DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Mércores, 13 de maio de 2026 Páx. 28000

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 27 de abril de 2026, do Departamento Territorial de Pontevedra, polo que se dá publicidade da Resolución do 16 de abril de 2026, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, que modifica o acordo de concentración parcelaria da zona de Briallos (Portas, Pontevedra).

O 16 de abril de 2026, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural ditou a resolución que se transcribe a seguir:

«O acordo de reestruturación parcelaria da zona de Briallos (Portas-Pontevedra) foi aprobado pola dirección xeral competente na materia o 30 de xuño de 2022, e publicado e notificado na forma legalmente prevista, e na actualidade está pendente de declaración de firmeza.

Con posterioridade a estes actos, o Concello de Portas solicitou a cesión da titularidade do predio 712 para agregar a súa superficie ao predio 713, atribuído ao Concello de Portas, e así poder executar obras de ampliación da actual depuradora de Castro e San Roque.

Examinado o expediente, constatouse que o predio 712 figura como adxudicación de propietario descoñecido (prop. nº 900), polo que cómpre permutar o dito predio por un da masa común da zona para manter equilibradas as adxudicacións dos propietarios. Por iso, proponse permutar o predio 713 (descoñecidos) pola parte correspondente do predio 795 (masa común).

Visto o informe emitido polo Servizo Provincial de Infraestruturas Agrarias de Pontevedra, a Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973, a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro, a disposición transitoria primeira da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais disposicións legais de aplicación ao caso,

Esta dirección xeral, ao abeiro da lexislación vixente,

RESOLVE:

1. Dar de baixa na relación de predios do propietario descoñecidos o predio nº 712, que se dá de alta na relación de predios da masa común da zona, cunha superficie de 791 m2 e 47.460 puntos.

2. Segregar o predio nº 795 (masa común) en dous predios, predio nº 795-1, de 2.022 m2 e 121.320,00 puntos, que permanece na masa común da zona, e predio nº 795-2, de 791 m2 e 47.460 puntos, que se atribúe ao propietario nº 900 (descoñecidos).

3. Ceder ao Concello de Portas a titularidade do predio nº 712, procedente da masa común da zona, para destinalo aos fins indicados na parte expositiva desta resolución.

Se o predio non for destinado aos fins para os que se adxudica, a titularidade do referido predio reverterá no Fondo de Terras da zona, na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) -ou entidade que corresponda– ou no patrimonio da Comunidade Autónoma, segundo o caso.

4. Ordenar que a esta resolución se lle dea a oportuna publicidade, sen prexuízo da súa notificación ao Concello de Portas».

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse un recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

Pontevedra, 27 de abril de 2026

Antonio Crespo Iglesias
Director territorial de Pontevedra