I
O 7.9.1962 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Decreto 2224/1962, do 5 de setembro, polo que se declara conxunto histórico artístico o chamado Camiño de Santiago e se crea o seu padroado.
O 7.12.2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 247/2012, do 22 de novembro, polo que se aproba a delimitación do Camiño de Santiago, Camiño Francés, no concello de Santiago de Compostela. Nesta disposición delimítase a ruta principal do Camiño Francés, no concello de Santiago de Compostela, e os límites do territorio histórico asociado a esta. Así mesmo, no decreto delimítanse outros ámbitos, como o trazado complementario e o trazado con vestixios históricos.
II
O 21.1.2016, a Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou a sentenza en que se conclúe que: «debemos estimar e estimamos parcialmente o recurso contencioso-administrativo interposto (...) contra o Decreto 247/2012, do 22 de novembro, polo que se aproba a delimitación do Camiño de Santiago, Camiño Francés, no concello de Santiago de Compostela, que procede anular exclusivamente na parte que afecta as propiedades da parte demandante».
Por tanto, a sentenza xudicial o que determina é, exclusivamente (sic), a anulación do trazado principal do Camiño Francés que afecta as propiedades dos demandantes, que foi delimitada no Decreto 247/2012, do 22 de novembro, polo que se aproba a delimitación do Camiño de Santiago, Camiño Francés, no concello de Santiago de Compostela. Estas propiedades están conformadas polo conxunto de parcelas localizadas no número 56 da avenida de San Marcos, no termo municipal de Santiago de Compostela. Este enderezo postal abrangue as seguintes parcelas catastrais: 1991902NH4419B, 1991904NH4419B, 15079A50600196, 15079A50600197, 15079A50605006 e 000801500NH44G.
En consecuencia, o resto dos ámbitos definidos na contorna das propiedades dos demandantes no decreto impugnado como os límites do territorio histórico do Camiño e o trazado complementario manteñen a súa plena vixencia xurídica pois, en execución da sentenza, a modificación limítase á exclusión puntual do trazado principal no ámbito afectado, mantendo a vixencia do resto da delimitación establecida no Decreto 247/2012, do 22 de novembro, ao non resultar afectada pola resolución xudicial.
O artigo 103.2 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (LXCA) establece que «As partes están obrigadas a cumprir as sentenzas na forma e nos termos que nestas se consignen».
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de maio de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO:
Primeiro. Modificación da delimitación puntual do ben de interese cultural
En execución da Sentenza do 21 de xaneiro de 2016, da Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pola que se estima parcialmente o recurso interposto contra o Decreto 247/2012, do 22 de novembro, procédese á modificación puntual da delimitación do trazado principal do Camiño de Santiago, Camiño Francés, no concello de Santiago de Compostela.
Esta modificación ten por obxecto cumprir a resolución xudicial, excluíndo do trazado principal do Camiño o ámbito correspondente ás parcelas afectadas pola sentenza, localizadas no número 56 da avenida de San Marcos, no termo municipal de Santiago de Compostela. Este enderezo postal abrangue as seguintes parcelas catastrais: 1991902NH4419B, 1991904NH4419B, 15079A50600196, 15079A50600197, 15079A50605006 e 000801500NH44G.
A delimitación do trazado principal do Camiño de Santiago, Camiño Francés, no resto do ámbito afectado polo Decreto 247/2012, do 22 de novembro, mantense nos seus propios termos; prodúcese unicamente a exclusión puntual do ámbito correspondente ás parcelas sinaladas no punto anterior, conforme a representación gráfica recollida no anexo I deste decreto.
Segundo. Anotación no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia
Ordenar que se anote esta modificación da delimitación do ben de interese cultural no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración Xeral do Estado.
Terceiro. Publicación
Publicar este decreto no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.
Cuarto. Notificación
Notificar este decreto á Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e ao Concello de Santiago de Compostela.
Quinto. Recurso
Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación ante o órgano que ditou o acto ou, directamente, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Disposición derradeira. Eficacia
Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, catro de maio de dous mil vinte e seis
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
José Carlos López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
ANEXO I
Delimitación

