O Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, sinala no seu artigo 18 que corresponde á Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético a tramitación, como órgano substantivo, dos procedementos de aprobación e autorización da implantación dos proxectos industriais estratéxicos, dos proxectos de interese autonómico de carácter industrial, os proxectos incluídos dentro do Programa de impulso e aceleración de proxectos industriais, así como doutros proxectos industriais.
O marco normativo destes proxectos vén recollido no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial. No relativo aos proxectos industriais estratéxicos, dentro dos trámites preceptivos para a aprobación destes, sinala o artigo 80.3 que o órgano responsable da tramitación someterá a información pública polo prazo de trinta días hábiles o proxecto e, asemade, o estudo de impacto ambiental no caso de avaliación ambiental ordinaria.
Este trámite de información pública recóllese tamén na lexislación ambiental, en concreto na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, polo que, tendo en conta o previsto no artigo 79.4 do Decreto lexislativo 1/2015, que prevé como un dos efectos da declaración como proxecto industrial estratéxico a aplicación conxunta prevista no artigo 27 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, a Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético realiza conxuntamente o trámite de información pública.
O trámite de información pública, recollido no artigo 83 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, posibilita que calquera persoa física ou xurídica poida examinar o expediente, ou a parte deste que se acorde, así como formular alegacións ou observacións neste trámite. Posteriormente, a teor do previsto na Lei 21/2013, a Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético deberá remitir ao promotor todas as alegacións recibidas para a súa consideración.
Para os efectos de simplificar e facilitarlles ás persoas físicas e xurídicas que desexen participar no proceso de información pública dos proxectos industriais estratéxicos a presentación das súas alegacións, e de conformidade co previsto na disposición adicional decimoprimeira do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, engadida pola Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, habilítase un modelo específico de presentación de alegacións aos proxectos industriais estratéxicos durante o trámite de información pública.
De acordo co que antecede,
RESOLVO:
1. Obxecto.
a) Habilitar, na sede electrónica da Xunta de Galicia, o procedemento de presentación de alegacións durante o trámite de información pública dos proxectos industriais estratéxicos dos que sexa órgano substantivo a Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, co obxecto de que tanto as persoas físicas como xurídicas que desexen participar neste trámite dispoñan dun procedemento para a presentación das súas alegacións. O procedemento terá asignado o código IN301B.
b) Aprobar e dar publicidade ao modelo de presentación de alegacións a proxectos industriais estratéxicos durante o trámite de información pública mediante o formulario recollido no anexo I desta resolución.
2. Prazo de presentación.
O procedemento IN301B relaciónase directamente co trámite de información pública dos proxectos industriais estratéxicos, polo que poderá empregarse desde o día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia do Anuncio polo que se somete a información pública o proxecto obxecto da alegación ata a finalización do prazo do trámite de información pública (30 días hábiles).
3. Forma e lugar de presentación.
As alegacións presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
A presentación electrónica será obrigatoria para: as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria, persoas traballadoras autónomas, o estudantado universitario e as persoas representantes dunha das anteriores.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa alegación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as alegacións presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
4. Pluralidade de persoas alegantes.
As pretensións dunha pluralidade de persoas de contido e fundamento idéntico ou substancialmente similar poderán formularse nun único escrito de alegacións. Neste suposto, deberá constar no escrito a listaxe completa de persoas interesadas que o formulan segundo o modelo específico que figura como anexo II a esta resolución. As actuacións efectuaranse co representante ou coa persoa interesada que expresamente sinalen e, na súa falta, coa que figure en primeiro termo.
5. Documentación complementaria.
1. As persoas alegantes poderán achegar co anexo I calquera documentación que consideren e, no caso de alegacións referidas a unha pluralidade de persoas, deberán presentar o anexo II.
2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica das alegacións. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da alegación deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. Comprobación de datos.
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa alegante.
b) NIF da entidade alegante.
c) DNI/NIE da persoa representante.
d) NIF da entidade representante.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario da alegación e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
7. Notificacións.
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na alegación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.
4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
8. Trámites administrativos posteriores á presentación da alegación.
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
9. Actualización de modelos normalizados.
De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderá ser actualizado co fin de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do modelo actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.
10. Entrada en vigor.
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Economía e Industria, no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, nos termos establecidos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2026
Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético
