A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1 establece como obxecto o marco para o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, da transferencia e valorización de resultados e da innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como da súa xestión eficiente.
O Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar (DOG núm. 58, do 26 de marzo), atribúe a esta consellería as competencias en materia de investigación mariña que desenvolverá en coordinación coa consellería competente en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.
Tendo en conta este marco e a importancia da investigación científica e a formación en ciencias mariñas no desenvolvemento económico de Galicia, así como, o fomento de vocacións investigadoras, nesta orde procédese á convocatoria de bolsas para que técnicos/as de ciclos formativos de grao superior ou de grado medio poidan completar a súa formación como persoal auxiliar de investigación mariña garantindo a oportunidade de participar en experiencias e programas específicos de investigación e facilitándolles unha preparación práctica cualificada, que é de probada utilidade para a súa inserción posterior na vida laboral.
A Consellería do Mar, dentro da súa estrutura orgánica e dependendo funcionalmente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, conta co Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (Cima) como organismo público autonómico de investigación non universitario de Galicia. Este centro está estruturado nas áreas de acuicultura, de patoloxía de moluscos, de procesos oceanográficos costeiros e de recursos mariños, e conta cunha ampla experiencia en completar a formación de persoal con titulación superior no mundo da investigación mariña.
O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período. Como instrumento de planificación operativa para a súa implementación entre 2025 e 2027, o Consello da Xunta aprobou o 3 de febreiro de 2025 o Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e a sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais e, pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, arredor dos que articula os instrumentos e actuacións que se van desenvolver integrados nos correspondentes programas.
Neste contexto, o primeiro reto da RIS3 consiste en desenvolver un modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseados na innovación, modernizando os sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan na mellora da eficiencia e o rendemento no uso de recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, agrarias, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais. En relación con este reto, unha prioridade é desenvolver diferentes solucións científico-tecnolóxicas e de innovación para avanzar na descarbonización das cadeas de valor, a sostibilidade dos recursos naturais e patrimoniais de Galicia.
Os instrumentos, apoios e actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. O obxectivo estratéxico 4 busca asegurar as capacidades das persoas.
Polo exposto anteriormente, a presente convocatoria alíñase coa RIS3 de Galicia 2021-2027, respondendo ao reto 1 (Modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseados na innovación) a través da prioridade 1 (Sostibilidade). Ten como obxectivo estratéxico asegurar as capacidades das persoas (obxectivo estratéxico 4) integrándose, polo tanto, no programa Persoas e talento da RIS3 de Galicia 2021-2027 e no programa Talento do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
En consecuencia e de acordo co disposto no artigo 30.1.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a convocatoria de bolsas para completar a formación de Técnicos/as Superiores de Ciclos Formativos de Grao Superior ou Técnicos/as de Ciclos Formativos de Grao Medio como persoal auxiliar de investigación mariña, así como convocar seis bolsas en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para os anos 2026, 2027 e 2028 (código de procedemento administrativo PE609B).
Artigo 2. Normativa aplicable
Para o outorgamento e execución destas bolsas atenderase ao disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:
a) Preceptos básicos da Lei 38/2023, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu Regulamento.
b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
f) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas.
g Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
h) Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.
Artigo 3. Financiamento
A dotación desta convocatoria, que ten carácter plurianual, é de cento cincuenta e cinco mil cincocentos vinte euros (155.520,00 €), distribuídos como segue:
– Para o pagamento das bolsas destinarase un importe total de cento corenta e catro mil euros (144.000,00 €), con cargo á partida orzamentaria 16.03.561A.480.0 (proxecto 2013 00688) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2026 (24.000,00 €), 2027 (72.000,00 €) e 2028 (48.000,00 €).
– Para as cotizacións á Seguridade Social destinaranse un importe total de once mil cincocentos vinte euros (11.520,00 €), con cargo á partida orzamentaria 16.03.561A.484.0 (proxecto 2013 00688) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2026 (1.920,00 €), 2027 (5.760,00 €) e 2028 (3.840,00 €). Para o cálculo deste importe aplícanse as regras de cotización correspondentes aos contratos de formación e aprendizaxe, tomando como referencia a cota empresarial para o ano 2026, máis unha cantidade adicional para posibles incrementos producidos por altas e baixas na mesma bolsa e no mesmo mes.
Artigo 4. Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:
1. Estar en posesión do título de Técnico/a Superior dos Ciclos Formativos de Grao Superior o de Técnico/a dos Ciclos Formativos de Grao Medio dalgunha das especialidades que se relacionan:
a) Familia Profesional: Química. Nivel: formación profesional de grao medio. Título: Técnico/a en Operacións de Laboratorio.
b) Familia profesional: Química. Nivel: formación profesional de grao superior. Título: Técnico/a superior en Laboratorio de Análise e de Control de Calidade.
c) Familia profesional: Sanidade. Nivel: formación profesional de grao superior. Título: Técnico/a superior en Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico.
d) Familia profesional: Marítimo-pesqueira. Nivel: formación profesional de grao superior. Título: Técnico/a superior en Acuicultura.
As persoas solicitantes deberán estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematados os estudos conducentes a esta titulación no ano 2017 ou posterior.
2. Ter nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser persoa estranxeira con permiso de residencia en España no momento de solicitar a bolsa e con dominio dalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Non estar a persoa incapacitada fisicamente ou padecer enfermidade que poida impedir a realización normal da actividade formativa obxecto das bolsas que se convocan.
4. Non ter obtido a condición de persoa beneficiaria, nin desfrutado na súa totalidade ou en parte, de bolsas de formación con obxectivos ou contidos análogos aos da presente convocatoria, concedidas por calquera consellería ou entidade pública instrumental do sector público autonómico da Xunta de Galicia en exercicios anteriores, excepto que no conxunto das convocatorias anteriores gozasen da bolsa por un período de tempo non superior a cinco (5) meses.
5. Ter cursado os seus estudos nalgún dos centros públicos ou privados situados na Comunidade Autónoma de Galicia.
6. Acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel Celga 3.
Artigo 5. Condicións e incompatibilidades
1. As persoas adxudicatarias adquiren exclusivamente a condición de bolseiras, coas obrigas e dereitos delas e conforme a estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo co órgano convocante nin coas entidades en cuxas dependencias se leve a cabo a formación.
2. A percepción desta bolsa é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera administración, institucións ou entes públicos, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatuaria das persoas interesadas.
Artigo 6. Características das bolsas
1. O número de bolsas será de seis, que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 12 desta convocatoria.
2. As bolsas terán unha duración de dous anos a partir da data de incorporación que se estableza na resolución de concesión e sen posibilidade de prórroga.
3. As bolsas realizaranse no Centro de Investigacións Mariñas de Galicia en Vilanova de Arousa ou en Ribadeo e distribuiranse do seguinte xeito:
|
Localidade |
||||
|
Familia profesional |
Nivel |
Título |
Vilanova de Arousa (Pontevedra) |
Ribadeo (Lugo) |
|
Química |
F.P. grao medio |
Técnico/a en Operacións de Laboratorio |
1 |
|
|
F.P. grao superior |
Técnico/a superior en Laboratorio de Análise e de Control Calidade |
1 |
||
|
Sanidade |
F.P. grao superior |
Técnico/a superior en Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico |
2 |
|
|
Marítimo Pesqueira |
F.P. grao superior |
Técnico superior en Acuicultura |
2 |
|
4. O importe bruto mensual de cada bolsa será de mil euros (1.000,00 €).
5. De conformidade co disposto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, as persoas bolseiras estarán incluídas no réxime xeral da Seguridade Social por continxencias comúns e profesionais. Non existirá obriga de cotizar pola continxencia de desemprego, así como tampouco ao Fondo de Garantía Salarial nin por formación profesional.
Artigo 7. Presentación das solicitudes e prazo
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.
3. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, sita na rúa Irmandiños, s/n, Salgueiriños, 15701 Santiago de Compostela (A Coruña).
Artigo 8. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, acompañada dun índice, e ordenada segundo se indica:
a) Certificación académica completa dos estudos realizados, con detalle das materias cursadas e das cualificacións obtidas, en que conste a nota media do expediente académico da titulación.
b) Xustificación do pagamento dos dereitos de expedición do título de técnicos/as superiores de ciclos formativos de grao superior ou de técnicos/as de ciclos formativos de grao medio na familia e especialidade á que se opta, no caso de non ter expedido o título académico de técnico/a superior de ciclos formativos de grao superior ou de grao medio.
c) Poder de representación da persoa representante, de ser o caso. A representación acreditarase por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
d) Curriculum vitae da persoa solicitante acompañado dos documentos acreditativos dos méritos alegados (debidamente relacionados e paxinados). Non serán computables aqueles méritos alegados que non estean convenientemente xustificados.
e) Certificado de Celga 3 ou equivalente, no caso de non estar expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. Serán causas de exclusión a demostración da falsidade documental, a non correspondencia cos orixinais e a incorrección na documentación presentada.
Artigo 9. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante, se for o caso.
c) NIF da persoa representante, se for o caso.
d) Título académico (non universitario) de técnicos/as superiores de ciclos formativos de grao superior ou de técnicos/as de ciclos formativos de grao medio, correspondente co da familia/especialidade da bolsa á que opta.
e) Certificado de estar ao corrente no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Seguridade Social.
g) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
h) Condición de persoa bolseira.
i) Certificado do Celga 3 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
j) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.
k) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
l) Consulta de datos de residencia legal de persoas extranxeiras.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o esixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 10. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.
3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 12. Criterios de valoración
1. O proceso de selección constará da valoración das condicións de formación, méritos e experiencia.
2. As persoas adxudicatarias serán as que alcancen unha maior puntuación como consecuencia da suma dos puntos obtidos no proceso de selección. A puntuación máxima será de 80,00 puntos.
3. A Comisión de Selección examinará as solicitudes admitidas e avaliará os méritos alegados coas mesmas e acreditados documentalmente, referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes, conforme o seguinte baremo:
1º. Nota media ponderada do expediente académico. A nota media do expediente académico multiplicarase por 5,00. Puntuación máxima: 50,00 puntos; para o cálculo desta puntuación aplicarase a seguinte fórmula:
Puntuación = Nota media do grao (medio ou superior) x 5,00.
Forma de acreditación: certificación académica na que conste a nota media do expediente.
2º. Por ter realizadas as prácticas da formación no centro de traballo ou da formación en empresa nos centros de investigación dependentes da Consellería do Mar: 10,00 puntos.
Forma de acreditación certificado emitido polo centro educativo onde a persoa solicitante realizou a súa formación.
3º. Lingua galega: seguindo os criterios da Orde do 10 de febreiro de 2014 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga):
– Por certificado Celga 4 ou aqueles certificados que sexan validables por este nivel: 2,00 puntos.
4º. Linguas estranxeiras: tómase como referencia o MCERL (Marco común europeo de referencia para as linguas do Consello de Europa) e o Real decreto 1041/2017, do 22 de decembro (BOE do 23 de decembro).
Polo coñecemento do idioma inglés, francés, alemán, italiano ou portugués puntuación máxima de 6,00 puntos.
A valoración do certificado de aptitude de nivel superior exclúe a do/dos certificado/s de nivel inferior.
– Por certificado de aptitude de nivel C1 ou C2: 3,00 puntos.
– Por certificado de aptitude de nivel B1 ou B2: 2,00 puntos.
– Por certificado de aptitude de nivel A1 ou A2: 1,00 puntos.
Forma de acreditación: copia do título ou certificado correspondente expedido pola escola oficial de idiomas, institución ou centro recoñecido oficialmente. Para estes efectos, non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica.
5º. Por cursos ou formación regrada ou non regrada, ata un máximo de 12,00 puntos.
a. Cursos de informática, ata un máximo de 3,00 puntos.
– 0,02 puntos por cada hora de formación acreditada.
b. Certificado de Competencias Dixitais (ComDix).
– Iniciación: 1,00 puntos.
– Intermedio: 2,00 puntos.
Forma de acreditación: certificación emitida pola Amtega.
Só se valorará o certificado correspondente ao maior nivel acreditado pola persoa candidata.
c. Cursos de formación relacionados coas actividades que se realizarán na área de investigación para a que se oferta a bolsa, ata un máximo de 7,00 puntos.
– 0,05 puntos por cada hora de formación acreditada.
Forma de acreditación: diploma o certificado emitido pola entidade organizadora en que conste o número de horas.
2. Só se valorarán aqueles méritos acreditados documentalmente pola persoa solicitante xunto coa súa solicitude. A puntuación final obterase da suma de expediente máis currículo.
3. No caso de que cos criterios enunciados anteriormente exista igualdade de puntuación, o posible empate resolverase por sorteo.
4. As persoas candidatas serán ordenadas por orde decrecente da puntuación obtida e as bolsas adxudicaranse ás persoas candidatas que acaden maior puntuación.
5. A comisión elaborará unha lista de suplentes para cada especialidade por orde decrecente de puntuación, na cal figurarán as persoas solicitantes que, cumprindo os requisitos, non acadaron puntuación suficiente para ser adxudicatarias de bolsa.
Artigo 13. Tramitación e resolución
1. O órgano competente para a instrución do procedemento será o Servizo de Coordinación e Apoio á Xestión da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. O órgano instrutor comprobará que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, na páxina web oficial da Consellería do Mar; enderezo www.mar.xunta.gal
A lista permanecerá exposta durante dez (10) días e as persoas interesadas poderán, durante ese prazo, emendar erros e falta de documentación, ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, procederase conforme o establecido no artigo 68 Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. Unha vez completados os expedientes, remitiranse á Comisión de Valoración constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará, logo de aplicar os criterios indicados no artigo 12.
3. Comisión de Valoración.
A selección de candidatos será efectuada por unha comisión que estará integrada por:
– Presidente/a: a persoa que ocupe a dirección do CIMA.
– Suplente do/da presidente/a: a persoa que ocupe a Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico.
– Secretario/a: actuará como tal un dos membros da Comisión de Valoración.
– Vogais: serán seis persoas designadas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, entre o persoal funcionario da Consellería do Mar pertencente ao grupo A1 ou A2.
4. A Comisión de Valoración considerarase constituída cando asistan o/a presidente/a ou a persoa que figura como suplente e tres das persoas que sexan designadas como vogais. De acordo co recollido no artigo 21.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Comisión de Valoración poderá realizar sesións mediante videoconferencia ou outros medios electrónicos válidos para estes efectos consonte o previsto no artigo 17.1 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.
5. Logo de avaliar as solicitudes presentadas, a Comisión de Valoración elevaralle ao órgano instrutor a relación coas seis persoas propostas e a relación de suplentes por especialidade, segundo a orde de prelación acadada de acordo cos criterios de valoración fixados no artigo 12. Tal órgano instrutor fará chegar a correspondente proposta de adxudicación e a listaxe de suplentes para cada especialidade á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, quen resolverá, por delegación da conselleira do Mar, a concesión das bolsas. Na dita resolución figurará unha persoa beneficiaria por cada bolsa, así como unha relación de suplentes con todas as persoas solicitantes admitidas, de maior a menor puntuación, para cubrir as vacantes que se poidan producir. Así mesmo, a resolución determinará de forma expresa a desestimación do resto de solicitudes.
6. Esta resolución farase pública, para os efectos de notificación ás persoas interesadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na páxina web oficial da Consellería do Mar, enderezo www.mar.xunta.gal
Esta publicación substituirá á notificación persoal e producirá os mesmos efectos.
7. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de tres (3) meses, contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.
Artigo 14. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da devandita lei, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 15. Aceptación da bolsa
1. Dentro dos dez (10) días naturais seguintes á publicación da resolución de concesión na páxina web oficial da Consellería do Mar, enderezo www.mar.xunta.gal, as persoas beneficiarias das bolsas deberán comunicar a súa aceptación ou renuncia mediante documento asinado pola persoa bolseira. No caso de comunicar a súa aceptación a persoa bolseira deberá comprometerse a cumprir todas as condicións recollidas nas presentes bases. De non facelo no prazo indicado considerarase tacitamente aceptada a bolsa e as condicións recollidas nestas bases, de conformidade co artigo 21.5, parágrafo segundo, da Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo de achegar a documentación sinalada nos puntos 2 e 3 deste artigo.
2. Así mesmo, presentarán declaración responsable na que conste que non goza doutro tipo de bolsa ou axuda financiada por calquera administración, institucións ou entes públicos, así como que non percibe soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatuaria.
3. Tamén, coa aceptación da bolsa, presentarán certificación médica acreditativa de non estar a persoa incapacitada fisicamente ou padecer enfermidade que poida impedir a realización normal da actividade formativa obxecto das bolsas.
4. Do mesmo xeito, de non comparecer no centro de destino no tempo estipulado, o nomeamento quedará sen efecto e será motivo de exclusión na seguinte convocatoria. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro procederá ao chamamento de suplentes para cubriren estas prazas.
5. A aceptación da bolsa supón o compromiso implícito de manter a confidencialidade da información obtida no desenvolvemento das actividades obxecto destas bolsas, de acordo coa normativa aplicable.
Artigo 16. Pagamento das bolsas e xustificación
1. As bolsas aboaranse mensualmente, por mensualidades completas ou fracción proporcional ao tempo do goce, para os casos en que a persoa inicie ou remate a súa relación en data que non coincida co primeiro ou co derradeiro día de cada mes respectivamente. É necesario, para proceder ao pagamento mensual, que o/a director/a do CIMA certifique a actividade das persoas bolseiras.
2. O pagamento da última mensualidade quedará pendente ata que a persoa beneficiaria presente a memoria final que resuma a actividade realizada por esta durante todo o período de aproveitamento da bolsa, co visto e prace do persoa titora da formación, así como dunha declaración de todas as bolsas concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes, ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades durante o período de goce da concedida ao abeiro desta orde. O prazo máximo para a presentación do informe final coa memoria das actividades, será entre o primeiro día e o último día hábil do mes do remate da vixencia da bolsa.
3. Así mesmo, as persoas beneficiarias das bolsas están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.
Artigo 17. Obrigas das persoas bolseiras
1. As persoas bolseiras deberán desempeñar actividades de formación e de colaboración en relación coas tarefas das áreas á que se adscriban.
2. Co fin de facilitar o seu proceso de formación, as persoas bolseiras contarán co asesoramento, orientación e dirección dunha persoa titora, que definirá as tarefas que se van realizar, así como a formación que deberán recibir segundo o plan de formación do centro. Será obrigatoria a realización e superación das actividades de formación indicadas.
3. As persoas beneficiarias deberán manter unha actitude participativa, de colaboración e respectuosa co persoal do centro, sen obstrución das tarefas encomendadas nos diferentes servizos. Respectarán os horarios, normas e disciplina do centro onde desenvolven a súa formación.
Artigo 18. Desenvolvemento das bolsas
1. Por petición das persoas interesadas, ao remate da bolsa a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, logo de informe favorable da persoa titora de formación e entrega dos informes e memorias solicitadas, expedirá certificación acreditativa de aproveitamento da bolsa.
2. Unha vez rematado o período de goce da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación achegada. Transcorrido o prazo dun ano procederase á eliminación da documentación non recollida.
Artigo 19. Modificación da resolución de concesión
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución de concesión.
Artigo 20. Renuncias, revogación, interrupcións e reintegro de cantidades
1. A renuncia á bolsa, unha vez iniciado o período de goce desta, deberá comunicarse con dez (10) días de antelación á data en que se solicita que sexa efectiva a súa renuncia. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas en exceso, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa á que se renuncia.
2. A persoa titora da titular da bolsa poderá propor á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a revogación da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das obrigas sinaladas.
3. As vacantes ocasionadas por renuncia ou revogación poderán cubrirse, polo período de goce restante, coa persoa candidata suplente correspondente, tendo en conta a lista de suplentes para cada especialidade elaborada pola Comisión de Valoración. Excepcionalmente, de esgotárense as persoas suplentes dalgunha das especialidades, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro poderá establecer a incorporación como persoa bolseira da primeira persoa suplente daquela lista que, a criterio da unidade de destino, mellor se axuste á finalidade e obxectivos do centro.
4. As interrupcións da bolsa por supostos de baixa por incapacidade temporal (enfermidade ou accidente), risco durante o embarazo e descanso por maternidade ou paternidade non darán lugar, en ningún caso, á posibilidade de recuperar o período interrompido.
5. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, cando procedan, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 21. Réxime sancionador
As infraccións administrativas cometidas en relación coas bolsas reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 22. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro da orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.
b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis (6) meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Disposición adicional única
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento
Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar os actos e as instrucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2026
Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar
