As medidas adoptadas pola Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia, para acadar unha maior eficiencia nos recursos públicos e obter unha maior produtividade dos recursos humanos, recollen previsións en relación co réxime económico aplicable aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e autorizan o Consello da Xunta para a súa adecuación conforme criterios obxectivos.
O Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, proporciona un marco de principios e criterios obxectivos para afacer os conceptos retributivos e as percepcións económicas que resulten aplicables no sector público autonómico ao persoal incluído no ámbito de aplicación da norma.
O Decreto 119/2012, do 3 de maio, marca así un importante fito ao disciplinar e ordenar os criterios que deben rexer na fixación das retribucións do persoal directivo das entidades do sector público autonómico.
A regulación responde aos principios de solidariedade, eficiencia e austeridade, aos cales se engade nesta norma o principio de transparencia, e introduce criterios racionais e obxectivos para o axuste das remuneracións do persoal afectado.
En concreto, establécense os criterios para a clasificación en grupos das entidades instrumentais, así como os criterios para a clasificación en niveis dos postos de dirección, e fíxase unha limitación das contías máximas que lles poden corresponder aos postos no marco desta clasificación. Así mesmo, regúlase o procedemento para a determinación dos grupos e niveis, proporcionando un tratamento uniforme para as distintas entidades do sector público autonómico, conforme criterios obxectivos.
O artigo 4 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, establece que as entidades instrumentais do sector público autonómico se clasificarán en catro grupos, definidos conforme criterios obxectivos definidos no mesmo artigo.
Para establecer o punto de partida e facilitar a tramitación e a adecuación das retribucións aos criterios sinalados no decreto, este prevé no artigo 5 que será a consellería competente en materia de facenda a que aprobará mediante orde a clasificación inicial das entidades instrumentais, conforme os criterios establecidos no artigo 4.
O 13 de xuño de 2012 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería de Facenda pola que se establece a clasificación inicial das entidades incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, que establece na súa disposición adicional primeira a necesidade de ditar unha nova orde para clasificar as novas entidades que pasen a formar parte do sector público autonómico con posterioridade a ela.
Á vista das novas entidades integrantes do sector público autonómico e de que, consonte o artigo 7.2 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, a ordenación de retribucións prevista nel só se aplica ao persoal directivo que formalice un contrato de alta dirección, procede clasificar, por unha banda, as novas entidades que forman parte do sector público autonómico e, así mesmo, determinar as condicións que se lles aplican aos empregados públicos que pasen a desempeñar, como tales, postos configurados como de persoal directivo sen someterse a unha relación laboral de carácter especial de alta dirección por ser xa persoal funcionario de carreira ao servizo do sector público autonómico.
En consecuencia, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,
ACORDO:
Artigo 1. Obxecto
Esta orde establece unha clasificación inicial de novas entidades do sector público autonómico non previstas na Orde do 8 de xuño de 2012 pola que se establece a clasificación inicial das entidades incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico.
Artigo 2. Clasificación
A clasificación para as novas entidades integrantes do sector público autonómico realízase pola aplicación dos criterios fixados no artigo 4 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, tomando como referencia os datos das últimas contas pechadas que figuran nos programas de actuación, investimento e financiamento (PAIF) para os orzamentos do ano 2026 e os datos medios de contratación de persoal que constan en poder da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos para o ano 2024. Para o caso das dúas entidades de nova creación, tómanse como referencia os datos do seu PAIF para o exercicio 2026. A clasificación é a seguinte:
Grupo III.
|
Cód. |
Entidades do grupo III |
|
662 |
Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica INIBIC |
|
663 |
Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (Fidis) |
|
665 |
Fundación Biomédica Galicia Sur |
|
668 |
Fundación Galega de Talento Investigador de Alto Nivel |
|
734 |
Sociedade de Vivenda Pública de Galicia, S.A. |
Grupo IV.
|
Cód. |
Entidades do grupo IV |
|
616 |
Instituto Feiral de Vigo |
|
664 |
Fundación Museo do Mar |
|
667 |
Fundación Centro Tecnolóxico do Granito de Galicia |
Disposición derradeira única. Produción de efectos
A clasificación das novas entidades establecida nesta orde iniciará os seus efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2026
Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública
