DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 3 de xuño de 2026 Páx. 32128

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 22 de maio de 2026 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas de formación en réxime de empresa tutelada para os/as titulados/as en ciclos formativos de acuicultura e se procede á súa convocatoria (código de procedemento PE601C).

A Lei 11 /2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, no seu artigo 117 establece que a consellería competente en materia de pesca realizará as actuacións necesarias para o fomento da formación, a capacitación e a reciclaxe das persoas profesionais dos distintos sectores, así como a daquelas persoas que poidan demandar a devandita prestación formativa.

O tránsito á vida laboral é un dos aspectos máis relevantes nos novos enfoques da formación profesional. Dentro das iniciativas que se teñen revelado como máis eficaces para producir con éxito ese tránsito está o modelo de empresa tutelada. Este modelo facilita un período de práctica laboral nun ámbito de empresa simulada, no cal se reproducen os medios e procesos de produción e xestión reais, pero en que a titularidade dos medios de produción é da administración responsable do proceso de formación.

Resulta de grande interese, no marco dunha formación integral para os/as titulados/as en ciclos formativos da formación profesional específica en acuicultura, participar neste itinerario de perfeccionamento profesional para desenvolver a actividade práctica de permanencia como traballadores/as en formación dentro das empresas tuteladas durante o tempo que abarcan as axudas obxecto desta convocatoria.

En consecuencia, con cargo aos créditos da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro asignados para esta finalidade, e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras xerais que rexerán a convocatoria de bolsas de formación en réxime de empresa tutelada para os/as titulados/as nos ciclos formativos de acuicultura, así como proceder a convocar catro (4) bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, de formación en réxime de empresa tutelada para a realización de prácticas de produción de cría de bivalvos para os anos 2026, 2027 e 2028 (código de procedemento PE601C).

Artigo 2. Marco normativo

Para o outorgamento e execución destas bolsas observarase o disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:

a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

d) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

e) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas.

f) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

g) Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión dun ciclo formativo de acuicultura na data de remate do prazo de presentación de solicitudes desta orde de convocatoria. Poden presentarse aqueles/as alumnos/as titulados/as como técnicos/as en Cultivos Acuícolas (FP-ciclo medio) ou técnicos/as en Acuicultura (FP-ciclo superior).

b) Ter nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea ou ser estranxeiro/a con permiso de residencia en España no momento de solicitar a bolsa.

c) Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

d) Non ter sido beneficiario/a destas bolsas ou outras similares en anteriores convocatorias, excepto que no conxunto das convocatorias anteriores gozasen da bolsa por un período de tempo non superior a 5 meses.

e) Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa similar a esta. Noutro caso, deberá renunciarse ao emprego ou á bolsa con anterioridade ao inicio da formación.

f) Acreditar o coñecemento da lingua galega, Celga 3.

Artigo 4. Características das bolsas

1. O número de bolsas de formación en réxime de empresa tutelada para a realización de prácticas de produción de cría de bivalvos será de catro (4), que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 11 desta convocatoria.

2. As bolsas terán unha duración de dous (2) anos, contados desde a data indicada na resolución de concesión da bolsa, e sen posibilidade de prórroga.

3. O importe bruto mensual de cada bolsa será de mil euros (1.000,00 €).

4. As persoas beneficiarias realizarán as actividades prácticas de produción de cría de bivalvos nas instalacións do Instituto Galego de Formación en Acuicultura na Illa de Arousa (Igafa).

5. Cada bolseiro/a contará con titores/as nomeados/as pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. Os/as titores/as elaborarán un plano formativo para os/as bolseiros/as en que quedará reflectido o horario de traballo e as normas de funcionamento do centro onde realizan a súa formación.

6. De conformidade co disposto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, as persoas bolseiras estarán incluídas no réxime xeral da Seguridade Social por continxencias comúns e profesionais. Non existirá obriga de cotizar pola continxencia de desemprego, así como tampouco ao Fondo de Garantía Salarial nin por formación profesional.

Artigo 5. Crédito orzamentario

1. Para a concesión destas bolsas destinarase un crédito total de cento tres mil seiscentos oitenta euros (103.680,00 €), distribuídos como segue:

– Para o pagamento das bolsas destinarase un importe total de noventa e seis mil euros (96.000,00 €), con cargo á partida orzamentaria 16.03.422K.4800 (proxecto 2016 332) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2026 (24.000,00 €), 2027 (48.000,00 €) e 2028 (24.000,00 €).

– Para as cotizacións á Seguridade Social destinarase un importe total de sete mil seiscentos oitenta euros (7.680,00 €), con cargo á partida orzamentaria 16.03.422K.4840 (proxecto 2016 332) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2026 (1.920,00 €), 2027 (3.840,00 €) e 2028 (1.920,00 €). Para o cálculo deste importe aplícanse as regras de cotización correspondentes aos contratos de formación e aprendizaxe, tomando como referencia a cota empresarial para o ano 2026, máis unha cantidade adicional para posibles incrementos do importe da cota por regularizacións ou altas e baixas na mesma bolsa e no mesmo mes.

Artigo 6. Presentación das solicitudes, documentación e prazos

1. As solicitudes, xunto coa documentación adicional requirida, presentaranse conforme o modelo oficial que figura como anexo I da convocatoria, por calquera das seguintes vías:

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.

3. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Currículo da persoa solicitante, acompañado dos documentos acreditativos dos méritos alegados. Non serán computables aqueles méritos alegados que non estean convenientemente xustificados.

b) No caso de que a titulación requirida no artigo 3.a) non fose expedida, deberán achegar xustificación do pagamento dos dereitos de expedición do título académico correspondente.

c) Certificación académica completa en que conste a nota media do expediente académico da titulación.

d) Certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga 3 ou superior), non expedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

e) Poder de representación da persoa representante, de ser o caso. A representación acreditarase por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás, que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, se é o caso.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas á Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

f) Consulta da condición de bolseiro/a.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

i) Certificado do Celga 3 ou Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

j) No caso de persoas estranxeiras, certificado de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta de datos, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar, en calquera momento, que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Criterios de valoración

1. Teranse en conta os seguintes criterios para a valoración das solicitudes:

a) Nota media do expediente académico: ata un máximo de 4 puntos.

Puntuarase de acordo co seguinte baremo:

Sobresaliente (10): 4 puntos.

Sobresaliente (9): 3,5 puntos.

Notable (8): 3 puntos.

Notable (7): 2,5 puntos.

Ben (6): 2 puntos.

Suficiente (5): 1 punto.

b) Currículo: ata un máximo de 2 puntos.

Valorarase:

b.1) Cursos ou formación máis axeitada para o desenvolvemento da bolsa (ata 1 punto):

Acuarioloxía (mínimo 30 horas): 0,25 puntos.

Mariñeiro/a pescador/a: 0,25 puntos.

Formación básica: 0,25 puntos.

Outros cursos relacionados co posto (a duración mínima acumulada dos cursos debe ser de 50 horas): 0,25 puntos.

b.2) Cursos de idiomas: ata 0,50 puntos.

a) Lingua galega, seguindo os criterios da Orde do 10 de febreiro de 2014, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga) (DOG núm. 34, do 19 de febreiro de 2014):

– Celga 4 ou aqueles certificados que se poidan validar por este nivel: 0,20 puntos.

b) Linguas estranxeiras: tómase como referencia o MCERL (Marco Común Europeo de Referencia para as linguas do Consello de Europa) ou o Real decreto 1041/2017, do 22 de decembro (BOE núm. 311, do 23 de decembro).

1º. Lingua Inglesa:

– Polo certificado de nivel intermedio B1: 0,10 puntos.

– Polo certificado de nivel intermedio B2: 0,20 puntos.

– Polo certificado de nivel avanzado C1: 0,30 puntos.

– Polo certificado de nivel avanzado C2: 0,40 puntos.

No caso de acreditar máis dun grao de coñecemento da lingua inglesa, só se computará a puntuación correspondente ao superior.

2º. Outros idiomas, polo certificado de nivel intermedio B2 ou superior: 0,10 puntos.

b.3) Cursos de informática con aproveitamento (mínimo 30 horas): ata 0,30 puntos.

– Entre 30 a 50 horas: 0,10 puntos.

– Entre 51 a 250 horas: 0,20 puntos.

– Máis de 250 horas: 0,30 puntos.

b.4) Permiso de condución de vehículos clase B: 0,20 puntos.

2. Só se valorarán aqueles méritos acreditados documentalmente polo/a solicitante, xunto coa súa solicitude. A puntuación final obterase da suma do expediente académico e do currículo.

3. De producirse empate entre dous ou máis candidatos/as, o empate dirimirase pola maior nota media. Se persiste a igualdade, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

4. As persoas candidatas serán ordenadas por orde decrecente de puntuación obtida e as bolsas adxudicaranse ás que acaden maior puntuación.

5. A comisión prevista no artigo seguinte elaborará unha listaxe de suplentes por orde decrecente de puntuación, en que figurarán os/as solicitantes que, cumprindo os requisitos, non acadaron puntuación suficiente para seren adxudicatarios/as de bolsa.

Artigo 12. Tramitación e resolución das solicitudes

1. O órgano competente para a instrución deste procedemento será a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. A Dirección Xeral comprobará que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é o caso, as causas da exclusión, na páxina web oficial da Consellería do Mar, enderezo (www.mar.xunta.gal), e no taboleiro de anuncios do Instituto Galego de Formación en Acuicultura na Illa de Arousa (Igafa).

Esta lista estará exposta durante dez (10) días, podendo as persoas interesadas, durante ese prazo, emendar os erros e a falta de documentación, ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e achegar, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión procederase conforme o establecido no artigo 68 Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Unha vez completados os expedientes, remitiranse á Comisión de Avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará, logo de aplicar os criterios previstos no artigo 11.

3. Comisión de Avaliación.

A selección das persoas candidatas será efectuada por unha comisión que estará integrada por:

– Presidente/a: a persoa que ocupe a dirección do Igafa.

– Suplente do/da presidente/a: a persoa que ocupe a subdirección xeral de Xestión, Ensino e Relacións Sectoriais ou persoa en quen delegue.

– Secretario/a: actuará como tal un dos membros da comisión.

– Vogais: catro vogais designados pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, entre o persoal funcionario dos grupos A1 ou A2.

4. O órgano instrutor fará chegar a correspondente proposta de adxudicación e listaxe de suplentes á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, quen resolverá, por delegación da persoa titular da Consellería do Mar, a concesión das bolsas. Na dita resolución figurará unha persoa beneficiaria por cada bolsa, así como unha relación de suplentes con todas as persoas solicitantes admitidas, de maior a menor puntuación, para cubrir as vacantes que se poidan producir. Esta resolución publicarase na páxina web oficial da Consellería do Mar, enderezo (www.mar.xunta.gal). Así mesmo, a resolución determinará de forma expresa a desestimación do resto de solicitudes.

5. Esta publicación substituirá á notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

6. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de dous (2) meses, contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Artigo 13. Publicidade

A resolución farase pública, para os efectos de notificación ás persoas interesadas, nos taboleiros de anuncios da Consellería do Mar e na súa páxina web oficial enderezo (www.mar.xunta.gal).

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da devandita lei, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Aceptación da bolsa

1. Dentro dos dez (10) días naturais seguintes á publicación da resolución de concesión nos taboleiros de anuncios e na páxina web oficial da Consellería do Mar, enderezo (www.mar.xunta.gal), as persoas beneficiarias das bolsas deberán confirmar a súa aceptación mediante documento asinado polo/a bolseiro/a no que se comprometa a cumprir todas as condicións recollidas nas presentes bases. De non facelo no prazo indicado considerarase tacitamente aceptada a bolsa e as condicións recollidas nestas bases, de conformidade co artigo 21.5, parágrafo segundo, da Lei de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, presentará declaración responsable na que conste que non realiza traballo remunerado nin goza doutro tipo de bolsa ou axuda.

3. Do mesmo xeito, de non comparecer no centro de destino no tempo estipulado, o nomeamento quedará sen efecto e será motivo de exclusión na seguinte convocatoria. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro procederá ao chamamento de suplentes para cubriren estas prazas.

4. A aceptación da bolsa supón o compromiso implícito de manter a confidencialidade da información obtida no desenvolvemento das actividades obxecto destas bolsas, de acordo coa normativa aplicable.

Artigo 16. Pagamento da bolsa e xustificación

1. As bolsas aboaranse mensualmente, por mensualidades completas ou fracción proporcional ao tempo de goce da bolsa, para os casos en que o/a bolseiro/a inicie ou remate a súa relación nunha data que non coincida co primeiro ou co derradeiro día de cada mes, respectivamente. É necesario para proceder ao pagamento mensual que o/a director/a do Igafa certifique a actividade dos/das bolseiros/as.

2. O pagamento da última mensualidade quedará pendente ata que se presente un informe final que resuma as actividades realizadas polos/as bolseiros/as durante todo o período de aproveitamento da bolsa, co visto e prace da persoa responsable dos/das bolseiros/as, así como unha declaración de todas as bolsas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. O prazo máximo para a presentación do informe final será dun (1) mes a partir do remate da realización da bolsa.

3. Así mesmo, as persoas beneficiarias das bolsas están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 17. Obrigas dos/das bolseiros/as

a) O persoal bolseiro deberá desempeñar actividades de formación e de colaboración en relación coas tarefas das áreas a que se adscriban.

b) Co fin de facilitar o seu proceso de formación, os/as bolseiros/as contarán co asesoramento, orientación e dirección de dous/dúas titores/as que definirán as tarefas para realizar, así como a formación que deberán recibir segundo o plan de formación do centro. A este respecto, será obrigatoria a realización e superación das actividades de formación indicadas.

c) As persoas beneficiarias deberán manter unha actitude participativa, de colaboración e respectuosa cos demais membros do centro, sen obstrución das tarefas encomendadas nos diferentes servizos.

d) Ao final do período de goce da bolsa, o/a adxudicatario/a deberá entregar unha memoria de actividades que será supervisada polo/a titor/a.

e) Estas bolsas non implican relación laboral ningunha co centro ao que estea adscrito/a o/a beneficiario/a, nin supoñen ningún compromiso de incorporación posterior dos/das bolseiros/as ao seu cadro de persoal, aínda que si a necesaria e natural coordinación co horario, normas e disciplina do centro onde desenvolve a súa formación.

f) O aproveitamento da bolsa será incompatible con calquera outra bolsa que supoña remuneración directa ou axuda financiada con fondos públicos. Tamén será incompatible con salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria do/da interesado/a, salvo os que teñan carácter esporádico cunha duración acumulada inferior a dous (2) meses por ano, sempre que isto non afecte á actividade habitual no exercicio da bolsa, e que se trate de ocupacións non vinculadas directa ou indirectamente co centro.

Artigo 18. Desenvolvemento das bolsas

1. Por petición dos/das interesados/as, ao remate da bolsa, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, logo de informe favorable da persoa titora e entrega dos informes e memorias solicitadas, expedirá certificación acreditativa dela.

2. Unha vez rematado o período de goce da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación achegada. Transcorrido o prazo dun (1) ano, procederase á eliminación da documentación non recollida.

Artigo 19. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución de concesión.

Artigo 20. Renuncias, revogación, interrupcións, procedemento de substitución e reintegro de cantidades

1. A renuncia á bolsa por parte da persoa beneficiaria, unha vez iniciado o goce desta, deberá comunicarse, mediante o correspondente escrito, á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, polo menos con dez (10) días de antelación á data na que se solicita para que sexa efectiva a súa renuncia. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas en exceso, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non gozada.

2. O/a titor/a que coordine e dirixa ao persoal bolseiro poderá propor á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a revogación da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das obrigas sinaladas.

3. A vacante poderase cubrir polo período de goce restante, coa persoa candidata suplente correspondente, de acordo coa listaxe de suplentes elaborada pola Comisión de Avaliación.

4. As interrupcións da bolsa por supostos de baixa por incapacidade temporal (enfermidade ou accidente), risco durante o embarazo e descanso por maternidade ou paternidade non darán lugar, en ningún caso, á posibilidade de recuperar o período interrompido.

5. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, cando procedan, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Réxime sancionador

As infraccións administrativas cometidas en relación coas bolsas reguladas nesta orde, sancionaranse de conformidade co disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Réxime xurídico

Para todos aqueles aspectos non previstos nas presentes bases, aplicarase a Le 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Será de aplicación o Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

Artigo 23. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro desta orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis (6) meses contados a partir do seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Disposición adicional primeira

En cumprimento co disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar os actos e as instrucións necesarias para a correcta aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2026

Marta Villaverde Acuña
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file