DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 20 de maio de 2026 Páx. 29109

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se fai pública a aprobación definitiva da delimitación do solo do núcleo rural de Bustelo, no concello de Dumbría.

En cumprimento do disposto no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 144.18 e 199 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o seu regulamento, faise pública a aprobación definitiva da delimitación do solo de núcleo rural de Bustelo, no concello de Dumbría, mediante a Orde da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas do 6 de maio de 2026, que figura como anexo.

Unha vez inscrita a devandita delimitación de solo de núcleo rural no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, a documentación íntegra do mesmo, incluído o extracto ambiental, poderá consultarse na seguinte ligazón:

https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo/buscador

Así mesmo, o informe ambiental estratéxico e a demais documentación do procedemento de avaliación ambiental da referida modificación poderá ser consultada na seguinte ligazón:

https://medioambiente.xunta.gal/busca-por-palabra-clave?p_p_id=aaeKeyword_WAR_aae&p_p_lifecycle=0&p_p_state=normal&p_p_mode=view&p_p_col_id=column-2&p_p_col_count=1&_aaeKeyword_WAR_aae__spage=%2Fportlet_action%2Faae%2FdetalleProxecto%3Fid%3D2592&_aaeKeyword_WAR_aae_id=2592

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2026

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

ANEXO

Orde de aprobación definitiva do expediente de delimitación do solo do núcleo rural de Bustelo, do Concello de Dumbría (A Coruña)

O Concello de Dumbría remite a delimitación do solo de núcleo rural referido en solicitude da súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 78.2.d) da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), e o artigo 191.1.d) do seu regulamento, aprobado polo Decreto 143/2016 (RLSG).

Analizada a documentación achegada e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Urbanismo, resulta:

Antecedentes:

• O Concello de Dumbría carece dun instrumento de planeamento xeral. Foron aprobadas seis delimitacións de solo de núcleo rural entre 2012 e 2015, ao abeiro da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia; e a do núcleo de Salgueiros, aprobada definitivamente o 7.10.2025, ao abeiro da LSG.

• A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas resolveu mediante a Orde do 3.10.2025 non aprobar definitivamente a delimitación, por non ter cumprido as condicións impostas no informe favorable da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) do 13.1.2025.

• O Concello de Dumbría achega nova documentación o 30.1.2026, que inclúe un novo proxecto subscrito polo arquitecto Isidro López Yáñez, aprobado provisionalmente polo Pleno municipal na sesión do 14.1.2026, logo do informe favorable da AXI do 16.12.2025.

• O Servizo Provincial de Urbanismo formulou un requirimento documental o 25.2.2026, que foi cumprido polo Concello o 27.2.2026.

Obxecto e descrición do proxecto:

• O obxecto do expediente é delimitar o núcleo rural de Bustelo, da parroquia de Salgueiros, nun concello carente de planeamento xeral. Aparece na súa parte tradicional nas fotografías do voo americano de 1956-57, contando cun entramado viario tradicional, modificado parcialmente pola concentración parcelaria.

• Delimítase un núcleo de 9,18 ha, con 32.770 m2 de solo de núcleo rural tradicional e 59.087 m2 de solo de núcleo rural común. As parcelas mínimas son 900 m2 tanto no solo de núcleo rural tradicional coma no común e as frontes mínimas de 12 m e 16 m, respectivamente, agás, nos dous tipos, casos excepcionais debidamente xustificados de parcelas inferiores situadas entre outras xa edificadas que imposibilitan acadar a parcela mínima.

• O núcleo vén identificado no Plan básico autonómico vixente (PBA), que recolle as seguintes afectacións: estrada autonómica (AC-552), augas (zona de policía de leitos), enerxía (liñas eléctricas), concentración parcelaria (acordo firme, código 150343380, Salgueiros (Dumbría) afecta todo o núcleo), patrimonio cultural (un hórreo catalogado no PBA). De acordo co PBA, está fóra do ámbito do POL, non hai espazos naturais nin áreas de interese paisaxístico.

Análise e consideracións:

• O núcleo de Bustelo conta cun topónimo incluído no Nomenclátor da provincia da Coruña aprobado polo Decreto 189/2003, do 6 de febreiro, e aparece na cartografía do Plan básico autonómico aprobado polo Decreto 83/2018, do 26 de xullo (artigo 23.1 da LSG e no 33.1 do RLSG). No sistema de asentamentos das Directrices de ordenación do territorio, aprobadas polo Decreto 19/2011, é unha «pequena entidade de poboación» (directriz excluínte 1.3.1.d).

• O proxecto aprobado provisionalmente o 14.1.2026 reflicte correctamente o dominio público viario conforme o informe favorable da AXI do 16.12.2025.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das delimitacións de solo de núcleo rural corresponde á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, de conformidade cos artigos 78.2.d) da LSG e 191.1.d) do RLSG, en relación co Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

En consecuencia, e visto o que antecede,

DISPOÑO:

1. Aprobar definitivamente a delimitación do solo de núcleo rural de Bustelo, no concello de Dumbría.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do seu regulamento, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a delimitación no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade cos artigos 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e as ordenanzas da delimitación do núcleo rural aprobadas definitivamente.

Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.