DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Xoves, 25 de xuño de 2026 Páx. 36223

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 15 de xuño de 2026 pola que se clasifica de interese social a Fundación Daniela Vieito.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Daniela Vieito, con domicilio na rúa Juan Sebastián Elcano, nº 29, 3º esquerda, 15002 A Coruña, resultan os seguintes feitos e consideracións legais.

Feitos:

1. O 23 de xaneiro de 2026, a Fundación presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Daniela Vieito constituíuna Daniel Vieito Cabo, mediante escritura pública outorgada o 12 de decembro de 2025, ante a notaria de Sanxenxo, María de las Mercedes Rebolledo Olmedo, co número de protocolo 984.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto:

«– Prever, protexer e apoiar os nenos e adolescentes vítimas de violencia, maltrato e/ou abusos sexuais.

– Promover o respecto e a aplicación dos dereitos humanos dos nenos, nenas e adolescentes, establecidos pola Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos do Neno do 20 de novembro de 1989.

– Axudar e acompañar os nenos e as nenas, así como as persoas do seu contorno máis próximo, que foron ou son maltratados e/ou abusados, incluídos os adultos que aínda carrexan as consecuencias e/ou que acaban de descubrir agora o que viviron na súa infancia.

– Promover a integridade física, psicolóxica e sexual dos nenos, nenas e adolescentes, e o seu dereito á recuperación das situacións de violencia (maltrato e abusos sexuais).

– Escoita e acompañamento a persoas en risco de exclusión e/ou vulnerabilidade que o necesiten».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Daniel Vieito Cabo, como presidente; Inés Aguerri Alonso, como secretaria, e Rita Torres Pérez, como vogal.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese social da Fundación Daniela Vieito, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese social e a súa adscrición á Consellería de Política Social e Igualdade.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 9 de xuño de 2026,

DISPOÑO:

Clasificar de interese social a Fundación Daniela Vieito e adscribila ao protectorado da Consellería de Política Social e Igualdade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse no prazo de dous meses recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e pode interpoñerse no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2026

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes