Examinado o expediente de extinción da Fundación Centro Tecnolóxico da Pizarra, adscrita ao protectorado da Consellería de Economía e Industria, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 13.4.2026 presentouse, no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, a solicitude de ratificación e posterior inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego do acordo de extinción da Fundación Centro Tecnolóxico da Pizarra, adoptado polo padroado o 16.1.2026.
Segundo. A Fundación Centro Tecnolóxico da Pizarra constitúese en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o 11.3.1999, ante o notario Manuel Julio Reigada Montoto, co núm. de protocolo 1.193, e foi clasificada de interese industrial pola Orde do 28.11.2002 da Consellería de Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública (DOG núm. 240, do 13 de decembro) e declarada de interese galego pola Orde da Consellería de Industria e Comercio (actualmente, Consellería de Economía e Industria) do 16.1.2003 (DOG núm. 26, do 6 de febreiro). A devandita fundación consta inscrita na sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Economía e Industria, co número 2002/25. Corresponde a esta consellería o exercicio das funcións de protectorado en relación coa dita fundación.
Terceiro. A Fundación ten como fin principal, segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, o destino e afectación do seu patrimonio á realización de fins xerais de interese galego no ámbito sectorial e territorial a que se contraen a súa denominación e fins. En xeral: apoio ao sector mineiro de Galicia, en particular ao sector pizarra, mediante desenvolvemento da investigación tecnolóxica de procesos e produtos e control de calidade, co fin de fomentar a actividade, mellorando o rendemento das explotacións situadas en Galicia, mellorar a súa competitividade e promocionar a comercialización. A Fundación xestiona o Centro Tecnolóxico da Pizarra co seu Laboratorio Tecnolóxico e a Escola Técnica da Pizarra.
Cuarto. O padroado da Fundación, na súa reunión do 16.1.2026, acordou a extinción da fundación polo cumprimento dos fins previstos no artigo 4 dos seus estatutos, así como a imposibilidade material de seguir desenvolvéndoos.
Quinto. Xunto coa solicitude e co xustificante do pagamento das taxas administrativas, a fundación presentou unha escritura pública do 13.3.2026 outorgada en Santiago de Compostela ante a notaria Inmaculada Espiñeira Soto, co núm. de protocolo 146, que contén a seguinte documentación:
- Certificado do acordo de extinción adoptado polo padroado.
- Memoria xustificativa da causa da extinción.
- Contas da Fundación na data do acordo de extinción.
- Proxecto de liquidación de distribución dos bens e dereitos.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. Esta consellería resulta competente para ratificar o acordo adoptado polo padroado da fundación en virtude do disposto no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria en relación co artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (en diante, Lei 12/2006).
De acordo co disposto no artigo 7.2.b) do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego (en diante, Decreto 15/2009), corresponde á Consellería de Economía e Industria a inscrición na Sección correspondente do Rexistro de Fundacións de Interese Galego de todos os actos relativos ás fundacións sobre as que exerza o protectorado.
Segundo. O artigo 44.1.b) e c) da Lei 12/2006 establece entre as causas de extinción das fundacións a realización íntegra do fin fundacional e a imposibilidade de realización deste, respectivamente, e no artigo 3 sinala a necesidade do acordo favorable do padroado, ratificado polo protectorado. O mesmo artigo establece no número 6 que o acordo de extinción inscribirase no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
Terceiro. O acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da Fundación, e foi aprobado polo acordo do padroado, coas maiorías previstas no Regulamento de fundacións de interese galego. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e demais documentación establecida no artigo 44 da Lei 12/2006 e no artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego (en diante, Decreto 14/2009).
Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, no Decreto 14/2009 e no Decreto 15/2009, e demais normativa de xeral aplicación,
DISPOÑO:
Primeiro. Ratificar o acordo de extinción da Fundación Centro Tecnolóxico da Pizarra, adoptado polo padroado na súa reunión do 16.1.2026.
Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Economía e Industria.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun (1) mes, segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 21 de abril de 2026
A conselleira de Economía e Industria
P.D. (Orde do 4.11.2024; DOG núm. 217, do 11 de novembro)
José Ramón Pardo Cabarcos
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria
