DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 4 de xuño de 2026 Páx. 32451

IV. Oposicións e concursos

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se convoca concurso de méritos para a selección e o nomeamento da dirección do Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico en Vigo (código de procedemento PE002A).

A Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modifica os artigos 134 e 135 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, relativos á selección da dirección dos centros docentes públicos que imparten as ensinanzas reguladas nesta lei, os requisitos para ser persoas candidatas á dirección e o procedemento de selección.

No artigo 133 establécese que a selección e o nomeamento das direccións nos centros públicos se efectuarán mediante concurso de méritos entre o persoal docente de carreira que imparta algunha das ensinanzas encomendadas ao centro e que se realizará de conformidade cos principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade.

A convocatoria axústase ao previsto na Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, e na Orde do 18 de xullo de 2018 pola que se regulan os órganos de goberno dos centros de formación náutica e marítimo-pesqueira da Consellería do Mar (DOG núm. 145, do 31 xullo).

Na súa virtude, esta dirección xeral, no uso das facultades que lle confire o Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar,

DISPÓN:

Primeiro. Obxecto da convocatoria

O obxecto da resolución é convocar o concurso de méritos para seleccionar e nomear a dirección do Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico en Vigo dependente da Consellería do Mar (código de procedemento PE002A).

A selección realizarase de conformidade cos principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade.

Segundo. Requisitos para ser persoa candidata á dirección

Para participar neste concurso de méritos para ser nomeada/o directora ou director do Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico en Vigo deberá reunir os seguintes requisitos:

a) Ser funcionario de carreira da escala de profesores/as numerarios/as de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros ou da escala de mestres/as de taller de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros a que se refire a disposición adicional novena da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

b) Ter unha antigüidade de, polo menos, cinco anos como persoal funcionario de carreira na función pública docente, con nomeamento nunha das escalas a que se fai referencia no parágrafo anterior.

c) Ter exercido funcións docentes como persoal funcionario de carreira durante un período de, polo menos, cinco anos nalgunha das ensinanzas das que ofrece o centro a que se opta.

d) Posuír unha certificación acreditativa de ter superado un curso de formación sobre competencias para o desenvolvemento da función directiva, impartido pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes ou polas administracións educativas das restantes comunidades autónomas con validez en todo o territorio nacional, directamente ou a través de entidades colaboradoras autorizadas.

Estarán exentas de acreditar a superación deste programa de formación sobre o desenvolvemento da función directiva as persoas que acrediten unha experiencia de, polo menos, catro anos no exercicio da dirección de centros docentes públicos con avaliación positiva do seu traballo.

e) Presentar un proxecto de dirección.

Terceiro. Solicitudes, forma e prazo de presentación

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (PE002A) anexo II, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e dirixiranse á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes e documentación será de quince (15) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Documentación complementaria

As persoas interesadas en participar no proceso de selección deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa dos méritos académicos e profesionais alegados en relación co baremo que se publica como anexo I desta resolución, excepto aqueles que xa consten na base de datos de persoal.

b) Proxecto de dirección que inclúa, como mínimo, os obxectivos, as liñas de actuación e a avaliación, especialmente, a proposta da oferta de formación regrada e non regrada para o centro, ademais da xustificación do proxecto e análise de contexto do centro (véxase o anexo II).

O proxecto de dirección non excederá os 50 folios DIN A4, nun tipo de letra: Xunta Sans ou Arial, tamaño de letra 12, espazo entre liñas 1,5.

Así mesmo, os participantes no concurso de méritos remitirán ao centro unha copia do seu proxecto de dirección e terano á disposición do claustro de profesores e do Consello Escolar.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Quinto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante

– Consulta do expediente administrativo no servizo de persoal.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes

Sexto. Tramites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sétimo. Comisión de Selección

Constituirase unha Comisión de Selección nomeada pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, que terá a seguinte composición:

a) Catro persoas representantes da Administración.

b) Dúas persoas representantes do profesorado elixidas polo claustro en reunión extraordinaria para estes efectos.

c) Unha persoa representante do Consello Escolar que non sexa profesor ou profesora, elixida en reunión extraordinaria para estes efectos.

No caso dos representantes do centro, o nomeamento realizarase logo da proposta do claustro de profesores/as e do Consello Escolar. Neste último caso, a proposta non poderá recaer nun alumno ou alumna menor de dezaseis anos.

A non elección de persoas representantes do claustro de profesorado ou do Consello Escolar non impedirá a constitución e actuación da Comisión de Selección.

2. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar nomeará as persoas membros da Comisión de Selección e os respectivos suplentes, e designará un presidente ou presidenta e un secretario ou secretaria.

En ningún caso os candidatos ou candidatas á dirección poderán formar parte da Comisión de Selección.

Aos membros da Comisión de Selección seranlles de aplicación as normas sobre abstención e recusación previstas nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

3. A composición da Comisión de Selección publicarase no portal web da Consellería do Mar e no taboleiro de anuncios do centro.

Oitavo. Funcións da Comisión de Selección e prazo de resolución

1. Recibidas as solicitudes, a Comisión de Selección comprobará que as persoas aspirantes reúnen os requisitos establecidos na correspondente convocatoria de concurso de méritos, e procederá á súa admisión ou, se é o caso, a súa exclusión.

2. Contra o rexeitamento da solicitude as persoas aspirantes poderán presentar reclamación ante a propia Comisión seleccionadora, no prazo de cinco días hábiles contados desde o día seguinte ao da notificación do rexeitamento da solicitude.

3. A continuación, valorará os méritos académicos e profesionais de cada persoa aspirante, e o proxecto presentado, de acordo co baremo que se publica no anexo I desta resolución.

A cualificación do proxecto de dirección será a media aritmética das cualificacións de todos os membros presentes da Comisión.

4. A Comisión de Selección poderá ter unha entrevista coas persoas candidatas, en que estas últimas defenderán o contido do proxecto de dirección. Nesta entrevista a Comisión de Selección poderá solicitar a clarificación de calquera dos aspectos contidos nel. Cando a Comisión de Selección decida a realización desta entrevista, deberá efectuala a todas e cada unha das persoas candidatas.

5. Finalmente, elaborará unha relación de persoas aspirantes coa puntuación total outorgada a cada persoa participante. Esa primeira relación considerarase provisional e será publicada no portal web da Consellería do Mar, http://mar.xunta.gal/, e no taboleiro de anuncios do centro, e darase un prazo de dez (10) días de reclamación ante a propia Comisión.

6. Transcorrido ese prazo de reclamacións e, se é o caso, resoltas estas, a Comisión de Selección no prazo máximo de tres meses, elaborará a relación definitiva de persoas aspirantes seleccionadas coa puntuación total outorgada e a indicación do centro para o cal son propostas, que será elevada ao órgano competente en materia de formación náutica e marítimo-pesqueira na Consellería do Mar.

7. No caso de producirse empates na puntuación total dos aspirantes, estes dirimiranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:

a) Maior puntuación no proxecto de dirección.

b) Maior puntuación na epígrafe 2 do baremo.

c) Maior puntuación na epígrafe 1 do baremo.

8. A relación definitiva de persoas aspirantes seleccionadas, coa puntuación total outorgada pola Comisión de Selección, será publicada no portal web da Consellería do Mar e no taboleiro de anuncios do centro. Contra esa decisión da Comisión de Selección poderá interpoñerse recurso de alzada ante a dirección xeral competente en materia de formación náutica e marítimo-pesqueira da Consellería do Mar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación nos lugares indicados anteriormente.

Noveno. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo. Proposta de nomeamento

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro elaborará a proposta de nomeamento da dirección do centro, en función da puntuación total outorgada ás persoas aspirantes pola Comisión de Valoración.

Décimo primeiro. Nomeamento

Con base na proposta da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, a persoa titular da Consellería do Mar nomeará director ou directora aquela persoa candidata seleccionada e a resolución de nomeamento publicarase no portal web da Consellería do Mar, http://mar.xunta.gal/, e no taboleiro de anuncios do centro. O nomeamento da dirección será por un período de catro anos e poderá renovarse, por períodos de igual duración, sempre que fose avaliado positivamente o traballo desenvolvido, de conformidade co regulado no artigo 9 da Orde do 18 de xullo de 2018.

A resolución de nomeamento porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, perante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte a aquel en que se faga pública a dita resolución, ou ben impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se faga pública a dita resolución.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2026

María de los Ángeles Vázquez Suárez
Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

ANEXO I

Baremo

Méritos

Puntos

Documentación xustificativa

1. Antigüidade. Ata 3 puntos.

1.1. Por cada ano de servizo como profesor/a nun centro de ensino náutico-pesqueiro.

0,50

Fotocopia cotexada do título administrativo coas dilixencias das distintas posesións e cesamentos que tivese desde o seu nomeamento como funcionaria ou funcionario ou, se é o caso, dos correspondentes documentos de inscrición nos rexistros de persoal.

2. Desempeño de cargos directivos. Ata 6 puntos.

2.1. Por cada ano como director/a nun centro de ensino náutico-pesqueiro. Ata 3 puntos.

A fracción de ano computarase a razón de 0,08 puntos por cada mes completo.

Non se valorarán fraccións inferiores a 1 ano de servizo.

1

Fotocopia cotexada do nomeamento, coas dilixencias da toma de posesión e cesamento ou, de ser o caso, certificación en que conste que neste curso continúa no cargo.

2.2. Por cada ano como vicedirector/a, xefe/a de estudos ou secretario/a nun centro de ensino náutico-pesqueiro. Ata 3 puntos.

A fracción de ano computarase a razón de 0,04 puntos por cada mes completo.

Non se valorarán fraccións inferiores a 1 ano de servizo.

0,5

Fotocopia cotexada do nomeamento, coas dilixencias da toma de posesión e cesamento ou, de ser o caso, certificación en que conste que neste curso continúa no cargo.

3. Méritos académicos e outros. Ata 4 puntos.

3.1. Por cada título de doutor/a.

1

Fotocopia cotexada do título ou certificación do aboamento dos dereitos de expedición, de acordo co previsto na OM do 8 de xullo de 1988 (BOE do 13 de xullo).

3.2. Por cada título de licenciado/a, enxeñeiro/a, arquitecto/a ou equivalente, distinto do alegado para o ingreso no corpo.

0,5

Fotocopia cotexada do título ou certificación do aboamento dos dereitos de expedición, de acordo co previsto na OM do 8 de xullo de 1988 (BOE do 13 de xullo).

3.3. Por cada título de diplomado/a universitario/a ou equivalente, distinto do alegado para o ingreso no corpo.

0,25

Fotocopia cotexada do título ou certificación do aboamento dos dereitos de expedición, de acordo co previsto na OM do 8 de xullo de 1988 (BOE do 13 de xullo).

3.4. Pola participación en cursos de formación sobre dirección e organización de centros, calidade, administración electrónica e ferramentas informáticas relacionadas coa xestión educativa, prevención de riscos laborais, idiomas e igualdade.

A valoración dos cursos será de 0,02 puntos por cada 10 horas.

Ata 2

Certificado destes en que conste de modo expreso o número de horas de duración do curso. No caso dos organizados polas institucións sen ánimo de lucro, deberá acreditarse de forma que faga fe o recoñecemento ou a homologación.

4. Polo proxecto de dirección

Xustificación do proxecto (2,5 puntos).

Análise do contexto (2,5 puntos).

Obxectivos (3 puntos).

Liñas de actuación (5 puntos).

Avaliación (4 puntos).

Ata 17

Orixinal deste.

missing image file
missing image file