O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais en caso de folga no ámbito da Comunidade Autónoma (Diario Oficial de Galicia núm. 116, do 20 de xuño).
O artigo 3 deste decreto faculta as persoas titulares das consellerías competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación, oído o comité de folga.
As organizacións sindicais Federación de Enseñanza de Comisiones Obreras e a Confederación General del Trabajo (CGT) comunicaron a convocatoria de folga de ámbito estatal nos centros educación infantil etapa 0-3. Na dita comunicación indícase que a folga terá lugar o día 7.5.2026, desde as 00.00 horas ata as 24.00 horas.
Así pois, a necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga esta Administración autonómica galega, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais, que se concretan nesta orde.
O exercicio do dereito de folga supera o plano das relacións entre empresa e traballadores/as para ingresar no campo do público cando a empregadora resulta ser a propia Administración pública ou se afectan os servizos esenciais respecto dos cales esta cumpre unha función de garantía. Neste sentido a atención educativa e asistencial dos nenos e nenas de 0-3 anos ten este carácter esencial para a comunidade.
O seguimento desta folga sen a determinación anticipada dunha prestación mínima podería xerar un prexuízo tanto para os nenos e nenas usuarios como para as súas familias e para o persoal do centro que non a secunde.
O servizo da escola infantil é esencial para que moitas familias poidan conciliar a súa vida persoal e laboral sen ter que deixar os seus fillos e fillas a cargo da rede familiar ou social de apoio que, na maior parte das ocasións, está constituída por persoas maiores de especial vulnerabilidade.
Ademais do anterior, e non menos importante, está o papel que a escola infantil desempeña máis aló da perspectiva dun servizo de conciliación, e que en realidade é a esencia, a finalidade e o obxectivo desta etapa educativa: o coidado, a educación e o correcto desenvolvemento de nenos e nenas nesta etapa fundamental. Unha das principais razóns de ser da escola infantil é dar acubillo, apoio e amparo principalmente a eses nenos e aqueloutros con necesidades de atención específica (NEAE), que precisan dunha estimulación temperá, en colaboración cos equipos de atención temperá das consellerías de Sanidade e Política Social e Igualdade.
Abundan os documentos e estudos en que se fai referencia á etapa da educación infantil como decisiva na formación de adultos máis competentes de modo xeral (Unesco, Unicef, OMS, ONU, ECDC, Asociación Española de Pediatría, Save the Children e diversas ONG). Todos eles coinciden en que, ademais do impacto emocional e social, os centros educativos posibilitan a oferta doutros recursos que permiten cubrir necesidades de alimentación e apoio social, especialmente importantes nun momento de crise socioeconómica e de aumento de situacións de estrés no fogar (aumento de desemprego, problemas económicos, violencia intrafamiliar, etc.).
Por outra banda, resulta esencial garantir a efectividade do dereito á igualdade de oportunidades e de trato, así como o exercicio real e efectivo de dereitos por parte das persoas con discapacidade en igualdade de condicións respecto do resto da cidadanía, erradicando calquera tipo de discriminación.
En virtude do anterior, e de conformidade co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais en caso de folga no ámbito da Comunidade Autónoma,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
No ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria de folga realizada polas organizacións sindicais Federación de Enseñanza de Comisiones Obreras e Confederación General del Trabajo nos centros de educación infantil, etapa 0-3, para o día 7 de maio de 2026, entenderase condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen no anexo.
Artigo 2. Designación dos efectivos
A determinación do persoal necesario con base no establecido no anexo corresponderalle á dirección da entidade titular do servizo, e a súa fixación deberá estar adecuadamente motivada.
A designación nominal dos efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer no persoal de xeito rotatorio, será determinada pola dirección respectiva e notificada aos profesionais designados.
Artigo 3. Salvagarda dos dereitos
O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación nin tampouco sobre a tramitación e os efectos das peticións que a motiven.
Disposición derradeira única. Efectos da orde
Esta orde producirá efectos o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2026
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
ANEXO
Para a xornada de folga a que se fai referencia nesta orde, terán a consideración de servizos mínimos a xornada completa os que se relacionan a seguir:
– Dúas persoas traballadoras de persoal de atención directa aos nenos e nenas, que garantan a apertura e o peche dos centros ao longo da xornada.
– Nas escolas de dúas ou máis unidades abertas haberá, ademais, unha persoa de atención directa por cada unha das unidades que teña a escola en funcionamento.
