DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Martes, 5 de maio de 2026 Páx. 26476

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2026, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da modificación puntual número 5 do Plan xeral de ordenación municipal de San Cibrao das Viñas nos sectores de solo urbanizable SUR-R13 e SUR-R17.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da modificación puntual nº 5 do Plan xeral de ordenación municipal de San Cibrao das Viñas nos sectores de solo urbanizable SUR-R13 e SUR-R17, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 21 de abril de 2026, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra deste, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental da referida modificación poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=1&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FShowProxectos

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2026

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva da modificación puntual nº 5 do PXOM
de San Cibrao das Viñas nos sectores de solo urbanizable SUR-R13 e SUR-R17

O Concello de San Cibrao das Viñas, conforme o disposto no artigo 60.13 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e 144.13 do seu regulamento (RLSG) remite o expediente (MP) de referencia en solicitude da súa aprobación definitiva.

Analizada a documentación achegada o 12.2.2026, conforme o disposto no artigo 60.13 da LSG; e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:

Antecedentes:

I.1. O Concello de San Cibrao das Viñas dispón dun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), aprobado definitivamente o 30.12.2004, con cinco modificacións puntuais.

I.2. A tramitación ata o momento da modificación puntual foi a seguinte:

O 21.1.2020 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático ditou resolución, publicada no DOG do 11 de febreiro, de non someter a MP ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria; e acompaña os informes das consultas previas da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, o Instituto de Estudos do Territorio e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Constan informes municipais: técnicos, do 20.4.2021, 24.11.2021 e 13.12.2022; e un xurídico, do 10.1.2023.

Constan informes previos á aprobación inicial da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, do 27.1.2022; Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, do 9.2.2022; e da Axencia Galega de Infraestruturas, do 6.5.2022.

O Pleno do Concello, en sesión do 26.1.2023, aprobou inicialmente a MP e someteuna a información pública durante dous meses mediante anuncios no diario La Región, do 4.2.2023; na sede electrónica do Concello, o 13.2.2023; e no DOG núm. 28, do 9 de febreiro. Non se presentou ningunha alegación, segundo consta no certificado da Secretaría do 5.9.2024.

Deuse audiencia aos municipios limítrofes de Barbadás, A Merca, Ourense, Paderne de Allariz, O Pereiro de Aguiar e Taboadela. Constan informes, sen observacións, dos concellos de Paderne de Allariz (3.3.2023) e Ourense (15.5.2023).

Consta un informe favorable, do 16.2.2023, da Secretaría General de Telecomunicacións e Ordenación dos Servizos de Comunicación Audiovisual.

Consta un informe favorable condicionado, do 21.4.2023, da Deputación Provincial.

Consta un informe, do 15.5.2023, da Área de Fomento da Delegación do Goberno en Galicia, de non ter incidencia nas propiedades ou zonas de servidume afectadas á Defensa Nacional, nin no Inventario de Bens e Dereitos do Estado.

Consta un informe, do 1.3.2023, da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Consta un informe, do 7.6.2023, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, onde se indica que neste momento non se xustifica a dispoñibilidade xurídica dos recursos hídricos nin a existencia de capacidade para o tratamento de novos caudais de augas residuais, pero deriva a súa análise a un novo informe vinculante e preceptivo dese organismo na tramitación do planeamento de desenvolvemento de cada sector.

Consta un informe da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior do 28.2.2023.

Consta un informe favorable, do 13.3.2023, do Servizo de Montes da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural.

Consta un informe favorable, do 26.4.2023, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Consta un informe favorable, do 5.5.2023, do Instituto de Estudos do Territorio (IET).

Consta un informe desfavorable, do 10.5.2023, da Axencia Galega de Infraestruturas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pola afección do sector SUR-T2 á estrada autonómica OU-525. O concello opta por eliminar ese sector SUR-T2 do ámbito da MP.

Consta un informe, do 1.6.2023, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en que se indica o resultado do trámite do artigo 60.7 da LSG.

Consta un escrito da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático do 18.8.2025 no que se avisa da posible caducidade do Informe Ambiental Estratéxico (IAE). O 30.10.2025 o Concello solicita a prórroga da vixencia do IAE, que foi concedida pola citada Consellería o 1.11.2025, por un prazo máximo de 2 anos.

Constan un informe técnico municipal do 20.11.2025; e un informe-proposta da Secretaría do 5.12.2025.

O Pleno Municipal, en sesión ordinaria do 19.1.2026 aprobou provisionalmente a MP.

Análise e consideracións:

II.1. O ámbito de modificación puntual son os sectores de solo urbanizable delimitado residencial SUR-R13 e SUR-R17, situados ao sur da capital e contiguos á estrada OU-0517.

Segundo o PXOM vixente, ademais de afectar os sectores SUR-R13 (125.818 m²) e SUR-R17 (47.893 m²) tamén afecta minimamente solo urbanizable non delimitado residencial, solo urbano residencial da capital municipal e solo rústico de especial protección de infraestruturas e paisaxística.

A superficie do ámbito é de 173.711 m² e mais as pequenas superficies de solo urbano residencial (367,70 m²), urbanizable non delimitado residencial (4.880,77 m²) e rústico de especial protección paisaxística (172,00 m²), que pasan a formar parte dos sectores SUR-R13 e SUR-R17, que suman en total 179.131,47 m².

II.2. O obxecto da MP é a redelimitación dos urbanizables residenciais SUR-R13 e SUR-R17 co fin de corrixir as discrepancias de superficie entre a documentación gráfica e a escrita do PXOM en vigor; delimitar de xeito máis equilibrado os dous sectores para permitir o seu desenvolvemento urbanístico e posibilitar a realización de novas vías de comunicación que permitan conectar coa rúa Principal e co Camiño da Auga, salvando a forte pendente e con axuste á realidade física do territorio utilizando como base o parcelario catastral.

En canto á corrección dos erros nas superficies, segundo as fichas do PXOM vixente, o SUR-R13 dispón de 88.611 m² e o SUR-R17, de 49.327 m²; mentres que, medidos sobre plano topográfico reais, acadan 125.818 m² e 47.893 m², respectivamente.

Unha vez modificado o PXOM e reaxustados os límites co solo lindante e dos sectores entre si, o SUR-R13 acadaría os 62.257 m², e o SUR-R17, os 114.264 m².

Nas fichas do PXOM vixente fíxase o aproveitamento lucrativo con base na edificabilidade e na superficie, e a partir deste, calcúlase o aproveitamento tipo. Nas novas fichas, ao aumentar a superficie, aumenta o aproveitamento lucrativo, e mantense o aproveitamento tipo.

II.3. No plano 04PINFSU_02ANÁLISE recóllense os cambios da clasificación e da categorización do solo que se producen na MP; e no punto 2.4 da parte II: xustificación da memoria xustificativa, tamén se recollen nun cadro os datos numéricos destas superficies.

II.4. Nas novas fichas dos dous sectores, cómpre engadir no punto de «observacións», que se deberán asumir os custos relativos aos servizos de abastecemento e de saneamento que se deriven do desenvolvemento dos sectores.

II.5. No plano 05PORD_03Cl debe incluírse a delimitación proposta dos sectores SUR-R13 e SUR-R17 coa liña divisoria entre eles para unha adecuada comprensión do documento.

O plano 04PINF_04CAT reflicte os perímetros das zonas de respeto dos bens catalogados resultantes da MP, polo que debe trasladarse á serie de planos de ordenación; ou, noutro caso, tratándose dun plano de información, debe reflectir os contornos actuais previos.

II.6. Cando menos, o plano do PXOM modificado V.2 folla 5 Ordenación do solo urbano de San Cibrao, (05PORD_06ORD3) debe incorporar a cualificación do solo urbano de San Cibrao que se amplía. Porén, as follas 3 e 4 do plano V4 de servizos urbanísticos do solo urbano, poden suprimirse por canto que non achegan ningunha información.

II.7. Existe unha errata na documentación gráfica e nos planos das fichas do catálogo, por canto que o punto identificativo e o nome do ben catalogado nº 113 –Fonte Boa–, aparece desprazado respecto do contorno de protección do dito ben, polo que deberá emendarse esta discrepancia.

Nas fichas do catálogo grafarase unicamente o perímetro das áreas de respeto dos bens catalogados resultantes da modificación puntual, sen incluír os anteriores do PXOM.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos instrumentos de planeamento xeral e das súas modificacións puntuais correspóndelle á Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.6 da LSG e nos artigos 146.1 e 200.5 do RLSG; en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

En consecuencia, e ao abeiro do disposto nos artigos 83 e 60.16 da LSG,

DISPOÑO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual nº 5 do Plan xeral de ordenación municipal de San Cibrao das Viñas para redelimitar os sectores de solo urbanizable residencial SUR-R13 e SUR-R17, condicionado á emenda das deficiencias sinaladas nos puntos II.4 a II.7 anteriores.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da MP do PXOM aprobada definitivamente.

Notifíquese esta orde ao concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.