O Pleno do Concello de Malpica de Bergantiños, na sesión extraordinaria que tivo lugar o día 12 de maio, adoptou o seguinte acordo (parte resolutiva):
Primeiro. Aprobar definitivamente o Plan especial de reforma interior, unidade de actuación número 8, conforme a documentación denominada/titulada Plan especial de reforma interior U.A. número 8, Concello de Malpica de Bergantiños, documento para aprobación definitiva, asinada en marzo e abril de 2026, redactada por Arqyur, S.C. (equipo redactor, os/as arquitectos/as Alfredo Garrote Pazos e Mónica Mesejo Conde, colexiados cos números 1440 e 1475 do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), e presentada o día 29 de abril de 2026 (RXE número 202699900000563).
Segundo. De conformidade co preceptuado pola LS e polo RLS, publicar o presente acordo de aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia, o cal se axustará no contido e forma ao exixido polas citadas normas.
Terceiro. De conformidade co preceptuado pola LS e polo RLS, inscribir o plan no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
Cuarto. De conformidade co preceptuado pola LS, polo RLS e pola Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, publicar a normativa e ordenanzas do plan no Boletín Oficial da provincia.
Quinto. Notificar o presente, na súa condición de promotora e titular catastral dos terreos afectados, a Álvarez Conchado e Hijos, S.A., con CIF A15200520, por medio do seu representante.
De conformidade coa Resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, pola que se formulou o informe ambiental estratéxico referido ao citado plan especial, publicada no Diario Oficial de Galicia o 18 de maio de 2018 e prorrogada no ano 2024, non se consideran significativos os efectos ambientais deste, polo que non se establecen maiores medidas de seguimento que as inseridas no propio documento do plan especial (na memoria xustificativa).
O contido íntegro do plan especial estará á disposición do público na sede electrónica deste concello https://sede.malpicadebergantinos.es/sxc/es
De conformidade co artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa, contra o presente acordo, con carácter de disposición de carácter xeral, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Sala do Contencioso-Administrativo) no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte á publicación do correspondente anuncio no Boletín Oficial da provincia do articulado das normas do Plan especial de reforma interior, unidade de actuación número 8, así como do acordo correspondente á súa aprobación definitiva, artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.
Malpica de Bergantiños, 26 de maio de 2026
Eduardo José Parga Veiga
Alcalde
