DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 16 de xuño de 2026 Páx. 34496

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

RESOLUCIÓN do 3 de xuño de 2026, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se aproba o modelo normalizado e se regula o procedemento para a autorización das intervencións no patrimonio cultural (código de procedemento CT400A).

O artigo 27.18 do Estatuto de Autonomía de Galicia atribúe á Comunidade Autónoma a competencia exclusiva sobre patrimonio histórico, artístico, arquitectónico e arqueolóxico de interese de Galicia, e o artigo 32 sobre a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, sen prexuízo do que dispón o artigo 149.1.28 da Constitución, que atribúe ao Estado a competencia exclusiva na defensa do patrimonio cultural, artístico e monumental español contra a exportación e a espoliación, e o 149.2 que dispón que o Estado considerará o servizo da cultura como deber e atribución esencial.

O Decreto 146/2024,do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, estipula no artigo 1 que esta consellería é o departamento da Xunta de Galicia ao cal lle corresponden os aspectos vinculados á protección e promoción do patrimonio cultural de Galicia e dos Camiños de Santiago; e o artigo 14 atribúe á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a dirección e coordinación das actuacións da consellería en materia de patrimonio artístico, histórico, arqueolóxico, paleontolóxico, arquitectónico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico en todas as súas manifestacións.

O artigo 39 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, establece que as intervencións que se pretendan realizar en bens de interese cultural ou catalogados con nivel de protección integral, así como, de ser o caso, no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento, terán que ser autorizadas pola consellaría competente na materia de patrimonio cultural, coas excepcións que se establecen nesta lei e no artigo 44 da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, respecto das licenzas directas

As intervencións descritas nos artigos 40 e seguintes que se pretendan realizar no territorio histórico dos Camiños de Santiago catalogados, así identificados nos decretos de delimitación, nos planeamentos municipais e no Plan básico autonómico, terán que ser autorizadas pola consellaría competente na materia de patrimonio cultural cando tales intervencións afecten as propias trazas dos Camiños, as parcelas lindeiras desta e os seus elementos funcionais, agás aquelas que se atopen no solo urbano dos municipios de máis de 50.000 habitantes, que deberán ser autorizadas polo concello,

Así mesmo, o artigo 43.1 da mesma lei establece que «As actuacións que excedan as de mantemento sobre os bens declarados ou catalogados exixirán a elaboración do correspondente proxecto de intervención....».

Por outra banda, a Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, busca a modernización do sector público autonómico e un mellor funcionamento dos seus servizos. Trátase de poñer as novas tecnoloxías ao servizo dunha actividade administrativa máis eficiente, transparente e accesible.

Esta resolución pretende dar resposta á necesidade de habilitar os formularios para a presentación electrónica das solicitudes de autorización das intervencións nos bens do patrimonio cultural de Galicia, cumprindo así coa normativa en materia de Administración electrónica ao mesmo tempo que se facilita a súa presentación.

En virtude do principio de proporcionalidade, esta iniciativa contén a regulación imprescindible para atender a necesidade que se pretende cubrir.

Con base no exposto e no exercicio das competencias atribuídas á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, segundo o artigo 30.1.letra f) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e o artigo 14.1.f) do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (DOG núm. 101, 27 de maio),

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta resolución ten por obxecto regular e habilitar, na sede electrónica da Xunta, o procedemento de outorgamento da necesaria autorización pola consellería con competencias en materia de patrimonio cultural, das intervencións ou cambios de uso substanciais que se pretendan realizar en bens de interese cultural ou catalogados con protección integral, así como, de ser o caso, no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento, co fin de garantir que sexan compatibles cos valores culturais que aconsellan a súa protección.

Para iso habilítase un formulario na Guía de procedementos e servizos, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, que se recolle como anexo I desta resolución :

Código de procedemento CT400A. Autorizacións para intervencións no patrimonio cultural.

Quedan fora do ámbito de aplicación deste decreto as autorizacións relativas á actividade arqueolóxica que se outorgarán con suxeición á súa normativa específica. Esta exclusión esténdese mesmo ás actividades arqueolóxicas que sexan consecuencia das intervencións descritas no artigo 40 da Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia.

Segundo. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes (modelo anexo I) presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

A presentación electrónica será obrigatoria para: as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas que exerzan unha actividade profesional para a que se requira colexiación obrigatoria, persoas traballadoras autónomas, e as persoas representantes dunha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. As solicitudes presentaranse dirixidos á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

Terceiro. Prazo de presentación

Trátase dun procedemento administrativo de prazo aberto e poderase presentar o formulario de solicitude desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

As actuacións que excedan as de mantemento sobre os bens declarados ou catalogados exixirán a presentación do correspondente proxecto de intervención, que conterá:

a) Datos de identificación do ben.

b) Estudo do ben e da súa documentación histórico-artística.

c) Análise previa física, química ou biolóxica, e, segundo o caso, fichas de diagnose do seu estado de conservación.

d) Proposta e metodoloxía de actuación, as técnicas, produtos e materiais que se van empregar.

e) Valoración e xustificación do cumprimento dos criterios de intervención recollidos nos artigos 44 e 46 desta lei e análise crítica do valor cultural.

f) Documentación gráfica da actuación incluíndo fotografías de estado actual tanto de detalle como de carácter xeral na súa contorna de protección.

g) Programa de mantemento e conservación preventiva.

2. En calquera caso, coa solicitude de autorización para as intervencións que non requiran proxecto de intervención deberase acompañar, como mínimo:

a) Descrición sucinta da intervención que recolla os materiais, dimensións, sistemas construtivos e acabados da proposta.

b) Fotografías do estado actual tanto de detalle como de carácter xeral na súa contorna de protección.

c) Identificación do ámbito da actuación, sinalando preferentemente a parcela catastral, e dos bens culturais afectados.

3. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e a resolución do procedemento.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Quinto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, éfectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sexto. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sétimo. Prazo de resolución e sentido do silencio

Entenderase denegada a autorización da intervención en bens de interese cultural ou catalogados con protección integral, ou, de ser o caso, nos seus contornos de protección ou zonas de amortecemento, se a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural non resolve de forma expresa no prazo de tres meses.

Disposición adicional primeira. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado nesta disposición, poderá ser actualizado co fin de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos será suficiente a publicación do modelo actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante esta Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no prazo dun mes, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026

Ángel Miramontes Carballada
Director xeral de Patrimonio Cultural

missing image file
missing image file
missing image file