No Diario Oficial de Galicia núm. 10, do 16 de xaneiro de 2026, publicouse a Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia para os anos 2026-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.
Na devandita convocatoria habilitáronse catro modalidades de préstamos: préstamos para proxectos de investimento, préstamos para a concentración empresarial e sucesión de empresas, préstamos para proxectos de desenvolvemento tecnolóxico e innovación e os préstamos para o financiamento operativo, dando continuidade ao Programa de apoio ao financiamento empresarial da Xunta de Galicia.
As liñas de financiamento mediante préstamos directos do Igape teñen demostrado ser unha ferramenta eficaz para responder con rapidez e flexibilidade ás necesidades de liquidez das empresas galegas en contextos de incerteza e crise. A súa posta en marcha en situacións excepcionais pasadas, como foron a pandemia da COVID-19, as consecuencias económicas derivadas da guerra en Ucraína e as incertezas no mercado derivadas da imposición de aranceis por parte dos EE.UU., permitiu mitigar os efectos negativos sobre o tecido produtivo, facilitando o acceso ao crédito en momentos en que os canais financeiros tradicionais presentaban maiores restricións.
O balance destas actuacións por parte do Igape é claramente positivo. Por unha banda, contribuíron a preservar a actividade empresarial e o emprego, evitando o peche de empresas viables con dificultades conxunturais. Por outra, permitiron reforzar a solvencia e a capacidade de adaptación das empresas, favorecendo a continuidade de proxectos estratéxicos e a recuperación económica. Ademais, o carácter público destes instrumentos posibilita condicións máis favorables –en termos de prazos, tipos de xuro ou carencias– adaptadas ás circunstancias específicas de cada situación.
A utilización de préstamos directos xustifícase especialmente en contextos de elevada incerteza, como o actual conflito bélico en Oriente Medio, que pode xerar tensións nos mercados, o encarecemento de materias primas, dificultades de financiamento e a posible alza dos tipos de xuro. Nestes escenarios, a intervención pública resulta clave para garantir que as empresas dispoñan dos recursos necesarios para facer fronte a incrementos conxunturais de custos, interrupcións nas cadeas de subministración ou caídas puntuais da demanda.
Así, o instrumento dos préstamos directos do Igape constitúe unha resposta áxil, focalizada e eficaz para atender situacións extraordinarias de necesidade financeira, complementando o sistema financeiro e reforzando a resiliencia do tecido empresarial galego.
Nas actuais circunstancias excepcionais provocadas polo conflito bélico de Oriente Medio, considérase necesario achegar financiamento ás empresas galegas que operan nos mercados especialmente afectados, mediante dúas vías:
• Dentro la liña de préstamos para o financiamento de circulante, introducir unha modalidade dirixida ás empresas que manteñan relacións comerciais cos mercados afectados, por importe de ata 2.000.000 € por empresa, co obxectivo de paliar tensións de tesouraría e facilitar a adaptación a novas condicións comerciais.
• Apoiar aquelas empresas implantadas mediante sucursais, filiais ou establecementos nos países especialmente afectados, promovendo actuacións que faciliten a diversificación da súa presenza internacional cara a terceiros países. Para estes casos elévase a porcentaxe máxima de financiamento do 75 % ata o 100 % dos custos que se van afrontar.
Motivado pola urxencia en dar resposta ás empresas afectadas por esta situación, establécese un prazo máximo estimado de dez (10) días para a resolución, contado desde a data de presentación da solicitude completa no Igape.
Por todo o anterior, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Artigo 1
Modificar a Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia para os anos 2026-2027, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408B), nos seguintes termos:
1. Modifícase o punto D.2) do anexo I.1 Préstamos para proxectos de investimento
O parágrafo que di: «En ningún caso superará o 75 % do custo do proxecto financiable» substitúese polo seguinte:
«O importe do préstamo poderá acadar ata o 75 % do custo do proxecto. Non obstante, poderá chegar ata o 100 % no caso de gastos e investimentos vinculados á implantación no exterior, cando se trate de empresas que conten previamente con filiais, sucursais ou establecementos permanentes nalgún dos países especialmente afectados polo conflito bélico de Oriente Medio (Afganistán, Arabia Saudita, Armenia, Acerbaixán, Bahréin, Emiratos Árabes Unidos, Xeorxia, Iraq, Irán, Israel, Xordania, Kuwait, Líbano, Omán, Palestina, Catar, Siria, Iemen, Chipre, Exipto, Turquía e Estados Unidos de América), e que presenten un proxecto de investimento dirixido á implantación en terceiros países co obxecto de diversificar a súa presenza internacional».
2. Modifícase a alínea E) Documentación específica que se deberá presentar coa solicitude do anexo I.1 Préstamos para proxectos de investimento, para engadir o seguinte parágrafo:
«No caso de proxectos relacionados coa implantación no exterior por parte de empresas que conten con filiais, sucursais ou establecementos permanentes nalgún dos países especialmente afectados polo conflito bélico de Oriente Medio (Afganistán, Arabia Saudita, Armenia, Azerbaiyán, Bahréin, Emiratos Árabes Unidos, Georgia, Iraq, Irán, Israel, Xordania, Kuwait, Líbano, Omán, Palestina, Qatar, Siria, Iemen, Chipre, Exipto, Turquía e Estados Unidos de América), deberá achegarse documentación xustificativa que acredite que a entidade solicitante se atopa implantada mediante filial, sucursal ou establecemento permanente nalgún dos devanditos países».
3. Modifícase a alínea A) Obxecto do anexo I.4 Préstamos para o financiamento operativo, engadindo a subepígrafe seguinte:
«A.5. Empresas que durante o ano 2025 mantiveron relacións con países especialmente afectados polo conflito bélico de Oriente Medio (Afganistán, Arabia Saudita, Armenia, Acerbaixán, Bahréin, Emiratos Árabes Unidos, Xeorxia, Iraq, Irán, Israel, Xordania, Kuwait, Líbano, Omán, Palestina, Catar, Siria, Iemen, Chipre, Exipto, Turquía e Estados Unidos de América)».
4. Modifícase o punto D.1 Importes mínimo e máximo da alínea D) Condicións do produto financeiro no anexo I.4 Préstamos para o financiamento operativo, engadindo:
«Para os supostos previstos no punto A.5 anterior, o importe do préstamo terá como límite máximo o volume de operacións de exportación e/ou importación realizadas no ano 2025 cos países especialmente afectados polo conflito bélico de Oriente Medio, cun máximo de 2.000.000 € e un mínimo de 135.000 €. Non obstante, cando o volume destas operacións supere o 10 % das vendas da empresa, non se aplicará o límite mínimo».
5. Modifícase a alínea E) Documentación específica que se deberá presentar coa solicitude do anexo I.4 Préstamos para o financiamento operativo, engadindo o seguinte:
– Para os supostos encadrados no punto A.5 anterior: relación de facturas correspondentes ás exportacións e/ou importacións aos países especialmente afectados, polas operacións comerciais efectuadas durante o ano 2025, con indicación do cliente, o importe e a data, achegando as aclaracións oportunas no caso de operacións comerciais indirectas.
6. Modifícase o punto de documentación que se presenta ou xa presentada con anterioridade no anexo VII.1, que se substitúe polo que se anexa a esta resolución.
Segundo. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2026
Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
