Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Peniche, con domicilio na rúa López Mora, número 2, 36211, Vigo (Pontevedra), resultan os seguintes feitos e consideracións legais.
Feitos:
1. O 31 de decembro de 2025, Santiago Míguez Caridad, en representación da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación Peniche constituírona Luis Barros Ríos, Francisco Montoto Veira e Atendo Calidade, S.L., mediante escritura pública outorgada o 28 de xullo de 2025, ante o notario de Vigo Manuel Arturo Vidal Rodríguez, co número de protocolo 1343.
3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto «A atención a persoas maiores e outros colectivos en situación de vulnerabilidade».
4. O padroado inicial da Fundación está formado por Luis Barros Ríos, como presidente; Francisco Montoto Veira, como secretario, e Atendo Calidade, S.L., como vogal.
5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Peniche, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.
6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.
7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese asistencial e a súa adscrición á Consellería de Política Social e Igualdade.
Consideracións legais:
1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.
3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.
De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 9 de xuño de 2026,
DISPOÑO:
Clasificar de interese asistencial a Fundación Peniche, e adscribila ao protectorado da Consellería de Política Social e Igualdade.
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse no prazo de dous meses recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e pode interpoñerse no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2026
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
