DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 25 de maio de 2026 Páx. 30019

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2026, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se dispón a publicación do pacto subscrito pola Administración sanitaria coas centrais sindicais CIG, CSIF, CC.OO. e UGT sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia.

No marco da Mesa Sectorial de Negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e coa finalidade de establecer un sistema de selección de persoal estatutario temporal no ámbito das institucións sanitarias dependentes do Servizo Galego de Saúde, negociáronse os pactos publicados no Diario Oficial de Galicia do 13 de abril de 1993, do 12 de maio de 1994, do 19 de xaneiro de 1996, do 10 de marzo de 1997, do 25 de febreiro de 2000, do 1 de xuño de 2004, do 9 de maio de 2011, do 30 de xuño de 2016 e do 18 de decembro de 2018.

Iniciado o proceso de negociación dunha nova norma reguladora do sistema de selección de persoal estatutario temporal, rematou este coa sinatura do pacto que se publica, subscrito entre a Administración sanitaria e as centrais sindicais integrantes da Mesa Sectorial de Negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, CIG, CSIF, CC.OO. e UGT.

A negociación foi realizada de conformidade co artigo 38 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público.

Para xeral coñecemento, de acordo co disposto no artigo 38 da citada norma, faise necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude,

RESOLVE:

Acordar a publicación do Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia, que se inclúe xunto con esta resolución.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2026

María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO

Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal
do Sistema público de saúde de Galicia

Estrutura do documento.

I. Normas xerais do Pacto.

Obxecto.

Ámbito de aplicación.

Vixencia e denuncia.

Réxime transitorio.

Seguimento.

II. Selección das persoas aspirantes.

A/ Normas xerais.

Requisitos das persoas aspirantes.

Quendas de acceso e ámbito de dispoñibilidade.

Baremo.

Procedemento de elaboración de listas.

B/ Disposicións especiais.

Áreas especiais.

Nomeamentos de curta duración (pool).

Nomeamentos a tempo parcial.

Vinculacións de curta duración no ámbito da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

III. Xestión de chamamentos.

Órgano competente.

Procedemento de realización das ofertas de vinculacións.

Criterios de ordenación para a adxudicación automatizada dos nomeamentos e a realización do chamamento telefónico.

Indispoñibilidade transitoria de aspirantes.

Suspensión de chamamentos.

Formalización do nomeamento e período de proba.

Revogación de nomeamentos.

IV. Réxime de penalizacións.

Por renuncia ao nomeamento.

Pola non superación do período de proba.

Por incumprimento grave.

Prazos de exclusión de listas.

Reincorporación en lista tras exclusións.

Excepcións ao réxime de penalizacións.

Extensión de efectos.

V. Selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria.

Ámbito de aplicación.

Selección de aspirantes.

Xestión de chamamentos.

Aplicación do Pacto de selección temporal.

Réxime transitorio.

Anexos:

Anexo I. Listas compatibles.

Anexo II: Categorías subsidiarias.

Anexo III. Acordos interpretativos.

Anexo IV. Distritos limítrofes.

Anexo V. Áreas sanitarias limítrofes ao distrito sanitario onde xorde a oferta.

Anexo VI. Ámbito territorial e data de corte de requisitos e méritos por categoría.

Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de

saúde de Galicia

En Santiago de Compostela, no marco da Mesa Sectorial de Negociación do persoal de institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, de conformidade coas facultades conferidas no artigo 80 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e no artigo 38 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, así como as competencias outorgadas á referida mesa sectorial polo acordo entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais da Mesa Xeral, e logo do proceso negociador que culminou na sesión da citada mesa sectorial do 17 de marzo de 2026, subscríbese este pacto de selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia co contido que a seguir se expón:

I. Normas xerais.

I.1. Obxecto.

Este pacto establece e regula o procedemento de selección, a través de listas elaboradas consonte baremo, das persoas aspirantes a nomeamentos estatutarios temporais do Sistema público de saúde de Galicia.

I.2. Ámbito de aplicación.

Será de aplicación a todos os nomeamentos temporais que resulte necesario formalizar nas diversas categorías estatutarias no ámbito do Sistema público de saúde de Galicia, baixo as modalidades establecidas na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

I.3. Vixencia e denuncia.

Este pacto entrará en vigor aos vinte (20) días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, coa excepción dos puntos que impliquen un desenvolvemento técnico, os cales se irán implantando de maneira progresiva durante a súa vixencia.

En consonancia co indicado no parágrafo anterior, o procedemento xeral telemático descrito na epígrafe III.2.1 iniciará o seu funcionamento nun prazo de dous (2) anos desde a entrada en vigor deste pacto. O seu comezo farase dun xeito progresivo e poderase inicialmente limitar a súa implantación a unha determinada categoría/especialidade, distrito e/ou tipo/duración do contrato.

A súa vixencia rematará o 31 de decembro de 2030 e prorrogarase automaticamente por sucesivos períodos dun ano, de non mediar denuncia expresa de calquera das partes cunha antelación mínima de dous (2) meses ao remate de cada ano natural.

De existir denuncia da vixencia deste pacto, prorrogarase a súa efectividade ata a formalización do novo pacto ou norma que o substitúa, tras a negociación correspondente.

I.4. Réxime transitorio.

I.4.1. Serán de aplicación o Pacto do 13 de xuño de 2016 (Diario Oficial de Galicia núm. 123, do 30 de xuño) e o Pacto do 11 de decembro de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 240, do 18 de decembro) á xeración da lista definitiva daquelas categorías con proceso de selección actualmente en tramitación. As sucesivas xeracións nestas categorías efectuaranse consonte a nova regulación.

I.4.2. Mentres non se publiquen as listas definitivas de persoas aspirantes seleccionadas en aplicación dos criterios contidos neste pacto, serán de aplicación, respecto de cada categoría e para os chamamentos que resulte necesario efectuar, as últimas listaxes confeccionadas e as normas de xestión contidas na regulación anterior correspondente.

I.5. Seguimento do Pacto.

I.5.1. O seguimento deste pacto será efectuado por unha Comisión Central, con sede nos servizos centrais do Servizo Galego de Saúde, e polas comisións periféricas de área sanitaria que se constitúan.

I.5.2. As entidades públicas con personalidade xurídica formarán parte da Comisión Periférica da área sanitaria que corresponda por razón da localización territorial do órgano onde se efectúe o chamamento.

As ditas comisións estarán compostas por un/unha representante, titular e suplente, de cada unha das organizacións sindicais asinantes do Pacto e un número igual de representantes designados pola Administración sanitaria, con proporción equilibrada de ambos os dous sexos. A persoa suplente só participará nas reunións en ausencia da titular.

I.5.3. A Comisión Central de Seguimento terá as seguintes competencias:

– Unificar e establecer os criterios de actuación e interpretación deste pacto.

– Resolver en única instancia, sen prexuízo dos recursos que procedan, as incidencias e controversias de afectación xeral que deriven da aplicación do Pacto.

– Acordar as medidas de excepcionalidade que se consideren oportunas na aplicación desta regulación ante circunstancias imprevistas e puntuais, entre outras, de indispoñibilidade de aspirantes.

– Propor, para a súa aprobación polo órgano competente, a modificación do catálogo de categorías profesionais compatibles e subsidiarias previstas nos anexos I e II, cando razóns técnicas e de xestión así o permitan ou requiran, a incorporación de novas áreas especiais, logo de informe favorable da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria, así como a modificación do ámbito de inscrición ou das datas de xeración de listas.

– Elaborar, para a súa aprobación pola Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, procedementos e protocolos básicos de xestión de chamamentos, de obrigado cumprimento, sen prexuízo das particularidades e adaptacións propias de cada centro de xestión.

– As demais explicitamente recoñecidas neste pacto.

I.5.4. As comisións periféricas de seguimento asumirán as seguintes competencias:

– Exercerán o control da execución dos chamamentos das persoas aspirantes en todo o seu ámbito.

– Coñecerán en única instancia, sen prexuízo dos recursos que procedan, de todas as incidencias e reclamacións que se produzan no procedemento de xestión de chamamentos do seu respectivo ámbito e formularán as oportunas propostas de resolución vinculantes ás xerencias correspondentes para o seu traslado, de ser o caso, ás persoas interesadas.

– Serán informadas dos servizos/unidades concretos que formarán parte de cada unha das áreas especiais relacionadas no punto II.5.1.

– No relativo ao indicado no anexo III sexto, serán informadas dos ámbitos funcionais en que exista especialidade.

– As demais explicitamente recoñecidas neste pacto.

I.5.5. A Presidencia das comisións corresponderalle a un dos membros designados pola Administración, e actuará como secretario/a destas, con voz e voto, outro dos seus representantes. Nas votacións que se realicen, o voto do/da presidente/a será dirimente no caso de empate.

I.5.6. As comisións de seguimento reuniranse, con carácter ordinario, unha vez ao trimestre a Comisión Central, e unha vez ao mes as periféricas. Así mesmo, reuniranse con carácter extraordinario cantas veces sexan convocadas pola Presidencia ou logo da proposta de, cando menos, a terceira parte dos seus integrantes.

I.5.7. As comisións elaborarán o seu regulamento de funcionamento interno, que se axustará en todo caso ao establecido no título preliminar, capítulo II, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e no título I, capítulo I, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

II. Selección das persoas aspirantes.

A/ Normas xerais.

II.1. Requisitos das persoas aspirantes.

Poderán inscribirse nas listas que se elaboren en aplicación deste pacto as persoas interesadas que reúnan os seguintes requisitos:

II.1.1. Requisitos comúns:

a) Nacionalidade: ter a nacionalidade española ou a dun Estado membro da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, estar incluído no ámbito de aplicación dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España nos cales sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as ou ter recoñecido tal dereito por norma legal.

Así mesmo, poderán participar o/a cónxuxe ou parella de feito dos/das españois/las e dos/das nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, así como os/as seus/súas descendentes e os/as do/da seu/súa cónxuxe ou parella de feito, que sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

Están exentas do requisito da nacionalidade as categorías profesionais de licenciado/a sanitario/a e diplomado/a sanitario/a.

b) Idade: ter 16 anos de idade e non exceder a idade de xubilación forzosa establecida pola normativa vixente.

O cumprimento da idade de xubilación forzosa suporá a baixa inmediata da condición de aspirante na lista, para efectos de chamamentos.

Os/as aspirantes admitidos/as nas listas para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais, estean ou non vinculados na data de cumprimento da idade de xubilación, poderán prorrogar a súa permanencia na lista, máis alá desta idade, cos mesmos requisitos e coa mesma duración máxima que a aplicada en cada momento no procedemento de prolongación da permanencia no servizo activo do persoal estatutario fixo da mesma categoría.

A aceptación desta prórroga de permanencia na lista virá condicionada á solicitude previa da propia persoa aspirante ante a Xerencia do distrito sanitario onde estea inscrita, ou, de tratarse de listas de ámbito autonómico, ante a Xerencia do distrito sanitario a que dirixiu a súa solicitude de inscrición. A dita prórroga deberá solicitarse cunha antelación mínima de tres (3) meses e máxima de catro (4) meses á data de cumprimento da idade de xubilación forzosa.

En todo caso, a permanencia nas listas condicionarase ao mantemento da capacidade funcional da persoa interesada para exercer a profesión ou desenvolver as actividades correspondentes ao seu nomeamento.

c) Capacidade funcional: posuír a capacidade funcional necesaria para o desempeño das funcións que deriven do/dos correspondente/s nomeamento/s.

A prol da protección da seguridade e saúde dos/das profesionais e da calidade asistencial, a Administración sanitaria poderá requirir, en calquera momento, da Unidade de Prevención de Riscos Laborais (UPRL) ou órgano competente, con carácter previo ou no transcurso dalgunha vinculación, a verificación da posesión do requisito de capacidade funcional das persoas aspirantes cando, por razón das ausencias destas no transcurso de vinculacións precedentes ou de calquera outra circunstancia, resulte necesario determinar a súa aptitude para o desenvolvemento das funcións propias da categoría a que opta ou para futuros nomeamentos.

Se, como resultado da valoración, se conclúe que a persoa aspirante non reúne a capacidade funcional necesaria, esta manterase en situación de suspensión de chamamentos na lista da categoría correspondente ata a recuperación do dito requisito. No entanto, a persoa aspirante suspendida poderá solicitar a revisión da súa capacidade funcional, de considerar que se produciu unha mudanza desta, ante o citado órgano.

Das suspensión orixinadas por este motivo darase coñecemento na correspondente Comisión Periférica.

d) Habilitación: non ter sido separado/a do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera servizo de saúde ou Administración pública nos seis anos anteriores, nin estar inhabilitado/a con carácter firme para o exercicio de funcións públicas, de ser o caso, para a correspondente profesión.

No caso das persoas nacionais doutro Estado, non encontrarse inhabilitado/a, por sanción ou pena, para o exercicio profesional ou para o acceso a funcións ou servizos públicos nun Estado membro, nin ter sido separado/a, por sanción disciplinaria nin, dalgunha das administracións ou servizos públicos nos seis anos anteriores.

e) Titulación: posuír a titulación que, segundo se fai constar no modelo de instancia, habilita para o exercicio da profesión correspondente ou estar en condicións de obtela na data da fin da valoración de requisitos do respectivo proceso de xeración, sen prexuízo do establecido na epígrafe correspondente para a quenda de promoción profesional.

No caso de titulacións extracomunitarias ou obtidas noutro Estado membro da Unión Europea, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para efectos profesionais, respectivamente.

Para o desenvolvemento de actividades que impliquen a manipulación de material ou equipos radioactivos con fins médicos, as persoas aspirantes das categorías de enfermeiro/a e técnico/a superior sanitario deberán estar provistas da oportuna licenza de operador, concedida polo Consello de Seguridade Nuclear, no campo de aplicación que corresponda.

f) Protección xurídica do/da menor: para o exercicio das actividades que impliquen contacto habitual con persoas menores de idade, non ter sido condenado/a por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, de conformidade coa previsión contida no artigo 57 da Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia.

g) Aboamento das taxas por dereito de primera inscrición que, de ser o caso, correspondan.

Para tal efecto, non teñen a consideración de primeira inscrición e, en consecuencia, non xeran a obriga de aboamento de taxa, os cambios de distrito, de quenda ou do ámbito de prestación de servizos previsto nas epígrafes II.5, II.6 e II.7. Os cambios de categoría ou a inscrición posterior na mesma categoría mediando unha renuncia previa obriga ao aboamento de taxa.

II.1.2. Promoción profesional:

a. O persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde poderá acceder pola quenda de promoción profesional a nomeamentos estatutarios temporais dunha categoría do mesmo ou superior nivel de titulación a aquel que posúe, sempre que reúna, ademais dos requisitos indicados na epígrafe II.1.1, os seguintes:

– Ter a condición de persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde, en servizo activo, nunha categoría/especialidade de nivel académico igual ou inferior a aquel a que se opta.

– Posuír a titulación requirida.

a.1. Regulados os requisitos da epígrafe II.1.2.a, e co obxecto de harmonizar e unificar os criterios da oferta de contratación temporal, cómpre aclarar o seguinte:

– As persoas aspirantes que en virtude desta epígrafe cumpran os requisitos de admisión da quenda de promoción profesional temporal pero opten por manterse na quenda libre serán receptores das ofertas de contratación temporal que lles poidan corresponder pola citada quenda consonte os seguintes criterios:

• Ofertaránselles todos os vínculos, sexa cal for a súa duración, pola súa orde de prelación na lista da quenda libre.

• De aceptaren e formalizaren o nomeamento ofertado, serán declararadas en situación de excedencia por prestación de servizos no sector público no posto fixo de orixe.

– As persoas aspirantes que en virtude desta epígrafe cumpran os requisitos de admisión na quenda de promoción profesional temporal e opten pola formalización da súa inscrición nesta quenda serán receptoras das ofertas de contratación temporal que lles poidan corresponder pola citada quenda (promoción profesional temporal), pero tendo en conta que, durante este período transitorio ata a seguinte actualización da lista e a súa integración na listaxe vixente de promoción profesional temporal, a súa orde de prelación será a que subsidiariamente lles corresponda consonte a súa posición na listaxe de indispoñibilidade de aspirantes (epígrafe III.4.3º deste pacto). Neste suposto, as ofertas de que resulte adxudicatario/a formalizaranse xa en réxime de promoción profesional temporal con mantemento da situación de servizo activo no posto fixo de orixe.

a.2. De conformidade co previsto no artigo 34.5 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, non se exixirá o requisito de titulación para o acceso ás categorías do artigo 7.2.b) da citada lei, agás que sexa necesaria unha titulación, acreditación ou habilitación profesional específica para o desempeño das novas funcións, sempre que o/a interesado/a prestase servizos durante cinco anos na categoría de orixe e teña a titulación exixida no grupo inmediatamente inferior á categoría a que opta.

b. Promoción profesional por discapacidade intelectual: o persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde que acadase o vínculo de fixeza a través dun proceso de selección fixa pola quenda de discapacidade intelectual só poderá acceder a nomeamentos estatutarios temporais pola quenda de promoción profesional temporal naquelas categorías/especialidades en que exista unha lista específica de acceso para as persoas que acrediten a dita discapacidade.

Regulada esta particularidade, os demais requisitos que deberá cumprir este persoal para acceder pola dita quenda serán os mesmos que os exixidos na epígrafe II.1.2.a precedente.

II.1.3. Non serán admitidas as solicitudes das persoas que fosen excluídas das listas confeccionadas en aplicación dos pactos do 1 de abril de 1993 (Diario Oficial de Galicia do 13 de abril) e sucesivos, polas causas de penalización previstas neles, agás que dispoñan de autorización expresa para reincorporarse ás listas, nos termos dispostos na epígrafe IV deste pacto.

II.1.4. O persoal estatutario fixo non se poderá inscribir nas listas de selección temporal da mesma categoría que posúe.

II.2. Quendas de acceso e ámbito de dispoñibilidade.

II.2.1. A selección de persoal estatutario temporal efectuarase, con carácter xeral, a través dunha única lista por categoría e ámbito territorial de dispoñibilidade, coa diferenciación de dúas quendas de acceso: libre e promoción profesional.

Admitirase a inscrición en máis dunha lista nos supostos previstos no anexo I.

Para os efectos deste pacto e motivado nas particularidades de organización e de funcionamento, a enfermaría da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 operará de forma diferenciada e disporá de lista propia.

II.2.2. As listas elaboraranse, en ambas as dúas quendas de acceso, por categoría profesional e ámbito territorial de distrito sanitario, agás nos colectivos profesionais de bibliotecario/a, dietista-nutricionista, enfermeiro/a especialista en enfermaría do traballo, enxeñeiro/a biomédico/a, enxeñeiro/a técnico/a, grupo de xestión da función administrativa, grupo técnico da función administrativa, licenciado/a sanitario/a de atención hospitalaria, lista xeral de graduado/licenciado en medicina, persoal sanitario do 061, técnico/a de grao medio en biblioteconomía e documentación, técnico/a de grao medio en prevención de riscos laborais, técnico/a de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, técnico/a especialista de sistemas e tecnoloxías da información, técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información, técnico/a superior en ciencias da información, técnico/a superior en dietética, técnico/a superior en documentación sanitaria, técnico/a superior en prevención de riscos laborais e traballador/a social, e naquelas categorías que a Comisión Central de Seguimento acorde que teñan ámbito distinto.

Nas listas de ámbito autonómico, a persoa aspirante poderá seleccionar no formulario electrónico de inscrición (Fides/expedient-e) o/os distrito/s sanitario/s de opción preferente para a prestación de servizos. Na falta de opción, entenderase que opta por calquera deles.

Integrarán cada distrito sanitario, para os efectos deste pacto, os centros, unidades e dispositivos asistenciais dependentes do Servizo Galego de Saúde e entidades públicas adscritas á Consellería de Sanidade con localización no referido ámbito territorial, nos termos da normativa autonómica sobre estrutura de áreas e ordenación territorial no ámbito sanitario.

En contraposición co regulado nesta epígrafe, as listas dos colectivos profesionais recollidos no capítulo V deste pacto terán ámbito territorial de área sanitaria.

II.2.3. Co obxecto de adecuar as/os aspirantes dispoñibles para a formalización de nomeamentos estatutarios temporais ás necesidades organizativas e asistenciais dos distritos sanitarios, actualizaranse periodicamente a través de Fides/expedient-e os ámbitos territoriais de inscrición de cada categoría, en lista xeral e, de ser o caso, área especial.

Esta actualización efectuarase o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da lista definitiva de puntuacións e orde de prelación de cada categoría, e farase visible no formulario electrónico de inscrición.

Desde este momento e ata a data límite de corte do seguinte proceso de xeración, a/o aspirante poderá introducir no formulario electrónico de inscrición as modificacións que considere oportunas, que producirán efecto na seguinte listaxe que se xere, derivada do proceso de actualización.

II.2.4. Sistema diferenciado de acceso por discapacidade intelectual. Naquelas categorías en que se convocase un proceso de selección fixa cunha quenda diferenciada de acceso para as persoas que acrediten discapacidade intelectual, logo de finalizado este coa publicación do nomeamento das persoas aspirantes seleccionadas, habilitarase, ademais do sistema xeral de acceso, unha lista diferenciada de ámbito autonómico con opción de distrito preferente, á cal poderán acceder as persoas que acrediten unha discapacidade intelectual. Esta lista diferenciada, igual que o resto, disporá da posibilidade de inscribirse pola quenda de acceso libre ou pola quenda de acceso de promoción profesional temporal, esta última xa regulada na epígrafe II.1.2.b.

II.3. Baremo.

II.3.1. A orde de prelación das persoas aspirantes na lista, en cada unha das quendas de acceso, vén determinada pola puntuación que resulte da aplicación dun baremo que terá en conta a valoración dos seguintes méritos e na seguinte ponderación, ata un máximo de 100 puntos:

II.3.1.1. A maior das puntuacións globais obtidas pola persoa aspirante na fase de oposición dos dous últimos procesos selectivos convocados e resoltos polo Servizo Galego de Saúde na categoría a que opta, con independencia da superación ou non desta fase. A puntuación máxima acadable por este concepto será de 60 puntos.

Para estes efectos, entenderase como data de finalización do proceso selectivo a data de publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola cal se declara rematada a fase de oposición do respectivo proceso.

Para a asignación de puntuación nesta epígrafe, o/a aspirante deberá reunir o requisito de titulación para o acceso á categoría/especialidade na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación en tal proceso.

Non se valorarán en ningún suposto puntuacións derivadas da participación en procesos selectivos anteriores á OPE 2006.

O coñecemento da lingua galega polas persoas aspirantes que non participasen no último proceso selectivo convocado ou que, participando, non realizasen a correspondente proba ou obtivesen nesta unha puntuación inferior á máxima posible para acadar neste punto, valorarase nesta epígrafe, coa puntuación máxima asignada a tal mérito en proceso selectivo, logo de acreditación do seu coñecemento no nivel exixido conforme certificación oficial regulada na Orde do 16 de xullo de 2007 (Diario Oficial de Galicia núm. 146, do 30 de xullo), segundo modificación efectuada pola Orde do 10 de febreiro de 2014.

II.3.1.2. A experiencia profesional, formación acreditada e outros méritos da persoa aspirante de acordo co baremo utilizado na última convocatoria de selección de persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde, na categoría correspondente. A puntuación máxima acadable nesta epígrafe será de 40 puntos.

Na epígrafe de experiencia profesional, sen que se poida superar a puntuación máxima prevista para tal epígrafe no respectivo baremo de selección fixa, valorarase a permanencia e efectiva dispoñibilidade das persoas que acaden a condición de titular nas listas especiais para nomeamentos de curta duración, cunha puntuación de 1,5 puntos por ano ou a que proporcionalmente corresponda, cun máximo de 4,5 puntos.

Ás persoas aspirantes que durante a vixencia dos pactos sobre selección temporal aprobados polas resolucións do 24 de maio de 2004, 26 de abril de 2011 e 13 de xuño de 2016 figurasen inscritas nas listas especiais para nomeamentos de curta duración (pool) previstas neles, valoraráselles o tempo de permanencia e dispoñibilidade acreditada nas citadas listas nos termos previstos no parágrafo anterior.

II.3.2. No suposto de que na data do 31 de outubro, ou 30 de xuño para as categorías/especialidades para as cales se exixa como requisito de acceso ter superado unha especialidade sanitaria, se publicase logo de negociación coas organizacións sindicais un novo baremo para os procesos de selección fixa de concurso-oposición dentro do organismo, a valoración da experiencia profesional, formación acreditada e demais méritos das persoas aspirantes na xeración de listas que se efectúe coa información que consta en Fides na dita data realizarase consonte este último baremo.

II.3.3. Os empates de puntuación que se poidan producir resolveranse, en primeiro lugar, a favor das persoas aspirantes que participasen no último proceso selectivo de persoal estatutario fixo convocado polo Servizo Galego de Saúde, e entre eles, a prol do que acadase a maior puntuación na fase de oposición. De persistir o empate, resolverase a favor da persoa que acredite maior puntuación na epígrafe de experiencia profesional; a continuación, dirimirase o desempate a favor da persoa aspirante do xénero infrarrepresentado na categoría a que opta e, posteriormente, aplicarase o criterio da maior idade. En último lugar, terase en conta a data interna de alta da inscrición en Fides priorizando a máis antiga.

Enténdese, para estes efectos, que existe infrarrepresentación cando na categoría/especialidade existe unha diferenza porcentual de, polo menos, vinte puntos entre o número de mulleres e o número de homes.

II.3.4. A Administración, de oficio, en calquera momento logo de audiencia da persoa interesada, poderá excluír ou rectificar a puntuación asignada a un/unha aspirante e, de ser o caso, a orde de prelación na lista, nos supostos en que se constate, da documentación que integra o expediente, a indebida valoración dalgún/s mérito/s ou requisito ou calquera outro erro. Das rectificacións que se efectúen será informada a Comisión Central de Seguimento do Pacto.

II.3.5. En todas as categorías de persoal de xestión e servizos dos subgrupos A1 e A2 para as cales non se requira como requisito de acceso unha titulación académica específica para o exercicio das súas funcións, cando as características da praza obxecto de cobertura así o requiran, logo de autorización da Dirección Xeral de Recursos Humanos, poderáselles realizar ás persoas aspirantes inscritas en lista unha proba teórica e/ou práctica, co obxecto de acreditar a aptitude do/da profesional para o desempeño do citado posto. Estarán exentas da realización desta proba todas aquelas persoas que resultasen aptas, polo menos, nunha fase de oposición dun dos dous últimos procesos selectivos da categoría.

A convocatoria para a realización da/das dita/s proba/s efectuaraa a Dirección-Xerencia respectiva, que deberá informar da súa realización a Comisión Periférica de Seguimento do pacto do seu ámbito.

Para tal efecto, nomearase unha Comisión de Valoración que estará constituída por presidente/a, dous vogais e secretario/a. Na composición procurarase garantir a presenza de profesionais con destino en dúas áreas sanitarias ou, cando menos, dous distritos sanitarios distintos. Todos os membros terán a condición de persoal funcionario de carreira, laboral fixo ou estatutario fixo en praza ou categoría para a cal se exixa posuír titulación do nivel académico igual ou superior á exixida para o acceso. Como mínimo, dous dos membros pertencerán ou terán a titulación da categoría en que se realiza a selección.

Na designación dos membros da Comisión deberá respectarse o disposto no artigo 60 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro.

As persoas integrantes da Comisión deberán absterse de intervir no proceso para o cal foron designadas cando se encontren incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 23.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

II.3.6. Así mesmo, promoveranse accións formativas específicas sobre a utilización das aplicacións informáticas propias do Servizo Galego de Saúde, dirixidas ás persoas aspirantes das categorías de xestión e servizos que teñan como parte destacada do seu contido funcional o emprego destas ferramentas.

II.4. Procedemento de elaboración de listas.

As listas de selección de persoal estatutario temporal reguladas neste pacto terán carácter aberto e serán obxecto de actualización anual.

Non obstante, co obxecto de garantir a dispoñibilidade de profesionais nas diversas categorías, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, logo de tratamento na Comisión Central de Seguimento do Pacto, no suposto en que se detecte unha insuficiencia de persoas aspirantes nunha lista, poderá acordar a xeración desta cunha periodicidade distinta á prevista no punto anterior.

II.4.1. Primeira inscrición.

II.4.1.1. Instancia de participación. As persoas interesadas en formar parte das listas deberán cubrir un formulario de inscrición, en modelo normalizado, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es/Oficina Virtual/Expedient-e), que deberán presentar en Rexistro administrativo, electrónico ou presencial ou a través de calquera dos procedementos do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Na inscrición faranse constar expresamente a/as categoría/s a que opta e o ámbito territorial de dispoñibilidade. Con carácter xeral, cada persoa aspirante non poderá solicitar máis dunha categoría e ámbito territorial. Admitirase a inscrición en máis dunha categoría nos termos que se recollen no anexo I deste pacto.

As persoas aspirantes que accedan pola quenda de promoción profesional poderán inscribirse en calquera distrito sanitario.

Nas listas de ámbito autonómico, agás as correspondentes á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os/as aspirantes poderán indicar o/os distrito/s sanitario/s en que solicitan prestar servizos con carácter preferente. De non concretar ningunha, entenderase que optan por calquera deles.

Nos diversos centros de xestión do organismo facilitaráselles ás persoas interesadas a información e o apoio administrativo necesarios para a presentación da solicitude.

II.4.1.2. Tempo. As persoas aspirantes poderán presentar a solicitude de inscrición en listas en calquera momento, sen suxeición a prazo. En cada proceso anual de xeración de listas que se efectúe incluiranse as solicitudes e os méritos que consten rexistrados en Fides/expedient-e o 31 de outubro, ou o 30 de xuño no caso de categorías/especialidades para as cales se exixa como requisito de acceso ter superado unha especialidade sanitaria.

II.4.2. Rexistro e acreditación de requisitos e méritos.

As persoas aspirantes deberán rexistrar no sistema de información Fides/expedient-e os requisitos de participación e méritos que posúan e proceder á súa acreditación documental, ante unha unidade de validación das relacionadas no propio formulario de inscrición, mediante orixinal, copia compulsada ou na forma establecida, para cada mérito, no último proceso de selección fixa convocado polo Servizo Galego de Saúde para o acceso á categoría.

Verificada a citada documentación, procederase á súa validación en Fides/expedient-e.

Non será necesaria a acreditación documental dos requisitos e méritos que aparezan validados no sistema de información Fides/expedient-e. Non obstante, a Administración, en calquera momento poderá requirirlle á persoa aspirante a acreditación documental de calquera requisito ou mérito aínda que conste validado.

En cada xeración de listas que se efectúe, os requisitos de participación irán referidos ao 31 de outubro, ou o 30 de xuño, no caso de categorías/especialidades para as cales se exixa como requisito de acceso ter superado unha especialidade sanitaria. Tales requisitos deberaos manter o/a aspirante ata a formalización, de ser o caso, do oportuno nomeamento.

Os méritos que se van valorar serán os causados ata o día 15 de outubro, este incluído, que consten debidamente rexistrados en Fides/expedient-e e acreditados documentalmente pola persoa interesada o 31 de outubro, agás no suposto das categorías/especialidades para as cales se exixa como requisito de acceso ter superado unha especialidade sanitaria, en que se valorarán os méritos causados ata o 15 de xuño, este incluído, que consten debidamente rexistrados en Fides/expedient-e e acreditados documentalmente pola persoa interesada o 30 de xuño.

A falta de acreditación por parte da persoa interesada do cumprimento dos requisitos de admisibilidade consignados na solicitude de inscrición, na forma e no tempo expostos, así como a consignación de datos falsos nela, suporá a perda do dereito a figurar inscrita na lista correspondente, sen prexuízo das demais responsabilidades que procedan.

Os requisitos e méritos que non consten rexistrados en Fides/expedient-e na data de fin de cada proceso de xeración non se terán en consideración para ese proceso.

II.4.3. Aspirantes admitidos/as en lista anterior da mesma categoría.

As persoas aspirantes que figuren na relación definitiva de admitidos/as dunha categoría na última lista en vigor elaborada a través de Fides/expedient-e e non desexen efectuar ningunha modificación nas condicións de participación no proceso anterior non terán a obriga de formalizar unha nova inscrición para resultaren admitidas na seguinte xeración de listas que se efectúe.

Se a persoa aspirante desexa efectuar algunha modificación nas condicións de participación no último proceso, deberá efectuar esta a través da oficina virtual do profesional (Fides/expedient-e) no formulario de inscrición habilitado para o efecto (inscrición editable).

Só no suposto de que a modificación introducida requira a presentación de documentación, do cal se advertirá pola aplicación informática, o/a aspirante virá obrigado/a a presentar a solicitude nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

As modificacións introducidas producirán efectos na seguinte xeración de listas que se efectúe.

As persoas aspirantes poderán actualizar os seus méritos na forma e nos prazos que se indican na epígrafe II.4.2.

II.4.4. Xeración e publicación de listas.

Coa información que conste en Fides, expedient-e o 31 de outubro de cada ano, ou o 30 de xuño (para as categorías con requisito de acceso de especialidade sanitaria), elaboraranse e publicaranse na páxina web do Servizo Galego de Saúde as listas de aspirantes a nomeamentos temporais nas diversas categorías.

Se, con posterioridade ao 31 de outubro, ou ao 30 de xuño (para as categorías con requisito de acceso de especialidade sanitaria), e antes da publicación da lista definitiva de baremación de cada categoría, finalizase a fase de oposición dun proceso de selección fixa convocado polo Servizo Galego de Saúde, na xeración de listas que se efectúe teranse en conta, para valorar a maior das puntuacións obtidas nos dous últimos procesos selectivos convocados polo Servizo Galego de Saúde, os resultados deste novo proceso.

A Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde anunciará no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web do organismo, a publicación das listas e a súa data de efectos, e ata a dita data manteranse vixentes as listas inmediatamente anteriores. O citado anuncio conterá, ademais, referencia expresa aos recursos que procede interpor, órgano competente para o seu coñecemento e prazos de interposición.

Con carácter xeral, entre a publicación da lista definitiva actualizada e a vixente inmediatamente anterior non mediará máis dun ano. Procurarase que o proceso de xeración de listas de todas as categorías finalice antes do 30 de xuño de cada ano.

II.4.5. Modificacións sobrevidas durante o período de vixencia dunha lista.

II.4.5.1. Co fin de promover a conciliación da vida laboral e familiar, e con base en circunstancias debidamente acreditadas e sobrevidas con posterioridade á data de fin de inscrición en cada proceso de xeración, as persoas aspirantes poderán solicitar o cambio de distrito de prestación de servizos. Comprobada a concorrencia das ditas circunstancias pola Comisión Central de Seguimento do Pacto, o cambio na lista definitiva producirá efecto na xestión dos chamamentos nun prazo non superior a quince (15) días desde a data da resolución que o autorice e o/a profesional poderá renunciar sen penalización ao vínculo que teña no distrito de orixe. Na páxina web do Servizo Galego de Saúde informarase dos acordos adoptados.

Facilitarase, así mesmo, o cambio de distrito das persoas aspirantes vítimas de violencia de xénero, co debido respecto e protección dos seus datos de carácter persoal.

II.4.5.2. O persoal estatutario fixo de novo ingreso en virtude do remate dun proceso selectivo convocado polo Servizo Galego de Saúde será dado de baixa automaticamente como aspirante a nomeamentos temporais na categoría en que adquire a condición de persoal estatutario fixo, desde a data de toma de posesión da praza adxudicada.

O persoal estatutario fixo incluído nunha lista de promoción profesional temporal que se incorpore a un novo destino con ocasión dun concurso de traslados ou dun proceso selectivo a través da quenda de promoción profesional poderá solicitar, durante o prazo de toma de posesión, a súa inclusión nas listas de promoción temporal do distrito sanitario de destino na mesma categoría en que figuraba inscrito. O cambio producirá efectos desde a finalización dos prazos de toma de posesión.

II.4.5.3. A modificación de datos persoais poderá efectuala en calquera momento a persoa aspirante e producirá efectos na xestión das listas desde o día seguinte ao da data de modificación.

II.4.5.4. Habilitarase en Fides/expedient-e, dentro da epígrafe de inscrición nas listas de selección temporal, unha ligazón específica que lle permitirá ao/á aspirante acceder a un formulario de renuncia á inscrición en listas, que, logo de completado, deberá ser presentado por rexistro, presencial ou telematicamente, dirixido á mesma unidade de validación da inscrición. A renuncia producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa presentación.

II.4.6. Novas categorías e reordenación.

II.4.6.1. No suposto de creación dunha categoría de persoal estatutario, a selección de persoas aspirantes a nomeamentos temporais na respectiva categoría axustarase ao réxime previsto neste pacto, nos termos do disposto no respectivo decreto de creación.

O baremo de aplicación será o previsto na epígrafe II.3 coas adaptacións que, de ser o caso, resulte necesario introducir logo da súa negociación no seo da Comisión Central de Seguimento do Pacto.

No período comprendido entre a finalización do prazo de inscrición previsto na resolución de creación da nova categoría e a data de publicación das listas definitivas que se xeren en desenvolvemento dela, no caso de ser necesario realizar unha contratación de aspirantes, o chamamento para a formalización de nomeamentos temporais desta nova categoría efectuarase respectando a orde prevista para os supostos de indispoñibilidade de aspirantes que se contén na epígrafe III.4.3º deste pacto.

II.4.6.2. De producirse reclasificacións profesionais como consecuencia de reordenacións organizativas e asistenciais, que afecten categorías previamente ofertadas na selección temporal e que impliquen a desaparición da anterior categoría, ou ben a súa reconversión noutra diferente, garántese o dereito das persoas aspirantes a formar parte das listas de selección temporal da nova categoría en que aquela ou aquelas se reclasifiquen, no ámbito territorial afectado pola reordenación, desde a data de efectos desta e ata a seguinte xeración de listas.

No suposto anterior, e para os efectos da valoración de méritos, os servizos prestados na categoría de orixe polas persoas aspirantes que voluntariamente decidan formar parte das listas da nova categoría serán valorados, de ser o caso, como prestados na nova categoría en que se integran.

B/ Disposicións especiais.

II.5. Áreas especiais.

II.5.1. Nas categorías e servizos que se relacionan a continuación, a cobertura das necesidades de vinculación de duración non superior a 180 días efectuarana, con carácter preferente, os/as aspirantes admitidos/as na lista da correspondente área especial:

• Celador/a: nas unidades de críticos, quirófano e saúde mental.

• Enfermeiro/a: nas áreas de citostáticos, banco de sangue, UCI-Reanimación-Queimados, Hemodinámica-Electrofisioloxía-Radioloxía Intervencionista, UCI pediátrica, quirófanos, hemodiálise, transplantes, hospital de día oncohematolóxico, hospital de día oncopediátrico, prematuros-neonatos, servizos de transfusión, unidades de hospitalización de transplante de precursores hematopoéticos, unidades de endoscopia, urxencias hospitalarias e na Unidade de Hemodoazón e Aférese da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

• Médico/a de familia: na Unidade de Hemodoazón e Aférese da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

• Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría: nas unidades de endoscopia, esterilización, hemodiálise, prematuros-neonatos, quirófanos, saúde mental, UCI pediátrica, UCI-Reanimación-Queimados e Urxencias hospitalarias.

• Técnico/a superior de anatomía patolóxica e citoloxía: na Área de Citodiagnóstico.

• Técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico: na Unidade de TAC, na Unidade de Resonancia Magnética e nas unidades móbiles de Resonancia Magnética de Galaria.

• Técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico: na Unidade de Fraccionamento da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos e o Banco de Sangue.

II.5.2. Para resultaren admitidas nas ditas listas, as persoas aspirantes deberán, ademais de reunir os requisitos previstos na epígrafe II.1.1, facer constar na solicitude de inscrición e acreditar nos termos exixidos neste pacto unha experiencia profesional mínima de sesenta 60 días na/nas referida/s áreas e categoría, por conta e baixo a dependencia de institucións sanitarias do Sistema sanitario público español/Unión Europea/Espazo Económico Europeo/Suíza ou cento vinte (120) días en institucións sanitarias privadas concertadas ou con autorización de uso e/ou formación práctica específica na categoría e área/s solicitada/s, impartida polo Servizo Galego de Saúde.

Na categoría de enfermeiro/a, para o acceso ás áreas especiais de Hospital de Día Oncopediátrico, Prematuros-Neonatos e UCI Pediátrica, equipárase á formación práctica específica impartida polo Servizo Galego de Saúde ao título oficial de especialista en Enfermaría Pediátrica.

Nesta mesma categoría, para o acceso á área especial de UCI-Reanimación-Queimados, será equiparable para estes efectos a formación universitaria oficial ou de título propio de máster, experto ou especialización en coidados críticos, enfermaría intensiva ou equivalente, sempre e cando acredite un mínimo de 150 horas de prácticas clínicas na área correspondente e conste realizada nos últimos dez (10) anos.

Así mesmo, e en idénticos termos, para o acceso ás áreas especiais de Quirófanos e Urxencias Hospitalarias equipárase á formación impartida polo Servizo Galego de Saúde a formación universitaria oficial ou de título propio de máster, experto ou especialización nos respectivos ámbitos, sempre e cando acrediten un mínimo de 150 horas de prácticas clínicas na área correspondente e conste realizada nos últimos dez (10) anos.

Non será necesaria a acreditación documental polo/a aspirante do requisito de formación práctica específica impartida polo Servizo Galego de Saúde.

Esta formación impartiraa o Servizo Galego de Saúde conforme o procedemento e instrucións que, en desenvolvemento deste pacto, se elaboren no seo da Comisión Central de Seguimento do Pacto.

As xerencias deberán organizar cada ano accións formativas para a prestación de servizos en áreas especiais e deberán informar no seo das comisións periféricas, cunha periodicidade semestral, das accións formativas que prevén realizar e da formación realizada durante ese período.

II.5.3. Inclusión automática nas listas da área especial das persoas aspirantes que solicitan e superan a formación práctica específica.

As persoas aspirantes que, no formulario electrónico de inscrición nas listas, solicitasen a formación en áreas especiais, logo de recibida e superada esta, serán incluídas de oficio como aspirantes admitidos/as dispoñibles para a formalización de nomeamentos da concreta área especial en que recibiron a formación, na seguinte actualización de listas que se efectúe na respectiva categoría.

II.5.4. Aqueles/as aspirantes que, tendo solicitado a través de Fides/expedient-e a inscrición nunha área especial, non acheguen a documentación xustificativa do cumprimento dos requisitos exixidos para resultar admitidos/as nesta lista nos termos deste pacto, só resultarán admitidos/as na lista xeral.

II.5.5 Nas listas que se elaboren, correspondentes ás categorías indicadas, farase constar de forma diferenciada a relación de persoas aspirantes que acreditaron tales méritos e área de acreditación.

II.5.6. A inclusión doutras áreas especiais distintas das previstas nos parágrafos anteriores requirirá o acordo da Comisión Central de Seguimento do Pacto.

II.6. Nomeamentos de curta duración (pool).

Nas categorías de enfermeiro/a, técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, celador/a e pinche, e as demais que se determinen por acordo da Comisión Central de Seguimento do Pacto, poderán elaborarse listas específicas para nomeamentos de curta duración co obxecto de dar cobertura ás necesidades de persoal estatutario producidas como consecuencia de ausencias de carácter urxente e non programado, de duración non superior a catro (4) días. O número máximo total de días de vinculación por persoa aspirante e mes non será superior a doce.

As listas elaboraranse por centro ou complexo, agás na categoría de enfermeiro/a. Nesta última categoría confeccionaranse dúas listas por distrito sanitario, para a prestación de servizos, respectivamente, nos centros de atención primaria e hospitalaria comprendidos no citado ámbito territorial.

As persoas interesadas na formalización de tales nomeamentos deberán facelo constar na respectiva solicitude de inscrición, indicando o ámbito de prestación de servizos polo cal optan, nos termos que se sinalan no parágrafo anterior. Cada persoa aspirante só se poderá inscribir nunha lista de curta duración.

Os centros ou complexos interesados nas ditas listas, logo do seu tratamento na Comisión Periférica da área respectiva, farán a oportuna proposta á Comisión Central de Seguimento do Pacto, que resolverá sobre a súa pertinencia e o número de aspirantes que proceda incluír, en atención ás circunstancias concorrentes e ás necesidades reais de vinculación manifestadas por aqueles.

A inscrición nestas listas é incompatible coa inscrición en listas de área especial.

II.7. Nomeamentos a tempo parcial.

As persoas interesadas que soliciten a inclusión nas listas reguladas neste pacto deberán facer constar, no espazo habilitado para o efecto no modelo de instancia previsto na cláusula II.4.1, a voluntaria aceptación ás ofertas de nomeamentos a tempo parcial que poidan xurdir na categoría e ámbito respectivo.

Na falta de consignación expresa, entenderase que a persoa aspirante non acepta voluntariamente a formalización do dito tipo de nomeamentos.

II.8. Vinculacións de curta duración no ámbito da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

A cobertura das necesidades de vinculación de persoal de enfermaría na Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, de duración previsible non superior a cento oitenta (180) días, efectuarana, con carácter preferente, aquelas persoas aspirantes que, inscritas na lista do dito ámbito, fagan constar na solicitude de inscrición e acrediten, nos termos exixidos neste pacto, unha experiencia profesional mínima de sesenta (60) días no Sistema nacional de saúde como enfermeiro/a nas áreas de urxencias e emerxencias extrahospitalarias tipo SEM, urxencias extrahospitalarias, urxencias hospitalarias, UCI ou reanimación, e/ou formación práctica específica nas referidas áreas, impartida polo Servizo Galego de Saúde e debidamente acreditada.

Poderán equipararse á formación práctica específica impartida polo Servizo Galego de Saúde determinadas titulacións académicas, logo de informe favorable da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e acordo da Comisión Central de Seguimento do Pacto. De tal modo, equipárase á formación práctica específica impartida polo Servizo Galego de Saúde a formación universitaria oficial ou de título propio de máster, experto ou especialización en coidados críticos, enfermaría intensiva ou urxencias hospitalarias, sempre e cando acredite un mínimo de 150 horas de prácticas clínicas na área correspondente e conste realizada nos últimos dez (10) anos.

Para tal efecto, nas listas que se elaboren no citado ámbito farase constar de forma diferenciada a relación de persoas aspirantes que acreditaron o/os indicado/s mérito/s.

III. Xestión de chamamentos.

III.1. Órgano competente.

III.1.1. As direccións de Recursos Humanos das áreas sanitarias serán as responsables da coordinación e a xestión de chamamentos do seu respectivo ámbito territorial, logo de determinación das necesidades de vinculación que efectúen os órganos de dirección dos centros e entidades localizados no dito ámbito.

A dita atribución competencial enténdese sen prexuízo das adaptacións que resulte necesario efectuar ao abeiro dos decretos de estrutura e ordes de delegación de competencias vixentes en cada momento, así como por razóns organizativas.

III.1.2. Como excepción, nas listas de ámbito autonómico correspondentes ás categorías de médico/a coordinador/a do 061, médico/a asistencial do 061 e enfermeiro/a do 061, a coordinación e xestión dos chamamentos efectuaraas a Dirección da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

III.2. Procedemento de realización das ofertas de vinculación.

III.2.1. Procedemento xeral telemático.

A comunicación ás persoas aspirantes das ofertas de vinculación temporal de longa duración ou de bloques de vacacións realizarase prioritariamente utilizando medios telemáticos. No resto das ofertas de vinculación temporal que xurdan, a Dirección Xeral de Recursos Humanos, logo de informe á Comisión Central de Seguimento do Pacto e coa debida publicidade, coordinará o momento exacto a partir do cal todas as áreas sanitarias deban ofertar o resto dos vínculos temporais tamén por este procedemento telemático.

Para tales efectos, no sistema de información Fides/expedient-e ou aplicación informática que, de ser o caso, substitúa a este, habilitarase un módulo específico de contratación telemática, ao cal as persoas aspirantes deberán acceder para poder visualizar e seleccionar, por orde de preferencia, as diferentes ofertas de cobertura que se realicen, en todas as listas en que figuren inscritas.

Poderán participar neste procedemento telemático todas as persoas dispoñibles e admitidas nas listas de contratación, así como as persoas dispoñibles aínda non admitidas na lista vixente que teñan a súa inscrición en estado validado ou confirmado rexistrado e a súa titulación de acceso validada, cando haxa ofertas de selección temporal para a súa categoría/especialidade. Como regra xeral, recibirán unha comunicación previa vía SMS e/ou correo electrónico as cincuenta primeiras persoas que se encontren dispoñibles para a dita oferta, as cales serán informadas de que existen novos nomeamentos temporais dispoñibles. A dita comunicación virá acompañada dunha ligazón que lles permitirá acceder ao módulo de Fides/expedient-e de contratación telemática. Este sistema de alertas poderá ser configurado por cada aspirante segundo as súas preferencias e existirá a posibilidade de silencialo ou, se así o desexa, de que o sistema só o/a avise cando se encontre entre un número inferior ás 50 primeiras dispoñibles.

Por causas xustificadas ou de carácter técnico poderase modificar o número de persoas dispoñibles que recibirán a comunicación prevista no parágrafo anterior.

O acceso a este módulo efectuarase a través de Chave365 ou certificado dixital válido: FNMT, DNI electrónico ou Camerfirma.

Tramo horario de visualización e selección das ofertas de vinculación:

Diariamente, de luns a venres, farase visible a través de Fides/expedient-e a oferta de nomeamentos dispoñibles das distintas categorías e ámbitos de xestión.

Nesta oferta, entre outros campos, quedará rexistrada a data en que o nomeamento se inseriu na aplicación informática e se puxo visible para os/as aspirantes, a data en que se vai a adxudicar o nomeamento e a súa data de inicio.

Os nomeamentos de longa duración e os correspondentes a bloques de vacacións deberán permanecer visibles na aplicación, como mínimo, durante os cinco días hábiles anteriores ao da data prevista para a súa adxudicación.

Os demais nomeamentos de curta duración deberán permanecer visibles na aplicación desde, polo menos, as 17.00 horas do día anterior ao da data de adxudicación.

O momento da adxudicación dos nomeamentos será sempre de luns a venres, entre as 9.01 horas e as 10.00 horas. Neste tramo horario asignaranse todos os nomeamentos con data de adxudicación dese día, de entre todas as solicitudes presentadas polas persoas participantes, ata as 9.00 horas dese mesmo día.

Os prazos e os horarios indicados poderán ser obxecto de adaptación cando razóns organizativas debidamente xustificadas así o requiran, logo de informe á Comisión Central de Seguimento do Pacto e coa debida publicidade.

De tal modo, a persoa aspirante visualizará todas as ofertas dispoñibles das listas en que estea inscrita e que, agás no suposto de melloras, non se superpoñan con vínculos xa formalizados.

A visualización desta oferta disporá duns campos de obrigado cumprimento por parte da Administración, como son, entre outros, a categoría/especialidade, o tipo de nomeamento, a data e hora desde a cal a oferta é visible na aplicación, a data de adxudicación, a data de inicio do nomeamento, a data de fin (se esta xa estivese fixada), a quenda e o lugar de prestación de servizos (con indicación da unidade e/ou servizo), e, deste xeito, garantirase que a persoa aspirante dispoña da máxima información á hora de escoller entre os diferentes nomeamentos ofertados.

Neste proceso telemático, a persoa aspirante poderá, ata as 9.00 horas do día da adxudicación indicado na oferta, seleccionar o/os nomeamento/s en que estea interesada, pola orde de preferencia desexada.

Da selección efectuada pola persoa aspirante quedará rastrexabilidade no sistema de información Fides/expedient-e. Ademais, a persoa aspirante terá á súa disposición en Fides/expedient-e unha copia do formulario coa última selección efectuada.

No suposto de efectuar varias modificacións do formulario de selección antes das 9.00 horas do día da adxudicación, tomarase en conta para a asignación a última modificación efectuada pola persoa aspirante.

A falta de selección pola persoa aspirante de todas ou parte das ofertas dispoñibles non dará lugar a ningún tipo de penalización.

Unha hora antes do momento sinalado para a adxudicación automatizada das ofertas de contratación, é dicir, ás 8.00 horas, de existir algunha oferta non seleccionada por ningunha persoa aspirante, o sistema enviará un segundo aviso alertando desta circunstancia, de tal modo que o/a aspirante interesado/a poida entrar no sistema e seleccionala. Este segundo aviso, igual que o resto de alertas do procedemento telemático, quen ser configurado pola persoa interesada, quen, se así o desexa, poderá silencialo.

Unha vez finalizado o prazo de selección, o sistema procederá á adxudicación automatizada das ofertas de contratación visibles en cada xornada entre os/as aspirantes que participasen no proceso, en función da súa orde de posición nas listas.

No suposto de resultar adxudicataria dalgún nomeamento, a persoa interesada recibirá confirmación vía sms e/ou correo electrónico de tal feito, ademais da ligazón para a visualización do nomeamento temporal asignado e unha indicación coa data, hora, lugar e servizo onde se debe presentar para o inicio da prestación.

A persoa aspirante que, resultando adxudicataria dun nomeamento, non se incorpore á prestación de servizos na data sinalada, salvo causa sobrevida e acreditada relacionada coa súa capacidade funcional (suposto en que se lle aplicará o réxime de suspensión de chamamentos), ou renuncie a el posteriormente, será penalizada nos termos dispostos na cláusula IV deste pacto.

III.2.2. Procedemento mediante comunicación telefónica, subsidiario do telemático.

Finalizado o procedemento de adxudicación automatizada de cada xornada, se resultan ofertas de nomeamentos sen adxudicar que pola proximidade na súa data de inicio non é posible incluír no seguinte ciclo de contratación telemática ou non se considere efectivo volver ofertalas por este procedemento telemático, procederase á súa cobertura mediante chamamento telefónico.

Para tal efecto, o órgano competente da xestión de chamamentos efectuará dúas chamadas por persoa aspirante, segundo a orde de prelación que corresponda consonte as normas establecidas neste pacto, nas cales se procurará que o intervalo entre cada unha delas non sexa inferior a 10 minutos. Se, realizadas estas, non se contactase coa persoa aspirante, poderán seguirse os chamamentos pola orde correspondente.

Toda comunicación telefónica que se efectúe quedará debidamente rexistrada, deixando constancia da data e da hora de realización, o obxecto da chamada, así como a identidade da persoa que a realiza. Así mesmo, reflectirá a identidade da persoa receptora da chamada, de ser distinta da persoa aspirante.

O rexeitamento ao nomeamento proposto, sen causa xustificada, penalizarase nos termos dispostos na cláusula IV deste pacto.

III.2.3. Excepcións ao procedemento xeral telemático.

a) No caso de que por imposibilidade técnica ou circunstancias sobrevidas o procedemento xeral telemático non estea operativo, este será substituído directamente polo procedemento de comunicación telefónica que se explica a continuación. De igual modo, esta excepción tamén será aplicable cando, mesmo estando operativo o procedemento telemático, o órgano competente considere máis adecuada a comunicación telefónica coa persoa aspirante, ben porque a urxencia na data de inicio dos contratos impide a súa incorporación ao procedemento telemático cumprindo os prazos indicados na epígrafe III.2.1, e/ou ben por unha situación puntual e anómala debidamente xustificada.

Nestes supostos, a regulación do procedemento de comunicación telefónica será a seguinte:

Nos chamamentos de carácter urxente efectuaranse dúas chamadas. Se, realizadas estas, non se contactase coa persoa aspirante, poderán seguirse os chamamentos pola orde correspondente.

Nos restantes chamamentos en que medie un prazo de antelación suficiente á data de inicio do vínculo efectuaranse un mínimo de tres chamadas, nas cales se procurará que o intervalo entre cada unha delas non sexa inferior a 15 minutos. A realización das ditas chamadas sen que sexa posible a localización da persoa aspirante habilitará para continuar os chamamentos pola orde correspondente. Nestes supostos, se o chamamento se efectúa cunha antelación inferior a 3 horas ao inicio da prestación de servizos, a aceptación será voluntaria para a persoa aspirante en primeiro chamamento e obrigatoria en segundo chamamento.

Con carácter xeral, a persoa aspirante localizada deberá comunicar a aceptación do nomeamento proposto no momento do chamamento, agás en supostos excepcionais en que, ao criterio do órgano que efectúe o chamamento e sempre que medie un prazo de antelación suficiente ao inicio da vinculación, o dito prazo poida ser ampliado.

A falta de confirmación por parte da persoa aspirante nos prazos indicados, así como o rexeitamento ao nomeamento proposto, sen causa xustificada, penalizarase nos termos dispostos na cláusula IV deste pacto.

O persoal das unidades responsables de efectuar os chamamentos informarán as persoas aspirantes sobre as características e condicións das vinculacións que se ofrecen. Así mesmo, de ser o caso e de darse algunha das circunstancias recollidas nas epígrafes III.5 ou IV, este persoal informará tamén as persoas aspirantes sobre se ao finalizar esta comunicación telefónica se lles vai aplicar unha suspensión de chamamentos ou calquera tipo de penalización.

Toda comunicación telefónica que se efectúe quedará debidamente rexistrada, deixando constancia da data e hora de realización, o obxecto da chamada, así como a identidade da persoa que a realiza. Así mesmo, reflectirá a identidade da persoa receptora da chamada, de ser distinta da persoa aspirante.

b) Igualmente, e tamén como excepción ao procedemento xeral telemático previsto neste pacto, o procedemento a través de comunicación telefónica será o ordinario para a cobertura dos nomeamentos de curta duración (pool), así como para a cobertura de prazas reservadas á quenda de discapacidade intelectual. Neste último suposto, procurarase que as ofertas de cobertura se efectúen cunha antelación mínima de sete (7) días ao do inicio da vinculación e que o intervalo entre chamadas non sexa inferior a 30 minutos.

III.2.4. Disposicións comúns a ambos os procedementos.

O/os teléfono/s e correos electrónicos que figuren no sistema informático Fides/expedient-e consideraranse os únicos válidos para efectos de comunicación de ofertas, e serán responsabilidade exclusiva da persoa solicitante os erros na súa consignación e a comunicación de calquera cambio que se produza nos ditos datos.

III.3. Criterios de ordenación para a adxudicación automatizada dos nomeamentos e a realización do chamamento telefónico.

III.3.1. Norma xeral.

A adxudicación automatizada dos nomeamentos, así como, de ser o caso, o chamamento telefónico efectuaranse seguindo rigorosamente a orde de puntuación acreditada polas persoas aspirantes, en cada ámbito, sen prexuízo dos supostos de suspensión e as disposicións especiais previstas na cláusula III.3.2 deste pacto.

A persoa aspirante para resultar adxudicataria dun vínculo de carácter temporal deberá reunir, na data de formalización de cada nomeamento, os requisitos exixidos na cláusula II.1.1 deste pacto.

III.3.2. Disposicións especiais.

III.3.2.1. Listas de ámbito autonómico.

Nos supostos de listas de ámbito autonómico, excepto as correspondentes á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a adxudicación automatizada dos nomeamentos ou, de ser o caso, o chamamento telefónico efectuaranse, en primeiro lugar, entre as persoas aspirantes que seleccionasen como distrito de opción preferente aquel en que se produce a necesidade da concreta vinculación.

En segunda volta, efectuaranse por rigorosa orde de prelación na lista, con independencia da opción de preferencia manifestada pola persoa aspirante.

As persoas aspirantes vinculadas nun distrito poderán resultar adxudicatarias dos vínculos de longa duración que xurdan noutro/s distrito/s seleccionado/s como preferente/s. A aceptación do nomeamento nun distrito distinto ao de vinculación terá carácter voluntario. No suposto de renuncia, a persoa aspirante permanecerá como indispoñible para sucesivas ofertas de nomeamento nese mesmo distrito ata a finalización do seu vínculo.

III.3.2.2. Listas compatibles.

1. Ás persoas aspirantes admitidas en listas compatibles que estean vinculadas por un nomeamento de curta ou longa duración nunha destas categorías ofertaránselles os vínculos de longa duración da categoría compatible do mesmo ou superior nivel de clasificación.

2. Se a persoa aspirante renuncia a un nomeamento de longa duración na outra categoría de inscrición, permanecerá como indispoñible para sucesivos nomeamentos deste tipo nesta última categoría ata a finalización do seu vínculo.

III.3.2.3. Promoción profesional.

En cada categoría e distrito, o 50 % dos nomeamentos estatutarios que se consideren inicialmente de duración igual ou superior a sesenta (60) días, que resulte necesario formalizar, expediranse a favor das persoas aspirantes que figuren admitidas pola quenda de promoción profesional.

Para a adxudicación de tales nomeamentos seguirase en cada distrito e categoría a orde de puntuación acreditada, sen prexuízo dos supostos de suspensión regulados neste pacto.

Nas listas de ámbito de área sanitaria e de ámbito autonómico, excepto as correspondentes á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, a alternancia do 50 % entre os chamamentos da quenda de promoción profesional e da quenda libre sempre se efectuarán por categoría e distrito sanitario.

A alternancia entre a quenda libre e a quenda de promoción profesional nun distrito sanitario debe facerse tendo en conta a duración do vínculo, diferenciando de modo independente entre estes dous bloques:

– Vínculos de duración entre sesenta (60) días e menos dun ano.

– Vínculos de longa duración.

III.3.2.4. Áreas especiais.

Os nomeamentos para tales áreas efectuaranse seguindo a orde de prelación da lista e a favor das persoas que acrediten a experiencia e/ou formación requiridas na epígrafe II.5 deste pacto.

Só se poderán formalizar nomeamentos ao abeiro desta epígrafe para o desenvolvemento de funcións nas áreas que se indican na epígrafe II.5 deste pacto e sempre que quede debidamente xustificada a necesidade da súa cobertura por profesional que acredite experiencia e/ou formación no citado ámbito.

En todo caso, excluiranse de tal sistema as coberturas de duración previsible superior a 180 días, que se proverán na forma ordinaria.

No caso de non existiren aspirantes dispoñibles nas listas definitivas dunha área especial, acudirase en primeiro lugar a aquelas persoas aspirantes admitidas nas listas vixentes da respectiva categoría e que, con posterioridade á data da última xeración, nos termos dispostos na epígrafe II.5, solicitaron e superaron a formación ou teñan acreditada unha experiencia profesional mínima na concreta área e categoría. Neste suposto, serán as propias persoas aspirantes que cumpran os ditos requisitos as que lles deban solicitar ás áreas sanitarias a súa inclusión nesta listaxe intermedia, e a súa ordenación virá determinada pola posición que ocupan na lista xeral. Da evolución desta listaxe darase a debida información na correspondente Comisión Periférica.

Esgotadas tamén as persoas aspirantes indicadas no parágrafo anterior, ofertaranse as coberturas na dita área especial a través da lista xeral do respectivo distrito.

III.3.2.5. Nomeamentos de curta duración (pool).

O chamamento das persoas aspirantes incluídas nas listas especiais para nomeamentos de curta duración, previstas na cláusula II.6 deste pacto, levarao a cabo o órgano da respectiva área sanitaria, con competencias en materia de recursos humanos, que determine a respectiva Xerencia, seguindo rigorosamente a orde de puntuación acadada por aquelas e de forma rotatoria entre as persoas que figuren como titulares na lista correspondente.

Cada nomeamento que se expida a favor das persoas aspirantes incluídas nas citadas listas non poderá exceder os catro (4) días. O número máximo total de días de vinculación por persoa aspirante e mes non será superior a doce.

A incorporación da persoa aspirante a unha lista especial para nomeamentos de curta duración non afectará a súa dispoñibilidade para as vinculacións de duración previsible igual ou superior a noventa (90) días que lle correspondan pola orde de prelación que ocupen na lista xeral.

A formalización de nomeamentos a tempo parcial efectuarase, con carácter preferente, entre aquelas persoas aspirantes admitidas nas listas de curta duración que manifestasen voluntariamente a súa dispoñibilidade para este tipo de vinculacións.

III.3.2.6. Nomeamentos a tempo parcial.

1. A adxudicación de nomeamentos a tempo parcial nos centros e institucións do Sistema público de saúde de Galicia efectuarase a favor das persoas aspirantes que manifestasen expresamente, nos termos da cláusula II.7, a súa opción de dispoñibilidade á formalización do dito tipo de vínculos, respectando a orde de puntuación acadada.

O rexeitamento, sen causa xustificada, á proposta de nomeamento efectuada telefonicamente penalizarase nos termos dispostos na epígrafe IV.1 deste pacto.

2. Nos supostos de indispoñibilidade de profesionais con opción voluntaria á formalización de nomeamentos a tempo parcial, os chamamentos efectuaranse entre as persoas aspirantes que figuren inscritas na lista da respectiva categoría, con independencia da opción formulada e seguindo rigorosamente a orde de puntuación. A renuncia ao nomeamento proposto penalizarase nos termos da epígrafe IV deste pacto. Non obstante, neste suposto, e logo de solicitude da interesada, a persoa vinculada quedará dispoñible para calquera oferta a xornada completa que lle corresponda polo seu número de orde na lista. Neste caso, efectuada a dita solicitude, a non aceptación da oferta de nomeamento a xornada completa comportará a aplicación do réxime de penalización disposto neste pacto de selección temporal.

III.3.2.7. Mellora de vinculación.

A formalización de nomeamentos de longa duración –interinidade en praza vacante ou calquera outro de duración inicial previsible igual ou superior ao ano–, a xornada completa ofertaráselle, en todo caso, á persoa que acredite a maior puntuación na lista do distrito sanitario ou ámbito territorial que corresponda, con independencia de que aquela estea vinculada, ao tempo do chamamento:

a) Por un nomeamento estatutario temporal a xornada completa de duración inferior ao ano.

b) Por un nomeamento a tempo parcial calquera que sexa a súa duración.

Así mesmo, e como excepción ao establecido con carácter xeral neste pacto respecto da suspensión de chamamentos, no suposto de nacemento de fillo/a, adopción legal, risco durante o embarazo, incapacidade temporal común derivada de embarazo e incapacidade común derivada dun proceso oncolóxico, ofertaránselle á persoa aspirante os nomeamentos correspondentes á súa categoría. De corresponderlle a adxudicación dun vínculo, segundo a orde de prelación que ocupa na lista, formalizarase o correspondente nomeamento desde a data prevista de inicio da prestación de servizos naqueles supostos en que a normativa da Seguridade Social así o permita. Ademais, recoñecerase en todos os supostos como tempo traballado para os efectos administrativos o período de duración dos vínculos que, pola súa orde de posición na lista, lle correspondan.

III.3.2.8. Nomeamentos de curta duración no ámbito da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Os nomeamentos para prestar servizos como enfermeiro/a na Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, de duración previsible non superior a cento oitenta (180) días, efectuaranse, con carácter preferente, a favor das persoas aspirantes que, por rigorosa orde de prelación, acreditasen a experiencia e/ou formación requiridas na epígrafe II.8 deste pacto.

III.3.2.9. Nomeamentos en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

O chamamento efectuarase, en primeiro lugar, por orde de prelación, entre os/as aspirantes que seleccionasen como distrito sanitario de opción preferente aquel en que se produce a necesidade da concreta vinculación. Na segunda volta, o chamamento efectuarase por rigorosa orde de prelación na lista, con independencia da opción de preferencia manifestada pola persoa aspirante.

Procurarase que o chamamento das persoas aspirantes se efectúe cunha antelación mínima de sete días ao do inicio da vinculación.

A renuncia por unha persoa aspirante desta lista a un nomeamento fóra da súa localidade de residencia habitual non dará lugar a ningún tipo de penalización.

III.4. Indispoñibilidade transitoria de aspirantes.

No suposto de indispoñibilidade de aspirantes nunha determinada categoría e ámbito territorial, e ata a seguinte xeración de listas que se efectúe segundo o disposto na epígrafe II.4.4, deberá procederse segundo a orde que se indica a continuación:

1º. En primeiro lugar, se a oferta de nomeamento é inferior a noventa (90) días, acudirase ás persoas que figuren como titulares na lista de nomeamentos de curta duración (pool) na lista da respectiva categoría e distrito.

2º. En segundo lugar, se a oferta de nomeamento é inferior a sesenta (60) días, acudirase ás persoas aspirantes admitidas na lista da respectiva categoría e distrito, pola quenda de promoción profesional.

3º. De non existiren aspirantes da mesma categoría nos puntos anteriores, deberá procederse da seguinte forma:

Naquelas categorías para cuxo ingreso se requira unha titulación académica específica, efectuarase o chamamento a favor daquelas aspirantes que estean en posesión do dito título e que formalizasen en Fides/expedient-e a solicitude de inscrición nas listas de selección temporal/promoción profesional da categoría con posterioridade á data límite de inscrición para as listas en vigor nese momento e tamén con posterioridade á data de obtención da dita titulación académica específica (no suposto de que a persoa aspirante rexistre a súa inscrición en listas antes da data de obtención da dita titulación académica específica, a aplicación informática equiparará esta data de rexistro e a data interna de alta coa data de obtención da titulación académica específica requisito de acceso).

No suposto indicado no parágrafo anterior, a ordenación das persoas aspirantes en cada distrito efectuarase, en primeiro lugar, tendo en conta a puntuación acadada pola persoa aspirante no último proceso selectivo convocado e resolto polo Servizo Galego de Saúde na categoría a que opta. A continuación, a ordenación das persoas aspirantes efectuarase pola data de obtención do título/especialidade, de tal modo que a persoa aspirante coa data de obtención do título anterior se situará no primeiro lugar da orde de prelación. En caso de coincidencia, efectuarase o desempate das persoas aspirantes por orde alfabética a partir da letra vixente indicada na correspondente resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública pola cal se fai público o sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Por último, en caso de se manter o empate, efectuarase a ordenación, en primeiro lugar, pola data de rexistro da inscrición e, de persistir igualmente o empate, pola data interna de alta da inscrición en Fides/expedient-e, e situarase en ambos os dous supostos a máis recente en último lugar.

Naquelas categorías para cuxo ingreso non se requira unha titulación específica de acceso, efectuarase o chamamento a favor daquelas persoas aspirantes que formalizasen en Fides/expedient-e a solicitude de inscrición en listas de selección temporal/promoción profesional da categoría con posterioridade á data límite de inscrición para as listas en vigor nese momento. A ordenación das persoas aspirantes en cada distrito efectuarase, en primeiro lugar, tendo en conta a puntuación que acadaron no último proceso selectivo convocado e resolto polo Servizo Galego de Saúde na categoría a que opta. En caso de empate, efectuarase a ordenación, en primeiro lugar, pola data de rexistro da inscrición e, de persistir o empate, pola data interna de alta da inscrición en Fides/expedient-e, e situarase en ambos os dous supostos a máis recente en último lugar.

Respectarase nos chamamentos que se van efectuar por este criterio a mesma alternancia, promoción profesional e acceso libre que se contén na epígrafe III.3.2.3 do Pacto.

4º. A continuación, acudirase á utilización das listas desa categoría dos distritos de xestión máis próximos.

Para os efectos do previsto no parágrafo anterior, considéranse distritos de xestión máis próximos, ou distritos limítrofes, os que se determinan, respecto de cada distrito concreto, no anexo IV deste pacto.

As persoas aspirantes poderán facer constar no formulario de inscrición en lista a súa dispoñibilidade para prestar servizos fóra do distrito orixinario de adscrición, conforme a orde de prelación indicada no anexo IV.

Mostrada a súa predisposición no formulario de inscrición, en primeiro lugar acudirase ás persoas aspirantes que manifestasen a súa dispoñibilidade para a prestación de servizos en distritos limítrofes; neste caso, será motivo de penalización o rexeitamento da oferta de contratación temporal a xornada completa.

A continuación, en segundo lugar, acudirase ás persoas aspirantes que non manifestasen a súa dispoñibilidade para a prestación de servizos en distritos limítrofes; neste caso será totalmente voluntaria a aceptación desta oferta de contratación temporal.

Previamente a efectuar o chamamento, verificarase que no distrito de inscrición do/da aspirante se dispón de persoal dispoñible.

5º. Serán subsidiarias entre si, para os efectos da formalización de nomeamentos, as listas de persoas aspirantes das categorías que se detallan no anexo II.

6º. Por último, en casos excepcionais e por indispoñibilidade de aspirantes, as xerencias/direccións poderán ofertarlles aos/ás profesionais cun nomeamento de interinidade ou substitución, que dispoñan ademais da titulación académica que os/as habilite para o acceso ás funcións doutra categoría do mesmo ou superior nivel de titulación, nomeamentos temporais correspondentes a esta última categoría, sen que resulte afectada, por este motivo, a vixencia do nomeamento da categoría de orixe. A aceptación do nomeamento será voluntaria para a persoa aspirante.

No caso de que as xerencias/direccións procedan á activación deste último suposto 6º, informarán disto na correspondente Comisión Periférica.

III.5. Suspensión de chamamentos.

III.5.1. Solicitude e reposición.

III.5.1.1. Réxime xeral:

A persoa aspirante poderá solicitar a suspensión de chamamentos voluntaria e sen penalización da lista da categoría/especialidade de contratación temporal en que estea inscrita. No caso de estar inscrita en máis dunha categoría/especialidade compatibles, poderá indicar en cal ou cales delas desexa pórse en suspensión.

A dita suspensión deberán comunicala, en espera do desenvolvemento técnico a través do programa Fides/expedient-e dunha canle de comunicación directa, por medio do enderezo de correo electrónico que cada Xerencia habilitará para tal finalidade e do cal se dará publicidade a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde.

A suspensión de chamamentos manterase ata que a persoa interesada comunique a súa dispoñibilidade.

Para tal efecto, a persoa interesada deberá presentar solicitude de reposición ante o órgano competente.

Tanto para a suspensión como para a reposición na lista, entenderase como órgano competente:

– No caso de existir chamamento de por medio: o órgano que efectuou o chamamento.

– No caso de non existir chamamento de por medio:

• De tratarse de listas de ámbito de distrito sanitario ou área sanitaria: o órgano do distrito seleccionado.

• De tratarse de listas de ámbito autonómico: o órgano do distrito seleccionado ou, no caso de ter seleccionado máis dun distrito preferente, o órgano do distrito a que enviou a súa solicitude de inscrición na categoría/especialidade correspondente.

As reposicións en lista derivadas das solicitudes presentadas entre o día 1 e 15 de cada mes activaranse con efectos do día 1 do mes seguinte e as presentadas entre o día 16 e o último día de cada mes faranse efectivas o día 15 do mes seguinte.

III.5.1.2. Réxime de reactivación automática:

En contraposición co indicado no punto anterior, se a persoa interesada comunica e acredita documentalmente ante o órgano competente, no prazo máximo de catro días hábiles desde a data do feito causante (considerando este como a data en que se efectúa a oferta de nomeamento), que o motivo da suspensión garda relación con algúns dos supostos enumerados a continuación, a reactivación na lista terá carácter automático a partir do día seguinte ao da súa finalización.

Os supostos de reactivación automática serán os seguintes:

A)

– O falecemento.

– A hospitalización por enfermidade grave.

– O cumprimento dun deber inescusable.

– A consulta médica nun centro de atención especializada do Servizo Galego de Saúde.

– A concorrencia a exames de probas selectivas de persoal convocadas polas administracións públicas ou exames liberatorios de titulacións académicas oficiais.

– O matrimonio ou unión de feito.

O alcance e a duración destas suspensións de reactivación automática quedarán regulados segundo o indicado na normativa vixente para cada un destes supostos.

B)

– A hospitalización por enfermidade grave da persoa aspirante: neste suposto aceptarase a reactivación automática tras a correspondente alta médica derivada da dita hospitalización.

En todos os supostos anteriores, a falta de acreditación en forma e prazo determinará a aplicación do réxime de reincorporación previsto na epígrafe III.5.1.1 e poderase revogar o eventual nomeamento que, de ser o caso, se producise entre o remate do prazo de suspensión e a finalización do prazo de acreditación documental deste, sen que tal acreditación se producise ou esta se efectuase incorrectamente.

III.5.2. Extensión de efectos: a suspensión de chamamentos estenderase a todas as listas en que figure inscrita a persoa aspirante na categoría/especialidade solicitada, a cal poderá figurar ao mesmo tempo de alta nas listas dunha categoría/especialidade e en suspensión nas listas doutra categoría/especialidade compatible.

Como excepción, as persoas aspirantes que, figurando inscritas nas listas especiais de curta duración previstas na epígrafe II.6 deste pacto, acrediten ante a Xerencia do seu distrito sanitario a concorrencia sobrevida do suposto nacemento de fillo/a ou adopción legal, e/ou acrediten informe favorable e sobrevido da Unidade de Prevención de Riscos Laborais (UPRL) ou órgano competente, poderán solicitar a suspensión de chamamentos sen penalización para nomeamentos de curta duración e manteranse como dispoñibles para nomeamentos correspondentes á lista xeral da respectiva categoría. Dos supostos de excepción estimados consonte o indicado neste parágrafo darase a debida información na Comisión Periférica correspondente.

III.5.3. Co obxecto de garantir o normal funcionamento das institucións, e coa excepción relacionada no primeiro parágrafo das epígrafes IV.1.1 e IV.1.2, relativa á suspensión xeral de chamamentos por causa sobrevida e acreditada da perda do requisito da capacidade funcional, a Administración poderá limitar temporalmente o réxime de suspensións indicado na norma III.5.1.1 nos supostos de indispoñibilidade transitoria de aspirantes nunha concreta categoría ou ámbito territorial determinado, especialmente se as ditas suspensións abranguen o período estival (meses de xuño, xullo, agosto e setembro), Nadal (do 15 de decembro ao 15 de xaneiro) e Semana Santa (unicamente a dita semana, é dicir, desde o domingo de Pascua ata o luns inmediatamente anterior). Da aplicación da dita limitación deberá informarse en comisión periférica, xustificando o seu carácter temporal, e non poderá ser indefinida.

Así mesmo, con carácter excepcional, de se constatar unha situación de indispoñibilidade de aspirantes nunha determinada categoría ou ámbito territorial, poderá suspenderse a aplicación do prazo de activación en lista previsto na norma III.5.1.1.

III.6. Formalización do nomeamento e período de proba.

III.6.1. A Administración, a través do órgano competente, expedirá a favor da persoa aspirante que acepte o chamamento o oportuno nomeamento estatutario na modalidade que corresponda conforme a normativa vixente, e que determinará a integración do profesional nomeado no réxime organizativo e de funcionamento interno do centro ou unidade en que desenvolverá a súa actividade.

III.6.2. Nos nomeamentos que se expidan estipularase un período de proba para o persoal estatutario temporal, nos termos do artigo 33.3 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, durante o cal será posible a resolución da relación estatutaria por instancia de calquera das partes.

Cando unha persoa aspirante sexa cesada pola non superación do período de proba que no nomeamento se estipule, observarase o disposto na cláusula IV.2.

Estarán exentas do período de proba as persoas aspirantes que xa o superasen con ocasión dun anterior nomeamento temporal para a realización de funcións das mesmas características no Servizo Galego de Saúde nos dous anos anteriores á expedición do novo nomeamento.

III.7. Revogación de nomeamentos.

De se constatar un erro material ou de feito no chamamento e posterior vinculación en favor dunha persoa a cal pola súa orde de puntuación non lle corresponde, procederase, no prazo dos quince días seguintes ao do inicio da vinculación, á revogación do nomeamento expedido.

Así mesmo, constituirá causa de revogación do nomeamento que se expida a falta de incorporación efectiva do/da profesional ao desenvolvemento das funcións propias do posto para o cal foi designado/a.

IV. Réxime de penalizacións.

IV.1. Por renuncia ao nomeamento.

IV.1.1. Procedemento telemático.

Tal e como se indica na cláusula III.2.1, no procedemento xeral telemático a falta de selección por parte da persoa aspirante de todas ou parte das ofertas dispoñibles non dará lugar a ningún tipo de penalización. Agora ben, a persoa aspirante que, resultando adxudicataria dun nomeamento, non se incorpore á prestación de servizos na data sinalada, salvo causa sobrevida e acreditada relacionada coa súa capacidade funcional (suposto en que se lle aplicará o réxime de suspensión de chamamentos), ou renuncie a el posteriormente, será penalizada e pasará ao final da lista da súa categoría.

No caso de concorrer unha segunda renuncia estando vixente a primeira, será penalizada coa exclusión da lista desta categoría.

A penalización acordada por un ou outro motivo, que se estenderá a todas as listas en que figure admitida a persoa aspirante na respectiva categoría, terá unha duración dun ano, contado desde que a medida se fai efectiva, e seralles notificada á persoa aspirante e á respectiva Comisión Periférica de Seguimento do Pacto.

IV.1.2. Procedemento non telemático.

Nos supostos das cláusulas III.2.2 e III.2.3, será penalizada, e pasará ao final da lista da súa categoría, a persoa aspirante que renuncie por primeira vez a unha oferta de vinculación, salvo causa sobrevida e acreditada relacionada coa súa capacidade funcional (suposto en que se lle aplicará o réxime de suspensión de chamamentos), ou nomeamento xa formalizado, no distrito de inscrición ou en distrito/s limítrofe/s nos supostos de indispoñibilidade transitoria de aspirantes.

No caso de concorrer unha segunda renuncia estando vixente a primeira, será penalizada coa exclusión da lista desta categoría.

A penalización acordada por un ou outro motivo, que se estenderá a todas as listas en que figure admitida a persoa aspirante na respectiva categoría, terá unha duración dun ano, contado desde que a medida se fai efectiva, e seralles notificada á persoa aspirante e á respectiva Comisión Periférica de Seguimento do Pacto.

O réxime de penalización previsto nos parágrafos anteriores aplicarase, así mesmo, ás persoas aspirantes que, no prazo que se indica nas cláusulas III.2.2 e III.2.3, non comuniquen a aceptación da proposta de nomeamento ou non atendan dez ou máis chamadas para oferta de vinculación/s realizadas no intervalo de trinta (30) días naturais, contados desde o día seguinte a aquel en que se efectúe a primeira chamada non atendida.

Nos chamamentos de carácter urxente efectuaranse dúas chamadas. Para os efectos do cómputo de penalización, neste tipo de chamamentos tan só se poderá contabilizar unha chamada como non atendida en cada día. Se, realizadas as dúas chamadas, non se contactase coa persoa aspirante, poderán seguirse os chamamentos pola orde correspondente.

Nos chamamentos non urxentes, de se faceren máis de tres chamadas nun día, só se contabilizará para efectos de penalización un máximo de tres chamadas non atendidas para ese aspirante e para ese día, sempre que entre elas medien 15 minutos. Realizadas tres chamadas con intervalo inferior a 15 minutos, o órgano competente poderá continuar co chamamento á seguinte persoa dispoñible pola orde da lista, pero só poderá contabilizar para efectos de penalización unha única chamada.

Non se poderán contabilizar, en ningún caso, para os efectos de penalización, máis de tres chamadas non atendidas por aspirante e día, deriven de chamamentos urxentes ou non. Ademais, a aceptación dunha nova oferta de contratación temporal implicará, para os efectos desta penalización por número de chamadas non atendidas, o reinicio do cómputo daquelas.

IV.2. Pola non superación do período de proba.

Cando unha persoa aspirante sexa cesada pola non superación do período de proba que no nomeamento se estipule, quedará automaticamente excluída da lista desa categoría. Os prazos desta exclusión serán os regulados na epígrafe IV.4 deste pacto.

Os centros sanitarios deberán notificarlle de forma motivada á persoa afectada o seu cesamento pola dita causa e concederanlle un prazo de dez días hábiles para que esta, de estar interesada, presente alegacións.

A Comisión Periférica de Seguimento do Pacto poderá, motivadamente, revisar a aplicación de tal medida de exclusión naqueles supostos en que, polas circunstancias concorrentes, se considere oportuno, así como acordar as medidas adicionais que se consideren convenientes.

Os centros sanitarios deberán comunicarlle á Comisión Periférica de Seguimento do Pacto, no prazo dos dez (10) días seguintes, os cesamentos que se produzan por tal motivo e, de existiren, as circunstancias que razoablemente motiven a revisión da medida de exclusión prevista no parágrafo primeiro.

Nos supostos de cesamento por non superación do período de proba en que se manifestase unha falta de pericia do/da profesional na realización de técnicas ou tarefas básicas da categoría para a cal resultou nomeado/a, a Dirección do centro poderá ofrecerlle á persoa interesada a realización dun ciclo de prácticas tuteladas, e deberá informar da súa realización e dos resultados a respectiva Comisión Periférica de Seguimento do Pacto, para efectos do disposto no parágrafo segundo desta cláusula.

De resultar viable e tras solicitude da persoa afectada, este ciclo de prácticas tuteladas poderá realizarse baixo a tutela dunha persoa allea ao servizo onde se fixo o nomeamento.

Igual que no cesamento por non superación do período de proba, os centros sanitarios deberán notificarlle motivadamente á persoa afectada a non superación deste ciclo de prácticas tuteladas.

A superación do ciclo de prácticas tuteladas suporá a restitución automática desta persoa á lista de selección temporal da categoría correspondente.

IV.3. Por incumprimento grave.

IV.3.1. Na condición de aspirante en lista. Serán excluídas da lista as persoas aspirantes que incorresen en incumprimentos graves derivados da súa calidade de persoa aspirante inscrita na lista da categoría correspondente. Os prazos desta exclusión serán os regulados na epígrafe IV.4 deste pacto.

Para tales efectos, considérase incumprimento grave, ademais das condutas tipificadas como faltas graves e moi graves na Lei 55/2003, do 16 de decembro, calquera outra que poida ser constitutiva dun ilícito penal ou infracción administrativa grave ou moi grave, dirixidos a modificar a posición da persoa aspirante na lista ou a xerar indebidamente o dereito a figurar inscrita nela.

IV.3.2. No desenvolvemento da prestación de servizos. Así mesmo, serán excluídas da lista as persoas aspirantes que incorresen en incumprimentos graves no desempeño concreto do posto de traballo para o cal resultaron nomeadas. Os prazos desta exclusión serán os regulados na epígrafe IV.4 deste pacto.

Para tales efectos, considéranse incumprimentos graves todas as condutas cualificadas como faltas graves ou moi graves na Lei 55/2003, do 16 de decembro.

IV.3.3. Procedemento de exclusión. Para facer efectivas as exclusións derivadas dos citados incumprimentos, seguirase un procedemento ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, con participación preceptiva da Comisión Central de Seguimento do Pacto, no cal se garantirá, en todo caso, a audiencia da persoa afectada.

A Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, unha vez incoado o procedemento de exclusión, poderá adoptar a medida cautelar consistente na suspensión dos chamamentos da persoa aspirante incursa nel.

Tras a tramitación do expediente, o citado órgano ditará unha resolución na cal se pronunciará sobre a exclusión da persoa aspirante ou sobre o sobresemento do expediente.

No suposto de exclusión, a resolución que se dite deberá motivar se a dita penalización atinxe só á categoría/especialidade en litixio ou se se estende tamén ás demais categorías/especialidades do Servizo Galego de Saúde.

A resolución administrativa que se dite poderá acordar, con carácter excepcional e motivadamente, a exclusión da persoa aspirante para chamamentos referidos a un determinado ámbito. En tal suposto, a citada resolución deberá recoller as medidas adicionais de adaptación profesional e/ou formación que se consideren oportunas.

A citada medida de exclusión tamén será acordada con carácter adicional á resolución que se adopte nos expedientes disciplinarios incoados por mor da comisión de faltas graves e moi graves.

IV.4. Prazos de exclusión de listas.

Resolta a exclusión da persoa aspirante, os prazos en que esta deberá permanecer excluída das listas de selección temporal derivadas deste pacto serán os seguintes:

a) Por renuncia ao nomeamento (cláusula IV.1): un ano, na categoría/especialidade afectada. A suma de tres penalizacións por este motivo suporá a exclusión indefinida da categoría/especialidade.

b) Pola non superación do período de proba (cláusula IV.2): dous anos, na categoría/especialidade afectada. A suma de tres penalizacións por este motivo suporá a exclusión indefinida da categoría/especialidade.

c) Por incumprimento grave (cláusulas IV.3.1 e IV.3.2):

– Seis (6) os se a falta resulta cualificada como grave. A suma de dúas penalizacións por este motivo suporá a exclusión indefinida.

– Indefinidamente se a falta resulta cualificada como moi grave.

Nestes supostos recollidos na alínea c), a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos pola que se dite a exclusión da persoa aspirante deberá motivar se a dita penalización atinxe só á categoría/especialidade en litixio ou se se estende tamén ás demais categorías/especialidades do Servizo Galego de Saúde.

IV.5. Reincorporación en lista tras exclusión.

As persoas aspirantes poderán reincorporarse á lista da categoría/especialidade excluída segundo o procedemento indicado a continuación:

– No suposto indicado na epígrafe IV.4.a:

Transcorrido o ano de exclusión da categoría/especialidade, a reincorporación a aquela será automática, sen necesidade de que a persoa interesada realice unha nova inscrición.

Neste suposto, non se admitirá a solicitude de reincorporación antes do transcurso do ano.

Se a persoa interesada quere reincorporarse tras ser excluída pola suma das tres penalizacións indicadas neste suposto, deberá solicitar autorización para a dita reincorporación ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde. O dito órgano resolverá expresamente as solicitudes presentadas, logo do seu tratamento na Comisión Central de Seguimento do Pacto. Na falta de resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas. No suposto de resolverse favorablemente a dita solicitude, a persoa interesada deberá proceder a inscribirse novamente na lista desta categoría.

– No suposto indicado na epígrafe IV.4.b:

Transcorridos os dous anos de exclusión da categoría/especialidade, a reincorporación implicará a realización dunha nova inscrición por parte da persoa interesada.

Se a persoa interesada se quere reincorporar antes da finalización do prazo dos dous anos, deberá solicitar autorización para a dita reincorporación ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde. O dito órgano resolverá expresamente as solicitudes presentadas, logo do seu tratamento na Comisión Central de Seguimento do Pacto. Na falta de resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas. No suposto de resolverse favorablemente a dita solicitude, a persoa interesada deberá proceder a inscribirse novamente na lista desta categoría.

Neste suposto, non se admitirá a solicitude de reincorporación se a causa de exclusión da lista deriva da suma das tres penalizacións indicadas neste punto.

– No suposto indicado na epígrafe IV.4.c:

Transcorridos os seis anos de exclusión da categoría/especialidade, a reincorporación a ela implicará a realización dunha nova inscrición por parte da persoa interesada.

Se a persoa interesada se quere reincorporar antes da finalización do prazo dos seis anos, deberá solicitar autorización para a dita reincorporación ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde. O dito órgano resolverá expresamente as solicitudes presentadas, logo do seu tratamento na Comisión Central de Seguimento do Pacto. Para falta de resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas. No suposto de resolverse favorablemente a solicitude, a persoa interesada deberá proceder a inscribirse de novo na lista desta categoría.

Neste suposto, non se admitirá a solicitude de reincorporación se a causa de exclusión da lista deriva da suma das dúas penalizacións indicadas neste punto.

Tampouco procederá a citada autorización se a causa de exclusión das listas deriva dun incumprimento disciplinario constitutivo de falta moi grave ou causa penal.

IV.6. Excepcións ao réxime de penalizacións.

1. A primeira renuncia a unha oferta de vinculación para a prestación de servizos nunha das categorías subsidiarias previstas no anexo II, por indispoñibilidade de aspirantes na respectiva categoría no mesmo distrito e distritos limítrofes, non dará lugar a ningún tipo de penalización. En segundo chamamento, a renuncia á formalización do nomeamento penalizarase nos termos dispostos na epígrafe IV.1.

Non obstante, admitirase a renuncia sen penalización a un nomeamento xa formalizado nunha categoría subsidiaria, no momento en que conste a dispoñibilidade de aspirantes da respectiva categoría no mesmo distrito ou distritos limítrofes.

2. A primeira renuncia por parte dunha persoa aspirante da quenda de promoción profesional a un nomeamento fóra da localidade onde radique o centro de destino do/da profesional non dará lugar a ningún tipo de penalización.

3. Nas listas de ámbito autonómico da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, as persoas aspirantes poderán renunciar, sen penalización, ao primeiro chamamento que se efectúe para nomeamentos fóra da súa provincia de residencia.

4. A persoa que se encontre vinculada por un nomeamento de duración previsible inferior a un ano á cal se lle oferte un vínculo de duración previsible igual ou superior a un ano poderá renunciar a este sen penalización e permanecerá como indispoñible para sucesivos chamamentos desta mesma clase ata a finalización do seu vínculo actual.

5. Os supostos de excepción á primeira renuncia indicados nas epígrafes IV.6.1, IV.6.2 e IV.6.3 anteriores entenderanse aplicables só para unha única oferta de vinculación, sen posibilidade de acollerse novamente a esta excepción no caso de recibir unha nova oferta no mesmo día ou en día distinto.

IV.7. Extensión de efectos.

O réxime de penalizacións e suspensións regulado neste pacto entenderase extensible tamén ás persoas dispoñibles aínda non admitidas nas listas vixentes, que teñan a súa inscrición en estado validado ou confirmado rexistrado e a súa titulación de acceso validada.

V. Selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria.

V.1. Ámbito de aplicación.

As listas de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria terán ámbito territorial de inscrición de área sanitaria, ben que os contratos de vinculación temporal ofertados a este persoal virán desagregados por distrito sanitario.

Este sistema de selección será de aplicación a todos os nomeamentos temporais de persoal estatutario licenciado sanitario do nivel de atención hospitalaria do Sistema público de saúde de Galicia.

Exclúense da regulación recollida nesa epígrafe V as categorías/especialidades de médico/a de urxencias hospitalarias, facultativo/a especialista de área de medicina do traballo e psicólogo/a clínico/a.

V.2. Selección de aspirantes.

V.2.1. Elaboración de listas de aspirantes.

As listas destas categorías/especialidades disporán de dúas quendas de acceso diferenciado: quenda libre e quenda de promoción profesional.

O procedemento de inscrición será o mesmo que se aplica, a través de Fides/expedient-e, para as demais listas de aspirantes. Este sistema informático utilizarase igualmente para rexistrar electronicamente os requisitos de participación e os méritos que se posúen.

O procedemento de publicación das listas de aspirantes será tamén o mesmo que se aplica con carácter xeral (listas provisionais, prazo de reclamacións e listas definitivas).

V.2.2. Baremo.

A orde de prelación das persoas aspirantes na lista virá determinada pola puntuación que resulte de aplicar un baremo cos seguintes méritos:

1. Participación na oferta pública de emprego (OPE) na categoría e/ou especialidade no Servizo Galego de Saúde (máximo 60 puntos).

2. Experiencia profesional, formación, investigación e innovación sanitaria (máximo 40 puntos).

1. Participación na OPE (máximo 60 puntos).

Asignarase coa debida proporcionalidade a maior das puntuacións globais obtidas pola persoa aspirante na fase de oposición dos dous últimos procesos selectivos convocados e resoltos polo Servizo Galego de Saúde na correspondente categoría e/ou especialidade, con independencia da superación da dita fase.

Para estes efectos, entenderase como data de finalización do proceso selectivo a data de publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución pola cal se declara rematada a fase de oposición do respectivo proceso.

Non se valorarán, en ningún caso, puntuacións derivadas da participación en procesos selectivos anteriores á OPE do ano 2006. No suposto de que as puntuacións máximas que se van acadar nas distintas ofertas públicas de emprego sexan diferentes, aplicarase unha regra de proporcionalidade.

O coñecemento da lingua galega das persoas aspirantes que non participasen na OPE, que non realizasen o correspondente exercicio ou obtivesen neste unha puntuación inferior á máxima valorarase nesta epígrafe con 5 puntos, logo de acreditación do curso de Celga 4 ou equivalente.

Ás persoas aspirantes que realizasen a fase de oposición dalgún dos dous últimos procesos selectivos convocados e resoltos polo Servizo Galego de Saúde na correspondente categoría e/ou especialidade, e que non acreditasen o Celga 4 ou equivalente, valoraráselles coa debida proporcionalidade a puntuación obtida no exercicio de lingua galega da oposición en que obtivesen a maior puntuación global.

Ás persoas aspirantes que participasen na OPE da correspondente categoría e/ou especialidade pola quenda de promoción interna, e estean polo tanto exentas do exercicio sobre o contido da parte común do programa, valoraráselles esta epígrafe con 5 puntos.

2. Experiencia profesional, formación, investigación e innovación sanitaria (máximo 40 puntos).

Valoraranse de acordo co baremo utilizado na última convocatoria de selección de persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde, na categoría e/ou especialidade correspondente.

No suposto de que, con data do 30 de xuño, se publicase, logo da negociación coas organizacións sindicais, un novo baremo de calquera destas especialidades nos procesos de selección fixa de concurso-oposición, a valoración da experiencia profesional, formación acreditada e demais méritos das persoas aspirantes nas listas que se xeren do resto das especialidades realizarase conxuntamente consonte este último baremo.

V.2.3. Postos con características específicas.

Cando as necesidades concretas que se pretendan cubrir, ou as especificidades e técnicas propias de determinados postos en unidades de referencia así o xustifiquen, coa debida motivación, logo de autorización conxunta das direccións xerais de Asistencia Sanitaria e de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, e logo de informar a respectiva Comisión Periférica de Seguimento do Pacto, a Xerencia ou Dirección poderá realizar un procedemento específico de selección no cal se requira determinada experiencia ou formación previa nalgunha ou nalgunhas áreas específicas de actividade da correspondente categoría e/ou especialidade.

A selección, entre as persoas aspirantes que reúnan os requisitos de experiencia ou formación previa, realizarase atendendo a algún dos seguintes criterios:

a) Exclusivamente a puntuación na lista.

b) A puntuación na lista incrementada co resultado dunha entrevista e/ou memoria (máximo 16 puntos).

Cando se opte pola realización dunha entrevista e/ou memoria, a Xerencia ou Dirección:

a) Concretará e fará públicas as bases que se aplicarán nesta fase adicional de entrevista e/ou memoria.

b) Poderá limitar o número de persoas aspirantes que accedan a esta, entre aquelas que acrediten a experiencia ou formación previa requirida, pero respectando, en todo caso, a orde de prelación establecida na listaxe de aspirantes.

c) Nomeará unha Comisión de Valoración coa seguinte composición e funcións.

1º. Composición.

A Comisión estará constituída por presidente/a, dous vogais e secretario/a. Na composición garantirase a presenza de profesionais con destino, preferentemente, en dúas áreas sanitarias e, cando menos, dous distritos sanitarios. Como mínimo, dous dos membros terán a titulación da categoría e/ou especialidade en que se realiza a selección.

Na designación dos membros da Comisión deberá respectarse o disposto no artigo 60 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro.

As persoas integrantes da Comisión deberán absterse de intervir no proceso para o cal foron designadas cando se encontren incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 23.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

2º. Funcións.

As funcións da Comisión serán fixadas nas bases do procedemento aprobadas pola Xerencia ou Dirección e, en todo caso, terá as seguintes:

a) Fixar previamente os criterios para realizar e valorar a entrevista e/ou a memoria (entrevista e/ou memoria regradas).

b) Realizar e valorar a entrevista e/ou a memoria.

c) Dar traslado á Xerencia ou Dirección da acta, coa debida motivación, coas puntuacións obtidas polas persoas aspirantes na entrevista e/ou memoria.

V.3. Xestión de chamamentos.

A adxudicación automatizada dos nomeamentos ou, de ser o caso, o chamamento telefónico, serán efectuados polas xerencias ou direccións seguindo rigorosamente a orde de puntuación nas listas, sen prexuízo do procedemento específico de selección que se establece na epígrafe V.2.3 respecto a determinados postos con características específicas.

V.4. Aplicación do Pacto de Selección Temporal.

Á marxe do previsto nas epígrafes V.1, V.2 e V.3 anteriores, na selección temporal do persoal estatutario licenciado sanitario do nivel de atención hospitalaria aplicaranse con carácter xeral as normas establecidas no vixente pacto.

Como excepcións:

a) Os méritos que se van valorar serán os causados ata o 15 de xuño, este incluído, que consten debidamente rexistrados en Fides/expedient-e e acreditados documentalmente pola persoa interesada ata a data límite do 30 de xuño.

b) Todas as listas de persoal licenciado sanitario serán compatibles entre si.

c) Serán subsidiarias entre si para os efectos da formalización de nomeamentos, nos supostos de indispoñibilidade transitoria de aspirantes nunha das categorías, as listas de persoas aspirantes das categorías de pediatra de atención primaria e facultativo/a especialista de área na especialidade de Pediatría e as súas áreas específicas.

d) No suposto de non existir nunha área sanitaria aspirantes dispoñibles que manifestasen como opción de inscrición este ámbito, e ata a seguinte xeración de listas que se efectúe segundo o disposto na epígrafe II.4.4 deste pacto, deberá procederse segundo a orde que se indica a continuación:

1º. En primeiro lugar, se a oferta de nomeamento é inferior a sesenta (60) días, acudirase aos aspirantes admitidos na lista da respectiva categoría e área sanitaria, pola quenda de promoción profesional.

2º. En segundo lugar, efectuarase o chamamento a favor daqueles/as aspirantes que estean en posesión do título/especialidade e que formalizasen en Fides/expedient-e a solicitude de inscrición nas listas de selección temporal/promoción profesional da categoría con posterioridade á data límite de inscrición para as listas en vigor nese momento, e tamén con posterioridade á data de obtención da dita titulación académica específica (no suposto de que a persoa aspirante rexistre a su inscrición en listas antes da data de obtención da dita titulación académica específica, a aplicación informática equiparará esta data de rexistro e a data interna de alta coa data de obtención da titulación académica específica requisito de acceso).

Neste suposto, a ordenación das persoas aspirantes en cada área sanitaria efectuarase segundo o indicado na epígrafe III.4.3º.

3º. En terceiro lugar, de non existiren aspirantes da mesma categoría nos puntos anteriores, acudirase á utilización das listas desa categoría das áreas sanitarias máis próximas, tendo en conta as áreas limítrofes ao distrito onde xorde a oferta de contratación.

Para os efectos do previsto no parágrafo anterior, considéranse áreas sanitarias limítrofes as que se determinan no anexo V.

As persoas aspirantes poderán facer constar no formulario de inscrición en lista a súa dispoñibilidade para prestar servizos fóra da área orixinaria de adscrición, conforme a orde de prelación indicada no anexo V.

Mostrada a súa predisposición no formulario de inscrición, en primeiro lugar acudirase ás persoas aspirantes que manifestasen a súa dispoñibilidade para a prestación de servizos en áreas limítrofes, e neste caso será motivo de penalización o rexeitamento da oferta de contratación temporal a xornada completa.

A continuación, en segundo lugar, acudirase ás persoas aspirantes que non manifestasen a súa dispoñibilidade para a prestación de servizos en áreas limítrofes, e neste caso será totalmente voluntaria a aceptación desta oferta de contratación temporal.

Previamente a efectuar o chamamento, verificarase que na área sanitaria de inscrición da persoa aspirante se dispón de persoal dispoñible.

4º. A continuación, en cuarto lugar, serán subsidiarias entre si para os efectos da formalización de nomeamentos as listas de persoas aspirantes das categorías que se detallan no anexo II deste pacto.

5º. Por último, en casos excepcionais e por indispoñibilidade de aspirantes, as xerencias/direccións poderán ofertarlles aos/ás profesionais cun nomeamento de interinidade ou substitución, que dispoñan ademais da titulación académica que os/as habilite para o acceso ás funcións doutra categoría do mesmo ou superior nivel de titulación, nomeamentos temporais correspondentes a esta última categoría, sen que resulte afectada, por este motivo, a vixencia do nomeamento da categoría de orixe. A aceptación do nomeamento será voluntaria para a persoa aspirante.

No caso de que as xerencias/direccións procedan á activación deste último suposto 5º, informarán disto na correspondente Comisión Periférica.

e) Ás persoas aspirantes vinculadas nun distrito da área sanitaria de inscrición ofertaránselles os vínculos de longa duración da mesma categoría/especialidade que se produzan noutro distrito desa área sanitaria. A aceptación deste vínculo terá carácter voluntario.

No suposto de renuncia a un nomeamento de longa duración noutro distrito desa área sanitaria de inscrición, permanecerá como indispoñible neste distrito para sucesivos nomeamentos ata a finalización do seu vínculo.

f) Ás persoas aspirantes vinculadas nun distrito distinto da área sanitaria de inscrición ofertaránselles todos os vínculos da mesma categoría/especialidade que se produzan no/nos distrito/s da área sanitaria de inscrición. A aceptación deste vínculo terá carácter voluntario.

Neste suposto, a renuncia a un nomeamento de curta ou longa duración nun distrito da área sanitaria de inscrición implicará a súa indispoñibilidade neste distrito para todo tipo de nomeamentos sucesivos ata a finalización do seu vínculo.

V.5. Réxime transitorio: de listas de ámbito autonómico a listas de ámbito área sanitaria.

Na Resolución do 11 de decembro de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 240, do 18 de decembro), sobre a selección de persoal estatutario temporal licenciado sanitario de atención hospitalaria, regulábanse as listas deste persoal como listas de ámbito autonómico. Agora, coa entrada en vigor deste novo pacto, e tal e como se indica na epígrafe V.1, as listas deste persoal terán ámbito territorial de área sanitaria.

De acordo con esta premisa, tras a publicación no ano 2026 das listas definitivas destas categorías (consonte as normas e os requisitos do Pacto do ano 2018) e ata a data límite do 30 de setembro do ano 2026, as persoas inscritas nas listas de persoal licenciado sanitario de atención hospitalaria terán á súa disposición, no seu Fides/expedient-e, unha inscrición en estado editable na cal deberán indicar unha única área sanitaria da súa elección para a prestación de servizos.

No suposto de que no prazo referido no parágrafo anterior o/a aspirante non seleccione ningunha área sanitaria na súa inscrición editable:

1º) Se na súa antiga inscrición de ámbito autonómico só marcou distritos sanitarios pertencentes a unha única área sanitaria: rexistrarase esa área sanitaria como a principal para a nova prestación de servizos.

2º) Se na súa antiga inscrición de ámbito autonómico marcou distritos sanitarios pertencentes a máis dunha área sanitaria: rexistrarase como área sanitaria principal na nova lista aquela en que marcase un distrito considerado de difícil cobertura (A Barbanza, A Mariña, Cee, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, O Salnés ou Verín). No suposto de existir na súa antiga inscrición varios ou ningún distrito de difícil cobertura, rexistrarase, de entre eles, a área sanitaria en que consten menos aspirantes admitidos nas listas vixentes.

ANEXO I

Listas compatibles

a) Persoal licenciado sanitario.

Médico/a de familia, médico/a de urxencias hospitalarias, médico/a coordinador/a do 061, médico/a asistencial do 061, facultativo/a especialista de área de Medicina do Traballo, odontólogo/a de atención primaria, psicólogo/a clínico/a, farmacéutico/a de atención primaria, técnico/a de saúde de atención primaria e licenciados/as sanitarios/as de atención hospitalaria.

b) Persoal sanitario diplomado e de formación profesional.

Bloque I:

Dietista-nutricionista, enfermeiro/a, enfermeiro/a especialista, enfermeiro/a da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, logopedista, fisioterapeuta e terapeuta ocupacional.

A Administración poderá suspender temporalmente a aplicación da compatibilidade das listas de enfermeiro/a e enfermeiro/a especialista, nos supostos de indispoñibilidade de aspirantes ou cando o número de inscritos/as se prevexa insuficiente para dar cobertura ás necesidades da especialidade, que en todo caso terán carácter prioritario.

Da suspensión que, de ser o caso, se acorde, serán informadas a Comisión Central de Seguimento do Pacto e ás respectivas comisións periféricas.

Bloque II:

Técnico/a superior en radioterapia, técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico, técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico, técnico/a superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico/a superior en dietética e nutrición, técnico/a superior en documentación sanitaria e técnico/a superior en hixiene bucodental.

Bloque III:

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría e técnico/a en farmacia.

c) Persoal de xestión e servizos.

Bloque I:

Grupo técnico da función administrativa, técnico/a superior, técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información, enxeñeiro/a superior, grupo de xestión da función administrativa, traballador/a social, enxeñeiro/a técnico/a, técnico/a de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, técnico/a especialista de sistemas e tecnoloxías da información, técnico/a superior de prevención de riscos laborais, técnico/a de grao medio en prevención de riscos laborais, técnico/a superior en ciencias da información, enxeñeiro/a biomédico/a, bibliotecario/a e técnico/a de grao medio en biblioteconomía e documentación.

Bloque II:

Pinche e cociñeiro/a.

Bloque III:

Lavandeiro/a, limpador/a e pasador/a de ferro.

d) Persoal con discapacidade intelectual acreditada:

Crearanse listas independentes de persoal con discapacidade intelectual, de tal xeito que todas estas listas serán compatibles entre si e incompatibles coas listas onde non se exixa acreditar este requisito para o seu acceso. As ditas listas, tal e como se regula na epígrafe II.2.4, disporán da posibilidade de inscribirse pola quenda de acceso libre ou pola quenda de acceso de promoción profesional temporal.

ANEXO II

Categorías subsidiarias

I. Médico/a de familia de atención primaria, médico/a de urxencias hospitalarias e médico/a do 061 que reúna os requisitos para o exercicio profesional de cada unha das categorías.

Será subsidiaria da categoría de médico/a de familia, en primeiro lugar, a categoría de médico/a de urxencias hospitalarias, e a continuación, por esta orde, médico/a coordinador/a do 061 e médico/a asistencial do 061.

Respecto da categoría de médico/a de urxencias hospitalarias, serán subsidiarias as categorías de médico/a asistencial do 061, médico/a de familia e médico/a coordinador/a do 061, por esta orde.

Respecto da categoría de médico/a coordinador/a do 061, serán subsidiarias, pola orde que se detalla a continuación, as categorías de médico/a de familia, médico/a asistencial do 061 e médico/a de urxencias hospitalarias.

Por último, respecto da categoría de médico/a asistencial do 061, será subsidiaria, en primeiro lugar, a categoría de médico/a de urxencias hospitalarias e, a continuación e por esta orde, médico/a coordinador/a do 061 e médico/a de familia.

II. Tamén serán subsidiarias ente si para os efectos da formalización de nomeamentos, nos supostos de indispoñibilidade transitoria de aspirantes nunha das categorías, as listas de persoas aspirantes das categorías de pediatra de atención primaria e facultativo/a especialista de área na especialidade de Pediatría e as súas áreas específicas.

III. Para os efectos da formalización de nomeamentos nos supostos de indispoñibilidade transitoria de aspirantes, serán subsidiarias da categoría de médico/a de hospitalización a domicilio a categoría de médico/a de urxencias hospitalarias e a de facultativo/a especialista de área de Medicina Interna.

ANEXO III

Acordos interpretativos

A. Xestión de chamamentos.

Primeiro. Cobertura de comisións de servizo, liberacións sindicais e servizos determinados

Os nomeamentos de substitución por causa de comisión de servizo, liberación por desempeño de cargo sindical, así como os nomeamentos temporais de servizo determinado, agás que o centro peticionario especifique que a súa previsible duración, incluídas as posibles prórrogas, sexa inferior a un ano, presumiranse de longa duración. Así as cousas, os nomeamentos para cubrir tales continxencias deberán formalizarse coas persoas aspirantes que acrediten unha maior puntuación na correspondente categoría e ámbito territorial.

Segundo. Sucesión de nomeamentos de longa duración

No suposto de que resulte necesario formalizar unha vinculación de longa duración que derive doutra anterior tamén de longa duración, cuberta cun/cunha aspirante seleccionado/a pola orde de preferencia nas listas para a cobertura de vínculos de duración igual ou superior ao ano, este novo vínculo formalizarase con este/a mesmo/a profesional.

A contrario sensu, se a vinculación anterior fose formalizada cun/cunha aspirante chamado/a pola lista de curta duración, por non ter nese intre o nomeamento a consideración de longa duración, producirase o cesamento dese/a aspirante e chamarase o/a que acredite a maior puntuación nas listas para a cobertura de nomeamentos de duración igual ou superior ao ano.

Terceiro. Cesamento das substitucións

O cesamento do/da substituto/a producirase cando se reincorpore a persoa que o substitúe, cando o/a titular perda o seu dereito á reincorporación á mesma praza ou función e nos supostos recollidos no artigo 9 bis do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde. No suposto en que unicamente se produza o cambio da causa que dá lugar á reserva da praza do/da titular sen reincorporación efectiva deste, non procederá o cesamento do/da substituto/a por este motivo.

Cuarto. Determinación da orde de rotación de chamamentos entre a quenda de promoción profesional e a quenda de acceso libre

O primeiro chamamento que se deba efectuar nunha determinada categoría e distrito para a cobertura dunha interinidade en praza vacante e demais que se establezan, inicialmente de duración igual ou superior a sesenta (60) días, efectuarase pola quenda de promoción profesional temporal –lista de curta ou longa duración– segundo o tipo de nomeamento.

En cada publicación de listas definitivas, sexa durante a vixencia dun mesmo pacto ou doutro posterior que o substitúa, non se reiniciará o cómputo do 50 % a prol das listas de promoción profesional temporal, senón que o dito 50 % de alternancia para as vinculacións que se van cubrir na respectiva categoría e distrito debe aplicarse con continuidade, é dicir, respectando a orde seguida para o chamamento inmediatamente anterior realizado no respectivo distrito.

No caso de non existir ou esgotarse algunha das quendas e, polo tanto, adxudicarse o contrato pola outra quenda dispoñible, no seguinte nomeamento temporal que se oferte acudirase novamente á quenda anteriormente esgotada. É dicir, a quenda do último contrato rexistrado será a que indique o inicio da alternancia para os próximos contratos que se van adxudicar.

Quinto. Tempo parcial

Os nomeamentos a tempo parcial derivados da cobertura de reducións de xornada por motivos familiares ofertaránselles ás persoas aspirantes da lista especial de curta duración que seleccionasen a opción de tempo parcial, sempre que non conste expresamente que sexan de duración inferior a noventa (90) días.

Sexto. Priorización da lista de enfermeiro/a especialista nos ámbitos funcionais con especialidade

Para os nomeamentos de enfermaría naqueles ámbitos funcionais en que exista especialidade, os chamamentos realizaranse a favor das persoas aspirantes admitidas nas listas vixentes de enfermeiro/a especialista desa especialidade, de acordo coa orde de prelación e criterios de xestión dispostos neste pacto. De non haber aspirantes dispoñibles da mesma especialidade nas listas vixentes, recorrerase aos novos aspirantes desa especialidade inscritos consonte o disposto na epígrafe III.4.3º do pacto vixente.

Só no suposto de non haber aspirantes dispoñibles ao abeiro do establecido no parágrafo anterior, acudirase aos/ás demandantes inscritos/as na lista temporal da categoría de enfermeiro/a.

B. Renuncias sen penalización.

Sétimo. Renuncia sen penalización a vínculos de longa duración nos supostos de cambio de distrito ou de distrito preferente.

As persoas aspirantes que se encontren vinculadas por un nomeamento a xornada completa en praza vacante ou de duración igual ou superior a un ano nunha institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde ou nunha entidade pública sanitaria adscrita á Consellería de Sanidade consonte as listas convocadas ao abeiro do Pacto de selección temporal, e que coa entrada en vigor dunha nova lista figuren como aspirantes nun distrito distinto, non serán chamados pola nova lista mentres se manteña tal vinculación, en aplicación do Pacto de selección temporal.

Agora ben, sempre que o/a aspirante o manifeste por escrito ante o órgano responsable da realización dos chamamentos daquel novo distrito en que figure inscrito/a, dentro do prazo dun mes desde a entrada en vigor das novas listas, se chamarano/a para calquera vinculación que lle corresponda polo seu número de orde no novo distrito.

A aceptación da oferta de nomeamento no novo distrito comportará a renuncia á vinculación na cal figuraba anteriormente, sen que sexa obxecto de penalización por esta causa.

A non aceptación da oferta de nomeamento no novo distrito comporta a aplicación do réxime penalizador previsto no Pacto de selección temporal.

Oitavo. Renuncia sen penalización a calquera vínculo nos supostos de cambio de categoría

As persoas aspirantes que se encontren vinculadas nunha institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde ou nunha entidade pública sanitaria adscrita á Consellería de Sanidade consonte as listas convocadas ao abeiro do Pacto de selección temporal, e que coa entrada en vigor dunha nova lista figuren como aspirantes nunha nova categoría, non poderán renunciar voluntariamente a este vínculo, agás que se formalice un chamamento referido a un vínculo de duración igual ou superior a un ano na nova categoría.

Agora ben, sempre que o/a aspirante o manifeste por escrito ante o órgano responsable da realización dos chamamentos dentro do prazo dun mes desde a entrada en vigor das novas listas, chamarano/a tamén para calquera vinculación de duración inferior a un ano que lle corresponda polo seu número de orde na nova lista.

A aceptación da oferta de nomeamento na nova lista comportará consigo a renuncia á vinculación na cal figuraba anteriormente, sen que sexa obxecto de penalización por esta causa.

A non aceptación da oferta de nomeamento na nova lista comporta a aplicación do réxime penalizador previsto no Pacto de selección temporal.

Noveno. Renuncia sen penalización a vínculos a tempo parcial nos supostos de optar só pola realización de nomeamentos a xornada completa

As persoas aspirantes que se encontren vinculadas por un nomeamento a tempo parcial nunha institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde ou nunha entidade pública sanitaria adscrita á Consellería de Sanidade consonte as listas convocadas ao abeiro do Pacto de selección temporal, e que coa entrada en vigor dunha nova lista manifestasen na súa solicitude a vontade de non aceptar a realización de nomeamentos a tempo parcial, non poderán renunciar voluntariamente ao referido vínculo, agás que se formalice un chamamento referido a un vínculo a xornada completa en praza vacante ou de duración igual ou superior a un ano.

Non obstante, sempre que o/a aspirante o manifeste por escrito ante o órgano responsable da realización dos chamamentos dentro do prazo dun mes desde a entrada en vigor das novas listas (logo de acreditación da existencia de aspirantes dispoñibles para nomeamentos a tempo parcial na lista da mesma categoría e ámbito territorial), chamarano/a para calquera vinculación a xornada completa que lle corresponda polo seu número de orde na nova lista.

A aceptación da oferta de nomeamento a xornada completa na nova lista comportará a renuncia á vinculación na cal figuraba anteriormente, sen que sexa obxecto de penalización por esta causa.

A non aceptación da oferta de nomeamento a xornada completa na nova lista comporta a aplicación do réxime penalizador disposto no Pacto de selección temporal.

Décimo. Renuncia sen penalización a vínculos a tempo parcial nos supostos de cambio de distrito

As persoas aspirantes que se encontren vinculadas por un nomeamento a tempo parcial, en praza vacante ou de duración igual ou superior a un ano nunha institución sanitaria do Servizo Galego de Saúde ou nunha entidade pública sanitaria adscrita á Consellería de Sanidade consonte as listas convocadas ao abeiro do Pacto de selección temporal, e que coa entrada en vigor dunha nova lista figuren como aspirantes nun distrito distinto, non serán chamadas pola nova lista mentres se manteña tal vinculación, agás que se formalice un chamamento referido a un vínculo a xornada completa en praza vacante ou de duración igual ou superior a un ano.

Non obstante, sempre que o/a aspirante o manifeste por escrito ante o órgano responsable da realización dos chamamentos daquel novo distrito en que figure inscrito/a, dentro do prazo dun mes desde a entrada en vigor das novas listas, será chamado/a para calquera vinculación que lle corresponda polo seu número de orde no novo distrito.

A aceptación da oferta de nomeamento no novo distrito suporá a renuncia á vinculación en que figuraba anteriormente, sen que sexa obxecto de penalización por esta causa.

A non aceptación da oferta de nomeamento no novo distrito comporta a aplicación do réxime penalizador previsto no Pacto de selección temporal.

C. Compatibilidade.

Décimo primeiro. Inscrición en listas incompatibles

No suposto de que un/unha aspirante solicite a súa inscrición en varias categorías incompatibles, optarase pola categoría en que o/a aspirante formalizase a súa inscrición en Fides/expedient-e en último lugar e quedará sen efecto a primeira rexistrada en Fides polo/a aspirante.

Décimo segundo. Compatibilidade entre a sublista de puericultor/a e a lista de médico de familia

As persoas aspirantes inscritas na lista de médico/a de familia e que, posuíndo o diploma de posgrado en puericultura, exerzan a opción de acceso á sublista de puericultor/a, poderán optar –no suposto de non existiren médicos pediatras dispoñibles na lista– aos nomeamentos que se lles oferten para a cobertura de substitucións e/ou eventualidades de pediatra de atención primaria, segundo a orde rigorosa que resulte da prelación da sublista de puericultor/a.

ANEXO IV

Distritos limítrofes

Distrito da Coruña: Cee, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, O Salnés, Pontevedra, Vigo, A Barbanza, Ourense, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín, O Barco de Valdeorras.

Distrito de Cee: A Coruña, Santiago de Compostela, A Barbanza, O Salnés, Pontevedra, Ferrol, Vigo, Ourense, Lugo, Monforte de Lemos, Verín, A Mariña, O Barco de Valdeorras.

Distrito de Ferrol: A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, A Barbanza, A Mariña, Cee, O Salnés, Pontevedra, Vigo, Ourense, Monforte de Lemos, Verín, O Barco de Valdeorras.

Distrito de Santiago de Compostela: A Barbanza, A Coruña, O Salnés, Pontevedra, Vigo, Ferrol, Ourense, Cee, Lugo, Verín, Monforte de Lemos, A Mariña, O Barco de Valdeorras.

Distrito da Barbanza: Santiago de Compostela, O Salnés, Pontevedra, Vigo, A Coruña, Cee, Ferrol, Ourense, Lugo, Monforte de Lemos, Verín, A Mariña, O Barco de Valdeorras.

Distrito de Lugo: Monforte de lemos, A Mariña, A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Ourense, O Barco de Valdeorras, O Salnés, Pontevedra, Vigo, A Barbanza, Verín, Cee.

Distrito da Mariña: Lugo, Monforte de Lemos, Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, O Salnés, Pontevedra, O Barco de Valdeorras, Ourense, Vigo, A Barbanza, Cee, Verín.

Distrito de Monforte de Lemos: Lugo, A Mariña, Ourense, O Barco de Valdeorras, Verín, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra, A Coruña, O Salnés, Ferrol, A Barbanza, Cee.

Distrito de Ourense: Verín, O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos, Santiago de Compostela, Lugo, A Barbanza, Vigo, Pontevedra, A Coruña, Ferrol, O Salnés, Cee, A Mariña.

Distrito de Verín: Ourense, O Barco de Valdeorras, Monforte de Lemos, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra, O Salnés, Lugo, A Coruña, A Barbanza, Ferrol, A Mariña, Cee.

Distrito do Barco de Valdeorras: Ourense, Verín, Monforte de Lemos, Lugo, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Vigo, A Mariña, Pontevedra, O Salnés, A Barbanza, Cee.

Distrito de Pontevedra: O Salnés, Vigo, Santiago de Compostela, A Barbanza, Ourense, A Coruña, Monforte de Lemos, Ferrol, Cee, Lugo, Verín, A Mariña, O Barco de Valdeorras.

Distrito do Salnés: Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela, A Barbanza, A Coruña, Ferrol, Ourense, Cee, Lugo, Monforte de Lemos, Verín, A Mariña, O Barco de Valdeorras.

Distrito de Vigo: Pontevedra, O Salnés, Santiago de Compostela, Ourense, A Barbanza, A Coruña, Ferrol, Monforte de Lemos, Verín, Cee, Lugo, O Barco de Valdeorras, A Mariña.

ANEXO V

Áreas sanitarias limítrofes ao distrito sanitario onde xorde a oferta

Oferta no distrito da Coruña: A.S. Ferrol, A.S. Santiago de Compostela-A Barbanza, A.S. Lugo-A Mariña-Monforte de Lemos, A.S. Pontevedra-O Salnés, A.S. Vigo, A.S. Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras.

Oferta no distrito de Cee: A.S. Santiago de Compostela-A Barbanza, A.S. Pontevedra-O Salnés, A.S. Ferrol, A.S. Vigo, A.S. Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, A.S. Lugo-A Mariña-Monforte de Lemos.

Oferta no distrito de Ferrol: A Coruña-Cee, A.S. Santiago de Compostela-A Barbanza, A.S. Lugo-A Mariña-Monforte de Lemos, A.S. Pontevedra-O Salnés, A.S. Vigo, A.S. Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras.

Oferta no distrito de Santiago de Compostela: A Coruña-Cee, A.S. Pontevedra-O Salnés, A.S. Vigo, A.S. Ferrol, A.S. Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, A.S. Lugo-A Mariña-Monforte de Lemos.

Oferta no distrito da Barbanza: A.S. Pontevedra-O Salnés, A.S. Vigo, A Coruña-Cee, A.S. Ferrol, A.S. Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, A.S. Lugo-A Mariña-Monforte de Lemos.

Oferta no distrito de Lugo: A Coruña-Cee, A.S. Ferrol, A.S. Santiago de Compostela-A Barbanza, A.S. Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, A.S. Pontevedra-O Salnés, A.S. Vigo.

Oferta no distrito da Mariña: A.S. Ferrol, A Coruña-Cee, A.S. Santiago de Compostela-A Barbanza, A.S. Pontevedra-O Salnés, A.S. Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, Vigo.

Oferta no distrito de Monforte de Lemos: A.S. Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, A.S. Santiago de Compostela-A Barbanza, A.S. Vigo, A.S. Pontevedra-O Salnés, A Coruña-Cee, A.S. Ferrol.

Oferta no distrito de Ourense: A.S. Lugo-A Mariña-Monforte de Lemos, A.S. Santiago de Compostela-A Barbanza, A.S. Vigo, A.S. Pontevedra-O Salnés, A Coruña-Cee, A.S. Ferrol.

Oferta no distrito de Verín: A.S. Lugo-A Mariña-Monforte de Lemos, A.S. Santiago de Compostela-A Barbanza, A.S. Vigo, A.S. Pontevedra-O Salnés, A Coruña-Cee, A.S. Ferrol.

Oferta no distrito do Barco de Valdeorras: A.S. Lugo-A Mariña-Monforte de Lemos, A.S. Santiago de Compostela-A Barbanza, A Coruña-Cee, A.S. Ferrol, A.S. Vigo, A.S. Pontevedra-O Salnés.

Oferta no distrito de Pontevedra: A.S. Vigo, A.S. Santiago de Compostela-A Barbanza, A.S. Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, A Coruña-Cee, A.S. Lugo-A Mariña-Monforte de Lemos, A.S. Ferrol.

Oferta no distrito do Salnés: A.S. Vigo, A.S. Santiago de Compostela-A Barbanza, A Coruña-Cee, A.S. Ferrol, A.S. Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, A.S. Lugo-A Mariña-Monforte de Lemos.

Oferta no distrito de Vigo: A.S. Pontevedra-O Salnés, A.S. Santiago de Compostela-A Barbanza, A.S. Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, A Coruña-Cee, A.S. Ferrol, A.S. Lugo-A Mariña-Monforte de Lemos.

ANEXO VI

Ámbito territorial e data de corte de requisitos e méritos por categoría

Categoría

Méritos

Requisitos

Ámbito

Albanel

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Bibliotecario/a

15 de outubro

31 de outubro

Autonómico

Calefactor/a

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Carpinteiro/a

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Celador/a

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Celador/a (quenda discapacidade intelectual)

15 de outubro

31 de outubro

Autonómico

Cociñeiro/a

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Condutor/a

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Costureiro/a

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Dietista-nutricionista

15 de outubro

31 de outubro

Autonómico

Electricista/a

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Enfermeiro/a

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Enfermeiro/a da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061

15 de outubro

31 de outubro

Autonómico

Enfermeiro/a especialista en enfermaría do traballo

15 de xuño

30 de xuño

Autonómico

Enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria

15 de xuño

30 de xuño

Distrito

sanitario

Enfermeiro/a especialista en enfermaría pediátrica

15 de xuño

30 de xuño

Distrito

sanitario

Enfermeiro/a especialista en obstetricia e xinecoloxía (matrón/a)

15 de xuño

30 de xuño

Distrito

sanitario

Enfermeiro/a especialista en saúde mental

15 de xuño

30 de xuño

Distrito

sanitario

Enxeñeiro/a biomédico/a

15 de outubro

31 de outubro

Autonómico

Enxeñeiro/a técnico/a

15 de outubro

31 de outubro

Autonómico

Facultativo/a especialista de área de Alergoloxía

15 de xuño

30 de xuño

Área

Sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Análises Clínicas

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Anatomía Patolóxica

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Anestesioloxía e Reanimación

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Anxioloxía e Cirurxía Vascular

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Aparello Dixestivo

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Cardioloxía

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Cirurxía Cardiovascular

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Cirurxía Oral e Maxilofacial

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Cirurxía Ortopédica e Traumatolóxica

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Cirurxía Pediátrica

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Cirurxía Torácica

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Cirurxía Xeral e do Aparello Dixestivo

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Dermatoloxía Médico-Cirúrxica e Venereoloxía

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Endocrinoloxía e Nutrición

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Farmacia Hospitalaria

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Hematoloxía e Hemoterapia

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Inmunoloxía

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Medicina do Traballo

15 de xuño

30 de xuño

Autonómico

Facultativo/a especialista de área de Medicina Física e Rehabilitación

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Medicina Intensiva

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Medicina Interna

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Medicina Nuclear

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Medicina Preventiva e Saúde Pública

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Microbioloxía e Parasitoloxía

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Nefroloxía

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Neurocirurxía

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Neurofisioloxía Clínica

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Neuroloxía

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Obstetricia e Xinecoloxía

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Oftalmoloxía

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Oncoloxía Médica

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Oncoloxía Radioterápica

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Otorrinolaringoloxía

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Pediatría e as súas áreas específicas

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Pneumoloxía

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Psicoloxía Clínica

15 de xuño

30 de xuño

Distrito

sanitario

Facultativo/a especialista de área de Psiquiatría

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Radiodiagnóstico

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Radiofísica Hospitalaria

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Reumatoloxía

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Uroloxía

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Facultativo/a especialista de área de Xeriatría

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Farmacéutico/a de atención primaria

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Fisioterapeuta

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Fontaneiro/a

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Grupo auxiliar da función administrativa

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Grupo de xestión da función administrativa

15 de outubro

31 de outubro

Autonómico

Grupo técnico da función administrativa

15 de outubro

31 de outubro

Autonómico

Lavandeiro/a

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Logopedista

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Mecánico/a

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Médico/a asistencial do 061

15 de xuño

30 de xuño

Autonómico

Médico/a coordinador do 061

15 de xuño

30 de xuño

Autonómico

Médico/a de admisión e documentación clínica

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Médico/a de familia de atención primaria

15 de xuño

30 de xuño

Distrito

sanitario

Médico/a de hospitalización a domicilio

15 de xuño

30 de xuño

Área

sanitaria

Médico/a de urxencias hospitalarias

15 de xuño

30 de xuño

Distrito

sanitario

Odontólogo/a de atención primaria

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Pasador/a de ferro

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Pediatra de atención primaria

15 de xuño

30 de xuño

Distrito

sanitario

Peiteador/a

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Persoal de servizos xerais

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Pinche

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Técnico/a de grao medio en prevención de riscos laborais

15 de outubro

31 de outubro

Autonómico

Técnico/a de grao medio en biblioteconomía e documentación

15 de outubro

31 de outubro

Autonómico

Técnico/a de saúde de atención primaria

15 de outubro

31 de outubro

Autonómico

Técnico/a de xestión de sistemas e tecnoloxías da información

15 de outubro

31 de outubro

Autonómico

Técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Técnico/a en farmacia

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Técnico/a especialista de sistemas e tecnoloxías da información

15 de outubro

31 de outubro

Autonómico

Técnico/a superior de prevención de riscos laborais

15 de outubro

31 de outubro

Autonómico

Técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información

15 de outubro

31 de outubro

Autonómico

Técnico/a superior en anatomía patolóxica e citoloxía

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Técnico/a superior en ciencias da información

15 de outubro

31 de outubro

Autonómico

Técnico/a superior en dietética

15 de outubro

31 de outubro

Autonómico

Técnico/a superior en documentación sanitaria

15 de outubro

31 de outubro

Autonómico

Técnico/a superior en hixiene bucodental

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Técnico/a superior en radioterapia

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Telefonista

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Terapeuta ocupacional

15 de outubro

31 de outubro

Distrito

sanitario

Traballador/a social

15 de outubro

31 de outubro

Autonómico