A Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e agrupacións forestais de xestión conxunta, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027 e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR651A), estableceu no seu artigo 23.2 que o prazo máximo para o remate das actuacións é o 30 de outubro de 2025 para a anualidade 2025 e o 30 de xuño de 2026 para a anualidade 2026.
Posteriormente, o día 9 de xuño de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 2 de xuño de 2025 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión destas axudas. Esta ampliación non modificou nin o prazo de presentación de solicitudes nin o prazo de remate e xustificación das axudas.
Finalmente, o día 16 de febreiro de 2026 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 26 de xaneiro de 2026, da Dirección Xeral de Defensa do Monte, pola que se resolven as solicitudes das subvencións da Orde do 30 de decembro de 2024. No artigo terceiro da dita resolución, letra c), indícase que «De acordo co establecido no artigo 23 das bases reguladoras, as persoas beneficiarias deberán comunicar o remate das obras á Subdirección Xeral de Prevención da Consellería do Medio Rural. A data límite para o remate e a presentación da documentación xustificativa necesaria para proceder ao pagamento da subvención é o 30 de xuño de 2026, ao abeiro do artigo único da Orde do 20 de outubro de 2025 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2024».
Tras esta publicación, o prazo real de execución que inicialmente estaba previsto queda limitado a catro meses, un prazo reducido que resulta insuficiente para o correcto desenvolvemento dos traballos e que, de non se ampliar, ocasionaría un prexuízo evidente ás persoas beneficiarias das subvencións.
Por todo isto, a Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e agrupacións forestais de xestión conxunta, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027 e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR651A), debe ser modificada para permitir que as persoas beneficiarias poidan acollerse á ampliación do prazo de xustificación dos traballos subvencionados.
Consecuentemente con todo o anterior, esta consellería, no exercicio das facultades conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPÓN:
Artigo único. Modificación da Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e agrupacións forestais de xestión conxunta, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027 e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR651A).
A Orde do 30 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e agrupacións forestais de xestión conxunta, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027 e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento MR651A), queda modificada como segue:
O número 2 do artigo 23 queda redactado co seguinte teor:
«2. O prazo máximo para o remate e a xustificación dos traballos finaliza o 15 de setembro de 2026.».
Disposición derradeira única
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de maio de 2026
María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural
