O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29, atribúelle á Comunidade Autónoma a competencia, en concordancia co artigo 149.1.7 da Constitución española, para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servizos correspondentes a este ámbito.
Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e os servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e de acordo co disposto no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, correspóndelle a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego.
De acordo cos artigos 23 e 32 da Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego, as políticas activas de emprego deberán desenvolverse en todo o Estado, no marco dos instrumentos de planificación e coordinación da política de emprego, tendo en conta a carteira común e os servizos complementarios prestados polos servizos do Sistema Nacional de Emprego e os requirimentos dos mercados de traballo locais, co obxecto de favorecer a colocación das persoas demandantes de emprego. Así, as comunidades autónomas están habilitadas para elaborar os instrumentos de deseño, planificación e coordinación da política autonómica de emprego, en coordinación coa Estratexia española de apoio activo ao emprego e o plan anual. O programa enmárcase dentro dos programas mixtos de emprego e formación regulados nos artigos 29 e seguintes do Real decreto 818/2021, do 28 de setembro, polo que se regulan os programas comúns de activación para o emprego do Sistema nacional de emprego (BOE núm. 233, do 29 de setembro).
A dificultade para adquirir unha primeira experiencia laboral significativa afecta as persoas mozas, impide a súa integración temperá no mercado de traballo, o seu desenvolvemento profesional e, polo tanto, persoal. Esa falta de experiencia profesional relacionada coa formación cursada é unha das barreiras que teñen para acceder a un emprego cualificado, o que deixa ás persoas mozas en desvantaxe respecto doutras persoas de máis idade.
Os incentivos para promover a práctica profesional de persoas mozas menores de 30 anos responden á necesidade de proporcionarlles aos nosos mozos e mozas unha primeira experiencia profesional por medio dun posto de traballo que lles permita ou ben mellorar as súas cualificacións profesionais (no caso daquelas persoas mozas que carezan de cualificación profesional recoñecida polo sistema de formación profesional para o emprego ou o sistema educativo), ou ben adquirir a experiencia profesional necesaria para asegurar unha carreira profesional cunha evolución progresiva e ascendente dentro do mercado laboral galego.
Por outra banda, mediante esta orde incentívase a primeira experiencia profesional no sector artesanal co fin de conservar os oficios artesanais e garantir a súa continuidade en Galicia. As actividades artesanais constitúen un gran valor desde o punto de vista cualitativo e cuantitativo e forman parte do tecido produtivo básico sobre o cal se constrúe a nosa sociedade, ao tempo que actúan como fío condutor preservando a nosa identidade e a nosa cultura.
O procedemento de concesión non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e co obxecto deste réxime, non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa ou entidade solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.
As solicitudes, a tramitación e a concesión das subvencións desta orde axustaranse ao disposto nela e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xuño, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 4/2025, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, e, no que resulte de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo de informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade e da Intervención Delegada da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto e finalidade
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2026 das subvencións para promover a primeira experiencia profesional, a través de contratos formativos regulados nos seguintes programas:
a) Programa I: primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos (código de procedemento TR353C).
b) Programa II: primeira experiencia profesional en oficios artesanais (código de procedemento TR353E).
Artigo 2. Marco normativo
1. As solicitudes, a tramitación e a concesión das subvencións axustaranse ás seguintes normas: Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e ao disposto nesta orde.
2. No que resulte de aplicación axustaranse ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.
3. Estas axudas quedan sometidas ao réxime de minimis, segundo o sector a que pertenzan as persoas empregadoras e as empresas beneficiarias e o ámbito da súa actividade, nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de runcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, L2023/81820); no Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE do 24 de decembro, L352/9), e no Regulamento (UE) nº 717/2014, da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE do 28 de xuño, L190/45).
Artigo 3. Principios de xestión
A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Artigo 4. Financiamento
1. O importe máximo destinado á concesión das subvencións reguladas nesta orde é de 8.761.886,57 € con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, correspondentes a fondos finalistas, distribuídos en dous programas, que se imputarán ás seguintes aplicacións e códigos de proxecto:
|
Programa-procedemento |
Aplicación |
Proxecto |
Importe |
|
Programa I artigo 1.a)-TR353C |
14.02.322C.472.0 |
2025 00120 |
7.761.886,57 € |
|
Programa II artigo 1.b)-TR353E |
14.02.322C.472.0 |
2026 00102 |
1.000.000,00 € |
2. O orzamento previsto no parágrafo anterior para o programa I-TR353C distribúese do seguinte xeito segundo o regulamento de minimis de aplicación, de acordo co número de solicitudes presentadas por cada un na convocatoria do ano 2025:
|
Regulamento de minimis |
Orzamento |
|
Regulamento (UE) 2023/2831 |
7.611.886,57 € |
|
Regulamento (UE) 1408/2013 |
100.000,00 € |
|
Regulamento (UE) 717/2014 |
50.000,00 € |
Durante a tramitación do procedemento procederase ao reaxuste dos créditos estimados para cada un dos réximes xurídicos de minimis (xeral, agricultura e pesca/acuicultura), en función das necesidades reais observadas na presentación das solicitudes e na concesión de axudas.
3. A concesión das subvencións previstas nesta orde está suxeita á existencia de crédito orzamentario adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.
4. O importe recollido no punto 1 poderá ser obxecto de modificación como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos finalistas para o financiamento dos programas e servizos en materia de emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais.
5. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, incorporación ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, e dunha transferencia de crédito, ao tratarse dunha convocatoria de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30.2 do seu regulamento de desenvolvemento. Os incrementos de crédito serán obxecto da oportuna publicación no Diario Oficial de Galicia.
Artigo 5. Definicións
Para os efectos desta orde, entenderase por:
1. Persoa desempregada: aquela que estea inscrita no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación e que, pola súa vez, careza de ocupación no día inmediatamente anterior á data de inicio do contrato, segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
2. Persoa moza: persoa maior de 16 anos e menor de 30 anos no momento da súa contratación.
3. Persoa desempregada sen cualificación: aquela persoa que careza da cualificación profesional recoñecida polo sistema de formación profesional para o emprego ou do sistema educativo, requirida para concertar un contrato en prácticas ou para o posto de traballo ou ocupación obxecto do contrato.
4. Contrato de formación para a obtención da práctica profesional adecuada ao nivel de estudos: contrato realizado con persoas que estivesen en posesión de título universitario (grao, máster ou doutorado) ou título de grao medio ou superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional, conforme ao establecido na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración de la Formación Profesional; así como daquelas persoas que posúan un título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral. O posto de traballo deberá permitir a obtención da práctica profesional axeitada ao nivel de estudos ou de formación cursados. Estarase ao disposto no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.
5. Contrato de formación en alternancia: contrato realizado con persoas menores de 30 anos que carezan da cualificación profesional requirida para concertar un contrato formativo para a obtención da práctica profesional. Terá por obxecto compatibilizar a actividade laboral retribuída cos correspondentes procesos formativos no ámbito da formación profesional, os estudos universitarios ou o catálogo de especialidades formativas do Sistema nacional de emprego. Estarase ao disposto no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro. Así o tempo de traballo efectivo, que terá que ser compatible co tempo dedicado ás actividades formativas, non poderá ser superior ao 65 por cento da xornada máxima prevista no convenio colectivo de aplicación na empresa, o, no seu defecto, da xornada máxima legal.
6. Obradoiro artesán. Para os efectos desta orde terá a condición de obradoiro artesán aquel que estea debidamente inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.
Artigo 6. Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser persoas e empresas beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as que cumpran os requisitos establecidos nos artigos 22 e 33 para cada procedemento de axudas.
2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, así como as entidades sen ánimo de lucro.
3. Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas empregadoras ou empresas nas que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria aquelas que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme ao establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
5. Non poderán obter a condición de entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as persoas empregadoras ou empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 31 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando as solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
Esta circunstancia acreditarase no momento da solicitude mediante declaración responsable da persoa solicitante, sen prexuízo de que as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada deberán acreditar o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.
6. As persoas autónomas que, pola súa vez, sexan autónomas societarias só poderán presentar unha solicitude. En caso contrario, ambas as solicitudes quedarán excluídas por incumprimento dos requisitos establecidos.
7. A xustificación por parte das persoas empregadoras ou empresas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 3, 4, 5 e 6 anteriores para obter a condición de beneficiarias realizarase mediante declaración responsable no anexo I.1 ou I.2, segundo o programa de axudas que se solicite.
Artigo 7. Presentación de solicitudes e prazo
1. As solicitudes de subvención deberán presentarse por separado para cada un dos programas desta orde nos modelos de solicitude que figuran como anexos. Os anexos de solicitude que corresponden a cada procedemento son:
a) Anexo I.1 para o programa I: primeira experiencia profesional das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos (código de procedemento TR353C).
b) Anexo I.2 para o programa II: primeira experiencia profesional en oficios artesanais (código de procedemento TR353E).
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
3. Forma parte das solicitudes de ambos procedementos a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:
a) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, así como das axudas concedidas en réxime de minimis.
b) Que ten centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
d) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
e) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
g) Que cumpre os requisitos establecidos para obter a condición de persoa empregadora ou empresa beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
h) Que non foi excluída do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
i) Que cumpren os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.
j) Que presentou unha única solicitude, ben como persoa autónoma, ben como societaria.
k) Que coa presentación da solicitude acepta a subvención.
l) De ser o caso, que dispón do documento asinado pola persoa ou persoas contratadas con anterioridade á presentación da solicitude, no que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos, conforme o modelo do anexo III para ambos os programas de axudas. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.
4. O prazo xeral para a presentación das solicitudes dos procedementos de axudas establecidas nesta orde comezará ás 9.00 horas do quinto día hábil posterior ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e rematará ás 20.00 horas do 30 de setembro de 2026.
5. A presentación das solicitudes implica o coñecemento e a aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras e supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda, así como a aceptación da subvención, de ser persoa ou entidade beneficiaria dela.
6. Será causa de desestimación das solicitudes non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 8. Documentación complementaria
1. As persoas e entidades deberán achegar coa solicitude (anexos I.1 ou I.2, segundo o Programa de axudas que se solicite), a seguinte documentación:
a) Cando se actúe mediante representación, a acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna da mesma. Quedan excepcionadas da dita presentación as persoas empregadoras ou empresas inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan a representación para este procedemento.
b) No caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, anexo IV para ambos programas, de declaración responsable-compromiso na cal deberán constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias; farase constar unha persoa representante única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á mesma. Non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código do procedemento e o órgano responsable, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Artigo 9. Comprobación de datos
1. Para a tramitación dos dous procedementos regulados nesta orde o órgano xestor da axuda consultará automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas, agás que a persoa ou a empresa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.
b) NIF da entidade representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) Consulta de todos os códigos conta de cotización da persoa ou entidade solicitante.
e) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.
g) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
h) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.
i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións.
j) Consulta de subvencións e axudas públicas afectadas pola regra de minimis.
k) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.
l) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa traballadora contratada.
m) Certificado de inscrición da persoa traballadora contratada como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da contratación.
n) Consulta de títulos oficiais universitarios, segundo proceda, da persoa traballadora contratada.
ñ) Consulta de títulos oficiais non universitarios, segundo proceda, da persoa traballadora contratada.
o) Contrato de traballo da persoa traballadora contratada.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 10. Emenda das solicitudes
1. A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirán a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, indicándolle que, se así non o fixer, se lle terá por desistida da súa solicitude, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.
Artigo 11. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia. De ser o caso, a Administración poderá de oficio crear o indicado enderezo, aos efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude dos dous procedementos regulados nesta orde deberán efectuarse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 13. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 14. Procedemento para a concesión
1. O procedemento de concesión de axudas será o de concorrencia non competitiva.
2. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Emprego, que instruirá os procedementos de acordo cos criterios establecidos para cada programa.
3. En aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data na que se tivera presentado a documentación completa requirida nestas bases reguladoras para cada un dos programas, ata esgotar o crédito.
4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases reguladoras ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de desestimación, na cal se indicarán as causas desta.
5. Entenderase que a persoa solicitante desiste da súa solicitude cando a persoa traballadora pola que se solicita subvención cause baixa na empresa solicitante en data anterior á resolución da concesión da axuda, continuando a tramitación para o resto das persoas contratadas, se for o caso.
Artigo 15. Resolución
1. A competencia para a resolución dos expedientes das subvencións reguladas nos dous programas da presente orde correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais, de acordo co establecido no Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, quen, logo da fiscalización da proposta do órgano instrutor pola intervención delegada, resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada.
2. O prazo máximo de resolución e notificación nos dous programas regulados nesta orde será de catro meses contados a partir do día seguinte ao remate do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non existe resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. A resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación da persoa empregadora ou empresa beneficiaria e a contía da subvención. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscritas pola persoa que as realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade reguladas na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
Na resolución de concesión de ambos os programas informaranse as persoas beneficiarias sobre o carácter de minimis destas axudas, facendo unha referencia expresa e completa ao Regulamento concreto de minimis que sexa de aplicación, segundo o establecido nos artigos 32 e 43 para cada programa de axudas, segundo o sector a que pertenza a persoa beneficiaria e o ámbito da súa actividade: o Regulamento (UE) 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, L2023/81820); o Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE do 24 de decembro, L352/9), ou o Regulamento (UE) nº 717/2014, da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE do 28 de xuño, L190/45).
4. Toda vez que os requisitos para ser persoa ou entidade beneficiaria desta axuda deben cumprirse con anterioridade á presentación da solicitude e que as obrigas asumidas pola persoa ou empresa beneficiaria se recollen na presente orde, nos artigos 30 e 41, segundo o programa de axudas solicitado, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e enténdese aceptada coa presentación da solicitude.
5. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo dun mes computado desde o día seguinte á súa notificación, ou presentar directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
6. No caso de que unha solicitude de axudas comprenda varias contratacións e non exista crédito suficiente para atendelas todas, poderase estimar parcialmente a solicitude e conceder a axuda para aquelas contratacións nas que exista crédito, de acordo coa orde de prelación establecida no anexo de solicitude de cada programa de axudas.
Así mesmo, no caso de que o remanente de crédito existente sexa inferior ao importe que correspondería conceder segundo as contías establecidas nos artigos 26 e 37 para cada programa de axudas, poderase conceder a axuda polo importe do remanente existente, logo da aceptación pola persoa ou empresa solicitante.
7. Os incrementos de crédito que se tramiten, así como o crédito liberado polas renuncias ou perdas do dereito ao cobro das subvencións outorgadas dentro de cada programa, se fora o caso, destinaranse a complementar as axudas minoradas conforme ao parágrafo anterior ou á concesión de subvencións daquelas solicitudes que, por insuficiencia de crédito, non chegaron a obter subvención por orde de prelación, dentro do mesmo programa.
8. As subvencións concedidas ao abeiro dos programas regulados nesta orde publicaranse, con expresión da persoa empregadora ou empresa beneficiaria, a contía e a finalidade no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 16. Modificación da resolución de concesión
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Artigo 17. Devolución voluntaria da subvención
1. No caso de que o contrato subvencionado se extinga antes de 12 meses a persoa empregadora ou empresa beneficiaria poderá devolver a axuda recibida na súa totalidade, ou nunha contía proporcional, segundo proceda conforme aos termos establecidos en cada programa de axudas no caso de que a extinción do contrato fose por baixa voluntaria, recoñecemento de discapacidade ou incapacidade laboral permanente total ou parcial, despedimento por non superar o período de proba (no caso do contrato contrato formativo para a adquisición de práctica profesional), despedimento disciplinario procedente ou falecemento da persoa traballadora e non se optase pola substitución. A devolución deberá realizarse con carácter voluntario e sen o requirimento previo da Administración, conforme o disposto no artigo 64 do regulamento da Lei 9 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
2. A devolución da axuda, farase mediante o ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención e indicando o código de procedemento.
En todo caso, a persoa empregadora ou empresa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente (incluíndo o código do procedemento) e denominación da subvención concedida.
Artigo 18. Seguimento
1. A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais procederá a realizar cantas comprobacións sexan precisas para verificar o cumprimento dos requisitos e das obrigas recollidas nesta orde e poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento.
Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
2. A Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais realizará, de oficio, a efectos de seguimento das axudas, a comprobación do cumprimento do período de contratación, mediante o correspondente acceso á vida laboral das persoas contratadas e/ou á conta de cotización da persoa empregadora ou empresa contratante, deixando constancia documental do seu cumprimento no expediente.
Artigo 19. Publicación na Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta.
Artigo 20. Publicidade
As subvencións outorgadas ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Non obstante, a persoa solicitante poderá solicitar a non publicación dos seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 21. Comunicación de feitos constitutivos de fraude
Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento da Xunta de Galicia, a través da Canle de denuncias da Xunta de Galicia, de comunicación de información en materia de integridade institucional, dispoñible na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias
CAPÍTULO II
Programa I. Primeira experiencia profesional das persoas mozas (código de procedemento TR353C)
Artigo 22. Persoas empregadoras e empresas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as comunidades de bens e sociedades civís que contraten persoas traballadoras mozas por conta allea, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.
Tamén poderán ser beneficiarios os centros especiais de emprego e as empresas de inserción laboral que contraten persoas mozas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, excepto para realizar contratos con persoas con discapacidade e contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social respectivamente.
Artigo 23. Finalidade do programa
1. O programa I ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas en Galicia a través da formalización de contratos de formación para a obtención da práctica profesional ou de contratos de formación en alternancia, que lle faciliten a inserción laboral, dotándoas á vez de competencias para o emprego que as acompañen durante a súa vida laboral, coa finalidade última de proporcionar a estas persoas unha primeira experiencia no emprego, promovendo a súa empregabilidade e a retención do talento mozo na nosa Comunidade Autónoma.
2. Por medio desta convocatoria, as empresas terán a posibilidade de obter axudas para a contratación de persoas menores de 30 anos a través das seguintes liñas:
a) Liña 1: programa de prácticas, mediante contratos para a obtención de práctica profesional, subscritos con persoas traballadoras menores de 30 anos que estean en posesión de título universitario (grao, máster ou doutoramento), ou título de grao medio ou superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional, consonte o establecido na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional; así como daquelas persoas que posúan un título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral, segundo o establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.
b) Liña 2: programa de formación en alternancia, mediante contratos de formación en alternancia que se celebren con persoas traballadoras menores de 30 anos, e que poderán levar a cabo con persoas que carezan da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención de práctica profesional regulada no punto 3.a). Sen prexuízo do anterior, poderanse realizar contratos vinculados a estudos de formación profesional, aos estudos universitarios ou o catálogo de especialidades formativas do Sistema nacional de emprego con persoas que posúan outra titulación sempre que non tivesen outro contrato formativo previo nunha formación do mesmo nivel formativo e do mesmo sector produtivo, segundo o establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.
Artigo 24. Gastos subvencionables
1. Serán subvencionables ao abeiro deste programa:
a) As contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos para a obtención da práctica profesional.
b) As contratacións por conta allea de persoas mozas mediante a subscrición de contratos de formación en alternancia.
2. Os contratos terán unha duración mínima de 12 meses e deberán ser a xornada completa.
3. Serán subvencionables nas modalidades de contrato para a obtención de práctica profesional e de contrato de formación en alternancia tanto as novas contratacións como as contratacións realizadas con anterioridade á solicitude destas axudas, sempre que se cumpran os seguintes requisitos no momento da contratación:
a) Que teñan feitos os 16 anos e non fixesen os 30 anos no momento da contratación.
b) Que estean desempregadas (desocupadas no día inmediatamente anterior á data de inicio do contrato) e que se atopen inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación.
Non obstante, non se requirirá a inscrición no Servizo público de Emprego de Galicia no caso de persoas que se atopen nalgún dos casos contemplados no artigo 4.1.a) do Real decreto ley 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas.
c) Que non teñan unha experiencia profesional superior a un ano (365 días) no mesmo grupo de cotización no que van a ser contratadas.
4. No caso de persoas que vaian ser contratadas na modalidade de obtención de práctica profesional deberán cumprir ademáis os seguintes requisitos:
a) Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións:
– Título universitario:
i. Grao universitario.
ii. Máster universitario.
iii. Doutoramento.
– Título de grao medio ou superior.
– Especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional.
– Título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral.
b) O contrato de traballo para a obtención de práctica profesional deberá concertarse dentro dos tres anos, ou dos cinco anos se se formaliza cunha persoa con discapacidade, seguintes á terminación dos correspondentes estudos. Non se poderá subscribir con quen xa obtivese experiencia profesional ou realizado actividade formativa na mesma actividade dentro da empresa por un tempo superior a tres meses, sen que se computen para estes efectos os períodos de formación ou prácticas que formen parte do currículo exixido para a obtención da titulación ou do certificado que habilita para esta contratación.
5. No caso de persoas que vaian ser contratadas na modalidade de formación en alternancia deberán cumprir ademais o seguinte requisito:
– Carecer da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou polos certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención da práctica profesional. Sen prexuízo do anterior, poderanse realizar contratos vinculados a estudos de formación profesional, aos estudos universitarios ou o catálogo de especialidades formativas do Sistema nacional de emprego con persoas que posúan outra titulación sempre que non tivesen outro contrato formativo previo nunha formación do mesmo nivel formativo e do mesmo sector produtivo.
6. Os requisitos recollidos nos puntos deste artigo serán tamén de aplicación para as persoas traballadoras con contratos preexistentes, de maneira que non serán subvencionables aqueles contratos nos cales non queden acreditados os ditos requisitos.
O período durante o que se teñen que realizar os contratos formativos para ser subvencionables será dende o 16 de outubro de 2025 ata o 30 de outubro de 2026.
7. No caso de novas contratacións, o período máximo para realizalas será dun mes dende a recepción da notificación da concesión da axuda, e en todo caso o 30 de outubro de 2026.
No caso de que o prazo dun mes para a realización dos contratos se estenda mais alá do 30 de outubro de 2026, esa será en todo caso a data límite para contratar (30.10.2026).
8. O número máximo de contratos subvencionables establécese en 3.
As persoas empregadoras e empresas beneficiarias das axudas previstas nesta orde que non leven a cabo, como mínimo, un 50 % das contratacións que lle fosen concedidas, serán excluídas da vindeira convocatoria.
Artigo 25. Exclusións
Quedan excluídas dos beneficios desta orde:
a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de persoas traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.
b) Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao incluído, da empresaria ou do empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como os que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea os fillos e as fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con ela, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas, e contrate un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.
c) Os contratos realizados con persoas traballadoras que finalicen unha relación laboral de carácter indefinido na empresa solicitante ou noutra empresa do mesmo grupo, nun prazo de 4 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención.
d) Os contratos efectuados con persoas que xa foran contratadas ao abeiro das axudas establecidas na Orde do 1 de abril de 2022, na Orde do 9 de agosto de 2023, na Orde do 6 de maio de 2024 e na Orde do 5 de maio de 2025 (código de procedemento TR353C), excepto se posúen máis dunha titulación e sempre que o novo contrato permita a obtención de práctica profesional axeitada a un novo nivel de estudos ou de formación diferente ao tido en conta nas pasadas convocatorias.
e) As persoas empregadoras e empresas beneficiarias das axudas previstas na Orde do 5 de maio de 2025 (código de procedemento TR353C) que non levaran a cabo, como mínimo, un 50 % das contratacións que lle fosen concedidas.
Artigo 26. Contía das axudas
1. As contías máximas do incentivo á contratación por 12 meses, a xornada completa, que se concederán con carácter xeral serán as seguintes:
a) Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 1 e 2: 16.625 €.
b) Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 3 a 7: 13.300 €.
c) Incentivo á contratación para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 8 a 11: 9.975 €.
2. As persoas mozas serán contratadas a tempo completo, ben na modalidade de obtención de práctica profesional, ben na modalidade de contrato de formación en alternancia, e durante un período mínimo continuado de 12 meses en ambos os casos, salvo que se trate dunha substitución. A contía da axuda toma como referencia os custos de contratación totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social. O salario que percibirán as persoas mozas contratadas será aquel que corresponda legal ou convencionalmente e será acorde coa súa categoría profesional e coa titulación requirida para o posto incentivado.
3. A contía da axuda concedida aboaráselles ás persoas empregadoras ou empresas beneficiarias nun único pagamento, logo de presentar a documentación xustificativa establecida no artigo 29 desta orde.
4. As subvencións previstas neste programa serán incompatibles con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para o mesmo obxecto e finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, coas bonificacións ou reducións de cotizacións á Seguridade Social.
5. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa empregadora ou a empresa beneficiaria.
Artigo 27. Selección de persoas candidatas
1. A selección e a contratación das persoas mozas participantes no programa pode realizala directamente a persoa empregadora ou empresa beneficiaria, ou a través da presentación de oferta de emprego na oficina de emprego que corresponda.
2. En todo caso, as persoas mozas deberán ser contratadas por un período mínimo de 12 meses continuados, salvo que se trate dunha substitución, mediante a modalidade do contrato formativo para a adquisición de práctica profesional axeitada ao seu nivel de estudos ou mediante a modalidade de contrato de traballo de formación en alternancia, de acordo coa regulación prevista na lexislación laboral vixente no momento da contratación.
3. En todos os casos, o centro de traballo deberá estar situado na Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 28. Contratación das persoas traballadoras
1. Efectuada a selección das persoas traballadoras segundo o disposto nesta orde, a persoa empregadora ou a empresa beneficiaria procederá á súa contratación, ben na modalidade de obtención de práctica profesional ben de contrato de formación en alternancia e por un período mínimo continuado de 12 meses e a xornada completa en ambos os casos, salvo que se trate dunha substitución que se estará ao disposto no punto 10 deste artigo.
2. Será a persoa empregadora ou a empresa beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que no momento de inicio da relación laboral a persoa seleccionada cumpre os requisitos recollidos nesta convocatoria.
3. Os contratos subvencionados ao abeiro desta orde comezarán no prazo máximo dun mes desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución de concesión e, en todo caso, a data máxima será o 30 de outubro de 2026. No caso de que o prazo dun mes para a realización dos contratos fose mais alá do dito 30 de outubro, esta será en todo caso a data límite (30.10.2026). Os contratos terán unha duración mínima de 12 meses a xornada completa.
Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais poderá autorizar o inicio dos contratos con posterioridade ao devandito prazo.
4. A persoa empregadora ou empresa beneficiaria dará de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.
5. A persoa empregadora ou empresa beneficiaria asume a súa condición de empregadora respecto das persoas traballadoras contratadas e o compromiso de cumprir coa normativa laboral.
6. Os contratos de traballo subscritos coas persoas traballadoras seleccionadas deberán comunicarse necesariamente a través da aplicación Contrat@.
7. A persoa empregadora ou a empresa beneficiaria comunicaralle á Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais o inicio dos contratos no prazo máximo de 10 días hábiles desde o dito inicio, con indicación do número de persoas mozas contratadas, e presentará a documentación xustificativa para o pagamento recollida no artigo 29.
8. A concesión e o uso destas axudas non suporá, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.
9. En todo caso, as contratacións que incumpran calquera destes requisitos non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas e, se é o caso, darán lugar á perda do dereito ao cobramento ou ao reintegro da axuda.
10. Cando se produza a extinción do contrato incentivado antes de que finalice o período de 12 meses, a persoa empregadora ou a empresa beneficiaria deberá proceder ao reintegro total da axuda, agás no caso de baixa voluntaria, recoñecemento de discapacidade ou incapacidade laboral permanente total ou parcial, despedimento por non superar o período de proba (no caso do contrato formativo para a adquisición de práctica profesional), despedimento disciplinario procedente ou falecemento da persoa traballadora contratada, supostos en que a persoa empregadora ou a empresa beneficiaria poderá optar preferentemente por substituíla, no prazo máximo de 15 días, polo tempo que reste para cumprir coa obriga de mantemento do emprego de 12 meses, por outra persoa moza que cumpra os requisitos establecidos nesta orde co mesmo tipo de contrato e de perfil análogo a aquel para o que se solicitou a subvención ou, de non ser así, optar por devolver voluntariamente a contía proporcional da subvención.
De non producirse a substitución ou cando, aínda producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo fose inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo do incentivo (12 meses), procederase á redución ou ao reintegro da axuda concedida polo importe proporcional correspondente.
Permítese unha única substitución da persoa contratada inicialmente, de maneira que se a dita persoa é substituída por outra, esta nova persoa contratada pecha o proceso de contratacións incentivadas ao abeiro desta convocatoria.
Artigo 29. Xustificación e pagamento
1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e no que lle sexa de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
2. O pagamento do incentivo á contratación farase efectivo dunha soa vez, unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida: a contratación de persoas mozas, o que se xustificará mediante a presentación da documentación indicada no punto 4 deste artigo. A presentación da xustificación realizarase unicamente a través de medios electrónicos, dentro dos prazos establecidos na resolución de concesión da subvención. En todo caso, a data límite de xustificación é o 30 de outubro de 2026.
3. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa firme da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.
4. Documentación xustificativa para o pagamento do incentivo á contratación:
a) Anexo II: declaración complementaria e actualizada do conxunto de todas as axudas ou subvencións solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, na cal se declara, así mesmo, que se dispón do documento asinado polas persoas contratadas (segundo o modelo do anexo III), no cal autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento. No caso de contratos preexistentes, non será preciso achegalo.
b) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 30.
O prazo máximo para a presentación da documentación prevista neste punto será de 10 días hábiles desde o inicio dos contratos e, en todo caso, rematará o 30 de outubro de 2026. A falta de presentación no prazo pode comportar a perda do dereito ao cobramento da subvención.
5. A liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función da xustificación presentada e de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.
Artigo 30. Obrigas das persoas empregadoras ou empresas beneficiarias
As persoas empregadoras ou empresas beneficiarias dos incentivos regulados nesta orde, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:
a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e antes de realizar a proposta de pagamento da subvención.
b) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención de acordo co previsto na solicitude e na resolución de concesión, nesta orde e, de ser o caso, nos documentos de instrucións operativas que se poidan poñer á disposición das persoas ou entidades beneficiarias na sede electrónica da Xunta de Galicia.
c) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e das obrigas asumidas polas persoas e empresas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
d) Comunicar a través da aplicación Contrat@ os contratos realizados no prazo máximo de 10 días desde que se realizan.
e) Aboarlles ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais.
f) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer ao seu vencemento e mediante transferencia bancaria as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.
g) Obriga de mantemento do emprego: manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada durante un período mínimo de 12 meses, agás baixa voluntaria, recoñecemento de discapacidade ou incapacidade laboral permanente total ou parcial, despedimento por non superar o período de proba (no caso do contrato formativo para a adquisición de práctica profesional), despedimento disciplinario procedente ou falecemento da persoa traballadora, caso en que a beneficiaria poderá optar preferentemente por substituíla no prazo máximo de 15 días, polo tempo que reste para cumprir coa obriga de mantemento do emprego, por outra persoa moza, que cumpra os requisitos establecidos nesta orde e de perfil análogo a aquel para o que se solicitou a subvención, ou, de non ser así, optar por devolver voluntariamente a contía proporcional calculada conforme se establece na letra h) do artigo 31.
Se as causas do incumprimento do mantemento do emprego son outras diferentes as sinaladas no parágrafo anterior, procederá a devolución total do incentivo.
A baixa voluntaria, o recoñecemento de discapacidade ou a incapacidade laboral permanente total ou parcial, o despedimento por non superar o período de proba (no caso do contrato contrato formativo para a adquisición de práctica profesional), despedimento disciplinario procedente ou falecementos deberán comunicarse por medios telemáticos ao órgano xestor das axudas no prazo de cinco (5) días desde que se produzan, achegando o motivo da baixa.
No caso de levar a cabo a contratación dunha persoa substituta, a persoa ou entidade beneficiaria deberá comunicar a dita substitución no prazo de 10 días desde que esta se produza, a través da aplicación Contrat@ e tamén mediante a Sede electrónica, ao órgano xestor da axuda.
h) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
i) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con fondos recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) dando publicidade á axuda concedida na páxina de inicio da web da persoa ou empresa beneficiaria ou noutro sitio visible, accesible desde a páxina de inicio, no caso de dispoñer dela, e colocar e manter durante un mínimo de 12 meses, un cartel, en cor e formato A3, nun lugar visible do centro de traballo segundo o modelo que consta na sede electrónica da Xunta de Galicia.
j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.
k) Manter no seu poder as autorizacións (ou a oposición) para a comprobación dos datos das persoas traballadoras obxecto de subvención, segundo o modelo do anexo III. Estes documentos poderán ser requiridos pola Administración pública en calquera momento.
Así mesmo, deberá informar ás persoas cuxos contratos laborais se subvencionan ao abeiro desta orde dos seguintes aspectos:
– Da comunicación dos datos á Administración para o seu tratamento no ámbito das competencias e de acordo cos fins do procedemento administrativo.
– Da posibilidade de que a Administración realice as consultas precisas para comprobar, entre outros aspectos, a súa veracidade.
– Do dereito de oposición que as asiste de que a Administración trate os seu datos, suposto en que deberá comunicar a súa oposición á Administración para os efectos oportunos.
l) Comunicarlle ao órgano concedente a solicitude e/ou concesión doutras axudas.
m) Cumprir coas obrigas inherentes aos contratos formativos recollidas no Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo e/ou as obrigas recollidas na lexislación vixente que regule estes contratos no momento da contratación.
n) Para o caso dos contratos de formación en alternancia, cumprir coa obriga establecida no artigo 124.1 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
ñ) Velar polo cumprimento de medidas que eviten a discriminación por razón de sexo ou de xénero no acceso ao emprego e procurar medidas de acción positiva para favorecer a contratación de mulleres novas.
o) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 31. Perda do dereito ao cobramento e reintegro
1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se reintegrará determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:
a) Incumprimento das condicións exixidas ás persoas empregadoras ou empresas beneficiarias para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.
b) Non realizar a actividade, ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.
c) Non proceder á devolución voluntaria da subvención segundo o previsto nos artigos 28.10, 29 e 30.g): reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.
d) Incumprimento do prazo establecido para a presentación da documentación xustificativa para o pagamento sinalada no artigo 29: reintegro do 50 %; así mesmo procederá o reintegro proporcional no caso de que a documentación presentada ao amparo do dito artigo non xustifique a totalidade da subvención percibida.
e) Incumprimento das obrigas en materia de comunicación establecidas no artigo 30: reintegro do 20 % sobre o gasto subvencionado.
f) Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a persoa empregadora ou empresa beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.
g) Procederá o reintegro do 10 % da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.
h) No caso de incumprimento de mantemento do emprego por un período mínimo de 12 meses: reintegro total da axuda, agás no caso de baixa voluntaria, recoñecemento de discapacidade ou incapacidade laboral permanente total ou parcial, despedimento por non superar o período de proba (no caso do contrato contrato formativo para a adquisición de práctica profesional), despedimento disciplinario procedente ou falecemento da persoa traballadora que procederá a devolución parcial da axuda concedida de non optar a persoa empregadora ou empresa beneficiaria pola substitución da persoa contratada, de xeito que a contía que se reintegrará será a que corresponda ao período en que o posto estivo vacante.
Igual criterio de reintegro parcial procederá no caso de que se realizase a substitución nun prazo superior ao establecido na letra g) do artigo 30.
O cálculo do importe que se devolverá realizarase do seguinte xeito:
Primeiro. Divídese o incentivo polo número de días obrigatorios de mantemento de emprego (360 días).
Segundo. Calcúlanse os días desde que se produciu a baixa laboral ata a data en que se cumprirían 12 meses de contrato.
Terceiro. Multiplícase o resultado do punto primeiro polo resultado do punto segundo.
3. As obrigas do reintegro establecidas nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.
Artigo 32. Axudas concedidas baixo as condicións do réxime de minimis
As axudas concedidas ao abeiro deste procedemento de axudas ampáranse, segundo o sector ao que pertenzan as persoas empregadoras e empresas beneficiarias e o ámbito da súa actividade, no Regulamento (UE) 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, serie L); no Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE do 24 de decembro, L352/9), e no Regulamento (UE) nº 717/2014, da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE do 28 de xuño, L190/45).
A aplicación do réxime de minimis implica que non se poderán superar os seguintes límites máximos.
a) A axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) 2023/2831, non pode ser superior a 300.000 € durante o período dos tres anos previos.
b) A axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 1408/2013, da Comisión, non pode ser superior a 50.000 € durante o período dos tres anos previos.
c) A axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada, en virtude da aplicación do artigo 3.2 do Regulamento (UE) nº 717/2014, non pode ser superior a 40.000 € durante calquera período de tres exercicios fiscais.
Os límites máximos sinalados nos puntos anteriores, aplícanse a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.
Para o cómputo dos límites para efectos de minimis, terase en conta o concepto de única empresa establecido no artigo 2.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831.
CAPÍTULO III
Programa II. Primeira experiencia profesional en oficios artesanais (código de procedemento TR353E)
Artigo 33. Persoas e entidade beneficiarias
Poderán ser entidades beneficiarias das axudas ao abeiro deste programa os obradoiros artesanais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as comunidades de bens e sociedades civís, que contraten persoas traballadoras por conta allea, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.
Artigo 34. Finalidade do programa
1. Este programa de axudas ten por finalidade garantir a continuidade dos oficios artesanais en Galicia e mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas desempregadas nestes oficios, a través da formalización de contratos de formación para a obtención da práctica profesional.
2. Por medio desta convocatoria, os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, terán a posibilidade de obter axudas para a contratación de persoas en oficios artesanais mediante contratos para a obtención de práctica profesional, subscritos con persoas traballadoras que estean en posesión de título universitario (grao, máster ou doutoramento), ou título de grao medio ou superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional, consonte o establecido na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da Formación Profesional, así como daquelas persoas que posúan un título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral, segundo o establecido no artigo 11 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, para esta tipoloxía de contratos.
Artigo 35. Gastos subvencionables
1. Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións por conta allea de persoas mediante a subscrición de contratos para a obtención da práctica profesional en oficios artesanais.
2. Os contratos terán unha duración mínima de 12 meses e deberán ser a xornada completa.
3. Serán subvencionables tanto as novas contratacións como as contratacións realizadas con anterioridade á solicitude destas axudas, sempre que se cumpran os seguintes requisitos no momento da contratación:
a) Que teñan feitos os 16 anos no momento da contratación.
b) Que estean desempregadas (desocupadas no día inmediatamente anterior á data de inicio do contrato) e que se atopen inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia no momento da súa contratación.
Non obstante, non se requirirá a inscrición no Servizo Público de Emprego de Galicia no caso de persoas que se atopen nalgún dos casos de vulnerabilidade recollidos no artigo 4.1.a) do Real decreto lei 1/2023, do 10 de xaneiro, de medidas urxentes en materia de incentivos á contratación laboral e mellora da protección social das persoas artistas.
c) O contrato de traballo para a obtención de práctica profesional deberá ser adecuado ao nivel de estudos e permitir a obtención da práctica profesional axeitada ao nivel de estudos ou de formación cursados.
d) Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións:
– Título universitario:
i. Grao universitario.
ii. Máster universitario.
iii. Doutoramento.
– Título de grao medio ou superior.
– Especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional.
– Título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas do sistema educativo, que habiliten ou capaciten para o exercicio da actividade laboral.
e) O contrato de traballo para a obtención de práctica profesional deberá concertarse dentro dos tres anos, ou dos cinco anos se se formaliza cunha persoa con discapacidade, seguintes á terminación dos correspondentes estudos.
f) Non se poderá subscribir con quen xa obtivese experiencia profesional ou realizado actividade formativa na mesma actividade dentro da empresa por un tempo superior a tres meses, sen que se computen para estes efectos os períodos de formación ou prácticas que formen parte do currículo exixido para a obtención da titulación ou do certificado que habilita para esta contratación.
4. Os requisitos recollidos no puntos 1, 2 e 3 neste artigo serán tamén de aplicación para as persoas traballadoras con contratos preexistentes, de maneira que non serán subvencionables aqueles contratos en que non queden acreditados os ditos requisitos.
O período durante o que se teñen que realizar os contratos formativos para ser subvencionables será desde o 16 de outubro de 2025 ata o 30 de outubro de 2026.
5. No caso de novas contratacións, o período máximo para realizalas rematará no prazo dun mes desde o día seguinte ao da recepción da notificación da concesión da axuda, e en todo caso, o 30 de outubro de 2026.
No caso de que o prazo dun mes para a realización dos contratos fose mis alá do 30 de outubro de 2026, esa será en todo caso a data límite para contratar (30.10.2026).
6. O número máximo de contratos subvencionables establécese en 3.
Os obradoiros artesanais beneficiarios das axudas previstas nesta orde que non leven a cabo, como mínimo, un 50 % das contratacións que lle fosen concedidas, serán excluídos da vindeira convocatoria.
Artigo 36. Exclusións
Quedan excluídas dos beneficios deste programa:
a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de persoas traballadoras para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.
b) Os contratos realizados co cónxuxe, os ascendentes, os descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, da empresaria ou do empresario ou das persoas que teñan cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos. Non será aplicable esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate como persoa traballadora por conta allea aos fillos e as fillas menores de 30 anos, tanto se conviven ou non con el ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen persoas asalariadas, e contrate a un só familiar menor de 45 anos que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo.
c) Os contratos realizados con persoas traballadoras que finalicen unha relación laboral de carácter indefinido na empresa solicitante ou noutra empresa do mesmo grupo, nun prazo de 4 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención.
Artigo 37. Contía das axudas
1. As contías máximas do incentivo á contratación por 12 meses a xornada completa que se concederá con carácter xeral serán as seguintes:
a) Incentivo á contratación para as persoas contratadas nos grupos de cotización 1 e 2: 16.625 €.
b) Incentivo á contratación para as persoas contratadas nos grupos de cotización 3 a 7: 13.300 €.
c) Incentivo á contratación para as persoas contratadas nos grupos de cotización 8 a 11: 9.975 €.
A contía da subvención toma como referencia os custos de contratación totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social. O salario que percibirán as persoas contratadas será aquel que corresponda legal ou convencionalmente e será acorde coa súa categoría profesional e a titulación requirida para o posto subvencionado.
A contía da axuda concedida aboarase ás persoas empregadoras ou empresas beneficiarias nun único pagamento, logo de presentar a documentación xustificativa establecida no artigo 40 desta orde.
4. As subvencións previstas neste programa serán incompatibles con outras subvencións ou axudas públicas, con independencia do seu importe, para o mesmo obxecto e finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, coas bonificacións ou reducións de cotizacións á Seguridade Social.
5. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a persoa empregadora ou empresa beneficiaria.
Artigo 38. Selección de persoas candidatas
1. A selección e a contratación das persoas participantes no programa pode realizarse directamente pola persoa empregadora ou empresa beneficiaria, ou a través da presentación de oferta de emprego na oficina de emprego que corresponda.
2. En todo caso, as persoas candidatas deberán ser contratadas por un período mínimo de 12 meses continuados mediante a modalidade do contrato formativo para a adquisición de práctica profesional axeitada ao seu nivel de estudos, de acordo coa regulación prevista na lexislación laboral vixente no momento da contratación.
3. En todos os casos, o centro de traballo deberá estar localizado na Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 39. Contratación das persoas traballadoras en oficios artesanais
1. Efectuada a selección das persoas traballadoras segundo o disposto nesta orde, a persoa empregadora ou empresa beneficiaria procederá á súa contratación na modalidade de obtención de práctica profesional por un período mínimo continuado de 12 meses e a xornada completa.
2. Será o obradoiro artesán beneficiario da subvención o responsable de comprobar que no momento de inicio da relación laboral a persoa seleccionada cumpre os requisitos recollidos nesta convocatoria.
3. Os contratos subvencionados ao amparo desta orde comezarán no prazo máximo de 1 mes desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución de concesión, e en todo caso, a data máxima será o 30 de outubro de 2026. No caso de que o prazo dun mes fose mais alá do dito 30 de outubro, esta será en todo caso a data límite para contratar (30.10.2026).
Os contratos terán unha duración mínima de 12 meses a xornada completa.
Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais poderá autorizar o inicio dos contratos con posterioridade ao devandito prazo.
4. A persoa titular do obradoiro artesán dará de alta na Seguridade Social ás persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.
5. A persoa ou empresa titular do obradoiro artesán asume a súa condición de empregadora respecto ás persoas traballadoras contratadas e o compromiso de cumprir coa normativa laboral.
6. Os contratos de traballo subscritos coas persoas traballadoras seleccionadas deberán comunicarse necesariamente, a través da aplicación Contrat@.
7. O obradoiro artesán comunicará á Subdirección Xeral de Emprego o inicio dos contratos no prazo máximo de 10 días hábiles desde o dito inicio, con indicación do número de persoas contratadas, e presentará a documentación xustificativa para o pagamento recollida no artigo 40.
8. A concesión e o uso destas axudas non suporán, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.
9. En todo caso, as contratacións que incumpran calquera destes requisitos non se entenderán xustificadas e non poderán ser subvencionadas, e se é o caso, darán lugar á perda do dereito ao cobramento ou ao reintegro da axuda.
10. Cando se produza a extinción do contrato incentivado antes de que finalice o período de 12 meses, a persoa empregadora ou empresa beneficiaria deberá proceder ao reintegro total da axuda, agás no caso de baixa voluntaria, recoñecemento de discapacidade ou incapacidade laboral permanente total ou parcial, despedimento por non superar o período de proba, despedimento disciplinario procedente da persoa traballadora contratada, caso en que a persoa empregadora ou empresa beneficiaria poderá optar preferentemente por substituíla no prazo máximo de 15 días polo tempo que reste para cumprir coa obriga de mantemento do emprego de 12 meses, por outra persoa que cumpra os requisitos establecidos nesta orde co mesmo tipo de contrato e de perfil análogo a aquel para o que se solicitou a subvención, ou, de non ser así, optar por devolver voluntariamente a contía proporcional da subvención.
De non producirse a substitución ou cando, aínda producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo fose inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo do incentivo (12 meses), procederase á perda do dereito ao cobramento ou reintegro da axuda concedida polo importe proporcional correspondente.
Permítese unha única substitución da persoa contratada inicialmente, de maneira que se a dita persoa é substituída por outra, esta nova persoa contratada pecha o proceso de contratacións incentivadas ao abeiro desta convocatoria.
Artigo 40. Xustificación e pagamento
1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e no que lle sexa de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
2. O pagamento do incentivo á contratación farase efectivo dunha soa vez, unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedido: a contratación de persoas en oficios artesanais, o que se xustificará mediante a presentación da documentación indicada no punto 4 deste artigo. A presentación da xustificación realizarase unicamente a través de medios electrónicos, dentro dos prazos establecidos na resolución de concesión da subvención. En todo caso, a data límite de xustificación é o 30 de outubro de 2026.
3. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a persoa beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e da Seguridade Social, sexa debedor/a en virtude de resolución declarativa firme da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.
4. Documentación xustificativa para o pagamento do incentivo á contratación:
a) Anexo II: declaración complementaria e actualizada, do conxunto de todas as axudas ou subvencións solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, na que se declara, así mesmo, que se dispón do documento asinado polas persoas contratadas (segundo o modelo do anexo III), no cal autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos. O devandito documento poderá ser requirido pola administración pública en calquera momento. No caso de contratos preexistentes, non será preciso achegalo.
b) Unha fotografía do cartel informativo en que se reflicta a súa localización, nos termos sinalados no artigo 41.
O prazo máximo para a presentación da documentación prevista neste punto será de 10 días hábiles desde o inicio dos contratos, e en todo caso rematará o 30 de outubro de 2026. A falta de presentación en prazo pode comportar a perda do dereito ao cobramento da subvención.
5. A liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función da xustificación presentada e de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.
Artigo 41. Obrigas dos obradoiros artesáns beneficiarios
Os obradoiros artesáns beneficiarios dos incentivos regulados neste procedemento, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:
a) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como realizar a proposta de pagamento da subvención.
b) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención de acordo co previsto na solicitude e na resolución de concesión, nesta orde e, de ser o caso, nos documentos de instrucións operativas que se poida poñer a disposición das persoas ou entidades beneficiarias na sede electrónica da Xunta de Galicia.
c) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidas polas persoas e empresas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
d) Comunicar a través da aplicación Contrat@ os contratos realizados no prazo máximo de 10 días desde que se realizan.
e) Aboarlles ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes á súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais e de Seguridade Social totais.
f) Con independencia do cobramento ou non da subvención, deberán satisfacer ao seu vencemento e mediante transferencia bancaria as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos servizos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.
g) Obriga de mantemento do emprego: manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada durante un período mínimo de 12 meses, agás baixa voluntaria, recoñecemento de discapacidade ou incapacidade laboral permanente total ou parcial, despedimento por non superar o período de proba, despedimento disciplinario procedente ou falecemento da persoa traballadora, caso en que a persoa ou entidade beneficiaria poderá optar preferentemente por substituíla no prazo máximo de 15 días, polo tempo que reste para cumprir coa obriga de mantemento do emprego, por outra persoa, que cumpra os requisitos establecidos nesta orde e de perfil análogo a aquel para o que se solicitou a subvención, ou, de non ser así, optar por devolver voluntariamente a contía proporcional calculada conforme se establece na letra d) do artigo 42.
Se as causas do incumprimento do mantemento do emprego son outras diferentes ás sinaladas no parágrafo anterior, procederá a devolución total do incentivo.
A baixa voluntaria, o recoñecemento de discapacidade ou incapacidade laboral permanente total ou parcial, o despedimento por non superar o período de proba, o despedimento disciplinario procedente ou o falecemento deberán comunicarse por medios telemáticos ao órgano xestor das axudas no prazo de cinco (5) días desde que se produzan, e achegar o motivo da baixa.
No caso de levar a cabo a contratación dunha persoa substituta, a persoa ou entidade beneficiaria deberá comunicar a dita substitución no prazo de 10 días desde que esta se produza, a través da aplicación Contrat@, e tamén mediante a sede electrónica, ao órgano xestor da axuda.
h) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
i) Adoptar as medidas adecuadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración con fondos recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) e dar publicidade á axuda concedida na páxina de inicio da web da persoa ou empresa beneficiaria ou noutro sitio visible, accesible desde a páxina de inicio, no caso de dispoñer dela, e colocar e manter durante un mínimo de 12 meses, un cartel en cor e formato A3, nun lugar visible do centro de traballo segundo o modelo que consta na sede electrónica da Xunta de Galicia.
j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos casos previstos nesta orde.
k) Manter no seu poder as autorizacións (ou a oposición) para a comprobación dos datos das persoas traballadoras obxecto de subvención, segundo o modelo do anexo III. Estes documentos poderán ser requiridos pola Administración pública en calquera momento.
Así mesmo, deberá informar as persoas cuxos contratos laborais se subvencionan ao abeiro desta orde dos seguintes aspectos:
– Da comunicación dos datos á Administración para o seu tratamento no ámbito das competencias e de acordo cos fins do procedemento administrativo.
– Da posibilidade de que a Administración realice as consultas precisas para comprobar, entre outros aspectos, a súa veracidade.
– Do dereito de oposición que as asiste de que a Administración trate os seu datos, suposto en que deberá comunicar a súa oposición á Administración para os efectos oportunos.
l) Comunicarlle ao órgano concedente a solicitude e/ou concesión doutras axudas.
m) Cumprir coas obrigas inherentes aos contratos formativos recollidas no Real decreto lei 32/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo e/ou as obrigas recollidas na lexislación vixente que regule estes contratos no momento da contratación.
n) Velar polo cumprimento de medidas que eviten a discriminación por razón de sexo ou de xénero no acceso ao emprego e procurar medidas de acción positiva para favorecer a contratación de mulleres.
ñ) A persoa ou entidade beneficiaria someterase ás actuacións de comprobación e control que correspondan e facilitará toda a información requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa estatal ou comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
o) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 42. Perda do dereito ao cobramento e reintegro
1. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se reintegrará determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:
a) Incumprimento das condicións exixidas ás persoas empregadoras ou empresas beneficiarias para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.
b) Non realizar a actividade ou adoptar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.
c) Incumprimento das obrigas en materia de comunicación e difusión establecidas no artigo 41: reintegro do 20 % sobre o gasto subvencionado.
d) No caso de incumprimento de mantemento do emprego por un período mínimo de 12 meses: reintegro total da axuda, agás no caso de baixa voluntaria, recoñecemento de discapacidade ou incapacidade laboral permanente total ou parcial, despedimento por non superar o período de proba, despedimento disciplinario procedente ou falecemento da persoa traballadora, supostos en que procederá a devolución parcial da axuda concedida de non optar a persoa empregadora ou a empresa beneficiaria pola substitución da persoa contratada, de xeito que a contía que se deberá reintegrar será a que corresponda ao período en que o posto estivo vacante.
Igual criterio de reintegro parcial procederá no caso de que se realizase a substitución nun prazo superior ao establecido na letra g) do artigo 41.
O cálculo do importe para devolver realizarase do seguinte xeito:
Primeiro. Divídese o incentivo polo número de días obrigatorios de mantemento de emprego (360 días).
Segundo. Calcúlanse os días desde que se produciu a baixa laboral ata a data en que se cumprirían 12 meses de contrato.
Terceiro. Multiplícase o resultado do punto primeiro polo resultado do punto segundo.
3. As obrigas do reintegro establecidas nos parágrafos anteriores enténdense sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.
Artigo 43. Axudas concedidas baixo as condicións do réxime de minimis
1. Ás axudas concedidas ao abeiro deste programa aplícaselles o réxime de minimis establecido no Regulamento (UE) 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro, serie L), de xeito que a aplicación de minimis implica que non se pode superar o límite máximo de 300.000 € de axudas concedidas a unha empresa, durante o período dos tres anos previos.
2. O límite máximo sinalado no punto anterior aplícase a todo o conxunto de axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.
3. Para o cómputo dos límites para efectos de minimis, terase en conta o concepto de única empresa establecido no artigo 2.2 do Regulamento (UE) nº 2023/2831.
Disposición adicional única. Delegación de atribucións
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta convocatoria, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da orde
Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e o cumprimento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2026
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
