Mediante a Orde do 22 de xaneiro de 2018 (DOG do 2 de febreiro) autorízase a apertura e o funcionamento temporal do centro privado estranxeiro British Royal School para impartir as ensinanzas do sistema educativo Británico de Nursery (de 3 a 4 anos de idade) ata Reception (de 4 a 5 anos de idade), prorrogada mediante a Orde do 29 de xaneiro de 2019 (DOG do 22 de febreiro), na cal tamén se amplían as ensinanzas de Year 1 (5 a 6 anos) ata Year 2 (6 a 7 anos), e pola Orde do 3 marzo de 2023 (DOG do 16 de marzo), que amplía as ensinanzas de Year 3 (7 a 8 anos) ata Year 6 (10 a 11 anos).
A titularidade do centro solicita unha prórroga da devandita autorización temporal ata o 13 de marzo de 2030, e a autorización para impartir as ensinanzas desde Year 7 (11 a 12 anos) a Year 9 (13 a 14 anos) do English National Curriculum, que se corresponden con 6º de educación primaria e con 1º e 2º da educación secundaria obrigatoria do sistema educativo de España; e achega un certificado de acreditación do British Council, do 28 de abril de 2026, no cal consta que o centro reúne os requisitos para impartir as ensinanzas desde Nursery ata Year 9.
Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias, e coa Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,
DISPOÑO:
Artigo 1. Modificación da autorización
Modificar a autorización do centro privado estranxeiro British Royal School conforme coa seguinte configuración:
Denominación xenérica: centro privado estranxeiro (CPREX).
Denominación específica: British Royal School.
Código do centro: 15033137.
Titular: Royal School International, S.L.
Enderezo: rúa Nova York, 61.
Localidade: A Zapateira.
Concello: Culleredo.
Código postal: 15174.
Provincia: A Coruña.
Ensinanzas que se autorizan do currículo nacional de Inglaterra a alumnado español e estranxeiro, para un total de 250 alumnos/as, ata o 13 de marzo de 2030.
– Nursery (de 3 a 4 anos) a Reception (de 4 a 5 anos), para 40 alumnos/as.
– Year 1 (de 5 a 6 anos) a Year 9 (de 13 a 14 anos), para 210 alumnos/as.
Artigo 2. Ensinanzas de lingua e cultura
O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas, de niveis equivalentes aos obrigatorios do sistema educativo, con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos nos correspondentes decretos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.
Artigo 3. Profesorado
O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no artigo 1 deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e as obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.
O Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.
Artigo 4. Validez da autorización
As ensinanzas as que fan referencia no artigo 1 desta orde terán validez ata a próxima inspección por parte do British Council, que terá lugar non máis tarde do 13 de marzo de 2030.
Artigo 5. Inscrición no rexistro
Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 6. Obrigas do centro
O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e nas circunstancias que dan lugar a esta autorización.
Disposición derradeira primeira. Recursos
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
