Examinado o expediente iniciado por solicitude de Industria de Diseño Textil, S.A. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción dunha instalación solar fotovoltaica, constan os seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. O 30.4.2024, Industria de Diseño Textil, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa previa e de construción dunha instalación solar fotovoltaica para autoconsumo con excedentes, situada na cuberta do centro loxístico de Inditex na Laracha, achegando xunto coa solicitude a documentación exixida de conformidade co artigo 46 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica.
Segundo. O 16.7.2024, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático requiriu á promotora o permiso de acceso e conexión e documentación acreditativa da capacidade económica da empresa solicitante, que completou o 1.8.2024 e o 25.8.2025.
Terceiro. O 16.7.2024, o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático enviou ao Departamento Territorial da Coruña, segundo o artigo 45 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, a documentación correspondente á instalación, para os efectos de continuar coa súa tramitación.
Cuarto. O 20.11.2025, de acordo co procedemento establecido na Lei 9/2021, do 2 de febreiro, e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, o Departamento Territorial enviou, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución da planta fotovoltaica ao Concello da Laracha e á empresa distribuidora Hidroeléctrica de Laracha, S.L.U.
Non se recibiron condicionados por parte de ningún dos anteriores. De acordo co disposto no artigo 127.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución é de trinta días desde a recepción da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen a súa emisión, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.
Quinto. O 21.11.2025, o 13.3.2026 e o 9.4.2026, os servizos técnicos do Departamento Territorial requiriron á promotora documentación para completar o expediente e continuar coa súa tramitación. O 27.11.2025, o 27.3.2026, o 22.4.2026 e o 24.4.2026, a promotora presentou a documentación requirida.
Sétimo. O 30.4.2026, o Departamento Territorial, como unidade responsable da tramitación, remitiu o expediente á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, xunto co informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas, emitido na mesma data, segundo o establecido no artigo 47.5 da Lei 9/2021, do 2 de febreiro.
Oitavo. A instalación fotovoltaica conta co permiso de acceso e conexión do 9.11.2023, por parte do xestor da rede, para unha potencia de 1.000,00 kW.
Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes,
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este expediente, de conformidade co disposto no artigo 11 Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, na súa redacción vixente tras a modificación introducida polo Decreto 106/2025, do 11 de novembro.
Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que a posta en funcionamento de novas instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas recollidas na mencionada lei ou modificación das existentes requirirá autorización administrativa previa, autorización administrativa de construción e autorización de explotación, que terán carácter regrado, correspondéndolle o seu outorgamento á Administración autonómica.
Terceiro. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e demais normas vixentes de aplicación.
Cuarto. O artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, exime do trámite de información pública as instalacións de autoconsumo, sempre que non se solicite a declaración de utilidade pública nin sexa preceptiva a avaliación ambiental ordinaria.
Quinto. A instalación solar fotovoltaica de produción non precisa someterse ao trámite de avaliación ambiental, ao non atoparse entre os supostos recollidos na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
Sexto. No expediente administrativo, e polo que respecta á tramitación realizada polo actual Departamento Territorial, o 30.4.2026, emitiu informe favorable sobre o cumprimento da normativa analizada co alcance establecido, co obxecto de obter as autorizacións administrativas previa e de construción.
De acordo co exposto,
RESOLVO:
Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa á sociedade Industria de Diseño Textil, S.A. (A15075062) para a instalación de produción solar fotovoltaica para autoconsumo de 1 MW de potencia instalada, situada no concello da Laracha (A Coruña), segundo o correspondente proxecto (expediente FV 02/2024).
Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para a instalación de produción solar fotovoltaica para autoconsumo situada no concello da Laracha (A Coruña), segundo o proxecto de execución denominado Instalación fotovoltaica de autoconsumo de 1 MWn sobre cuberta, situada no centro loxístico de Inditex na Laracha, A Coruña, con visado número 20260933, do 20.4.2026, e asinado o 16.4.2026 por Alberto Izquierdo Belmonte, enxeñeiro industrial e colexiado núm. 1151, do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.
As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:
– Solicitante/promotora: Industria de Diseño Textil, S.A. (A15075062).
– Domicilio social: avenida Deputación, nº 0, 15143 Arteixo, A Coruña.
– Orzamento de execución material (sen IVE): 2.650.977,08 €.
– Localización: coordenadas ETRS89 UTM fuso 29; X: 531.367,00; Y: 4.789.878,00.
– Parcela catastral da instalación: 1803147NH3910S0000UG, cunha superficie de 207.435 m².
Características técnicas da instalación:
– Tipo de instalación: instalación de produción para autoconsumo con conexión na rede interior do consumidor asociado (Industria de Diseño Textil, S.A.).
– A potencia da instalación solar fotovoltaica total é de 1 MW, composta por unha instalación fotovoltaica existente de 100 kW, rexistrada como autoconsumo sen excedentes (IBT 15229843), e unha nova instalación de 900 kW. A potencia pico total resultante é de 1,346 MWp, distribuídos en 99,36 kWp que corresponden á instalación existente e 1.247,40 kWp proxectados.
– A instalación fotovoltaica existente consta de 368 módulos fotovoltaicos modelo Vitovolt 300 P270 AC de marca Wiesmann, cunha potencia pico unitaria de 270 Wp (potencia pico total: 99,36 kWp). Para a conversión de corrente continua (CC) a corrente alterna (CA) dispoñen de catro inversores da marca SMA modelo Sunny Tripower STP 25000TL-30 con conexión á rede cunha entrada ao inversor de 25 kW.
– A nova instalación proxectada executarase mediante a instalación de 2.268 módulos fotovoltaicos modelo Solarday 550W Ten HC (ou similar) de potencia pico total de 1.247,40 kWp. Para a transformación de CC a CA instalaranse nove inversores modelo Ingecon Sun 100TL Pro do fabricante Ingeteam de 100 kW cada un, nunha sala habilitada para tal fin, o que dará como resultado unha potencia nominal total de 900 kW.
– A inxección de excedentes á rede de transporte (nó Sabón 220 kV) realizarase mediante a conexión á rede de distribución de Hidroeléctrica de Laracha (con permiso de acceso e conexión de 1.000 kW), a través da acometida actual para o consumidor asociado desde o centro de seccionamento e medida.
– Estrutura sobre a cuberta da nave (nova instalación):
• Fixa e disposición coplanar.
• Colocación dun panel ríxido e unha lámina impermeable de PVC sobre a cuberta deck existente.
• Sistema de suxeición Renolit Alkorsolar.
– Liñas de interconexión desde os módulos fotovoltaicos ao cadro de protección CC e destes ao inversor (nova instalación):
• Cablaxe solar H1Z2Z2-K 1/1,5 kV de seccións 10 e 16 mm².
– Centro de transformación (CT):
• A instalación existente conta con dous transformadores con potencia nominal de 1.600 kVA.
• A nova instalación fotovoltaica contará cun transformador de 1.250 kVA seco encapsulado tipo Trihal (relación de transformación 0,42/15 kV) e as seguintes celas:
▪ 2 ud. cela de liña IM modular ref. SR7EIM da gama SM AirSeT.
▪ 1 ud. cela de protección xeral modular de illamento aire con interruptor automático ref. SR7EDMVLA da gama SM AirSeT.
▪ 1 ud. cela de remonte modular de illamento de aire ref. SR7EGAM2 da gama SM AirSeT.
▪ 2 ud. cela de protección de transformador modular de illamento aire con interruptor automático ref. SR7EDMVLA da gama SM AirSeT.
– Liña de alta tensión soterrada entre o CT-fotovoltaica e a arqueta de rexistro da liña de alta tensión existente:
• Tensión (corrente alterna trifásica): 15 kV.
• Condutor: aluminio.
• Tipo: RHZ1-2OL 12/20 kV.
• Sección: 240 mm².
A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
1. A instalación terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución referido no punto segundo da parte resolutiva desta resolución.
2. Deberá cumprirse o que establece, o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión, e as súas instrucións complementarias, así como a demais normativa vixente que sexa de aplicación.
3. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.
4. Unha vez executadas as instalacións, o titular presentará unha solicitude de autorización de explotación xunto co certificado de final de obra subscrito polo técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, de acordo co establecido no artigo 53.c) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 132.1 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, perante o Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, co fin de que esta efectúe a inspección da totalidade das obras e montaxes efectuadas e verifique o cumprimento dos compromisos contraídos por Industria de Diseño Textil, S.A., e dos condicionados impostos nesta resolución, para o cal deberá achegar a documentación requirida na ITC-RAT 22 do Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión e as súas instrucións complementarias.
Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións da instalación.
5. De conformidade co artigo 131.10 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, o prazo para solicitar a correspondente autorización de explotación será o menor dos seguintes: a) o prazo de vinte e catro meses contados a partir da data da notificación á promotor da presente resolución, ou b) o prazo que para este proxecto resulta de aplicar o período establecido para a obtención da autorización de explotación no artigo 1 do Real decreto lei 23/2020, do 23 de xullo, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica.
6. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.
7. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia. De transcorrer tres meses sen que a promotora aboe as taxas correspondentes a esta publicación no Diario Oficial de Galicia, entenderase paralizado o procedemento por causa imputable á promotora polo que, de acordo co artigo 95 da Lei 39/2015, se acordará o arquivamento das actuacións.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2026
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
