DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 5 de xuño de 2026 Páx. 32919

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2026, do Servizo Provincial de Lugo, pola que se sinala a data para o levantamento de actas previas á ocupación e formalización de actas de ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción da adaptación da estrada LU-231, Friol-A Baiuca, punto quilométrico (p.q.) 0+000-18+700 (enlace autoestrada A-54) ao Plan de baixa intensidade media diaria (IMD) mellorada. Treito 9+400-18+700, de clave LU/16/075.10.2, nos concellos de Palas de Rei e Friol.

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu punto 2º a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e na execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

A aprobación definitiva do proxecto de construción da adaptación da estrada LU-231, Friol-A Baiuca, punto quilométrico (p.q.) 0+000-18+700 (enlace autoestrada A-54) ao Plan de baixa intensidade media diaria (IMD) mellorada. Treito 9+400-18+700 de clave LU/16/075.10.2, foi realizada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de outubro de 2025 e foi publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 216, do 7 de novembro de 2025. Esta aprobación definitiva implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a reformulación do proxecto e as modificacións deste que, se é o caso, puidesen aprobarse posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

A tramitación do expediente expropiatorio debe axustarse ao disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do seu regulamento do 26 de abril de 1957.

En consecuencia, este servizo, en virtude da competencia delegada mediante a Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería, publicada no DOG núm. 179, do 20 de setembro, resolveu convocar as persoas titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios dos concellos de Palas de Rei e Friol, para que comparezan nos lugares, na data e nas horas que se detallan a seguir, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación, nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Concello de Palas de Rei.

Lugar: casa do concello (avenida de Compostela, nº 28, 27200 Palas de Rei).

Data: 13 de xullo de 2026, das 9.40 ás 13.20 horas e das 16.00 ás 17.20 horas.

Data: 14, 15, 16 de xullo de 2026, das 9.00 ás 13.20 horas e das 16.00 ás 17.20 horas.

Data: 17 de xullo de 2026, das 9.00 ás 13.20 horas.

Concello de Friol.

Lugar: casa do concello (praza de España, 4, 27220 Friol).

Data: 20 de xullo de 2026, das 10.30 ás 11.00 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados, así como os planos parcelarios correspondentes estarán expostos nos concellos de Palas de Rei e Friol, e no Servizo Provincial da Axencia Galega de Infraestruturas de Lugo (Edificio Administrativo, rolda da Muralla, nº 70, 27071 Lugo), e publicaranse na seguinte ligazón da páxina web da Consellería:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/avisos?content=aviso_0388.xml

Así mesmo, realizarase a convocatoria ás persoas interesadas ao levantamento das actas previas mediante notificación individual.

Ao dito acto deberán acudir as persoas titulares afectadas persoalmente ou ben representadas pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome, xuntando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade (e, de ser o caso, outra documentación que se requira, xustificante do pagamento do IBI...), así como certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de realizar os sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria. Se o consideran oportuno, poderán ir acompañados, á súa conta, dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, en cumprimento do disposto no artigo 49 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, este servizo, unha vez levantadas as actas previas á ocupación, e habilitado o crédito oportuno, realizará o pagamento, mediante transferencia bancaria, do importe dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación. No suposto de non ter presentado o certificado de titularidade da conta bancaria, con códigos IBAN e BIC, e a copia do DNI, consignarase o importe na Caixa Xeral de Depósitos, conforme o disposto no artigo 51 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957.

En cumprimento do artigo 55 do Regulamento de expropiación forzosa do 26 de abril de 1957, neste mesmo acto convócase ao acto de formalización das actas de ocupación, o cal terá lugar, logo de producirse o aboamento dos depósitos previos e indemnizacións por rápida ocupación, no lugar e na data que se indican:

Concello de Palas de Rei.

Lugar: casa do concello (avenida de Compostela, nº 28, 27200 Palas de Rei).

Data: 21 de setembro de 2026, das 9.45 ás 13.30 horas.

Data: 22, 23, 24 de setembro de 2026, das 9.00 ás 13.30 horas.

Concello de Friol.

Lugar: casa do concello (praza de España 4, 27220 Friol).

Data: 25 de setembro de 2026, das 10.30 ás 11.00 horas.

No mesmo acto ofertaránselles ás persoas propietarias as valoracións establecidas pola Administración para cada un dos predios en concepto de mutuo acordo.

Este acordo faise público, para xeral coñecemento, e advírteselles aos/ás titulares que na acta figurarán os donos da cousa ou titulares do dereito expropiado, non se admitirá representación senón por medio de poder debidamente autorizado (notarial, xudicial ou do consulado), xa sexa xeral ou particular para este caso, e que deberán achegar a documentación necesaria para acreditar a sucesión en caso de figurar o terreo a nome de herdeiros e se deberán identificar co documento nacional de identidade.

Lugo, 19 de maio de 2026

Gerardo Pallares Sánchez
Xefe do Servizo Provincial de Lugo