DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 22 de xuño de 2026 Páx. 35655

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2026, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Nigrán (expediente IN407A 2024/074-4).

Expediente: IN407A 2024/074-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: Instalación dun apoio, LMTS GON804 e substitución CT Quinteiro 36C686 por CTC.

Concello: Nigrán.

Feitos:

1. O 23.2.2024 a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica denominada Instalación dun apoio, LMTS GON804 e substitución CT Quinteiro 36C686 por CTC.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado pola enxeñeira técnica industrial Herminia López Caamaño, colexiada 4598 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e en que figura un orzamento total de 152.742,03 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade a reforma do centro de transformación Quinteiro (36C686) mediante as seguintes actuacións previstas nos lugares de Sancho e O Quinteiro, no municipio de Nigrán (Pontevedra):

– Substitución da aparellaxe do centro de transformación por un bloque compacto 2L1P de 250 kVA.

– Desmontaxe dos tramos aéreos GON8053109 (32 metros en condutor LAC-28) e GON8053048 (370 metros en condutor LA-56) e consecuente retirada dos apoios 9RM651PQ//D47-10, 9RO6XQIK//D47-9, 9RRN7OQ6//D47-7, 9RTKB8A4//D47-6 e 9RPLLIVL//D47-8, así como dos XS 36HHG1 situados no apoio 9RM651PQ//D47-10.

– Instalación dun novo apoio de celosía C-2000/14 e retesado do van GON8053048 do apoio proxectado.

– Desmontaxe dos tramos subterráneos GON8053019 (11 metros) e GON8041413 (5 metros).

– Instalación dunha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 1.217 metros para alimentar o centro de transformación Quinteiro.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Nigrán, Augas de Galicia e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos.

3. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a Resolución do 5.4.2024 publicada nos seguintes medios:

– DOG (Diario Oficial de Galicia): 2.5.2024.

– Xornal Faro de Vigo: 24.4.2024.

– Taboleiro de anuncios do Concello de Nigrán, desde o 30.7.2024 ata o 12.9.2024, segundo certificado emitido polo propio concello.

– Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.

4. O 8.8.2024, este departamento territorial, de acordo co artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, informou a única persoa titular da parcela afectada pola declaración, en concreto, de utilidade pública, de que dispuña dun período de 15 días hábiles para presentar alegacións e os documentos e xustificacións pertinentes.

5. O 13.9.2024, María Teresa Valtierra Alonso presentou alegacións, que foron trasladas á empresa promotora.

6. O 23.4.2025, UFD Distribución Electricidad, S.A. presentou unha modificación do proxecto inicial para atender as alegacións de María Teresa Valtierra Alonso. A modificación trátase da retirada dun maior tramo de liña aérea ata o apoio 9RWH3N5M//D47-4 e na ampliación de potencia do centro de transformación de 250 kVA a 400 kVA.

7. Debido á modificación proposta, este departamento territorial volveu solicitar o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Nigrán, Augas de Galicia e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos.

8. O 20.2.2026, á vista das modificacións propostas, deuse un novo trámite de audiencia a María Teresa Valtierra Alonso, que non presentou alegacións.

9. O 9.4.2026, este departamento requiriu aclaracións sobre a necesidade da declaración, en concreto, de utilidade pública, dado que a modificación proposta non inclúe a instalación dun apoio fin de liña do tipo C-2000/14 na parcela con referencia catastral 54035A023001200000HJ de María Teresa Valtierra Alonso.

10. O 15.4.2026, UFD Distribución Electricidad, S.A. confirmou que non é necesaria a declaración, en concreto, de utilidade pública para as instalacións eléctricas proxectadas.

11. Os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable para a instalación eléctrica proxectada.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Substitución do actual centro de transformación Quinteiro 36C686 por un centro de transformación compacto 2L1P, de 400 kVA, con relación de transformación 20 kV/400 V, instalado na planta baixa do edificio pombal existente.

– Liña de media tensión subterránea (LMTS) a 20 kV, con condutor RHZ1 de 1.217 metros de lonxitude, coa orixe no centro de transformación Paraviñabal (36CRQ8) e final na LMTS GON8041432, facendo entrada e saída no novo centro de transformación Quinteiro 36C686.

A instalación está situada nos lugares de Sancho e O Quinteiro, na parroquia de Panxón, no municipio de Nigrán (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Instalación dun apoio, LMTS GON804 e substitución CT Quinteiro 36C686 por CTC, expediente IN407A 2024/074-4.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE nº 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

5. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– De ser o caso, a acreditación ou declaración de que a instalación non se atopa incursa nas prohibicións establecidas no artigo 13 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 19 de maio de 2026

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra