DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Martes, 5 de maio de 2026 Páx. 26594

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 2026, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica nos concellos de Tomiño e O Rosal (expediente IN407A 2024/103-4).

Expediente: IN407A 2024/103-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTA e substitución dos apoios 9T7X0EFE//79, 9T8M754V//80 e 9T995IHK//79-1 na LMTA ROS806.

Concellos: Tomiño e O Rosal.

Feitos:

1. O 4.3.2024, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTA e substitución dos apoios 9T7X0EFE//79, 9T8M754V//80 e 9T995IHK//79-1 na LMTA ROS806.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado pola enxeñeira técnica industrial Herminia López Caamaño, colexiada 4598 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 14.992,81 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que consiste nas seguintes actuacións previstas no circuíto aéreo da liña de media tensión ROS806, nos lugares de Fonte do Pedro, na parroquia de Goián, no concello de Tomiño (Pontevedra), e de Arroios, na parroquia das Eiras, no concello do Rosal (Pontevedra):

– Substitúense os seguintes apoios: no tramo ROS8060137 o apoio 9T7X0EFE//79 por un C-4500/16; no tramo ROS8060092 o apoio 9T8M754V//80 por un C-1000/14; e no tramo ROS8060138 o apoio 9T995IHK//79-1 por un C-1000/14.

– Desmóntanse 84 metros de condutor LA-30 do tramo ROS8060138, desde o apoio 9T7X0EFE//79 ata o apoio 9T995IHK//79-1, e instálanse 86 metros de condutor LA-56 entre os apoios proxectados, C-4500/16 e C-1000/14, que os substitúen.

– Substitúense 108 metros de condutor LA-110 do tramo ROS8060092, desde o apoio proxectado C-4500/16 (no Rosal, antes 9T7X0EFE//79) ata o apoio C-1000/14 (en Tomiño, antes o 9T8M754V//80).

– Retirada do reconectador 36HQK6 do apoio 9T7X0EFE//79 e instalación no apoio proxectado C-4500/16.

– Retensado dos vans contiguos aos apoios proxectados.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Tomiño, o Concello do Rosal, a Axencia Galega de Infraestruturas, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Telefónica de España, S.A.U., o Servizo de Explotación Agrarias e o Servizo de Infraestruturas Agrarias. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Tomiño, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o Servizo de Explotacións Agrarias e Telefónica de España, S.A.U.

Os demais organismos non emitiron os condicionados técnicos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Substitución dos seguintes apoios da LMTA ROS806: o 9T7X0EFE//79, o 9T8M754V//80 e o 9T995IHK//79-1 por un apoio C-4500/16, un C-1000/14 e outro C-1000/14, respectivamente.

– Liña de media tensión aérea (LMTA) a 20 kV, con condutor LA-110, de 108 metros de lonxitude, coa orixe no apoio proxectado C-4500/16, situado á altura do p.q. 55+570 da estrada PO-552, no Rosal, e final no apoio proxectado C-1000/14, situado á altura do p.q. 55+679 da estrada PO-552, en Tomiño.

– LMTA a 20 kV, con condutor LA-56, de 86 metros de lonxitude, coa orixe no apoio proxectado C-4500/16, situado á altura do p.q. 55+570 da estrada PO-552, no Rosal, e final no apoio proxectado C-1000/14, situado á altura do p.q. 55+570 da estrada PO-552, en Tomiño.

A instalación está situada nos lugares de Fonte do Pedro, na parroquia de Goián, no municipio de Tomiño, e Arroios, na parroquia das Eiras, no municipio do Rosal (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTA e substitución dos apoios 9T7X0EFE//79, 9T8M754V//80 e 9T995IHK//79-1 na LMTA ROS806, expediente IN407A 2024/103-4.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 8 de abril de 2026

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra