Á vista da solicitude formulada polo Concello de Lugo relativa á modificación da denominación do posto de traballo reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, PFHN) de vicesecretario/a, de clase primeira, do Concello de Lugo, emítese unha resolución con base nos seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. Mediante a Resolución do 28 de xullo de 2005, da Dirección Xeral de Administración Local, publicada no Diario Oficial de Galicia número 154, do 11 de agosto de 2005, modificouse a clasificación do posto de traballo de colaboración reservado a PFHN, pertencente á subescala de secretaría, categoría superior, denominado vicesecretario/a de clase primeira, do Concello de Lugo.
Na actualidade, o citado posto atópase vacante por inexistencia dun titular definitivo.
Segundo. Con datas 12 e 19 de maio de 2026, o Concello de Lugo presentou no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia a solicitude relativa á modificación da clasificación do referido posto de traballo reservado a PFHN, achegando a seguinte documentación:
– Memoria xurídica e económica xustificativa da modificación das características esenciais do posto de traballo reservado, en atención ás funcións atribuídas a este na relación de postos de traballo da entidade local.
– Certificación relativa aos recursos do orzamento da Concello de Lugo para o exercicio económico 2026, por importe de 131.886.261,91 euros.
– Certificación relativa á cifra do último padrón municipal do Concello de Lugo, que ascende a 100.143 habitantes.
– Certificación da secretaría xeral relativa ao acordo da Xunta de Goberno local do Concello de Lugo, do 27 de decembro de 2019, polo que se aprobou inicialmente a modificación da relación de postos de traballo da entidade local, incluíndo o cambio de denominación do posto reservado de vicesecretario/a de clase primeira do Concello de Lugo, que pasa a denominarse órgano de apoio á Xunta de Goberno local (en diante XGL). Na devandita certificación faise constar igualmente que, tras o trámite de información pública mediante o anuncio publicado no Boletín Oficial da provincia de Lugo núm. 3, do 4 de xaneiro de 2020, formuláronse alegacións que foron resoltas pola Xunta de Goberno local na sesión do 27 de maio de 2020. O acordo de aprobación definitiva publicouse no Boletín Oficial da provincia de Lugo núm. 122, do 29 de maio de 2020, e a posterior corrección de erros no núm. 129, do 6 de xuño de 2020
En consecuencia, pode considerarse completo o expediente para os efectos de continuar a súa tramitación.
Fundamentos de dereito:
Primeiro. O artigo 92.bis, punto 4, da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local (en diante, LRBRL), dispón que o Goberno, mediante real decreto, regulará as especialidades da creación, clasificación e supresión de postos reservados a PFHN, así como as que poidan corresponder ao seu réxime disciplinario e de situacións administrativas.
As previsións contidas no citado precepto foron obxecto de desenvolvemento en virtude do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, Real decreto 128/2018).
Segundo. O artigo 6 do Real decreto 128/2018 dispón que son postos de traballo reservados a PFHN os que teñan expresamente atribuída, segundo corresponda, a responsabilidade administrativa das funcións reservadas de fe pública e asesoramento legal preceptivo, control e fiscalización interna da xestión económico-financeira e orzamentaria e a contabilidade, tesouraría e recadación.
Así mesmo, establece que na relación de postos de traballo ou instrumento organizativo similar de cada entidade local deberán quedar reflectidas a denominación e as características esenciais dos citados postos de traballo reservados.
Terceiro. De conformidade co previsto no artigo 121 da LRBRL, as normas previstas no título X da citada lei sobre o réxime de organización dos municipios de gran poboación serán de aplicación aos municipios que sexan capitais de provincia, sempre que así o decidan as asembleas lexislativas correspondentes por iniciativa dos respectivos concellos. Esta circunstancia concorre no municipio de Lugo, tras a entrada en vigor da Lei 4/2004, do 28 de xuño, para a aplicación aos municipios de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela do réxime de organización dos municipios de gran poboación.
O capítulo II do título X da LRBRL regula a organización e o funcionamento dos órganos municipais necesarios; o seu artigo 126.4 preceptúa que existirá un órgano de apoio á Xunta de Goberno local e ao concelleiro/a-secretario/a desta e que o seu titular será nomeado entre PFHN.
Pola súa banda, o artigo 44 do Regulamento orgánico municipal do goberno e administración do Concello de Lugo preceptúa que o órgano de apoio á Xunta de Goberno local e ao seu concelleiro/a-secretario/a se denomina vicesecretario/a municipal. E o artigo 39.3 do citado regulamento indica que o/a titular do órgano de apoio á Xunta de Goberno local ten a condición de órgano directivo.
En consecuencia, o posto de traballo ten carácter directivo e, ademais, é de existencia preceptiva.
Cuarto. O Real decreto 128/2018 atribúe ás comunidades autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, a competencia para clasificar os postos reservados ao PFHN.
No ámbito autonómico galego, o artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, regula as normas xerais para a clasificación de postos de traballo reservados a PFHN, correspondendo igualmente ás comunidades autónomas a competencia para modificar a súa clasificación.
Quinto. O expediente tramitado polo Concello de Lugo axústase ao previsto no artigo 10 do Decreto 49/2009, dado que a entidade local xustifica que a denominación anterior do posto– vicesecretario/a de clase primeira– respondía á súa configuración inicial como posto de colaboración pero que, despois da entrada en vigor do título X da LRBRL e da Lei 4/2004, do 28 de xuño, para a aplicación aos concellos de Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela do réxime de organización dos municipios de gran poboación, e a través do seu Regulamento orgánico de goberno e administración, a entidade outorgou á persoa titular do citado posto de traballo reservado as funcións atribuídas na normativa aplicable ao órgano de apoio á Xunta de Goberno local e ao concelleiro/a-secretario/a.
A modificación proposta ten por finalidade adecuar a denominación e configuración xurídica do posto á súa verdadeira natureza funcional e organizativa, como órgano directivo de existencia preceptiva, con autonomía funcional e sen relación xerárquica de subordinación respecto da Secretaría Xeral do Pleno.
Así mesmo, consta acreditado que a Xunta de Goberno local do Concello de Lugo aprobou definitivamente, na sesión do 27 de maio de 2020, a modificación da relación de postos de traballo da entidade local, incluíndo o cambio de denominación do posto reservado, que pasa a denominarse órgano de apoio á XGL.
Sexto. A disposición adicional 4ª.2.b) do Real decreto 128/2018 sinala que a clasificación dos postos reservados a PFHN nos municipios incluídos no ámbito de aplicación do título X da LRBRL a efectuará a comunidade autónoma correspondente, de acordo cunha serie de criterios, entre os que destaca o sinalado na letra b) do citado precepto, que indica que o posto de titular do órgano de apoio á Xunta de Goberno local e ao concelleiro/a-secretario/a desta está reservado á subescala de Secretaría, categoría superior, e deberá clasificarse na clase 1.ª
A Dirección Xeral de Administración Local é competente para a adopción do presente acordo, segundo o establecido no artigo 29.3.g) do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e no artigo 1.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido pola subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local,
RESOLVO:
Primeiro. Modificar a clasificación do posto de traballo reservado a PFHN de vicesecretario/a, de clase primeira, do Concello de Lugo, que pasa a quedar configurado como posto de carácter directivo e de existencia preceptiva, conforme as seguintes características:
Entidade local: Concello de Lugo.
Posto: órgano de apoio á XGL.
Subescala: Secretaría, categoría superior.
Forma de provisión: libre designación.
Nivel de complemento de destino: 30.
Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e anotar no Rexistro integrado de PFHN as modificacións operadas no citado posto de traballo reservado.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a Dirección Xeral de Administración Local no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente perante a sección do contencioso-administrativo do tribunal de instancia competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Así mesmo, as entidades locais poderán presentar previamente un requirimento no prazo de dous meses, conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.
Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026
Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local
