DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 5 de xuño de 2026 Páx. 32707

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2026, da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, pola que se dispón o depósito e inscrición no Rexistro e depósito de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade da acta da Comisión paritaria do convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, de integración da nova categoría 16, vixilancia de dominio público, do grupo III, no anexo II do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Feito:

Primeiro. O día 22 de maio de 2026 tivo entrada nesta unidade a solicitude para a inscrición no Rexistro e depósito de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade da acta da Comisión paritaria do convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, de integración da nova categoría 16, vixilancia de dominio público, do grupo III, no anexo II do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais ten atribuídas, entre outras funcións, as competencias que como autoridade laboral lle corresponden á Consellería de conformidade co disposto no Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Segunda. De acordo co artigo 25 do citado Decreto 147/2024, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais é o órgano competente de coordinación dos rexistros administrativos de eleccións sindicais, de asociacións empresariais e sindicais (Deose), de convenios colectivos (Rexcon) e de empresas acreditadas para intervir no proceso de contratación no sector da construción (REA).

Terceira. O artigo 8 do Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade, regula o procedemento de inscrición de solicitudes de rexistro e convenios e acordos colectivos de traballo e establece que a autoridade laboral competente ditará resolución ordenando o seu rexistro, depósito e publicación no boletín oficial correspondente.

Revisada a documentación achegada e tendo en conta a normativa aplicable, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, na súa condición de autoridade laboral,

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o depósito e a inscrición no Rexistro e depósito de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade da acta da Comisión paritaria do convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, de integración da nova categoría 16, vixilancia de dominio público, do grupo III, no anexo II do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Segundo. Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2026

Pablo Fernández López
Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais

ANEXO

Acordo de integración da nova categoría 16, vixilancia de dominio público, do grupo III, no anexo II do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia

En aplicación do disposto na disposición transitoria segunda do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia (VCCU), o 29 de abril de 2026 na xuntanza da Comisión paritaria acordouse o seguinte:

1. Creación da categoría 16, vixilancia de dominio público, do grupo III, e inclusión no anexo II do VCCU.

2. Funcións da nova categoría: tarefas de vixilancia, control e apoio no ámbito do dominio público marítimo-terrestre no marco das competencias do Servizo do Litoral, que se concretan do seguinte xeito:

• Vixilancia do cumprimento da normativa en materia de costas.

• Control de usos do dominio público.

• Apoio ás tarefas de inspección e xestión administrativa.

• Presenza operativa no territorio, con intervención directa, de ser preciso.