Denominación: Área de rehabilitación integral de ámbitos urbanos de Coia, en Vigo.
Ámbito: urbano de carácter continuo.
Clase: Área de rehabilitación integral de ámbito urbano.
Antecedentes de feito:
1. Mediante a Resolución do 22 de xullo de 2015, da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, declarouse a Área de rehabilitación integral das rúas Bueu e Moaña, polígono de Coia, en Vigo.
2. O ámbito da Área de rehabilitación integral xeral das rúas Bueu e Moaña do polígono de Coia foi ampliado pola Resolución do 22 de novembro de 2018, da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
3. O 26 de xullo de 2023 o Concello de Vigo presentou ante o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) unha solicitude para a ampliación e cambio de denominación da Área de rehabilitación integral xeral das rúas Bueu-Moaña, polígono de Coia pola denominación Área de rehabilitación integral de ámbitos urbanos de Coia, en Vigo.
4. A área proposta coincide coa contorna declarada Contorna residencial de rehabilitación programada de Coia, cunha superficie total de 46,89 ha, das cales a maior parte (37,21 ha) corresponde á nova superficie solicitada, sumándose ás 9,67 ha xa existentes da Área de rehabilitación integral. En canto á edificación, a área delimitada inclúe 350 edificios residenciais cun total de 5.979 vivendas. A ampliación engade 217 inmobles e 4.619 vivendas ás cifras da ARI xa declarada (133 edificios e 1.360 vivendas).
5. Da declaración da ampliación e do cambio de denominación da Área de rehabilitación integral de Coia solicitada emitiron informe favorable, tanto desde o punto de vista técnico e urbanístico como administrativo, as unidades competentes do IGVS.
Consideracións legais e técnicas:
1. A Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, regula as áreas de rehabilitación integral (en diante, ARI), nos seus artigos 49 a 51. Concretamente, o artigo 50.1.c) define as ARI de ámbitos urbanos, como aquelas cuxo ámbito non pertenza a ningunha das categorías consideradas nas alíneas anteriores, é dicir, cando o seu ámbito non pertenza nin a ARI de conxunto histórico nin a ARI rural. Neste suposto, o ámbito delimitado deberá ter, como mínimo, cincuenta vivendas.
2. O Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, regula no seu capítulo II, sección 2ª, artigo 8, o procedemento para a declaración das ARI.
No expediente para a declaración desta ARI recóllense todos os aspectos sinalados no artigo 8.2 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro.
3. De conformidade cos artigos 49 da Lei 1/2019, do 22 de abril, e 8.1 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, as ARI declararanse por unha resolución da presidenta do IGVS por solicitude dos concellos interesados.
Por todo o exposto, e de conformidade coas competencias atribuídas no artigo 49 da Lei 1/2019, do 22 de abril,
RESOLVO:
Ampliar a Área de rehabilitación integral xeral das rúas Bueu-Moaña, polígono de Coia e cambiar a súa denominación pola de Área de rehabilitación integral de ámbitos urbanos de Coia en Vigo, segundo o ámbito delimitado nos planos que se xuntan como anexo a esta resolución.
Santiago de Compostela, 6 de maio de 2026
María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo
ANEXO


