A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da Resolución do 12 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, en concreto, ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Montelora e a súa liña de evacuación.
a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:
Outorgar a autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Montelora e das súas infraestruturas de evacuación, sitos nos concellos de Láncara, Baralla, Castroverde e Baleira (Lugo) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., para unha potencia de 25 MW.
Outorgar a autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Montelora e das súas infraestruturas de evacuación, composto polo documento «Modificado nº 1 do proxecto oficial de execución do parque eólico Montelora e a súa infraestrutura de evacuación (maio 2025)», asinado o 20.5.2025 polo graduado en Enxeñaría Industrial Arturo Oliveras Sanz e o enxeñeiro industrial Ricardo Lago Alonso e visado na mesma data polo Collegi D’Enginyers Técnics Industrials de Tarragona, coa referencia AE065052-R01.
b) Os principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:
1. O 26.10.2017, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U., en diante, a promotora, presentou ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, unha solicitude de autorización de instalación de produción de enerxía eléctrica e das súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado Parque eólico de Montelora e da súa infraestrutura eléctrica de evacuación.
2. O 22.1.2019, a promotora presentou unha solicitude de modificación substancial do parque eólico Montelora e das súas infraestruturas de evacuación e o 15.1.2020, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas notificoulle o cumprimento dos requisitos da solicitude de modificación substancial.
3. O 4.11.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas emitiu, con base na comunicación do cambio de razón social de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U., a favor de Naturgy Renovables, S.L.U., mantendo o mesmo NIF B84160423, a toma de razón de subrogación de dereitos e obrigas con respecto a varios parques e liñas de evacuación, entre eles, o parque eólico Montelora e a súa infraestrutura de evacuación asociada, asumidos por Naturgy Renovables, S.L.U.
4. O 31.5.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou o informe ao que fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.
5. O 19.6.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33 da Lei 8/2009, onde se indica que «analizada a posición dos 8 aeroxeradores, conclúese que todos eles cumpren a distancia mínima de 500 m ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable acorde á disposición adicional quinta da Lei 8/2009».
6. O 3.10.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Montelora á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación de Lugo para a continuación da tramitación de acordo co indicado no artigo 33.9 da Lei 8/2009.
7. Mediante o Acordo do 23 de outubro de 2024, do Departamento Territorial de Lugo, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental do proxecto de execución Parque eólico de Montelora e da súa infraestrutura eléctrica de evacuación, nos concellos de Láncara, Baralla, Castroverde e Baleira (Lugo) (expediente IN408A 2017/009).
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia nº 215, do 7.11.2024. Así mesmo, foi remitido para a exposición ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (Baralla, Láncara, Baleira e Castroverde), e expúxose nas dependencias do Departamento Territorial de Lugo, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. O dito acordo tamén estivo exposto no portal web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.
8. O 6.11.2024, a promotora presentou unha addenda do estudo de impacto ambiental, a cal presenta corrixida e asinada o 17.1.2025, polo que o departamento territorial acordou someter de novo o proxecto a información pública incluíndo a dita addenda.
9. Mediante o Acordo do 20 de xaneiro de 2025, do Departamento Territorial de Lugo, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental e a addenda do estudo de impacto ambiental, do proxecto de execución Parque eólico de Montelora e da súa infraestrutura eléctrica de evacuación, nos concellos de Láncara, Baralla, Castroverde e Baleira (Lugo) (expediente IN408A 2017/009).
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia nº 21, do 31.1.2025. Así mesmo, foi remitido para a exposición ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (Baralla, Láncara, Baleira e Castroverde), e expúxose nas dependencias do Departamento Territorial de Lugo, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. O dito acordo tamén estivo exposto no portal web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.
10. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o Departamento Territorial de Lugo remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Axencia Galega de Infraestruturas, concellos de Baleira, Baralla, Castroverde e Láncara, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Telefónica de España, S.A.U., U.F.D., Secretaría de Estado de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Retegal, S.A. e Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión).
A continuación relaciónanse os organismos que emitiron os correspondentes condicionados técnicos:
Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Castroverde, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Telefónica, U.F.D., Retegal, S.A. e Cellnex Telecom, S.A.
A promotora prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.
Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.
11. O 11.4.2025, o Departamento Territorial de Lugo, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
12. Cuberta a tramitación ambiental, o 25.4.2025, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 25 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Montelora, nos concellos de Baleira, Baralla, Castroverde e Láncara (expediente 2018/0076) (DOG nº 89, do 12 de maio de 2025).
Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia Turismo de Galicia, Concello de Baleira, Concello de Baralla, Concello de Castroverde, Concello de Láncara, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.
13. O 29.4.2025, esta dirección xeral requiriulle á promotora a documentación técnica refundida resultante dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública.
14. O 22.5.2025 e o 23.5.2025 Naturgy Renovables, S.L.U. deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior achegando a documentación técnica refundida: Modificado nº 1 do proxecto oficial de execución do parque eólico Montelora e da súa infraestrutura eléctrica de evacuación (maio 2025) con sinaturas e visado electrónico do 20.5.2025 e as separatas correspondentes.
Este proxecto modificado recolle as indicacións establecidas nos informes emitidos durante o trámite de información pública, o que supón as seguintes modificacións respecto do proxecto inicial:
• Redución do número de aeroxeradores, pasando de 8 a 5 unidades.
• Aumento da potencia unitaria de 3,45 MW a 5 MW por cada aeroxerador.
• Redución da potencia total do parque eólico de 27,6 MW a 25 MW.
• Redución de altura de punta de pa nos aeroxeradores L9-06 e L9-08.
• Desprazamento dos apoios 69, 70, 71 e 72 da LAT aérea 132 kV de evacuación.
• Inclusión dos accesos dos apoios de toda a liña aérea.
15. O 28.5.2025, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático remitiu as separatas achegadas pola promotora o 22.5.2025 aos seguintes organismos:
Axencia Galega de Infraestruturas, concellos de Baleira, Baralla, Castroverde e Láncara, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Telefónica de España, S.A.U., U.F.D., Secretaría de Estado de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Retegal, S.A. e Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión).
A continuación relaciónanse os organismos que emitiron os correspondentes condicionados técnicos:
Axencia Galega de Infraestruturas, Concello de Castroverde, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Telefónica de España, S.A.U., U.F.D., Retegal, S.A.
Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.
16. O 4.6.2025 esta dirección xeral remitiu a documentación refundida ao Departamento Territorial de Lugo para a emisión do informe sobre o cumprimento da normativa de instalacións industriais e eléctricas do proxecto de execución denominado Modificado nº 1 do proxecto oficial de execución do parque eólico Montelora e da súa infraestrutura eléctrica de evacuación (maio de 2025), con sinaturas e visado electrónico do 20.5.2025.
17. O 3.7.2025, a Dirección Xeral de Urbanismo emitiu informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica: «Logo da análise da posición dos 5 aeroxeradores segundo o arquivo shp facilitado, coincidentes coas coordenadas indicadas no punto 7.1 da memoria do proxecto, e comprobado o planeamento vixente dos concellos afectados (Normas subsidiarias de planeamento de Baralla do 18.6.1986 e Plan xeral de ordenación municipal de Láncara do 22.3.2013), conclúese que todos eles cumpren a distancia mínima de 500 m coas diferentes delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable».
18. O 7.7.2025, o Departamento Territorial de Lugo remitiu informe técnico de data 4.7.2025 sobre o proxecto de execución Modificado nº 1 do proxecto oficial de execución do parque eólico Montelora e da súa infraestructura eléctrica de evacuación (maio 2025)» con sinaturas e visado electrónico do 20.5.2025, concluíndo que «De acordo co anterior a que subscribe informa favorablemente o Modificado nº 1 do proxecto oficial de execución do parque eólico Montelora e a súa infraestrutura de evacuación, maio de 2025», asinado o 20.5.2025 polo graduado en Enxeñaría Industrial Arturo Oliveras Sanz e o enxeñeiro industrial Ricardo Lago Alonso e visado na mesma data polo Collegi D’Enginyers Técnics Industrials de Tarragona, coa referencia AE065052-R01, respecto do cumprimento da normativa analizada e co alcance establecido, para a obtención das autorizacións administrativa previas e de construción, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións, permisos e licenzas que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración.
19. O 9.7.2025, a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático remitiu os informes recibidos polos organismos reflectidos nos antecedentes de feito décimo quinto e décimo sétimo a promotora para a súa conformidade ou resposta aos condicionados emitidos.
20. O 11.7.2025, a promotora presentou por rexistro a súa conformidade cos informes emitidos polos diferentes organismos que lle foron remitidos o 9.7.2025.
21. O 21.10.2025, a promotora presentou a autorización emitida o 9.10.2025 pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) para o parque eólico.
22. O 7.4.2026, a promotora presentou a documentación acreditativa da existencia dun acordo vinculante para as partes en relación co uso compartido das infraestruturas de evacuación do parque eólico, subscrito por todos os titulares de instalacións con permisos de acceso e de conexión outorgados na mesma posición de liña de chegada á subestación da rede de transporte.
23. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 27,6 MW, segundo o informe do xestor da rede do 26.9.2022. Non obstante, conta con 5 aeroxeradores de 5 MW de potencia nominal unitaria resultando unha potencia total instalada de 25 MW.
Santiago de Compostela, 14 de maio de 2026
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
