En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual núm. 9 das normas subsidiarias de planeamento municipal de Bergondo para a delimitación dun polígono de solo urbano non consolidado (SUNC) en San Cidre, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 21 de abril de 2026, que figura como anexo.
Unha vez inscrita a devandita modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a súa documentación íntegra, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador
Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental da referida modificación poderá ser consultada na seguinte ligazón:
https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=1&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FShowProxectosa clave - CMAOT
Santiago de Compostela, 23 de abril de 2026
María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo
ANEXO
Orde da aprobación definitiva da modificación puntual novena das normas subsidiarias de planeamento municipais de Bergondo para delimitación dun polígono de solo urbano non consolidado (SUNC) en San Cidre
O Concello de Bergondo remite a modificación puntual referida para os efectos do artigo 60.14 e seguintes da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), que corresponde co artigo 144.14 e seguintes do seu regulamento aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG).
Analizada a documentación redactada pola arquitecta María Ríos Carballeira; e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:
Antecedentes:
O Concello de Bergondo dispón dunhas normas subsidiarias de planeamento municipal (NSP) aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 28.10.1992 (texto refundido do 2.12.1992).
A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o 29.10.2019 un informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.
A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico sobre a modificación puntual o 14.11.2019 (DOG do 27.11.2019) en que se resolve non sometela a avaliación ambiental estratéxica ordinaria. Nese marco contestaron, ademais da DXOTU:
A Axencia Galega de Infraestruturas: informe do 18.9.2019, con observacións.
A Dirección Xeral de Mobilidade: do 25.10.2019, con observacións.
O Servizo de Innovación Tecnolóxica da Acuicultura da Consellería do Mar: informe do 22.10.2019, de non influencia no sector acuícola.
O Instituto de Estudos do Territorio: do 18.10.2019, sen impacto paisaxístico significativo.
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 3.10.2019, con observacións.
Constan informes municipais do arquitecto do 1.12.2021 e do 2.12.2021; e da xurista de urbanismo, do 7.12.2021, sobre o documento de aprobación inicial e a súa tramitación.
O concello solicitou, con carácter previo á aprobación inicial, os informes estatais en materia de patrimonio histórico, costas, sector ferroviario, aeroportos e servidumes aeronáuticas, contaminación acústica e Delegación do Goberno; e os autonómicos da Axencia Galega de Infraestruturas, en materia de contaminación acústica e da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en materia de costas. Constan emitidos:
Pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en materia de costas: escrito do 7.1.2022, no que se sinala que non procede a emisión do informe.
Pola Subdirección Xeral de Planificación, Rede Transeuropea e Loxística do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana: escritos do 12.1.2022 e do 20.1.2022, nos que se indica que a modificación afecta infraestruturas do dito ministerio.
Pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade: informe do 24.1.2022 relativo a servidumes acústicas, con observacións.
Pola Demarcación de Costas do Estado en Galicia: escrito do 15.2.2022, no que se sinala que o ámbito non é competencia da Lei de costas.
Pola Área de Fomento da Delegación do Goberno en Galicia: escrito do 24.2.2022, de non incidencia na Defensa Nacional; no Inventario de Bens e Dereitos do Estado; nas propiedades da Entidades Xestoras da Seguridade Social; nin nas infraestruturas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.
Pola Dirección Xeral de Telecomunicacións e Ordenación de Servizos de Comunicación Audiovisual: informe do 18.2.2022, favorable condicionado á corrección dos erros.
Pola Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico: informe do 9.2.2022, con observacións de carácter xeral.
Constan os informes municipais do arquitecto do 9.5.2022 e 18.5.2022, favorable con indicacións formais; da xurista de Urbanismo, do 18.5.2022, conformado pola secretaria e a interventora do 10.1.2019, no que se propón a aprobación inicial da modificación puntual.
O Pleno do concello aprobou inicialmente a modificación puntual en sesión do 26.5.2022. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 16.6.2022 e Diario Oficial de Galicia do 16.6.2022) e comunicado aos titulares catastrais dos terreos. Presentáronse dúas alegacións, segundo o certificado municipal do 19.8.2022.
A xurista de Urbanismo e o arquitecto municipal emitiron o 9.6.2022 e o 6.7.2022 cadanseu informe sobre os informes sectoriais necesarios.
No que afecta os informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG) a DXOTU emitiu informe sobre o resultado do trámite o 24.1.2023:
Foron emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos:
Pola Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: informe do 7.10.2022, de non necesidade de informe da Comisión Galega de Protección Civil.
Pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 28.11.2022, favorable.
Augas de Galicia: requirimento do 15.12.2022; e informe favorable do 22.4.2024.
Polo Instituto de Estudos do Territorio: informe do 22.12.2022, sen obxeccións.
Pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade: informes do 2.1.2023, desfavorable; e do 20.9.2023, favorable.
Pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo: informe do 20.1.2023, en relación coa adaptación da modificación ao Plan de ordenación do litoral.
Déuselles audiencia aos concellos limítrofes de Abegondo, Betanzos, Cambre, Paderne e Sada. Recibíronse respostas dos concellos de Abegondo (8.11.2022), Cambre (25.10.2022) e Paderne (17.10.2022), sen obxeccións.
En canto aos informes sectoriais non autonómicos, constan solicitudes de informes do 6.7.2022 á Delegación do Goberno e á Deputación Provincial da Coruña, sen que consten novos informes á parte dos xa mencionados.
Constan os informes municipais: do arquitecto do 10.5.2024 e 19.6.2024; e da xurista de Urbanismo, coa conformidade da secretaria e da interventora do 1.7.2024, favorables á aprobación provisional.
A modificación puntual foi aprobada provisionalmente polo Pleno do concello con data do 11.7.2024. Tras a emenda deste documento, e logo dos informes favorables municipais do arquitecto do 29.4.2025; e da secretaria do 13.5.2025, o pleno do concello, en sesión do 29.5.2025, aprobou provisionalmente o novo proxecto da modificación puntual.
Esta consellería, pola Orde do 5.11.2025, resolveu non aprobar definitivamente a modificación, e indicou as deficiencias detectadas para a súa emenda.
Consta unha resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade do 24.6.2025 da prórroga da vixencia do informe ambiental estratéxico durante dous anos adicionais contados desde o 27.11.2025.
O 3.2.2026 tivo entrada na Xunta de Galicia un novo documento de modificación puntual datado en xaneiro de 2026 e aprobado provisionalmente en sesión plenaria de data do 29.1.2026.
– Obxecto e descrición do proxecto.
A modificación puntual afecta a35.251,27 m² nas inmediacións da intersección das estradas autonómicas AC-164 e AC-162. Actualmente 19.189 m² son de dominio público e 16.061 m² son privados.
O ámbito está clasificado polas NSP vixentes como solo urbano (plano O1-B de clasificación do solo do termo municipal a escala 1/5000 e plano O2-A de delimitación do solo urbano de Bergondo a escala 1/2000); coa cualificación de: equipamentos (15.350 m²); residencial extensivo (15.343 m², cunha edificabilidade de 6.137,2 m²) e viario.
A modificación puntual ten por obxecto delimitar un polígono de solo urbano non consolidado (San Cidre).
A nova ordenación detallada (plano ORDET.01USOS) prevé:
Equipamentos existentes: 9.905,44 m².
Equipamentos propostos: 3.121,91 m², dos cales son de sistema local uns 1.710,77 m² e son de sistema xeral 1,411,14 m².
Espazo libre proposto (de sistema local): 1.638,64 m².
Viario: 16.359,89 m² (deles, 12.748,39 m² son viario existente que se mantén).
Terciario: 4.937,32 m², cunha edificabilidade de 2.962,39 m² (33,54 % da total), con uso alternativo hoteleiro.
Residencial: 3,327,96 m², cunha edificabilidade de 5.871,31 m² (66,46 % do total).
Esta superficie edificable residencial distribúese en 2.054,96 m² de vivenda protexida (35 % da edificabilidade residencial) e o resto, 3.816,35 m², de vivenda libre.
A ordenación delimita un polígono descontinuo de solo urbano non consolidado de 16.350 m². Incorpóranse como equipamento a que obterá a actual Casa da Cultura (SX-Ob-EQ4SC) e o viario lindeiro (actualmente bens de carácter patrimonial) que non se prevían nas NSP vixentes como dotacións.
Daquela, créase un espazo de uso comercial, altérase o uso de vivenda de unifamiliar a plurifamiliar, amplíanse as superficies de viario (incremento de viarios, seccións e aparcadoiros) e establécense as dotacións correspondentes a un polígono. Axústase o planeamento á realidade construída e urbanizada da Casa da Cultura e o seu contorno viario.
– Análise e consideracións.
Razóns de interese público (artigo 83.1 da LSG).
Completar e reforzar a trama urbana do núcleo de Bergondo, nunha estratexia de reforzar a compacidade e a centralidade das vilas intermedias, tal e como se establece nas DOT, pode conceptuarse como razón de interese público para os efectos da formulación da modificación puntual.
Analizado o documento técnico aprobado provisionalmente, con data do 29.1.2026, púidose comprobar que en xeral se emendaron as deficiencias sinaladas na Orde denegatoria do 5.11.2025. Nomeadamente: o uso global é residencial con 5.871,31 m² residenciais fronte a 2.962,39 m² terciarios; e xustificouse o cumprimento dos estándares de sistemas xerais.
Porén, cómpre formular as seguintes puntualizacións:
a) No plano PORD.01EX_1 recóllense as superficies dos sistemas viarios existentes nas NSP e os que a modificación puntual propón obter. Porén, as superficies consideradas da medición sobre o plano, que semellan correctas, non se corresponden coas reflectidas nos cadros dos puntos 2.6 da memoria e 3.3.2 do anexo de síntese, que deberán corrixirse.
b) En canto á xustificación do cumprimento dos estándares de sistemas locais e no que se refire ás prazas de aparcadoiro privadas, no solo residencial será de 1 praza por cada 100 m² edificables, das que, como mínimo, a cuarta parte será de dominio público (artigo 42.2.c) LSG).
c) Completarase o plano de ordenación ORDET_03SLIS (sistema de infraestruturas de servizos) e incluirase na lenda a referencia á rede de abastecemento proposta.
d) Algunhas das modificacións recollidas nas listaxes de documentos modificados, incluídas no documento de modificacións realizadas ao documento aprobado provisionalmente con data do 29.5.2025 e con data do 4.12.2025 para a nova aprobación provisional, non se reflicten neste documento da modificación puntual , o que deberá emendarse.
A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos instrumentos de planeamento xeral e das súas modificacións puntuais correspóndelle á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.6 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,
DISPOÑO:
1. Aprobar definitivamente a modificación puntual núm. 9 das normas subsidiarias de planeamento municipal de Bergondo, para a delimitación dun polígono de solo urbano non consolidado (SUNC) en San Cidre, coas condicións sinaladas nos puntos III.3; o concello deberá redactar un documento refundido nos termos sinalados no artigo 62 da LSG.
2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
3. De conformidade co disposto polos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación puntual do PXOM aprobada definitivamente.
Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
