DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 17 de xuño de 2026 Páx. 34787

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 9 xuño de 2026 pola que se publica a delegación de competencias do Consello de Dirección na persoa titular da Presidencia e na persoa titular da Dirección Xeral da Axencia.

A actividade administrativa da Axencia comporta unha concentración de funcións no seu Consello de Dirección que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias na Dirección Xeral da Axencia, sen esquecer o debido respecto dos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite axilizar a actividade administrativa, que redunda en beneficio tanto da Axencia coma dos cidadáns, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que exixe a tutela dos intereses públicos.

De acordo co artigo 9.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, deben publicarse as delegacións de competencias.

Por todo isto,

RESOLVO:

Publicar os acordos do Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural polos que se delegan determinadas competencias na persoa titular da Presidencia e na persoa titular da Dirección Xeral da Axencia, que se incorporan a esta resolución como documento anexo.

ANEXO

Acordos do Consello de Dirección da Axencia Galega
de Desenvolvemento Rural do 27 de maio de 2026

A. Delegación de competencia para formalizar convenios.

«Ao abeiro do previsto no artigo 6.1.j) do Regulamento da Axencia, aprobado polo Decreto 79/2001, do 8 de abril, modifícanse os acordos do Consello de Dirección da Axencia do 11 de xullo de 2013 e do 21 de xullo de 2021, sobre delegación de competencias nas persoas titulares da Presidencia e da Dirección Xeral da Axencia, de xeito que a delegación de competencias sobre a formalización de convenios que deba concertar a Axencia con entidades públicas ou privadas para o axeitado exercicio das funcións da Axencia, en relación coa función regulada no artigo 6.1.f) do Regulamento da Axencia, recaia nas seguintes persoas:

a) Na persoa titular da Dirección Xeral da Axencia, a formalización dos convenios que non teñan achega económica da Axencia ou cando esta sexa igual ou inferior a 100.000,00 euros.

b) Na persoa titular da Presidencia da Axencia, a formalización dos convenios que teñan unha achega económica da Axencia superior a 100.000,00 euros».

B. Delegación de competencias establecidas na Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, ou norma que a substitúa.

De conformidade co artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e ao abeiro do artigo 6.1.j) do Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Primeiro. Deléganse na persoa titular da Presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural:

I. As seguintes competencias establecidas na Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, ou norma que a substitúa:

a) Incorporación ao patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia de bens e dereitos, cando non sexan necesarios para a Axencia, a que fai referencia o artigo 22.

b) Aprobación das taxacións periciais e informes técnicos a que fai referencia o artigo 64.3, no caso dos negocios que deba aprobar o Consello de Dirección.

c) Acordar a venda de bens e dereitos a que fai referencia o artigo 104.3.

d) Iniciar o procedemento de venda de bens inmobles ou de dereitos reais a que fai referencia o artigo 105.1.

e) A fixación do tipo da poxa no caso de alleamento, a que fai referencia o artigo 112.4.

f) A permuta de bens e dereitos a que fai referencia o artigo 137.

g) A cesión gratuíta de bens inmobles ou dereitos reais sobre eles a que fai referencia o artigo 139.7.

h) A resolución da cesión a que fai referencia o artigo 144.3, se o Consello de Dirección é o órgano competente para o seu outorgamento.

II. A seguinte competencia establecida no artigo 34.4 da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria, ou norma que a substitúa:

Cualificar a aptitude, ou a non aptitude, dos predios integrantes da masa común para os fins do Banco de Terras de Galicia.

Segundo. Deléganse na persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural as seguintes competencias, establecidas na Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, ou norma que a substitúa:

a) Tramitar a baixa en tráfico tras a cesión de vehículos a terceiros mediante a súa transmisión en propiedade, se o Consello de Dirección é o órgano competente para a cesión, a que fai referencia o artigo 145.2.

b) O coñecemento das peticións de cesión gratuíta de bens ou dereitos, se o Consello de Dirección é o órgano competente para adoptar a cesión, a que fai referencia o artigo 139.1.

c) As cesións e demais operacións patrimoniais sobre bens e dereitos que deriven da execución do planeamento urbanístico, se o Consello de Dirección é o órgano competente para a operación patrimonial de que se trate, a que fai referencia o artigo 191.1.

d) Realizar os distintos actos que requira a participación nas actuacións de execución do planeamento, se o Consello de Dirección é o órgano competente para a operación de que se trate, a que fai referencia o artigo 191.2.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2026

María Paz Rodríguez Rivera
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural