DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 20 de maio de 2026 Páx. 29206

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 8 de maio de 2026 pola que se delegan competencias en determinados órganos universitarios.

O artigo 85 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela determina as competencias da reitora ou reitor, quen, como máxima autoridade académica e de representación daquela, exerce a súa dirección, goberno e xestión, así como o desenvolvemento das liñas de actuación aprobadas polos órganos colexiados.

Esa amplitude de atribucións á reitora ou reitor fai necesario que sexan delegadas estas funcións noutros órganos universitarios, principalmente nas vicerreitoras e vicerreitores, que deben asumir, en primeira instancia, as decisións e asinar os actos administrativos nas materias da súa competencia, coas excepcións pertinentes e sen prexuízo do dereito do titular das competencias de revogalas en calquera momento.

Pola súa banda, a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, regula a delegación de competencias no seu artigo 9 e establece que os órganos das distintas administracións públicas poderán delegar o exercicio das competencias que teñan atribuídas noutros órganos da mesma Administración. Paralelamente determina as prohibicións de delegación, así como a imposibilidade de delegar competencias que xa se posúan por delegación.

Logo da elección da reitora e do seu nomeamento polo Decreto 26/2026, do 6 de abril, polo que se nomea reitora magnífica da Universidade de Santiago de Compostela a profesora doutora Rosa María Crujeiras Casais, cómpre determinar os ámbitos funcionais en que se desenvolverán as actividades e exercerán as competencias por delegación da reitora nos distintos vicerreitorados, con especificación de determinadas vinculacións orgánicas. Así mesmo, cómpre determinar as delegacións específicas en favor da Secretaría Xeral e da Xerencia, que complementan as competencias de que son titulares por atribución estatutaria, e concretar a atribución de funcións a determinados cargos académicos. Esta estrutura establécese baixo os criterios de eficacia na xestión, racionalización e optimización dos recursos públicos. Por todo o anterior, este reitorado, no uso das atribucións conferidas polo artigo 50 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, e o 85 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela,

RESOLVE:

I. Delegación de competencias en órganos de goberno.

Alcance da delegación:

Primeiro. Sen prexuízo das delegacións específicas que se fagan a cada vicerreitorado, queda delegada nas/nos vicerreitoras/es da Universidade, dentro do ámbito da actividade que a cada cal se lle encomende, a facultade de resolver os expedientes e asuntos con competencia atribuída á reitora, a de asinar os documentos necesarios para o efecto, así como a coordinación e dirección dos servizos da súa competencia.

Os actos e disposicións adoptados no uso desta delegación de competencias indicarán expresamente esta circunstancia, con cita desta resolución reitoral, e consideraranse ditados pola reitora.

O órgano delegado dará conta ao delegante dos actos e resolucións adoptados para os oportunos efectos.

Segundo. Esta delegación abrangue tanto os actos administrativos de simple xestión ou trámite como os definitivos que poñan fin aos procedementos administrativos.

Terceiro. As/os vicerreitoras/es poderán realizar todo tipo de actos de xestión, de comunicación e de trámite en materias propias do seu vicerreitorado.

Cuarto. Os órganos delegados no ámbito das súas competencias someterán á reitora os expedientes en que sexa conveniente pola súa transcendencia ou peculiaridades.

Quinto. O exercicio das competencias que se posúan por delegación non poderá ser delegado, sen prexuízo da delegación de sinatura prevista no artigo 12.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Sexto. Esta delegación non impide o exercicio da facultade da reitora de avocar para si o coñecemento e a resolución de cantos asuntos comprendidos nela considere oportunos, en atención ás circunstancias concorrentes de índole técnica, económica, social, xurídica ou territorial.

Sétimo. Así mesmo, deléganse nas vicerreitoras e nos vicerreitores as competencias nas seguintes materias:

A) Vicerreitorado de Coordinación do Campus de Lugo.

1. A representación ordinaria da Universidade no Campus de Lugo en ausencia da reitora.

2. A coordinación dos procesos de elaboración, modificación e implantación dos plans de estudos de grao, mestrado e doutoramento, así como da oferta de formación continua no Campus de Lugo, en colaboración co Vicerreitorado de Ordenación Académica e Oferta Formativa.

3. A coordinación das actuacións que se realicen no Campus de Lugo en materia de promoción, dinamización, infraestruturas, investigación, transferencia, docencia, tecnoloxías da información e da comunicación e xestión administrativa, en colaboración co Vicerreitorado de Investigación e Ciencia Aberta, co Vicerreitorado de Profesorado e Innovación Docente, co Vicerreitorado de Ordenación Académica e Oferta Formativa, co Vicerreitorado de Innovación e Transferencia do Coñecemento, co Vicerreitorado de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade e coa Xerencia.

4. A dirección da proposta anual do Plan docente anual (PDA) dos centros e do Plan de ordenación docente (POD) dos departamentos con relación ás titulacións que se imparten no Campus de Lugo, en coordinación co Vicerreitorado de Ordenación Académica e Oferta Formativa.

5. A colaboración na xestión dos estudos de IV Ciclo no Campus de Lugo, sen prexuízo das competencias do Vicerreitorado de Ordenación Académica e Oferta Formativa.

6. O impulso da Ciencia Cidadá favorecendo a colaboración coas administracións públicas para a xeración dun coñecemento compartido entre a cidadanía e o sistema universitario de investigación, poñendo en valor a singularidade do único campus universitario da provincia de Lugo, en colaboración co Vicerreitorado de Innovación e Transferencia do Coñecemento.

7. O fomento do emprendemento, en particular do emprendemento feminino e do emprendemento no eido da economía social, con orientacións específicas propias do Campus de Lugo, en colaboración co Vicerreitorado de Innovación e Transferencia do Coñecemento.

8. A coordinación de servizos á comunidade universitaria no Campus de Lugo, en particular a Residencia Universitaria Jesús Bal y Gay, en colaboración co Vicerreitorado de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar e coa Xerencia.

9. A coordinación dos programas de intercambio nacional e internacional que afecten ao persoal docente e investigador, o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos e o estudantado do Campus de Lugo, en colaboración co Vicerreitorado de Ordenación Académica e Oferta Formativa, co Vicerreitorado de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar e coa Xerencia.

10. As relacións coas asociacións estudantís do Campus de Lugo, en coordinación co Vicerreitorado de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar.

11. A definición e coordinación das accións destinadas á conservación e xestión do patrimonio histórico e cultural no Campus de Lugo, en colaboración co Vicerreitorado de Cultura, Lingua e Patrimonio.

12. O impulso das actividades desenvolvidas pola Área de Cultura no Campus de Lugo, en colaboración co Vicerreitorado de Cultura, Lingua e Patrimonio.

13. A sinatura de contratos administrativos menores, calquera que sexa o seu obxecto, que afecten exclusivamente o Campus de Lugo e non sexan xestionados de xeito centralizado para toda a Universidade.

14. A sinatura dos contratos privados ata un importe máximo de 30.000 euros, nos mesmos termos que os contratos administrativos citados no punto anterior.

15. A coordinación das actividades desenvolvidas polo Campus Terra coas demais actividades do Campus de Lugo, en colaboración co Vicerreitorado de Investigación e Ciencia Aberta e co Vicerreitorado de Innovación e Transferencia do Coñecemento.

16. A supervisión da xestión das infraestruturas, en colaboración co Vicerreitorado de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade e coa Xerencia.

17. A comunicación das resolucións reitorais nas materias cuxa competencia sexa delegada neste vicerreitorado.

As seguintes unidades e servizos dependerán funcionalmente do Vicerreitorado de Coordinación do Campus de Lugo:

– A Unidade administrativa do Campus de Lugo, en coordinación coa Xerencia.

– O Servizo de Xestión da Oferta e Programación Académica, en colaboración co Vicerreitorado de Ordenación Académica e Oferta Formativa.

B) Vicerreitorado de Investigación e Ciencia Aberta.

1. A promoción, dirección e avaliación da política científica da Universidade, impulsando unha investigación de fronteira baseada na interdisciplinariedade, na transdisciplinariedade e na competitividade internacional.

2. A planificación, a coordinación e o desenvolvemento das infraestruturas científicas de apoio á investigación e dos servizos científico-técnicos de apoio á produción científica e á investigación, en colaboración co Vicerreitorado de Innovación e Transferencia do Coñecemento.

3. O apoio e a promoción dunha organización eficiente, competitiva e sostible de grupos de investigación, unidades científico-tecnolóxicas e redes de persoal de investigación.

4. A coordinación de institutos e centros de investigación, de redes de estacións biolóxicas, da biblioteca universitaria ou de calquera outra estrutura de organización da capacidade investigadora.

5. As convocatorias públicas de selección de persoal para colaborar en actividades e proxectos de I+D+i mediante contrato non permanente, o nomeamento das súas comisións de selección e a formalización dos contratos, en coordinación coa Xerencia e co Vicerreitorado de Innovación e Transferencia do Coñecemento.

6. A validación de informes de seguimento e informes finais dos proxectos e accións de investigación con cargo ao financiamento externo.

7. A representación legal da Universidade nas solicitudes e na xestión de proxectos e outras axudas de investigación, calquera que sexa a institución convocante; deberá informar periodicamente o Reitorado das ditas solicitudes e da súa resolución.

8. A concesión de permisos e licenzas para a realización de actividades de investigación ao persoal contratado con recursos captados por I+D+i e a autorización do desfrute das vacacións do persoal investigador fóra do período ordinario.

9. A autorización ao persoal técnico, de xestión e de administración e servizos para colaborar en actividades e proxectos de I+D+i.

10. A elaboración dos informes necesarios para concorrer a convocatorias de axudas de I+D+i doutros organismos.

11. A autorización da participación de persoal investigador da Universidade en concursos públicos ou licitación de entidades públicas.

12. A dirección e coordinación das accións encamiñadas á mellora da proxección internacional da Universidade na investigación, no marco da estratexia de internacionalización.

13. O deseño e a implantación de programas de atracción, captación, incorporación, promoción e retención do talento investigador, en colaboración co Vicerreitorado de Profesorado a Innovación Docente.

14. A coordinación das actuacións en materia de ética e integridade na investigación, así como de bioseguridade, dirixidas ao persoal investigador, en colaboración co Vicerreitorado de Profesorado e Innovación Docente.

15. A concesión de permisos e licenzas ás/aos directoras/es de centros e de institutos de investigación, así como a autorización do desfrute das vacacións fóra do período ordinario.

16. A elaboración, impulso, coordinación e supervisión da estratexia institucional de Ciencia Aberta da Universidade.

17. A promoción e coordinación das políticas institucionais en materia de integridade científica, ética na investigación e boas prácticas investigadoras, coa colaboración dos órganos e comisións competentes.

18. O impulso dos modelos de avaliación responsable da investigación e a revisión dos criterios institucionais de valoración da actividade investigadora, en consonancia cos principios de Ciencia Aberta e coas iniciativas internacionais de avaliación científica.

19. A coordinación dos sistemas institucionais de información, seguimento e análise da actividade investigadora e dos indicadores de I+D+i da Universidade.

20. A promoción e coordinación das políticas e accións de comunicación, divulgación e visibilización da investigación da Universidade, coa colaboración do Vicerreitorado de Cultura, Lingua e Patrimonio.

21. A colaboración nos proxectos de cooperación co Reitorado, co Vicerreitorado de Innovación e Transferencia do Coñecemento e co Vicerreitorado de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar.

22. A autorización de pagamentos dos complementos retributivos establecidos na normativa vixente ao persoal docente e investigador, ao persoal contratado con cargo a actividades e proxectos de I+D+i e ao persoal colaborador externo pola súa participación en actividades e proxectos de I+D+i.

23. A proposta de actividades realizadas ao abeiro do artigo 60 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, por importe inferior a 80.000 euros, e de convenios en que se estableza a realización ou colaboración por parte do profesorado da Universidade en traballos de carácter científico.

24. A comunicación das resolucións reitorais nas materias cuxa competencia sexa delegada neste vicerreitorado.

As seguintes unidades e servizos dependerán funcionalmente do Vicerreitorado de Investigación e Ciencia Aberta:

– A Área de Promoción e Estratexia Científica.

– A Área de Xestión da Investigación.

– A Biblioteca Universitaria.

– O Observatorio Astronómico Ramón María Aller.

– A Rede de estacións científicas.

– O Centro de Biomedicina Experimental (Cebega).

– O Comité de Ética na Investigación.

– O Comité de Bioseguridade.

– O Comité de Ética en Experimentación Animal (Santiago de Compostela e Lugo).

C) Vicerreitorado de Profesorado e Innovación Docente.

1. A proposta de planificación anual, da relación de postos de traballo do persoal docente e investigador e da oferta de emprego público do persoal docente e investigador.

2. A convocatoria de prazas de persoal docente e investigador contratado.

3. A convocatoria de bolsas de emprego de persoal docente e investigador contratado para cubrir necesidades temporais.

4. O nomeamento dos membros das comisións de selección de persoal docente e investigador, así como a apreciación de causas que impidan a actuación dos membros, coa excepción dos supostos de abstención e recusación.

5. A aprobación e publicación de listas provisionais e definitivas de candidatas/os a prazas de persoal docente e investigador funcionario e contratado.

6. O nomeamento de persoal docente e investigador interino e contratado temporal, así como a sinatura dos seus contratos.

7. As convocatorias de asignación de prazas de promoción.

8. A presidencia da Comisión de Revisión.

9. A concesión de permisos e licenzas do persoal docente e investigador non delegadas nas/nos decanas/os.

10. A autorización do desfrute das vacacións do persoal docente e investigador fóra do período ordinario.

11. A concesión de permisos e licenzas ás/aos decanas/os e directoras/es de centro e ás directoras/es de departamento, así como a autorización do desfrute das vacacións fóra do período ordinario.

12. Todos os actos previos derivados da xestión e tramitación dos procedementos de xubilación do persoal docente e investigador, agás a autorización dos cesamentos e das citadas xubilacións.

13. A proposta e o informe sobre autorización ou recoñecemento de compatibilidade do persoal docente e investigador cando lle corresponda a súa resolución á reitora.

14. Os recoñecementos de venia docendi e da actividade desenvolvida como colaborador docente.

15. Todos aqueles actos relativos a situacións administrativas do persoal docente e investigador que non figuren atribuídos a outros órganos universitarios, así como a reorganización docente que implique cambio de campus (Santiago de Compostela-Lugo,
Lugo-Santiago de Compostela) do persoal docente e investigador universitario, coa colaboración do Vicerreitorado de Coordinación do Campus de Lugo.

16. A coordinación e dirección da avaliación docente do persoal docente e investigador.

17. A definición e o recoñecemento da dedicación académica do persoal docente e investigador.

18. A dirección da negociación en convenios colectivos e outros pactos legalmente formalizados que afecten o persoal docente e investigador.

19. O deseño e a implantación de programas de atracción, captación, incorporación, promoción e retención do talento docente e investigador, en colaboración co Vicerreitorado de Investigación e Ciencia Aberta.

20. A coordinación das accións de formación en ética e integridade na investigación para todo o persoal docente e investigador, en colaboración co Vicerreitorado de Investigación e Ciencia Aberta.

21. A coordinación das accións de formación en materia de innovación docente.

22. A promoción do recoñecemento do talento emérito, en particular a través da súa integración en actividades de mentorización ao persoal docente e investigador en etapas iniciais da súa carreira.

23. A comunicación das resolucións reitorais nas materias cuxa competencia sexa delegada neste vicerreitorado.

As seguintes unidades e servizos dependerán funcionalmente do Vicerreitorado de Profesorado e Innovación Docente:

– O Servizo de Planificación de Persoal Docente e Investigador.

D) Vicerreitorado de Ordenación Académica e Oferta Formativa.

1. A coordinación dos procesos de elaboración, verificación, implantación, modificación, seguimento e acreditación de titulacións oficiais de grao, mestrado e dos programas de doutoramento da Universidade.

2. A coordinación dos procesos de elaboración, modificación, implantación e seguimento da oferta de estudos propios.

3. A elaboración da proposta da oferta docente anual, así como da oferta de prazas das titulacións da Universidade.

4. A coordinación de programas que impulsen a impartición de docencia en linguas estranxeiras nos estudos oficiais de grao e mestrado.

5. A sinatura de convenios para a realización de prácticas académicas externas por parte do estudantado en empresas ou institucións, tramitados polos centros académicos da Universidade ou a través do seu Consello Social.

6. A convocatoria de prácticas académicas externas en empresas ou institucións cando non sexa da competencia doutros órganos.

7. A representación legal da Universidade nas solicitudes e xestión de proxectos e outras axudas de mobilidade e cooperación, calquera que sexa a institución convocante; deberá informar previamente o Reitorado das ditas solicitudes e a súa resolución.

8. A planificación e promoción de programas de intercambio.

9. A convocatoria de axudas pre e posdoutorais para o estudantado estranxeiro e as que correspondan para persoal docente e investigador estranxeiro invitado para colaborar en programas de doutoramento.

10. A participación, en nome da Universidade, nos procesos selectivos das bolsas relacionadas coa mobilidade do persoal docente e investigador, do persoal técnico de xestión e de administración e servizos e do estudantado.

11. A xestión, resolución de reclamacións e aprobación do Plan docente anual dos centros e do Plan de ordenación docente dos departamentos.

12. A supervisión e o apoio aos centros docentes na elaboración, seguimento, modificación e certificación dos sistemas de garantía de calidade, así como a coordinación dos programas de acreditación institucional.

13. A dirección e coordinación dos procesos para a elaboración das guías docentes no marco do Espazo Europeo de Educación Superior.

14. A autorización ao persoal docente e investigador para impartir docencia en campus distintos ao da súa praza, en colaboración co Vicerreitorado de Coordinación do Campus de Lugo.

15. A autorización para a colaboración docente do persoal pre e posdoutoral.

16. As resolucións de autorización de colaboración docente doutro persoal (profesionais de área externa, persoal investigador e persoal técnico, de xestión e de administración e servizos).

17. As propostas de elaboración das normas ou documentos sobre adaptacións e recoñecementos.

18. A coordinación da Escola de Doutoramento Internacional da Universidade.

19. A dirección e xestión do IV ciclo.

20. A representación da Universidade nos procesos selectivos de bolsas doutros organismos destinados a estudantes de posgrao.

21. O apoio institucional nos procedementos de solicitude de equivalencia de titulacións obtidas no estranxeiro para realizar estudos de grao, posgrao e doutoramento, en colaboración coa Secretaría Xeral.

22. A convocatoria das axudas para a mobilidade do persoal docente e investigador, do persoal técnico e de administración e servizos e do estudantado.

23. A promoción de accións orientadas a mellorar a proxección internacional da oferta docente no marco da estratexia de internacionalización.

24. A colaboración co Vicerreitorado de Coordinación do Campus de Lugo en todas as actuacións que afecten as titulacións impartidas neste campus.

25. A comunicación das resolucións reitorais nas materias cuxa competencia sexa delegada neste vicerreitorado.

As seguintes unidades e servizos dependerán funcionalmente do Vicerreitorado de Ordenación Académica e Oferta Formativa:

– O Servizo de Xestión da Oferta e Programación Académica, en colaboración co Vicerreitorado de Coordinación do Campus de Lugo.

– O Centro de Estudos Propios.

– A Oficina de Mobilidade.

– A Oficina de Proxección Internacional.

E) Vicerreitorado de Innovación e Transferencia do Coñecemento.

1. A promoción, dirección e avaliación das actividades de innovación e transferencia do coñecemento da Universidade.

2. A dirección dos procesos de valorización dos resultados de transferencia de coñecemento.

3. A definición, dirección e seguimento dos procesos de rexistro, protección, promoción e comercialización de resultados I+D+i.

4. O impulso e o apoio á creación de empresas con base en resultados de investigación.

5. O fomento do emprendemento, en particular do emprendemento feminino e do emprendemento no eido da economía social, con orientacións específicas nos Campus de Lugo e de Santiago de Compostela, en colaboración co Vicerreitorado de Coordinación do Campus de Lugo nas actividades que atinxan este campus.

6. O impulso da Ciencia Cidadá favorecendo a colaboración coas administracións públicas para a xeración dun coñecemento compartido entre a cidadanía e o sistema universitario de investigación, en colaboración co Vicerreitorado de Coordinación do Campus de Lugo e co Vicerreitorado de Investigación e Ciencia Aberta.

7. A formulación, implantación e o seguimento de accións orientadas á visibilización nos rankings nacionais e internacionais, en colaboración co Vicerreitorado de Investigación e Ciencia Aberta.

8. A coordinación das accións de mecenado, micromecenado e das cátedras institucionais, coa colaboración do Vicerreitorado de Cultura, Lingua e Patrimonio.

9. O fomento de proxectos colaborativos cos clústeres empresariais, cos centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación de Galicia e outros axentes do ámbito da I+D+i, co fin de facilitar a transferencia de resultados ao tecido produtivo.

10. A colaboración coa Axencia Galega de Innovación (Gain) co fin de aliñar as capacidades investigadoras da Universidade coas prioridades da vixente Estratexia de especialización intelixente de Galicia, favorecer a participación en programas autonómicos de I+D+i e impulsar proxectos tractores de alto impacto, en colaboración co Vicerreitorado de Investigación e Ciencia Aberta.

11. O fomento dos programas de doutoramento industrial, en colaboración coa Escola de Doutoramento Internacional e co Vicerreitorado de Ordenación Académica e Oferta Formativa.

12. A promoción do recoñecemento do talento emérito a través da súa integración en actividades de transferencia.

13. O fomento da transferencia do coñecemento cara ás políticas públicas, promovendo a colaboración da Universidade coas administracións públicas no deseño e avaliación de políticas baseadas en evidencias.

14. A xestión e transferencia de coñecemento no Campus de Lugo, en colaboración co Vicerreitorado de Coordinación do Campus de Lugo.

15. O desenvolvemento de programas plurianuais nos ámbitos do vicerreitorado, que inclúan accións específicas de estímulo á transferencia no ámbito das Ciencias Sociais, Humanas, Xurídicas e Artísticas.

16. A coordinación das accións de transferencia de coñecemento impulsadas polas diferentes unidades da Universidade.

17. A promoción da transferencia do coñecemento universitario para o desenvolvemento do medio rural, promovendo a colaboración con entidades especializadas como exemplo de conexión efectiva entre investigación, innovación e necesidades do territorio, en colaboración co Vicerreitorado de Coordinación do Campus de Lugo.

18. A consolidación das relacións internacionais da Universidade mediante a subscrición de acordos estratéxicos en materia de innovación e transferencia no marco da estratexia de internacionalización.

19. A proposta de actividades realizadas ao abeiro do artigo 60 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, por importe inferior a 80.000 euros, e de convenios en que se estableza a realización ou colaboración por parte do profesorado da Universidade en traballos de carácter científico, técnico ou artístico.

20. A planificación, coordinación e desenvolvemento das infraestruturas científicas de apoio á investigación e dos servizos científico-técnicos de apoio á produción científica e á investigación, en colaboración co Vicerreitorado de Investigación e Ciencia Aberta.

21. A supervisión das plataformas tecnolóxicas da Universidade.

22. A colaboración nos proxectos de cooperación co Reitorado, co Vicerreitorado de Investigación e Ciencia Aberta e co Vicerreitorado de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar.

23. A comunicación das resolucións reitorais nas materias cuxa competencia sexa delegada neste vicerreitorado.

As seguintes unidades e servizos dependerán funcionalmente do Vicerreitorado de Innovación e Transferencia do Coñecemento:

– A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento.

– A Área de Infraestruturas de Investigación.

– As plataformas tecnolóxicas e infraestruturas científicas.

F) Vicerreitorado de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar.

1. A coordinación dos servizos dirixidos ao estudantado, en particular o Servizo Universitario de Residencias (SUR), así como as convocatorias e resolucións relativas ao proceso de selección para o aloxamento no SUR e a resolución de reclamacións.

2. A participación, en nome da Universidade, nos procesos selectivos das bolsas destinadas á comunidade universitaria non atribuídos especificamente a outros vicerreitorados.

3. A convocatoria e resolución doutras bolsas e axudas convocadas por este vicerreitorado.

4. A convocatoria e resolución das axudas e subvencións de prezos públicos dos títulos oficiais da Universidade para o estudantado.

5. A convocatoria e resolución das axudas de manutención.

6. O deseño e a dirección de políticas de orientación laboral e emprego para o estudantado.

7. A coordinación e a dirección en materia de participación e inclusión universitaria.

8. O deseño de políticas de benestar e accións sociais de atención ás persoas da comunidade universitaria, en coordinación cos vicerreitorados implicados.

9. A coordinación da Oficina de Igualdade de Xénero.

10. A definición e o impulso do Plan de igualdade de xénero do conxunto da comunidade universitaria desde unha perspectiva interseccional.

11. A definición e o impulso dun plan de inclusión e non discriminación do conxunto do persoal e sectores da Universidade por motivos de discapacidade, orixe étnica e nacional, orientación sexual, identidade de xénero ou por calquera outra condición social ou persoal.

12. A elaboración de protocolos e o desenvolvemento de medidas de formación, sensibilización, prevención e actuación ante as violencias, o acoso e a discriminación.

13. O deseño e a coordinación de accións e plans de formación e sensibilización en materia de atención á diversidade, igualdade de trato e non discriminación para o persoal docente e investigador, e o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos, en colaboración co Vicerreitorado de Profesorado e Innovación Docente e coa Xerencia.

14. O impulso de alianzas con organismos públicos e entidades especializadas para levar a cabo accións conxuntas en materia de igualdade, non discriminación e atención á diversidade.

15. A promoción de iniciativas culturais que fomenten a corresponsabilidade, o feminismo, a inclusión, a diversidade e o benestar, en coordinación co Vicerreitorado de Cultura, Lingua e Patrimonio.

16. A coordinación de actividades de voluntariado, participación e inclusión universitaria para promover a formación integral do estudantado, favorecendo unha visión socialmente responsable e comprometida coa consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable.

17. A coordinación e a convocatoria de prazas da Escola Infantil Breogán, así como a resolución das reclamacións.

18. O deseño dun plan e de accións de participación estudantil coa colaboración da comunidade universitaria.

19. A coordinación de accións destinadas a garantir a accesibilidade universal nos edificios, nos contornos, físicos e virtuais, da Universidade, así como no proceso de ensino-aprendizaxe e avaliación, en colaboración coa Xerencia e cos vicerreitorados implicados.

20. A promoción de accións que garantan a convivencia universitaria ao abeiro da normativa vixente.

21. O deseño, a implementación e o seguimento de accións de inclusión para as persoas con discapacidade, con necesidades específicas de apoio educativo e con dificultades de aprendizaxe.

22. A convocatoria, o seguimento e a avaliación dos proxectos de aprendizaxe-servizo (ApS).

23. A promoción de iniciativas sociais e comunitarias que favorezan a igualdade, a inclusión, a convivencia e o benestar.

24. O fomento do benestar impulsando o coidado da saúde mental e emocional, así como a prestación da atención psicolóxica, social, educativa e pedagóxica.

25. O impulso de accións de información, formación e orientación laboral para facilitar o itinerario formativo, mellorar a empregabilidade e a inserción social e laboral do estudantado e das persoas tituladas, ademais de facilitar a transición do sistema educativo á vida laboral.

26. A promoción de medidas de conciliación, corresponsabilidade e os espazos de coidado, coa colaboración dos vicerreitorados implicados.

27. A colaboración nos proxectos de cooperación co Reitorado, co Vicerreitorado de Investigación e Ciencia Aberta e co Vicerreitorado de Innovación e Transferencia do Coñecemento.

28. A comunicación das resolucións reitorais nas materias cuxa competencia sexa delegada neste vicerreitorado.

As seguintes unidades e servizos dependerán funcionalmente do Vicerreitorado de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar:

– O Servizo de Axudas e Servizos ao Alumnado.

– O Servizo Universitario de Residencias.

– A Oficina de Igualdade entre mulleres e homes.

– A Oficina de Voluntariado.

– A Área de Orientación Laboral e Emprego.

– A Escola Infantil Breogán.

– A Unidade de Atención Psicolóxica.

G) Vicerreitorado de Cultura, Lingua e Patrimonio.

1. A definición e coordinación das accións destinadas á conservación, estudo, divulgación e xestión do patrimonio histórico e cultural da Universidade en colaboración co Vicerreitorado de Coordinación do Campus de Lugo e co Vicerreitorado de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade.

2. A dirección e coordinación da Área de Cultura.

3. A promoción de actividades culturais, coa colaboración do Vicerreitorado de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar.

4. A colaboración con museos, institucións, asociacións e entidades culturais para o desenvolvemento de proxectos culturais con impacto no territorio, promovendo un programa de préstamos que permita levar a cabo proxectos expositivos.

5. A coordinación de accións destinadas a garantir a accesibilidade inclusiva da totalidade de membros da comunidade universitaria aos actos culturais programados pola Universidade e na Universidade, en colaboración co Vicerreitorado de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar e co Vicerreitorado de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade.

6. A dirección e coordinación das accións destinadas a garantir e preservar a memoria histórica e democrática na Universidade.

7. A dirección e coordinación das accións orientadas a consolidar a lingua galega como lingua institucional e de uso habitual en todos os ámbitos da vida universitaria, garantindo os dereitos lingüísticos e promovendo a súa normalización e dinamización.

8. A dirección e coordinación da Área de Deportes e as súas relacións coas entidades de fomento e xestión do deporte universitario.

9. A proposta de tarifas por servizos deportivos.

10. A convocatoria e resolución de axudas ao asociacionismo no ámbito dos obxectivos deste vicerreitorado, en colaboración co Vicerreitorado de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar.

11. A dirección e coordinación do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico.

12. A dirección e coordinación dos programas de difusión e divulgación cultural e de extensión universitaria.

13. A dirección e coordinación de programas de divulgación e cultura científica.

14. A conservación, ordenación e xestión da parte non administrativa do Arquivo Universitario, en colaboración coa Secretaría Xeral e co Vicerreitorado de Investigación e Ciencia Aberta.

15. A coordinación da actividade cultural das cátedras institucionais e das cátedras con legados, en colaboración co Vicerreitorado de Innovación e Transferencia do Coñecemento.

16. A convocatoria dos cursos de verán, así como a súa acreditación.

17. A colaboración co Vicerreitorado de Coordinación do Campus de Lugo en todas as actuacións que afecten aquelas levadas a cabo neste campus.

18. A comunicación das resolucións reitorais nas materias cuxa competencia sexa delegada neste vicerreitorado.

As seguintes unidades e servizos dependerán funcionalmente do Vicerreitorado de Cultura, Lingua e Patrimonio:

– A Área de Cultura.

– A Área Deportiva.

– O Servizo de Normalización Lingüística.

– O Arquivo Histórico.

– O Museo de Historia Natural e a Domus do Mitreo.

– O Servizo de Publicacións e Intercambio Científico.

H) Vicerreitorado de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade.

1. Os actos administrativos que lle correspondan legalmente á reitora en materia de contratación administrativa.

Exceptúanse da delegación outorgada neste punto:

a) A resolución das impugnacións que se presenten contra os procedementos de adxudicación.

b) O acto definitivo de revogación ou de resolución dos contratos administrativos, tras o procedemento instruído para tal efecto.

2. En materia económico-financeira e orzamentaria:

a) A elaboración do proxecto de programación plurianual, consonte o previsto no artigo 56 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario.

b) A elaboración de plans de financiamento, coa colaboración da Xerencia.

c) A elaboración do proxecto de orzamento anual, coa colaboración da Xerencia.

d) A elaboración da memoria económica e a formulación das contas anuais exixidas na lexislación vixente, coa colaboración da Xerencia.

e) O exercicio das funcións de proposta ou aprobación de modificacións orzamentarias atribuídas á reitora, coa colaboración da Xerencia.

3. A coordinación das obras de infraestruturas que se realicen na Universidade.

4. A planificación e aprobación das obras de reforma, renovación e mellora dos edificios e de mantemento das instalacións.

5. A dirección e coordinación de obras destinadas a garantir accesibilidade inclusiva da totalidade de membros da comunidade universitaria, coa colaboración do Vicerreitorado de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar.

6. A supervisión da xestión das infraestruturas, coa colaboración do Vicerreitorado de Coordinación do Campus de Lugo, cando corresponda, e coa Xerencia.

7. A xestión de espazos da universidade, sen prexuízo das competencias delegadas a outros vicerreitorados e das conferidas a outros órganos polos estatutos da Universidade.

8. O seguimento das axudas e subvencións para a adquisición de infraestruturas, coa colaboración do Vicerreitorado de Coordinación do Campus de Lugo, cando corresponda, e coa Xerencia.

9. A elaboración da memoria de responsabilidade social corporativa.

10. A coordinación da Oficina de Desenvolvemento Sostible.

11. O desenvolvemento da estratexia dixital encamiñada á simplificación, innovación e dixitalización dos procesos de xestión e á implantación efectiva da administración dixital, coa colaboración da Secretaría Xeral e da Xerencia.

12. As accións destinadas á conservación e xestión do patrimonio histórico da Universidade, coa colaboración do Vicerreitorado de Coordinación do Campus de Lugo e co Vicerreitorado de Cultura, Lingua e Patrimonio.

13. A colaboración co Vicerreitorado de Coordinación do Campus de Lugo en todas as actuacións que afecten este campus.

14. A comunicación das resolucións reitorais nas materias cuxa competencia sexa delegada neste vicerreitorado.

As seguintes unidades e servizos dependerán funcionalmente do Vicerreitorado de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade:

– A Oficina de Desenvolvemento Sostible.

– O Servizo de Contratación e Patrimonio, en colaboración coa Xerencia.

– O Servizo de Orzamentos e Planificación, en colaboración coa Xerencia.

– A Subárea de Contabilidade, en colaboración coa Xerencia.

– A Área de Arquitectura e Urbanismo.

– A Área de Operacións e Infraestruturas.

– A Área de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións.

Oitavo. Delegación de competencias a favor da Secretaría Xeral

A) A Secretaría Xeral ten as seguintes competencias, sen prexuízo doutras atribuídas por normas específicas:

1. A formación e a custodia das actas dos órganos xerais de representación e goberno da Universidade, agás o Consello Social.

2. A expedición de certificacións do contido das actas mencionadas no parágrafo anterior e da demais documentación oficial da Universidade.

3. A recepción e a custodia das actas de cualificación dos estudantes.

4. A conservación, dirección, ordenación e xestión da parte administrativa do Arquivo Universitario e a custodia do selo oficial da Universidade.

5. A difusión e publicidade dos acordos tomados polos órganos da Universidade.

6. A coordinación da Asesoría Xurídica da Universidade.

7. A presidencia da Comisión Electoral Central, consonte o disposto no artigo 50 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario.

B) Ademais das competencias directamente atribuídas, exercerá as seguintes competencias por delegación:

1. A sinatura dos certificados supletorios dos títulos académicos.

2. A certificación de actos presuntos.

3. O desenvolvemento das políticas de protección de datos e de seguridade da información.

4. A coordinación e unificación de criterios nas actuacións do responsable dos tratamentos de protección de datos de carácter persoal no marco da normativa aplicable.

5. A facultade de ditar resolucións motivadas autorizando ou denegando a rectificación das actas académicas.

6. A resolución das reclamacións e recursos que lle corresponda resolver á Oficina de Análise de Reclamacións.

7. A resolución das solicitudes que se presenten no exercicio do dereito de acceso á información pública.

8. A xestión dos procesos electorais en colaboración coa Comisión Electoral Central.

9. A dirección do protocolo universitario.

10. A tramitación, custodia e rexistro de convenios.

11. A xestión da sede electrónica e dos certificados dixitais.

12. A xestión e coordinación dos procesos da área académica relativos á admisión, matriculación e expediente académico do estudantado.

13. A resolución de peticións, reclamacións ou recursos en materia de xestión académica para os cales non estea delegada a sinatura noutros órganos ou unidades administrativas.

14. O impulso e a coordinación de actuacións en materia de administración electrónica/dixital.

15. O desenvolvemento da estratexia dixital encamiñada á simplificación, innovación e dixitalización dos procesos de xestión e á implantación efectiva da administración dixital, en colaboración co Vicerreitorado de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade e coa Xerencia.

C) En caso de ausencia, enfermidade ou outra causa legal que determine a imposibilidade de actuar da/do secretaria/o xeral, esta/e será substituída/o automaticamente pola/o secretaria/o xeral adxunta/o.

As seguintes unidades e servizos dependerán funcionalmente da Secretaría Xeral:

– A Secretaría Xeral Adxunta.

– O Servizo de Asesoría Xurídica.

– A Oficina de Análise de Reclamacións.

– A Unidade de Convenios.

– As oficinas de asistencia en materia de rexistro.

– O Servizo de Xestión Académica.

– A Unidade de Xestión Administrativa da Secretaría Xeral e dos vicerreitorados.

Noveno. Delegación de competencias a favor da Xerencia

Ademais da xestión administrativa e económica da Universidade atribuída legal e estatutariamente, á Xerencia corresponderanlle as seguintes competencias:

1. A coordinación e a administración dos demais servizos da Universidade para facilitar o seu correcto funcionamento e o exercicio polos órganos de goberno das súas competencias.

2. A elaboración do proxecto de orzamento anual, en colaboración co Vicerreitorado de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade.

3. A elaboración da memoria económica e a formulación das contas anuais exixidas pola normativa vixente, en colaboración co Vicerreitorado de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade.

4. A elaboración dos plans de financiamento, en colaboración co Vicerreitorado de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade.

5. O desenvolvemento da estratexia dixital encamiñada á simplificación, innovación e dixitalización dos procesos de xestión e á implantación efectiva da administración dixital, en colaboración coa Secretaría Xeral e co Vicerreitorado de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade.

6. A ordenación de gastos e pagamentos.

7. O procedemento de constrinximento tras apercibimento dos ingresos públicos deixados de percibir, así como a reclamación administrativa de débedas procedentes de ingresos privados.

8. A formalización de actividades realizadas ao abeiro do artigo 60 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, por importe inferior a 80.000 euros, e de convenios en que se estableza a realización ou colaboración por parte do profesorado da Universidade en traballos de carácter científico, técnico ou artístico, así como a resolución das reclamacións relativas ás ditas actividades que non superen o devandito importe.

9. En materia de contratación pública:

– A comprobación do cumprimento dos requisitos previstos para os contratos menores no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

– A facultade de ditar os actos administrativos relativos a contratos administrativos non suxeitos a regulación harmonizada. Nos casos de contratos de regulación harmonizada, delégase a realización de todos os actos, excepto a formalización do contrato.

– A formalización dos contratos administrativos e patrimoniais.

– O seguimento da xestión económica dos contratos formalizados pola Universidade, sen prexuízo da supervisión funcional polas persoas responsables de cada área.

– A autorización da participación de persoal investigador da Universidade en concursos públicos ou licitacións de entidades públicas.

10. En materia de infraestruturas:

– O exercicio das funcións, actos e tramitación de expedientes relativos á súa xestión, así como a obriga de velar polo seu debido mantemento.

– A supervisión da xestión das infraestruturas, en colaboración co Vicerreitorado de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade e co Vicerreitorado de Coordinación do Campus de Lugo, cando corresponda.

– A solicitude de licenzas e outros actos de tramitación ante outras administracións públicas, contratistas ou terceiros en materia de infraestruturas.

11. A xefatura do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos. Esta delegación abrangue:

– A execución, o control e a coordinación da política aprobada polos órganos de goberno sobre o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos funcionario ou laboral.

– O establecemento das directrices conforme as cales exercerán as súas competencias en materia de persoal os distintos órganos e servizos da Universidade.

– A emisión das instrucións sobre política de persoal.

– O establecemento dos criterios para a organización e coordinación en materia de persoal.

– A proposta da estrutura e da relación de postos de traballo.

– A preparación da oferta de emprego público, así como os actos derivados dela.

– A dirección da negociación colectiva, a sinatura de pactos e acordos e o ditado de resolucións e instrucións en materia de persoal técnico, de xestión e de administración e servizos.

– A proposta para a designación de representantes da Administración universitaria nas distintas comisións de negociación colectiva.

– Os actos de execución dos convenios colectivos ou similares e outros pactos legalmente formalizados.

– As derivadas da coordinación da prevención de riscos da Universidade.

– As convocatorias de probas para persoal interino ou contratado temporal e o nomeamento das súas comisións de selección.

– A autorización e a sinatura dos contratos de persoal laboral contratado con carácter temporal e o nomeamento de interinos cando proceda.

– A autorización e a sinatura dos contratos do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos financiados con recursos captados por I+D+i .

– A planificación e a dirección das accións e procesos derivados da política de formación do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos.

– A autorización de asistencia a cursos de formación e perfeccionamento do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos.

– As adscricións provisorias, as comisións de servizos e as atribucións temporais de funcións ao persoal.

– A concesión dos permisos e licenzas non delegados nas direccións de centros e xefaturas das distintas unidades administrativas.

– Os actos derivados da xestión e tramitación dos procedementos de xubilación, salvo as certificacións que correspondan.

– Os cesamentos e xubilacións de persoal contratado temporal e interino.

– A tramitación dos procedementos seguidos ante a Seguridade Social, así como as reclamacións previas á vía xudicial ou recursos que non esgoten a vía administrativa.

– A proposta e o informe sobre a autorización ou recoñecemento de compatibilidade do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos cando lle corresponda a súa resolución á reitora.

– A comunicación das resolucións reitorais en materia de persoal técnico, de xestión e de administración e servizos.

– Os actos de administración e de xestión ordinaria do persoal que non figuren atribuídos a outros órganos universitarios.

12. A tramitación dos procedementos seguidos ante a Seguridade Social ou Muface, así como as reclamacións previas á vía xudicial ou recursos que non esgoten a vía administrativa en materia de persoal docente e investigador.

13. A coordinación das cafetarías e comedores universitarios.

14. A xestión do seguro escolar.

As seguintes unidades e servizos dependerán funcionalmente da Xerencia:

– A Subárea de Contabilidade, en colaboración co Vicerreitorado de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade.

– O Servizo de Xestión de Persoal, coa colaboración do Vicerreitorado de Profesorado e Innovación Docente.

– A Subárea de Planificación de persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS).

– A Área de Planificación e Innovación Administrativa.

– A Subárea de Plans e Programas.

– O Centro de Formación de Persoal.

– O Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

– O Servizo de Vixilancia da Saúde.

– O Servizo de Protección Radiolóxica.

– A Oficina de Información Universitaria, en colaboración co Reitorado.

– O Servizo de Medios Audiovisuais.

– A Imprenta Universitaria.

– O Parque Móbil.

– O Servizo de Correos.

– O Centro de Datos e Procesos.

As unidades organizativas que non figuren nesta resolución dependerán funcionalmente da Xerencia mentres non sexan adscritas a outro órgano.

Décimo. Delegación en materia de selección de persoal para actividades e proxectos de I+D+i

Delégase na Dirección dos seguintes centros e institutos de investigación pertencentes á rede CIGUS a realización de convocatorias públicas de selección de persoal para colaborar en actividades e proxectos de I+D+i mediante contrato de duración determinada e o nomeamento das súas comisións de selección, en coordinación co Vicerreitorado de Investigación e de Ciencia Aberta e coa Xerencia:

– Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS).

– Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS).

– Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS).

– Centro de Investigación Interdisciplinario en Tecnolóxicas Ambientais (CRETUS).

– Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE).

II. Delegación en favor da Xefatura do Servizo de Xestión Académica e das/dos xefas/es das unidades de xestión académica.

Décimo primeiro. Delégase en favor da Xefatura do Servizo de Xestión Académica:

1. A sinatura dos seguintes actos de xestión na tramitación dos procedementos que teña encomendados:

– Os escritos a que fai referencia o artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Os trámites que teñan que efectuar as persoas interesadas, conforme o artigo 73 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– A petición de informes que teñan carácter preceptivo e os facultativos cando o determine unha disposición administrativa de carácter xeral ou se xulguen necesarios para a resolución do procedemento, de conformidade co artigo 79 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro.

– A aceptación da desistencia ou da renuncia da solicitude de matrícula do estudantado.

– A realización dos trámites que establece o artigo 95 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, relativos á caducidade dos procedementos de matrícula ordinaria.

– Calquera outro acto de xestión que, pola natureza do procedemento, sexa necesario adoptar en virtude da competencia verbal do artigo 36 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. A sinatura da resolución definitiva dos seguintes asuntos:

– As solicitudes en materia de xestión académica non delegadas nas xefaturas das unidades de xestión académica.

– As solicitudes en materia de xestión académica presentadas fóra dos prazos establecidos na normativa.

– A resolución das anulacións de matrícula que non estea delegada nas xefaturas das unidades de xestión académica.

– A resolución das admisións para continuar estudos en titulacións con límite de prazas.

– As resolucións de validacións parciais de estudos estranxeiros.

3. A resolución de solicitudes de equivalencia de titulacións obtidas no estranxeiro para realizar estudos de grao e posgrao, en colaboración co Vicerreitorado de Ordenación Académica e Oferta Formativa.

Décimo segundo. Delegación en favor das xefaturas de unidades de xestión académica

Delégase nas/nos xefas/os de unidades de xestión académica a sinatura das resolucións definitivas dos seguintes asuntos:

– A admisión do estudantado en titulacións sen límite de prazas.

– As anulacións de matrícula por falta de pagamento.

– As validacións e adaptacións, agás as validacións de estudos estranxeiros.

– As autorizacións de simultaneidade de estudos.

– A petición de informes preceptivos e os facultativos cando os requira unha disposición administrativa de carácter xeral ou se xulguen necesarios para a resolución do procedemento; os escritos a que fai referencia o artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro; calquera acto de trámite ou instrución dos procedementos que sexan competencia da respectiva unidade, así como as resolucións de inadmisión a trámite ou declarativas de desistencias ou renuncias.

III. Delegación en favor das/dos decanas/os e directoras/es de centro.

Décimo terceiro. Deléganse nas/nos decanas/os e directoras/es de centro as competencias relativas á resolución das solicitudes de recoñecemento de créditos naqueles casos en que as titulacións implicadas non dispoñan de táboas de recoñecemento.

IV. Delegación en materia de permisos do persoal.

Décimo cuarto. Delegación en responsables de persoal

1. Deléganse nas/nos decanas/os os seguintes permisos do persoal docente e investigador, que se tramitarán de conformidade co procedemento establecido:

a) Permiso por asuntos particulares.

b) Permiso por falecemento, accidente ou enfermidade grave dun familiar.

c) Permiso por traslado de domicilio.

d) Permisos por un deber persoal e inescusable e polo exercicio de dereitos relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral.

e) Permisos para a realización de funcións sindicais.

f) Permiso para concorrer a exames finais, probas definitivas de aptitude e probas selectivas no ámbito do emprego público.

g) Permiso por festividade propia do centro de traballo e festas locais.

h) Licenzas por estudos ou investigación de ata sete días hábiles, conforme o procedemento establecido.

2. Os permisos e licenzas non delegados, os das/dos decanas/os, das/dos directoras/es de centros, das/dos directoras/es de departamento, así como o desfrute da súas vacacións fóra do período ordinario, serán autorizados polo Vicerreitorado de Profesorado e Innovación Docente.

3. Delégase nas persoas responsables das distintas unidades organizativas, no persoal investigador principal que teña persoal a cargo e, de ser o caso, nos titulares dos órganos correspondentes a concesión de permisos e licenzas ao persoal técnico, de xestión e de administración e servizos, ao persoal investigador e ao persoal de apoio á investigación, nos seguintes casos:

a) Permiso por falecemento, por accidente, por enfermidade grave ou hospitalización dun familiar.

b) Permiso por traslado de domicilio.

c) Permiso para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou representación do persoal e deberes inescusables de carácter público ou persoal, polo tempo indispensable.

d) Permiso para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais.

e) Permisos por asuntos particulares, atendendo sempre ás necesidades do servizo.

Décimo quinto. Obriga de información

1. As persoas responsables do persoal terán a obriga de informar sobre os permisos concedidos sempre que así o requira o Vicerreitorado de Profesorado e Innovación Docente no suposto primeiro do ordinal décimo cuarto ou á Xerencia no suposto segundo e terceiro do mesmo ordinal.

2. As persoas responsables das unidades de xestión de centros e departamentos informarán, ademais, a Dirección do centro e a Dirección do departamento correspondente.

Décimo sexto. Permisos e licenzas non delegados no ámbito do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos

As restantes solicitudes de obtención de permisos ou licenzas, retribuídas ou non, deberán formularse ante a Xerencia, cunha antelación mínima de quince días ao da data do seu comezo, co obxecto de que poidan ser resoltas en tempo e forma.

Exceptúanse aquelas que se poidan producir por circunstancias imprevisibles que se acrediten, que se tramitarán por un procedemento de urxencia. En todo caso, a concesión do permiso será requisito necesario para que a persoa solicitante se poida ausentar do seu posto de traballo.

Décimo sétimo. Asistencia a congresos, xornadas, estadías e outros no ámbito do persoal investigador

Delégase no Vicerreitorado de Investigación e Ciencia Aberta a autorización de permisos para a asistencia a congresos, xornadas, estadías, reunións e outros do persoal contratado con cargo a actividades e proxectos de investigación, así como en programas de recursos humanos.

V. Atribución de funcións específicas a cargos de apoio ao Reitorado.

Décimo oitavo. Atribución de funcións á Xefatura de Gabinete da reitora

Correspóndenlle á Xefatura de Gabinete da reitora:

1. Proporcionarlle á reitora a información política e técnica que resulte necesaria para o exercicio das súas funcións.

2. Facilitarlle á reitora a coordinación da acción do equipo de goberno asistíndoa nas reunións.

3. Colaborar na elaboración das liñas estratéxicas e programáticas de actuación da Universidade.

4. A coordinación da política informativa e das relacións da Universidade cos medios de comunicación e as funcións propias da condición de voceira/o do goberno.

5. A coordinación dos servizos de comunicación e das accións de imaxe institucional da Universidade.

6. A xestión da imaxe corporativa da Universidade e a administración do sitio web da Universidade.

7. A xestión das campañas institucionais para a promoción dos estudos e das actividades realizadas na Universidade, en coordinación co Vicerreitorado de Ordenación Académica e Oferta Formativa e co Vicerreitorado de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar.

8. A coordinación dos servizos de información da Universidade.

9. Cantas outras funcións de asistencia, asesoramento, informe ou estudo lle sexan encomendadas pola reitora.

Décimo noveno. Atribución de funcións ás/aos delegadas/os da reitora

A reitora poderá nomear delegadas/os e atribuírlles as funcións correspondentes á materia que se lles encomende.

Vixésimo. Atribución de funcións con carácter temporal

A reitora poderá designar comisionadas/os para desenvolver proxectos con carácter temporal e atribuírlles as funcións correspondentes á materia que se lles encomende.

Vixésimo primeiro. Desempeño de cargos en órganos colexiados

1. No seu respectivo ámbito funcional, as persoas titulares dos vicerreitorados, da Secretaría Xeral e da Xerencia desempeñarán os postos e as vogalías nos órganos colexiados ou entidades de que forme parte a reitora, sempre que esta delegación non estea prohibida polas súas normas de funcionamento.

2. En todo caso, a reitora reserva para si a facultade de asistir aos órganos ou entidades que considere oportuno, con carácter permanente ou puntual.

VI. Competencias da reitora.

Vixésimo segundo. Competencias da reitora

Exceptúanse da delegación outorgada nos puntos anteriores e, polo tanto, serán exercidas directamente pola reitora as competencias sobre as seguintes materias:

– As referidas aos asuntos concernentes ás relacións cos órganos e institucións da Administración do Estado e da Administración autonómica galega, agás os de simple trámite.

– As que teñan relación co Consello Social, Claustro Universitario e Consello de Goberno.

– Os actos que supoñan o exercicio da excepcionalidade da súa eficacia retroactiva.

– Os actos sancionadores e os referidos ao exercicio da potestade disciplinaria.

– Os actos que dean lugar á adopción de resolucións reitorais de carácter xeral.

– A resolución das incidencias de abstención e recusación.

– A resolución de peticións de carácter xeral que non sexan competencia propia ou delegada doutros órganos universitarios.

– A proposta e formalización de actividades realizadas ao abeiro do artigo 60 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, por importe igual ou superior a 80.000 euros, así como a resolución das reclamacións.

– A designación de suplentes, en caso de ausencia ou enfermidade, das persoas titulares dos vicerreitorados e da Xerencia e da Secretaría Xeral, no caso de que non resulte posible a súa substitución por parte da/do secretaria/o xeral adxunta/o.

– As referidas aos proxectos de cooperación, en colaboración co Vicerreitorado de Investigación e Ciencia Aberta, co Vicerreitorado de Innovación e Transferencia do Coñecemento e co Vicerreitorado de Estudantado, Igualdade e Benestar.

– En materia de PDI funcionario e contratado con vinculación permanente:

a) O seu nomeamento ou sinatura do contrato.

b) A autorización dos cesamentos e xubilacións.

c) A convocatoria de concursos de acceso e de probas selectivas.

– En materia de persoal técnico, de xestión e de administración e servizos:

a) O nomeamento de persoal funcionario de carreira.

b) A sinatura dos contratos do persoal laboral fixo.

c) A autorización dos cesamentos e xubilacións.

d) A convocatoria de probas selectivas para persoal laboral fixo e para o acceso a escalas de funcionarios.

e) A declaración das situacións administrativas.

f) O recoñecemento, adquisición e cambio de grao.

g) A interposición de recursos, demandas ou iniciación de procedementos xudiciais.

– En materia de contratación pública:

a) A formalización de contratos administrativos suxeitos a regulación harmonizada.

b) A resolución das impugnacións que se presenten contra os procedementos de adxudicación.

c) O acto definitivo de revogación ou de resolución dos contratos administrativos tras o procedemento instruído para o efecto.

– En materia económico-financeira e patrimonial:

a) As resolucións de carácter xeral.

b) A interposición de recursos ou iniciación de procedementos xudiciais.

c) A sinatura de convenios e acordos de carácter patrimonial con outras administracións públicas.

d) Aquelas competencias que non son propias do Consello Social ou doutros órganos universitarios.

A supervisión funcional das seguintes unidades:

– A Unidade de Xestión Administrativa do Reitorado.

– A Oficina de Información Universitaria, en colaboración coa Xerencia.

– A Oficina web.

– O Gabinete de Comunicación.

VII. Delegación de sinatura.

Vixésimo terceiro. Delegación de sinatura

Esta resolución dítase sen prexuízo da posibilidade de realizar delegacións de sinatura ao abeiro do artigo 12 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Neste sentido, os vicerreitorados, a Secretaría Xeral e a Xerencia poderán realizar delegacións de sinatura en órganos da súa dependencia, que deberán ser publicadas no taboleiro electrónico da Universidade.

Así mesmo, a/o xefa/e do Servizo de Xestión Académica poderá realizar delegacións de sinatura en unidades, seccións ou negociados da súa dependencia.

Disposición derrogatoria

Esta resolución derroga a Resolución reitoral do 21 de abril de 2022 pola que se delegan competencias en determinados órganos universitarios.

Disposición derradeira

Esta resolución terá vixencia desde o día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2026

Rosa M. Crujeiras Casais
Reitora da Universidade de Santiago de Compostela