DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 20 de maio de 2026 Páx. 29243

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 13 de maio de 2026 pola que se convoca concurso público de méritos entre persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para cubrir a dirección do Centro Residencial Docente de Ourense.

O Decreto 43/1989, do 2 de marzo, regula a transformación dos centros de ensinanzas integradas en institutos de educación secundaria e profesional e en centros residenciais docentes. Este decreto foi modificado parcialmente polo Decreto 52/2006, do 30 de marzo, establecendo que á fronte do centro residencial docente haberá unha dirección, nomeada polo actual departamento territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, por un período de catro anos, renovable por períodos de igual duración, seleccionada previamente por concurso público de méritos entre o persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas non universitarias.

Ao estar próxima a quedar vacante a dirección do Centro Residencial Docente de Ourense, procede convocar concurso de méritos para a selección da dirección deste centro.

Na súa virtude, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ACORDA:

Artigo 1. Convocatoria

Convócase concurso de méritos para seleccionar e nomear, en comisión de servizos, entre o persoal funcionario de carreira dos corpos docentes que imparten ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, a dirección do Centro Residencial Docente de Ourense.

A selección realizarase de conformidade cos principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade.

Artigo 2. Requisitos para ser persoa candidata á dirección

2.1. Para participar neste concurso de méritos para ser nomeada directora ou director do Centro Residencial Docente de Ourense deberán reunirse os seguintes requisitos:

a) Ser persoal funcionario de carreira dun corpo docente a que se refire a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, incluído o corpo para extinguir de profesores técnicos de formación profesional.

b) Estar en situación de servizo activo na Comunidade Autónoma de Galicia no curso académico 2025/26. Enténdese tamén en situación de servizo activo na Comunidade Autónoma de Galicia aquel persoal docente que, desde un destino definitivo da Comunidade Autónoma de Galicia, accedeu a un posto docente no estranxeiro e que deba reincorporarse obrigatoriamente a esta comunidade no vindeiro curso académico. Tamén poderán presentarse aquelas persoas en situación de servizos especiais, excedencia por coidado de familiares ou en excedencia voluntaria, sempre que se estivese nunha destas situacións por resolución da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e que o día 1 de xullo de 2026 reúnan os requisitos para reingresar no servizo activo.

c) Presentar un proxecto de dirección nos termos previstos no artigo 3.2 da presente orde.

2.2. Todos os requisitos enumerados anteriormente deberán posuírse e ser acreditados na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3. Solicitudes e documentación

3.1. A solicitude de participación, anexo II, xunto coa documentación a que se alude na epígrafe 3.2 presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, mediante a solicitude xenérica dispoñible na sede electrónica (código de procedemento PR004A) e dirixirase ao departamento territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da provincia de Ourense. Cómpre sinalar que para acceder a este servizo é preciso dispor dun certificado electrónico ou Chave365.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

3.2. Documentación

Xunto coa solicitude achegarase:

a) Documentación acreditativa dos méritos académicos e profesionais alegados en relación co baremo que se publica como anexo I desta orde, agás aqueles que xa consten na base de datos de persoal.

b) Proxecto de dirección sobre as liñas básicas de actuación para o desenvolvemento das funcións inherentes ao posto que se solicita, tendo en conta as características deste. O proxecto de dirección debe incluír, polo menos, unha presentación e fundamentación do proxecto, os obxectivos, os plans e as liñas de actuación, contidos en materia de igualdade entre mulleres e homes, non discriminación e prevención da violencia de xénero e unha avaliación deste.

O proxecto de dirección non excederá as 30 páxinas DIN A4, sen contar portada e contraportada, nun tipo de letra Arial ou Xunta Sans, tamaño 12 e espazo entre liñas 1,5.

3.3. As persoas aspirantes serán responsables da veracidade da documentación achegada e, conforme se indica no formulario da solicitude, declararán que esa documentación é copia fiel dos orixinais que figuran no seu poder, sen prexuízo da posibilidade por parte da Administración de requirirlles en calquera momento a documentación orixinal. No caso de inexactitude, falsidade ou omisión en calquera dato ou documento achegado, isto comportará a perda do dereito á participación neste proceso, con independencia das responsabilidades que procedan, conforme dispón o artigo 69.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3.4. Unicamente se terán en conta aqueles méritos debidamente xustificados dentro do prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo do establecido no artigo 4.2 desta orde.

Os méritos achegados para a súa valoración deberán posuírse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 4. Prazo de presentación de solicitudes e emenda

4.1. O prazo de presentación de solicitudes e documentación será de quince (15) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4.2. Agás a presentación do proxecto de dirección, se a restante documentación achegada non reúne os requisitos exixidos na presente orde, a Comisión de Selección requirirá á persoa interesada para que emende a falta ou achegue os documentos preceptivos no prazo de dez (10) días hábiles desde a súa notificación e coa indicación de que, se así non o fixer, non lle serán tidos en conta ou, de ser o caso, realizarase a declaración de desistencia.

Artigo 5. Comisión de Selección

5.1. A selección do persoal aspirante será realizada por unha comisión provincial integrada polos seguintes membros:

Presidencia: a persoa titular do departamento territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional de Ourense.

Vogais: tres inspectores ou inspectoras de educación, designados pola persoa titular do departamento territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional de Ourense. Un funcionario ou funcionaria da dirección territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional de Ourense, que actuará como secretario ou secretaria, con voz e sen voto, designado por este departamento territorial.

5.2. A Comisión de Selección poderá solicitar a incorporación aos seus traballos de persoas expertas, que se limitarán a prestar a súa colaboración. Ademais, poderá asistir un representante de cada organización sindical con presenza na xunta de persoal, con voz e sen voto.

5.3. Os membros da Comisión estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación establecidas nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e terán dereito a percibir asistencias e axudas de custo por concorreren ás sesións, conforme ao Decreto 144/2008, do 26 de xuño (DOG do 18 de xullo), que estarán cualificadas na categoría primeira.

Artigo 6. Funcións da Comisión de Selección e procedemento de funcionamento

6.1. Recibidas as solicitudes dirixidas ao departamento territorial, a Comisión de Selección comprobará que o persoal aspirante reúne os requisitos establecidos nesta orde e notificaralle ao persoal aspirante a admisión ou exclusión da solicitude presentada.

6.2. Contra a exclusión da solicitude, o persoal aspirante poderá presentar reclamación perante a propia Comisión de Selección, no prazo de cinco (5) días hábiles contados desde o día seguinte ao da súa notificación.

6.3. A Comisión de Selección valorará os méritos académicos e profesionais de cada persoa aspirante, de acordo co baremo que se publica como anexo I desta orde.

6.4. A Comisión de Selección valorará, así mesmo, os proxectos de dirección, e poderá realizar unha entrevista co profesorado que presentou candidatura, se considera necesario clarificar algúns aspectos do proxecto de dirección. Cando a Comisión de Selección decida a realización desta entrevista, deberá efectuala a todas e cada unha das persoas candidatas.

6.5. A cualificación do proxecto de dirección será a media aritmética das cualificacións de todas as persoas membros presentes da Comisión, que deberán deixar constancia por escrito da cualificación outorgada. Cando entre as puntuacións outorgadas polas persoas membros da Comisión exista unha diferenza de tres ou máis enteiros, serán automaticamente excluídas as cualificacións máxima e mínima, e calcularase a puntuación media entre as cualificacións restantes. No caso de empate entre cualificacións máximas ou mínimas, unicamente será excluída unha delas.

6.6. A Comisión de Selección publicará no taboleiro de anuncios do centro a puntuación provisional das persoas candidatas á dirección. Contra esta puntuación poderá presentarse reclamación ante a propia Comisión no prazo de cinco (5) días hábiles computados a partir do día seguinte ao da súa publicación.

6.7. Cada persoa membro da Comisión elaborará un sucinto informe xustificativo da cualificación outorgada ao proxecto de dirección.

Artigo 7. Selección do director ou directora

7.1. Transcorrido o prazo de reclamacións e, se é o caso, resoltas estas, a Comisión de Selección establecerá a puntuación final obtida polo persoal aspirante e proporá a persoa con maior puntuación total como seleccionada para o seu nomeamento como director ou directora do centro polo departamento territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

7.2. Para poder ser seleccionada e nomeada para a dirección é necesario obter polo menos seis puntos no proxecto de dirección.

7.3. No caso de se produciren empates na puntuación total das persoas aspirantes, estes dirimiranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:

a) Maior puntuación no proxecto de dirección.

b) Maior puntuación na epígrafe 1 do baremo.

c) Maior puntuación na epígrafe 2 do baremo.

d) Maior puntuación na epígrafe 3 do baremo.

e) Maior puntuación na epígrafe 4 do baremo.

Artigo 8. Recursos

Contra a decisión da Comisión de Selección, que resolve definitivamente o concurso de méritos de selección da dirección do centro, poderase interpoñer recurso de alzada, no prazo dun (1) mes, ante o departamento territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Artigo 9. Nomeamento

9.1. A persoa titular do departamento territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional nomeará director ou directora do centro a persoa proposta pola Comisión de Selección.

A praza adxudicada o serao por un período de catro anos, renovable por períodos de igual duración logo do proceso de avaliación do exercicio da súa actividade.

9.2. O nomeamento do director ou da directora terá efectos do 1 de xullo de 2026.

Disposición adicional primeira. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante un recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo que resulte competente, no prazo de dous (2) meses, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2026

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional

ANEXO I

Méritos

Valoración

Documentos xustificativos (1)

1. Antigüidade:

Máximo 10,00 puntos

Por cada ano de servizos efectivos prestados en situación de servizo activo como persoal funcionario nun corpo docente a que se refire a LOE

1,00

2. Méritos académicos:

Máximo 5,00 puntos

2.1. Doutoramento, posgraos e premios extraordinarios:

2.1.1. Por cada título de doutoramento:

2,00

2.1.2. Por cada título oficial de máster universitario ou en ensinanzas artísticas distinto do requirido para o ingreso na función pública docente, para cuxa obtención se exixiran, polo menos, 60 créditos:

1,00

2.1.3. Por obter premio extraordinario no doutoramento, na licenciatura ou grao ou, no caso das ensinanzas artísticas superiores, por obter un premio extraordinario no grao ou, no caso das titulacións outorgadas polos conservatorios e escolas que impartan ensinanzas artísticas superiores, pola mención honorífica no grao superior.

0,50

2.2. Outras titulacións de nivel superior:

2.2.1. Titulacións de grao:

Por cada título oficial de grao universitario ou de grao en ensinanzas artísticas superiores, distinto do exixido con carácter xeral para o ingreso no corpo:

2,00

Copia simple do título ou certificación do pagamento dos dereitos de expedición, de acordo co previsto no Real decreto 1002/2010, do 5 de agosto (BOE do 6 de agosto).

2.2.2. Titulacións de primeiro ciclo:

Pola segunda e restantes diplomaturas, enxeñarías técnicas, arquitecturas técnicas ou títulos declarados legalmente equivalentes e polos estudos correspondentes ao primeiro ciclo dunha licenciatura, arquitectura ou enxeñaría.

1,00

2.2.3. Titulacións de segundo ciclo:

Polos estudos correspondentes ao segundo ciclo de licenciaturas, enxeñarías, arquitecturas ou títulos declarados legalmente equivalentes.

1,00

2.3. Titulacións oficiais de ensinanzas de formación profesional, das ensinanzas profesionais artísticas, deportivas e das ensinanzas de idiomas:

As titulacións de ensinanzas de réxime especial de idiomas, conservatorios profesionais e escolas de arte, así como as de formación profesional, no caso de que non fosen as exixidas como requisito para o ingreso na función pública docente ou, se é o caso, que non fosen necesarias para a obtención do título alegado, valoraranse da forma seguinte:

a) Por cada certificado de nivel C2 do Consello de Europa:

1,00

b) Por cada certificado de nivel C1 do Consello de Europa:

0,75

c) Por cada certificado de nivel B2 do Consello de Europa:

0,50

d) Por cada certificado de nivel B1 do Consello de Europa:

0,25

e) Por cada título de técnico superior de artes plásticas e deseño, técnico deportivo superior ou técnico superior de formación profesional ou equivalente:

0,50

f) Por cada título profesional de música ou danza:

0,50

3. Desempeño de cargos directivos e outras funcións:

Máximo 5,00 puntos

3.1. Por cada ano como director/a de centros públicos docentes, en centros de formación de profesores e recursos ou institucións análogas establecidas polas administracións educativas.

1,50

3.2. Por cada ano como vicedirector/a, subdirector/a, xefe/a de estudos, secretario/a e asimilados en centros públicos docentes.

1,00

3.3. Cargos de coordinación docente, función titorial e figuras análogas:

Por cada ano como coordinador/a de ciclo, coordinador/a do proxecto Abalar, asesor/a AMTEGA, asesor/a CIEDIX, asesor/a CGIFP, coordinador/a de centro plurilingüe, coordinador/a de sección bilingüe, coordinador/a de auxiliares de conversa, responsable/coordinador/a do equipo de actividades complementarias e extraescolares, responsable/coordinador/a da dinamización das TIC, responsable/coordinador/a de biblioteca, responsable/coordinador/a da convivencia escolar, responsable de dinamización da mellora da calidade educativa e de programas internacionais, coordinador/a do equipo de dinamización da lingua galega, coordinador/a de formación en centros de traballo, coordinador/a do bacharelato internacional, coordinador/a de emprendemento, coordinador/a do equipo de dinamización do Plan dixital de centro, coordinador/a de benestar e convivencia, coordinador/a de programas internacionais, coordinador/a de innovación e formación do profesorado, coordinador/a de biblioteca de centro integrado, coordinador/a de residencia, xefe/a de seminario, departamento ou división de centros públicos docentes, asesor/a de formación permanente, asesor Abalar, asesor/a Siega, asesor/a da consellería con competencias en educación ou director/a dun equipo de orientación educativa e psicopedagóxica, así como polo desempeño da función titorial exercida a partir da entrada en vigor da LOE.

0,25

4. Formación e perfeccionamento:

Máximo 5,00 puntos

4.1. Actividades de formación superadas:

Por actividades superadas que teñan por obxecto o perfeccionamento sobre aspectos científicos e didácticos das especialidades do corpo a que pertenza o participante, ás prazas ou postos a que opte ou relacionadas coa organización escolar ou coas tecnoloxías aplicadas á educación, organizadas polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes, as Administracións educativas das comunidades autónomas, por institucións sen ánimo de lucro, sempre que as devanditas actividades fosen homologadas ou recoñecidas polas administracións educativas, así como as organizadas polas universidades.

Puntuaranse con 0,1000 puntos por cada 10 horas de actividades de formación acreditadas. Para estes efectos sumaranse as horas de todas as actividades, non puntuándose o resto do número de horas inferiores a 10. Cando as actividades veñan expresadas en créditos, entenderase que cada crédito equivale a 10 horas.

Máximo 3,00

4.2. Pola impartición das actividades de formación e perfeccionamento indicadas na epígrafe 4.1.

Puntuarase con 0,1000 puntos por cada 3 horas de actividade de formación acreditadas. Para estes efectos, sumaranse as horas de todas as actividades, non puntuándose o resto de número de horas inferiores a 3. Cando as actividades veñan expresadas en créditos, entenderase que cada crédito equivale a 10 horas.

Máximo 1,50

4.3. Os certificados de acreditación da competencia dixital que sexan emitidos polas distintas administracións educativas valoraranse da seguinte forma:

Pola acreditación dun nivel C2 de competencia dixital

1,00

Pola acreditación dun nivel C1 de competencia dixital

0,75

Pola acreditación dun nivel B2 de competencia dixital

0,50

Pola acreditación dun nivel B1 de competencia dixital

0,25

Pola acreditación dun nivel A2 de competencia dixital

0,15

Pola acreditación dun nivel A1 de competencia dixital

0,10

5. Proxecto:

Máximo 12,00 puntos

Proxecto de traballo relacionado coa praza solicitada.

Máximo 12,00

(mínimo 6,00)

missing image file