DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 19 de xuño de 2026 Páx. 35227

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

DECRETO 63/2026, do 8 de xuño, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Lalín, do treito inicial da estrada PO-533, situado entre o p.q. 0+000 e o p.q. 0+240, xunto co seu dominio público viario.

O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), dispón que os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

O artigo 9.7 da LEG recolle que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O artigo 18.11 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG) dispón que os cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que forman parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles, que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente.

O Concello de Lalín solicitou á Axencia Galega de Infraestruturas a titularidade do treito inicial da PO-533 entre o seu p.q. 0+000 (intersección coa rúa B) e ata pasar a glorieta de Rodeiro (p.q. 0+240). Xustifica a súa solicitude na necesidade de gañar operatividade no desenvolvemento de actuacións de mellora na dita glorieta, situada na Rolda Leste, así como na futura remodelación integral da rúa Memorias dun Neno Labrego.

A estrada PO-533 discorre polo termo municipal de Lalín entre os pp.qq. 0+000 e 6+770, así como entre os pp.qq. 8+550 e 11+270.

No treito comprendido entre os pp.qq. 0+000 e 0+750, a vía transcorre por solo clasificado como urbano, segundo o planeamento urbanístico vixente no Concello de Lalín.

O treito inicial da estrada PO-533, desde o inicio ata a glorieta coa Rolda Leste (p.q. 0+000 a 0+210), ten a categoría funcional de rede local e carece de funcionalidade dentro da Rede autonómica de estradas de Galicia, xa que constitúe unha rúa do núcleo urbano de Lalín, con edificacións consolidadas e beirarrúas en ambas as marxes, numerosos accesos e cun tráfico fundamentalmente local e urbano.

A partir do p.q. 0+210, a estrada PO-533 ten categoría funcional de rede estruturante, ao constituír o itinerario principal de comunicación entre os núcleos de Lalín e Chantada.

Do p.q. 0+210 a 0+240 da estrada PO-533 sitúase a intersección tipo glorieta coa Rolda Leste, que se sitúa no tronco desa rolda de titularidade municipal. Esta glorieta ten categoría funcional de rede estruturante, posto que forma parte do itinerario que permite ao tráfico procedente do leste de Lalín circunvalar o núcleo urbano de Lalín e continuar cara ao noroeste (dirección Santiago de Compostela) ou cara ao suroeste (dirección Pontevedra).

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, e tendo en conta que o treito solicitado polo concello carece de funcionalidade dentro da Rede autonómica de estradas de Galicia, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de xuño de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Lalín, do treito inicial da estrada PO-533 entre o p.q. 0+000 e o p.q. 0+240, xunto co seu dominio público viario:

Transferencia

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso29N)

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89 fuso29N)

1

Treito inicial da PO-533

0+000 da PO-533

X = 573.086

y = 4.723.621

0+240 da PO-533

x = 573.330

y = 4.723.648

Artigo 2

Modificar, en aplicación do artigo 10.6.a) da LEG, o Catálogo da Rede autonómica de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 100/2021, do 24 de xuño (DOG núm. 129, do 8 de xullo), para cambiar os datos da estrada PO-533, que quedarán reflectidos do seguinte xeito:

Clave

Denominación

Treito

PQi

PQf

Lonxitude treito (km)

Lonxitude total (km)

Categoría funcional

Clase de estrada

Provincia

PO-533

Lalín (Rolda Leste)-Alto do Faro

Lalín (Rolda Leste)-Alto do Faro

0+240

21+450

21,21

21,21

Estruturante

Estrada convencional

Pontevedra

O documento do Catálogo e as súas modificacións poden consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas:

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 3

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da LEG, o Concello de Lalín deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 4

De acordo co establecido no artigo 9.6 da LEG, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.

https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega

Artigo 5

Correspóndenlle ao Concello de Lalín, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do treito transferido, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de xuño de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas