Mediante a Resolución do 25 de maio de 2026 (DOG núm. 99, do 29 de maio), convocouse o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo superior, escala superior de sistemas e tecnoloxías da información, corpo de xestión, escala de xestión de sistemas e tecnoloxías da información; e corpo administrativo, escala de técnica/o especialista en tecnoloxías e sistemas da información da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.
Ante as dúbidas xurdidas na interpretación das bases da convocatoria deste concurso de traslados, faise aconsellable modificar a dita resolución co obxecto de clarificar aspectos relativos ás renuncias das solicitudes de participación e á valoración do traballo desenvolvido, co fin de reforzar a claridade e a transparencia do procedemento, de acordo cos principios de boa fe e confianza lexítima que debe presidir a actuación das administracións públicas.
Por conseguinte, esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia,
RESOLVE:
Modificar a Resolución do 25 de maio de 2026 pola que se convoca o concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes do corpo superior, escala superior de sistemas e tecnoloxías da información; corpo de xestión, escala de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, e corpo administrativo, escala de técnica/o especialista en tecnoloxías e sistemas da información da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos que se recollen a continuación:
Un. Modifícase a base III.1.A.3. («Traballo desenvolvido») nos seguintes termos:
1. O primeiro parágrafo da epígrafe A.3.1. queda redactada como segue:
«A determinación da puntuación realizarase a partir do sumatorio das puntuacións parciais obtidas no desempeño dun ou máis postos de traballo nas escalas obxecto da convocatoria ou noutras escalas ou categorías equivalentes cando fosen desempeñados como persoal empregado público nesta ou noutras administracións».
2. O primeiro parágrafo da epígrafe A.3.2. queda redactado como segue:
«Ao persoal funcionario aplicaráselle o nivel de destino dos postos de traballo desempeñados nas escalas convocadas».
3. A epígrafe A.3.4. queda redactada como segue:
«Os servizos prestados como persoal laboral distintos dos indicados na epígrafe A.3.3, en categorías equivalentes ás escalas convocadas, consideraranse co nivel mínimo dos corpos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia do subgrupo equivalente ao grupo de pertenza da persoa concursante.
Para o persoal laboral suxeito ao Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia e funcionarizado, considéranse equivalentes ás escalas convocadas os servizos prestados na categoría pola cal adquiriu a condición de persoal funcionario de carreira nunha das escalas convocadas».
4. A epígrafe A.3.5. queda redactada como segue:
«Os períodos solapados de servizos prestados só serán obxecto de valoración unha única vez».
Dous. Modifícase a base V («Solicitudes de participación»), no seu número 3, que queda redactado como segue:
«Transcorrido o prazo de presentación de solicitudes, as solicitudes de participación vincularán as persoas solicitantes e non se admitirán modificacións.
Non obstante, poderase renunciar a participar no concurso en calquera momento ata os dez días seguintes ao da publicación das puntuacións provisionais no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo, non se admitirá ningunha renuncia, agás erro manifesto do solicitante apreciado pola Administración. No caso de que a persoa concursante participe desde dous ou máis corpos ou escalas, poderá renunciar respecto dun ou varios deles nas mesmas condicións».
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou directamente recurso contencioso-administrativo, ante as seccións da orde xurisdicional contencioso-administrativa do tribunal de instancia correspondente, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo.
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2026
O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
