxectos premiados, que quedarán na súa propiedade.
2. As persoas gañadoras quedan na obriga de asumir as responsabilidades que puidesen resultar da utilización dos textos, imaxes e outros elementos creativos achegados na realización do proxecto e nos cales a propiedade sexa de terceiras persoas ou entidades alleas a esta convocatoria.
3. O centro participante deberá contar coa autorización por escrito das nais, pais ou titores legais dos menores que participen.
4. A participación na correspondente convocatoria supón a aceptación de todas as bases, así como a cesión ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia do dereito de propiedade intelectual dos traballos premiados, en que poderán introducirse as variacións que se consideren máis adecuadas para a súa finalidade educativa, de acordo co Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.
Artigo 23. Retirada da documentación
A dirección do centro docente e/ou as persoas coordinadoras dos proxectos presentados poderán solicitar ao Instituto Galego do Consumo e da Competencia a retirada da documentación e a devolución dos proxectos non premiados na convocatoria, no prazo de trinta (30) días naturais seguintes ao da publicación da resolución de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 24. Réxime de recursos
Esta resolución poderá ser impugnada potestativamente, ante o director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, mediante recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Disposición adicional primeira. Aplicación supletoria
En todo o non previsto nesta resolución aplicaranse supletoriamente os preceptos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia; na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; e na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.
Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira única. Desenvolvemento e entrada en vigor
1. Facúltase o director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia para que dite as instrucións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta resolución.
2. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2026
Gabriel Alén Castro
Director do Instituto Galego do Consumo e da Competencia
