O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), dispón que os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións afectadas.
O artigo 9.7 da LEG recolle que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.
O artigo 18.11 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG) dispón que os cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que forman parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles, que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente.
O convenio de colaboración asinado o día 6.4.2026 entre a Axencia Galega de Infraestruturas e o Concello do Grove para levar a cabo a humanización dun treito urbano da PO-316, rúa Luis A. Mestre, recolle o compromiso do Concello de asumir a titularidade de todo o dominio público viario do treito da PO-316, desde o p.q. 4+440 ata o p.q. 5+510.
A estrada PO-316, coa excepción do seu treito final (p.q. 4+440 a p.q. 5+510), ten categoría funcional de rede estruturante, xa que forma parte do itinerario que conecta o núcleo urbano do Grove coa rexión e área urbana de Pontevedra. O treito final da PO-316, do p.q. 4+440 ao p.q. 5+510, con categoría funcional de rede local, carece de funcionalidade dentro da Rede autonómica de estradas de Galicia (RAEG), xa que presenta un marcado carácter local e urbano.
A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.
De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de maio de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO:
Artigo 1
Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello do Grove, do treito final da estrada PO-316, con inicio no p.q. 4+440 e final no p.q. 5+510, xunto co seu dominio público viario:
|
Treito |
Inicio |
Coordenadas UTM (ETRS89 fuso29N) |
Final |
Coordenadas UTM (ETRS89 fuso29N) |
Lonxitude (m) |
|
Treito final da PO-316 |
PQ 4+440 da PO-316 |
X = 511.229 y = 4.703.321 |
PQ 5+510 da PO-316 |
X = 510.973 y = 4.704.327 |
1.049 |
Artigo 2
Modificar, en aplicación do artigo 10.6.a) da LEG, o Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 100/2021, do 24 de xuño (DOG núm. 129, do 8 de xullo), suprimindo o treito final da estrada PO-316, que queda reflectido do seguinte xeito:
|
Clave |
Denominación |
Treito |
PQi |
PQf |
Lonxitude treito (km) |
Lonxitude total (km) |
Categoría funcional |
Clase de estrada |
Provincia |
|
PO-316 |
A Lanzada (PO-550)- O Grove (PO-312) |
A Lanzada (PO-550)- O Grove (PO-312) |
0+000 |
4+440 |
4,44 |
4,44 |
Estruturante |
Estrada convencional |
Pontevedra |
O documento do Catálogo e as súas modificacións poden consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:
https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega
Artigo 3
En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da LEG, o Concello do Grove deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.
Artigo 4
De acordo co establecido no artigo 9.6 da LEG, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.
Esa acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega
Artigo 5
Correspóndenlle ao Concello do Grove, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do treito da vía transferido, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular do treito.
Disposición derradeira
Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, dezaoito de maio de dous mil vinte e seis
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
