Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Denominación: LMT derivada Rosende I (Sober).
Concello: Sober.
Antecedentes de feito:
Primeiro. O 6.3.2020 (núm. rexistro 2020/516529), a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., solicitou a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada LMT derivada Rosende I (Sober).
Dentro da tramitación regulamentaria solicitóuselles o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas, consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
Segundo. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante a Resolución do 28.7.2021. Esta resolución foi publicada no DOG núm. 160, do 20 de agosto.
Terceiro. O 27.9.2021, este departamento territorial resolveu conceder a autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declarar a utilidade pública de dita instalación de distribución eléctrica, que foi publicada no DOG núm. 203, do 21 de outubro.
Cuarto. Mediante a Resolución do 9.12.2021, da Xefatura Territorial de Lugo, anunciase o levantamento das actas previas á ocupación de bens e dereitos afectados pola instalación eléctrica de referencia (DOG núm. 251, do 31 de decembro).
Quinto. O 23.2.2022, no concello de Sober, foron levantadas as actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados pola instalación eléctrica de referencia e o 25.3.2022 comunícaselle á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., que pode proceder a ocupación dos bens afectados.
Sexto. O 31.5.2022 (núm. rexistro 2022/1448728), UFD Distribución Electricidad, S.A., presenta escrito de renuncia á autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e declaración de utilidade pública, da devandita instalación eléctrica.
Fundamentos xurídicos:
Primeiro. No artigo 94.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establécese que toda persoa interesada poderá desistir da súa solicitude ou, cando non estea prohibido polo ordenamento xurídico, renunciar aos seus dereitos.
Segundo. No artigo 94.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sinálase que a Administración aceptará de plano a desistencia ou a renuncia e declarará concluso o procedemento salvo que, despois de comparecer nel terceiras persoas interesadas, instasen estas a súa continuación no prazo de dez días desde que foron notificados da desistencia ou renuncia.
Á vista dos preceptos citados e unha vez analizado o expediente, considerando que non existen terceiras persoas interesadas ou afectadas, este departamento territorial entende que non existe inconveniente ningún en aceptar de plano a renuncia solicitada.
Este departamento territorial, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,
RESOLVE:
Primeiro. Aceptar a solicitude de renuncia formulada pola empresa promotora, deixando sen efecto as resolucións ditadas por este departamento territorial indicadas nos antecedentes de feito.
Segundo. Declarar rematado o procedemento, así como o arquivamento do expediente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, nos termos establecidos nos artigos 21 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.
Lugo, 18 de maio de 2026
Gustavo José Casasola de Cabo
Director territorial de Lugo
