DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 3 de xuño de 2026 Páx. 32125

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

EXTRACTO da Orde do 21 de maio de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan seis bolsas de formación de persoal auxiliar en materia de investigación mariña (código de procedemento PE609B).

BDNS (Identif.): 909393.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/909393

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

1. Estar en posesión do título de técnico/a superior dos ciclos formativos de grao superior o de técnico/a dos ciclos formativos de grao medio dalgunha das especialidades que se relacionan:

a) Familia profesional: Química. Nivel: formación profesional de grao medio. Título: técnico/a en Operacións de Laboratorio.

b) Familia profesional: Química. Nivel: formación profesional de grao superior. Título: técnico/a superior en Laboratorio de Análise e de Control de Calidade.

c) Familia profesional: Sanidade. Nivel: formación profesional de grao superior. Título: técnico/a superior en Anatomía Patolóxica e Citodiagnóstico.

d) Familia profesional: Marítimo-Pesqueira. Nivel: formación profesional de grao superior. Título: técnico/a superior en Acuicultura.

As persoas solicitantes deberán estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematados os estudos conducentes a esta titulación no ano 2017 ou posterior.

2. Ter nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser persoa estranxeira con permiso de residencia en España no momento de solicitar a bolsa e con dominio dalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Non estar a persoa incapacitada fisicamente ou padecer enfermidade que poida impedir a realización normal da actividade formativa obxecto das bolsas que se convocan.

4. Non ter obtido a condición de persoa beneficiaria, nin desfrutado na súa totalidade ou en parte, de bolsas de formación con obxectivos ou contidos análogos aos da presente convocatoria, concedidas por calquera consellería ou entidade pública instrumental do sector público autonómico da Xunta de Galicia en exercicios anteriores, excepto que no conxunto das convocatorias anteriores gozasen da bolsa por un período de tempo non superior a cinco (5) meses.

5. Ter cursado os seus estudos nalgún dos centros públicos ou privados situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel Celga 3.

Segundo. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a convocatoria de bolsas para completar a formación de técnicos/as superiores de ciclos formativos de grao superior ou técnicos/as de ciclos formativos de grao medio como persoal auxiliar de investigación mariña, así como convocar seis bolsas en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para os anos 2026, 2027 e 2028 (código de procedemento PE609B).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 21 de maio de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan seis bolsas de formación de persoal auxiliar en materia de investigación mariña (código de procedemento PE609B).

Cuarto. Contía

Para a concesión destas bolsas destinarase un crédito de cento corenta e catro mil euros (144.000,00 €). O seu financiamento farase con cargo á partida orzamentaria 16.03.561A.480.0 (proxecto 2013 00688) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2026 (24.000,00 €), 2027 (72.000,00 €) e 2028 (48.000,00 €).

En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social por continxencias comúns e profesionais destinaranse un total de once mil cincocentos vinte euros (11.520,00 €), respectivamente nos anos 2026 (1.920,00 €), 2027 (5.760,00 €) e 2028 (3.840,00 €), e con cargo á aplicación orzamentaria 16.03.561A.484.0 (proxecto 2013 00688) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

O importe bruto mensual de cada bolsa será de mil euros (1.000,00 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2026

Marta Barreiro Castro
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar