DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 12 de xuño de 2026 Páx. 34046

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 3 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Administración Local, sobre clasificación do posto de traballo de secretario/a-interventor/a da Deputación Provincial da Coruña como posto reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Á vista da solicitude formulada pola Deputación Provincial da Coruña relativa á clasificación do posto de traballo de secretario/a-interventor/a como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, PFHN), emítese resolución con base nos seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. A Deputación Provincial da Coruña achegou a través do Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (núm. 2026/542621) a solicitude relativa á clasificación do posto de traballo de secretario/a-interventor/a como reservado a PFHN e xuntou a esta petición a seguinte documentación:

– Memoria económica e xurídica xustificativa para a clasificación do posto de secretario/a-interventor/a da Deputación Provincial da Coruña como reservado a PFHN.

– Certificado da secretaría municipal relativo ao Acordo plenario do 21.11.2025 polo que se aproba inicialmente a modificación da relación de postos de traballo da Deputación Provincial da Coruña en que figura o posto de traballo reservado de secretario/a-interventor/a como reservado a PFHN; ao trámite de información pública mediante anuncio publicado no Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 225, do 24.11.2025; á presentación de alegacións e ao Acordo plenario do 30.1.2026 en que se desestiman as alegacións e se aproba definitivamente a relación de postos de traballo, que se publica no Boletín Oficial da provincia da Coruña núm. 24, do 5 de febreiro.

Segundo. Examinada a solicitude formulada e a documentación remitida pola Deputación Provincial da Coruña, esta dirección xeral comprobou que a documentación achegada estaba incompleta. Por esta razón, remitiuse á citada entidade local requirimento de emenda da súa solicitude inicial, co obxecto de que presentase a documentación sinalada no citado requirimento.

Terceiro. En contestación ao requirimento efectuado, a Deputación Provincial da Coruña presentou, no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (núm. 2026/1448366), a documentación requirida, polo que pode considerarse completo o expediente para os efectos de continuar coa súa tramitación.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 92.bis, número 4, da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local (en diante, LRBRL), dispón que o Goberno, mediante real decreto, regulará as especialidades da creación, clasificación e supresión de postos de PFHN, así como as que poidan corresponder ao seu réxime disciplinario e de situacións administrativas.

As previsións contidas no citado precepto foron obxecto de desenvolvemento en virtude do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional (en diante, Real decreto 128/2018).

Segundo. O artigo 6.2 do Real decreto 128/2018 establece que debe ser a relación de postos de traballo ou instrumento organizativo similar de cada entidade local onde queden reflectidas a denominación e características esenciais dos postos de traballo reservados.

Terceiro. A creación e a clasificación dos postos de traballo reservados de asistencia nas deputacións provinciais veñen xustificadas polo preceptuado no artigo 36.1.b) da LRBRL, que consagra como unha das competencias propias destas entidades a asistencia e a cooperación xurídica, económica e técnica aos municipios, especialmente os de menor capacidade económica e de xestión, debendo garantir en todo caso nos municipios de menos de mil habitantes a prestación dos servizos de secretaría e intervención.

Ademais, o artigo 16 do Real decreto 128/2018 regula os servizos de asistencia, indicando que as funcións reservadas a PFHN en entidades locais eximidas se exercerán -entre outras formas- polas deputacións provinciais, que incluirán nas súas relacións de postos de traballo os postos reservados a PFHN necesarios para garantir o cumprimento de tales funcións, e finaliza indicando que corresponde á comunidade autónoma efectuar a clasificación dos citados postos, por proposta das entidades respectivas, axustándose a súa provisión ao establecido regulamentariamente.

Cuarto. A clasificación destes postos de asistencia corresponde á Comunidade Autónoma, de acordo co sinalado no artigo 16.2 do Real decreto 128/2018, a proposta das Entidades respectivas, e a súa provisión axustarase ao establecido no citado real decreto.

A Deputación Provincial da Coruña considera necesaria a creación deste posto para a procura dunha maior especialización e coordinación na prestación dos seus servizos de asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica aos municipios, especialmente os de menor capacidade económica e de xestión.

Na memoria presentada a citada entidade sinala que con base nas citadas funcións de coordinación o posto cualifícase como de especial dedicación, responsabilidade e confianza, establecendo como sistema de provisión a libre designación, con base no disposto nos artigos 92.bis.6 da LRBRL e 45.1 do Real decreto 128/2018.

Quinto. O Real decreto 128/2018 atribúe ás comunidades autónomas, no seu respectivo ámbito territorial, a competencia para clasificar os postos reservados a PFHN regulando o artigo 10 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre exercicio de competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, as normas xerais para clasificación de postos de traballo reservados a PFHN.

A Dirección Xeral de Administración Local é competente para a adopción deste acordo, segundo o establecido no artigo 29.3.g) do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e no artigo 1.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

En virtude do anteriormente exposto, e tendo en conta o informe emitido pola subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local,

RESOLVO:

Primeiro. Clasificar o seguinte posto de traballo como reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional na Deputación Provincial da Coruña, coas seguintes características:

Entidade local: Deputación Provincial da Coruña.

Posto: secretario/a-interventor/a.

Subescala: Secretaría-Intervención.

Forma de provisión: libre designación.

Nivel de complemento de destino: 30.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e remitir a publicación á Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a Dirección Xeral de Administración Local no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente perante a sección do contencioso-administrativo do tribunal de instancia competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Así mesmo, a entidade local poderá presentar previamente requirimento no prazo de dous meses conforme o disposto no artigo 44 da dita Lei 29/1998.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración local