A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, regula no seu título VIII a comercialización dos produtos da pesca, marisqueo e acuicultura. En particular, o artigo 96.1 define a comercialización en orixe como o proceso seguido polos produtos pesqueiros, transformados ou non, que comprende o desembarque ou introdución dos produtos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia sen efectuarse a súa primeira venda, o transporte ata a lonxa pesqueira ou centro autorizado e a primeira venda dos produtos nas lonxas pesqueiras ou centros autorizados. Así mesmo, a citada lei establece que a primeira venda deberá realizarse en lonxas ou centros de venda autorizados, garantindo a rastrexabilidade e o control dos produtos pesqueiros.
O Decreto 419/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco, modificado polo Decreto 101/2006, do 8 de xuño, determina a obrigatoriedade de que a primeira venda se realice en lonxas ou centros de venda autorizados e regula o funcionamento dos centros de descarga.
A Orde do 8 de febreiro de 2008 pola que se regula o control da descarga e do transporte dos produtos pesqueiros frescos ata a fase de primeira venda e o transporte de moluscos bivalvos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños vivos, establece as obrigas documentais e de control para as entidades xestoras das lonxas, centros de venda e centros de descarga.
No ámbito estatal, o Real decreto 418/2015, do 29 de maio, polo que se regula a primeira venda dos produtos pesqueiros, establece a obrigatoriedade de que a primeira venda se realice en lonxas ou establecementos debidamente autorizados, regula o réxime dos compradores rexistrados, fixa os requisitos documentais exixibles, como son a nota de venda, o documento de rastrexabilidade, a declaración de recollida e o documento de transporte, define a responsabilidade das entidades concesionarias das lonxas e dos centros autorizados como primeiros expendedores e dispón a obriga de transmisión electrónica da información ás administracións competentes.
Este real decreto constitúe normativa básica estatal en materia de ordenación da actividade comercial pesqueira, ao abeiro do artigo 149.1.13 da Constitución, polo que resulta necesario adaptar os procedementos autonómicos ao seu contido.
Co obxecto de garantir o cumprimento da normativa autonómica e estatal aplicable, asegurar a rastrexabilidade dos produtos pesqueiros e ordenar o exercicio das actividades de primeira venda e descarga, resulta necesario establecer un procedemento administrativo específico para a autorización das entidades xestoras das lonxas, centros de venda e centros de descarga.
En virtude do disposto no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, e no exercicio das competencias atribuídas á Consellería do Mar,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto regular, na Comunidade Autónoma de Galicia, a tramitación do procedemento de autorización e renovación da primeira venda de produtos pesqueiros frescos nas instalacións dunha lonxa ou centro de venda, así como para a xestión da actividade de descarga de produtos pesqueiros frescos nun centro de descarga.
2. A regulación do devandito procedemento está prevista na normativa europea e estatal básica reflectida nesta resolución. Quedan circunscritos ao ámbito competencial desta consellería o desenvolvemento da súa tramitación na Comunidade Autónoma de Galicia e a súa habilitación na sede electrónica da Xunta de Galicia.
3. O procedemento habilitarase na Guía de procedementos e servizos dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia co código PE627B.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
O procedemento será de aplicación ás persoas xurídicas titulares ou concesionarias das instalacións situadas no ámbito territorial de Galicia onde se realicen:
a) Operacións de primeira venda de produtos pesqueiros en fresco, conforme o artigo 5 do Real decreto 418/2015, do 29 de maio, polo que se regula a primeira venda dos produtos pesqueiros.
b) Operacións de descarga e control previo á primeira venda, nos termos establecidos no Decreto 419/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco, e na Orde do 8 de febreiro de 2008 pola que se regula o control da descarga e do transporte dos produtos pesqueiros frescos ata a fase de primeira venda e o transporte de moluscos bivalvos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños vivos.
Artigo 3. Requisitos das entidades solicitantes
a) Dispor da concesión ou autorización vixente para a explotación da lonxa, centro de venda ou de descarga.
b) Estar inscrito no Rexistro Galego de Empresas Halioalimentarias.
c) Estar inscrito no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos, no caso de lonxas.
d) Dispor de equipamentos informáticos suficientes e adecuados para a obtención e transmisión electrónica, tanto á Administración competente como aos operadores, da información establecida no Real decreto 418/2015, do 29 de maio, polo que se regula a primeira venda dos produtos pesqueiros.
e) Deberá dispor de sistemas de pesada verificados e axeitados ás características dos produtos obxecto das transaccións, e será responsable da exactitude da pesada.
Artigo 4. Prazo e forma de presentación das solicitudes
1. O prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto durante todo o ano, ao tratarse dun procedemento de prazo aberto.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
As solicitudes dirixiranse á dirección xeral competente en materia de pesca.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 5. Documentación complementaria que debe achegarse
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
1.1. Lonxas e centros de venda:
a) Acreditación da personalidade xurídica.
b) Regulamento interno de funcionamento, actualizado e debidamente asinado, que conterá como mínimo os datos do artigo 20.2 do Decreto 419/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños en fresco, modificado polo Decreto 101/2006, do 8 de xuño.
c) No caso de lonxas, ademais de presentar a solicitude, os solicitantes deberán aboar a taxa co código 305801.
O pagamento da taxa poderá realizarse de forma telemática ou presencial. O pagamento telemático poderá efectuarse a través da sede electrónica como un paso máis habilitado dentro do procedemento, caso en que o xustificante xa se xera automaticamente.
Outra posibilidade é acceder á Oficina Virtual Tributaria (https://ovt.atriga.gal/), pagar mediante tarxeta, Bizum ou cargo na conta e achegar o xustificante de pagamento.
Para realizar o pagamento de forma presencial, tamén se accederá á Oficina Virtual Tributaria para descargar un modelo en branco e cubrilo ou imprimilo xa cuberto grazas á aplicación; posteriormente, pagarase nunha entidade financeira colaboradora ou farase unha transferencia bancaria nunha entidade financeira non colaboradora. Así mesmo, o modelo en branco tamén se poderá solicitar nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia. Finalmente, achegarase o xustificante de pagamento.
Pódese consultar o código e importe da taxa na seguinte ligazón:
https://sede.xunta.gal/es/tramites-e-servizos/pago-de-taxas
d) Relación do persoal encargado do control das descargas e primeira venda, correctamente identificado, así como as súas funcións.
e) Relación de compradores e vendedores autorizados que exerzan a súa actividade na lonxa/centro de venda.
1.2. Centros de descarga:
a) Acreditación da personalidade xurídica.
b) No caso de novas autorizacións:
Plano de localización do porto sobre cartografía oficial ou base cartográfica equivalente, en formato PDF, en que se identifique a localización mediante coordenadas no sistema de referencia ETRS89, en proxección UTM fuso 29N.
c) Relación de buques habituais (nome, matrícula, folio e número CFPO) que descargan produtos pesqueiros frescos (formato folla de cálculo).
d) Normas de funcionamento en que se indique, polo menos, o horario en que terán lugar as descargas, as especies que se descargan e o persoal responsable das funcións de control e vixilancia destas, así como o sistema que teñen previsto utilizar para a expedición, rexistro e comunicación telemática de documentos á consellería competente en materia de pesca.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada nos números anteriores. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 6. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) NIF da entidade representante, de ser o caso.
d) Alta no Rexistro Galego de Empresas Halioalimentarias segundo o establecido no Decreto 420/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de rexistro de buques e de empresas halioalimentarias.
e) Alta no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos, de ser o caso.
f) Concesión ou autorización vixente de ocupación de instalacións para o desenvolvemento de actividades de explotación e xestión dunha lonxa, centro de venda ou de descarga de produtos pesqueiros.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán indicalo no recadro correspondente habilitado na solicitude e achegar os documentos correspondentes.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 7. Instrución e resolución
1. A instrución do procedemento corresponderá á dirección xeral competente en materia de pesca.
2. De conformidade co previsto no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o prazo máximo para ditar e notificar a resolución expresa será de tres meses.
Ao tratarse dun procedemento iniciado por solicitude da persoa interesada, o devandito prazo computarase desde a data en que a solicitude teña entrada no rexistro electrónico do órgano competente para a súa tramitación.
3. Segundo o artigo 24 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o vencemento do prazo máximo sen notificarse resolución expresa lexitima a persoa interesada para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, excepto nos supostos en que unha norma con rango de lei ou unha norma de dereito da Unión Europea ou de dereito internacional aplicable en España establezan o contrario.
A desestimación por silencio administrativo ten os únicos efectos de permitir ás persoas interesadas a interposición do recurso administrativo ou contencioso-administrativo que resulte procedente.
A resolución expresa posterior ao vencemento do prazo poderá adoptarse sen vinculación ao sentido do silencio administrativo.
Artigo 8. Notificación
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuaranse no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 9. Trámites posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 10. Efectos da autorización
A autorización terá unha duración de cinco anos, sen prexuízo das inspeccións, controis e revisións que poida realizar a consellería competente en materia de pesca, así como das causas de suspensión ou revogación previstas na normativa aplicable, incluído o Real decreto 418/2015, do 29 de maio.
Artigo 11. Renovación da autorización
A renovación da autorización deberá solicitala a persoa interesada cunha antelación mínima de tres meses respecto da data de caducidade.
Artigo 12. Revogación e extinción da autorización
1. A dirección xeral competente en materia de pesca revogará a autorización por algunha das seguintes causas:
a) Incumprimento das condicións establecidas na resolución de autorización.
b) Incumprimento das obrigacións establecidas para a comercialización en orixe sinaladas nesta resolución.
c) Cesamento da actividade de primeira venda durante doce meses consecutivos sen causas xustificadas, entendendo por cesamento da actividade a non remisión dos documentos que acreditan a primeira venda.
d) Incumprimento da normativa vixente en materia de ordenación do sector pesqueiro e de comercialización dos produtos da pesca e da acuicultura, de conformidade co disposto no artigo 102.a), no artigo 103.a), c), g), j), m) e p), e no artigo 104.a) e b) da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado.
2. O órgano competente en materia de pesca da Comunidade Autónoma de Galicia declarará extinguida a autorización por algunha das seguintes causas:
a) Renuncia expresa da persoa titular.
b) Perda da titularidade da lonxa, centro de venda e centro de descarga.
c) Cancelación no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos.
Artigo 13. Obrigas das entidades autorizadas
As entidades autorizadas deberán cumprir as seguintes obrigas:
1. Primeira venda en lonxas e centros de venda:
a) Terá en consideración a regulación contida na Lei 12/2013, do 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, no que afecta o ámbito da comercialización pesqueira. Entre os seus fins recóllese mellorar a rastrexabilidade da cadea alimentaria, a formalización dos contratos alimentarios e as poxas electrónicas, que poderán ser de aplicación na primeira venda de todos os produtos pesqueiros.
b) Comunicar á consellería competente en materia de pesca calquera modificación das normas de funcionamento da lonxa ou centro de venda aprobadas no regulamento de réxime interno a que se refire o Decreto 419/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre descarga, primeira venda e comercialización dos recursos mariños, modificado polo Decreto 101/2006, do 8 de xuño.
c) Organizar as vendas dos diferentes tipos de pesca cos horarios axeitados ás arribadas da frota e reexpedición da mercadoría, tendo en conta as características especiais das capturas dos diferentes tipos de frota.
d) Requirir de todas as persoas ou entidades procedentes doutros portos, lonxas, centros de venda ou centros de descarga que pretendan facer a primeira venda na lonxa ou centro de venda, o correspondente documento de rastrexabilidade, comprobando a súa veracidade e rexistrando a súa entrada telemática, se é o caso, nas aplicacións que a consellería competente en materia de pesca ten á disposición dos usuarios. No caso de detectárense erros, omisións ou discrepancias nos datos, deberá comunicalo de xeito urxente ao Servizo de Protección de Recursos da Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia, e paralizar a mercadoría sen poxala.
e) Expedir o correspondente documento de transporte a través das ferramentas telemáticas dispostas para tal fin, que acompañará os produtos pesqueiros desde este centro ata a súa primeira venda na lonxa ou no centro de venda de destino, sen prexuízo da responsabilidade do transportista. No caso dos moluscos bivalvos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños vivos deberá expedir e entregar o correspondente documento de orixe, que acompañará estes produtos ata a súa venda na lonxa ou centro de venda de destino, ou o documento de rexistro cando se efectúe neste centro a primeira venda.
f) Expedir a nota de venda electrónica, sexa cal for a modalidade da transacción efectiva, nos termos establecidos no Real decreto 418/2015, do 29 de maio, polo que se regula a primeira venda dos produtos pesqueiros, e demais normativa básica do Estado.
As notas de venda serán transmitidas mediante os protocolos de intercambio informático ao órgano competente en materia de pesca da Comunidade Autónoma de Galicia, en tempo real, tal como establece o artigo 12 do Real decreto 418/2015, do 29 de maio.
g) Expedir a correspondente factura ou albará, conforme a lexislación vixente, en que deberá indicar, como mínimo, o lugar de procedencia e de venda do produto, a data de transacción, as especies e o peso en quilos de cada unha, o nome do comprador e o destino da pesca, así como a sinatura do comprador e do vendedor, e estes deberán estar numerados correlativamente, sen prexuízo do cumprimento das disposicións sobre notas de venda que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente.
h) Na súa condición de entidade xestora, efectuar a retención das taxas, prezos públicos e canons aplicables nos portos da Comunidade Autónoma de Galicia, en concepto de servizos prestados ás persoas usuarias da lonxa ou centro de venda en primeira venda e de conformidade coas formas previstas regulamentariamente.
i) Poderá cobrar unha porcentaxe do prezo das especies en concepto de taxas legalmente establecidas que sexan de aplicación e deberá comunicar calquera modificación desta porcentaxe á dirección xeral competente en materia de pesca.
j) Dispor da relación de compradores e vendedores autorizados que exerzan a súa actividade na lonxa ou centro de venda, e comunicar a alta ou baixa de compradores rexistrados, ou calquera modificación á consellería competente en materia de pesca.
k) Reter toda especie en veda ou de tamaño ou peso non regulamentario e dar conta á consellería competente en materia de pesca para os efectos oportunos.
l) Cumprir a normativa e de todas as obrigas establecidas nesta autorización, con cargo aos orzamentos da entidade autorizada.
m) Obter e manter en vigor outras autorizacións, licenzas, concesións ou permisos que sexan exixibles polas disposicións legais e regulamentarias vixentes, en particular as de Portos de Galicia ou da autoridade portuaria competente.
2. Centros de descarga:
a) Levar a efecto o control e vixilancia das actividades de descarga de produtos pesqueiros, e do cumprimento da normativa vixente.
b) Comunicar á consellería competente en materia de pesca calquera modificación das normas de funcionamento e calquera circunstancia que poida supor unha infracción en materia marítimo-pesqueira.
c) Reter toda especie en veda ou de tamaño ou peso non regulamentario e dar conta diso á consellería competente en materia de pesca para os efectos oportunos.
d) Expedir o correspondente documento de transporte a través das ferramentas telemáticas habilitadas a tal fin, que acompañará os produtos pesqueiros desde o centro de descarga ata a súa venda na lonxa ou centro de venda de destino distinto ao porto ou lugar de desembarque, sen prexuízo da responsabilidade do transportista.
e) Obter e manter en vigor outras autorizacións, licenzas, concesións ou permisos que sexan exixibles polas disposicións legais e regulamentarias vixentes, en particular as da autoridade portuaria competente.
Disposición adicional única. Actualización dos modelos normalizados
De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2026
Isaac Miguel Rosón Sánchez-Brunete
Director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica
