Expediente: IN407A 2025/083-4.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: LMTS e tres centros de transformación en Erville.
Concello: Mos.
Feitos:
1. O 24.4.2025, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS e tres centros de transformación en Erville.
A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Javier Fernández Pazos, colexiado 502 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense, e contén un orzamento total de 479.049,72 euros.
Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade mellorar a calidade da subministración eléctrica no lugar de Erville e Erville de Abaixo, na parroquia de Cela, no concello de Mos. Para isto están proxectadas as seguintes actuacións:
• Retirada do centro de transformación Erville de Abaixo (36A606), de 100 kVA.
• Instalación de tres centros de transformación (250 kVA, 400 kVA e 250 kVA) de tipo compacto, telecontrolado, GSM/GPRS/FO, 2L1P, de envolvente prefabricada e manobra exterior.
• Instalación dunha liña de media tensión subterránea de 1.364 metros en tres actuacións para alimentar os novos centros de transformación proxectados.
2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Mos, Augas de Galicia, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o Servizo de Montes e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos por Augas de Galicia, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e o Servizo do Patrimonio Cultural.
O Servizo de Montes emitiu un informe en que manifesta que as actuacións afectarían terreos pertencentes á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Cela. En resposta a este informe, UFD Distribución Electricidad, S.A. achegou os acordos acadados coa mencionada CMVMC.
O 23.6.2025, o Concello de Mos remitiu un condicionado con reparos en relación co espazo de vía que invaden as portas de acceso do centro de transformación núm. 3 no momento da súa apertura.
O 1.8.2025, UFD Distribución Electricidad, S.A. aclarou que as portas de acceso ao centro de transformación núm. 3 non invaden a vía, xa que o centro de transformación se situará a 4 metros desde o eixe do camiño asfaltado e se recuará adicionalmente a distancia correspondente á abertura das portas. Esta aclaración foi trasladada ao Concello, que non manifestou reparos, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica.
3. O 29.7.2025, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMTS e tres centros de transformación en Erville.
Consideracións legais e técnicas.
1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:
• Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 15 kV, con condutor RHZ1-2OL-12/20 kV 1×240 Al, en tres actuacións. A primeira é de 40 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente A15R2K0X da liña de media tensión aérea (LMTA) SDM701, mediante un paso aero-subterráneo, e final no centro de transformación proxectado 1 (CT-1). A segunda é de 781 metros de lonxitude, con orixe no CT-1 proxectado e final no centro de transformación proxectado 2 (CT-2). E a terceira é de 543 metros de lonxitude, con orixe no CT-2 proxectado e final no centro de transformación proxectado 3 (CT-3).
• CT-1 a 250 kVA, con relación de transformación 15 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 36033A077001360000SY en Erville de Abaixo.
• CT-2 a 400 kVA, con relación de transformación 15 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 36033A077000600001DM en Erville.
• CT-3 a 250 kVA, con relación de transformación 15 kV/400 V, situado na parcela con referencia catastral 36033A076000360000SP en Erville.
• As instalacións están situadas en Erville e Erville de Abaixo, na parroquia de Cela (San Pedro), no concello de Mos (Pontevedra).
Conforme o indicado,
RESOLVO:
Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS e tres centros de transformación en Erville (expediente IN407A 2025/083-4).
Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:
1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.
2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.
3. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establecen o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) nº 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) nº 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) nº 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.
5. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado de dirección final de obra no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
• De ser o caso, a acreditación ou declaración de que a instalación non se atopa incursa nas prohibicións establecidas no artigo 13 do Regulamento (UE) nº 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
O incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Pontevedra, 8 de maio de 2026
Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra
