DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Venres, 26 de xuño de 2026 Páx. 36737

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

EXTRACTO do 14 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, polo que se publica a Resolución do 12 de maio de 2026 pola que se outorgan a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Batifol, sito nos concellos de Castroverde, Castro de Rei e Pol (Lugo) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U. (expediente IN408A/2019/076).

A continuación, recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 13 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, en concreto, ás instalacións relativas o proxecto do parque eólico Batifol e a súa liña de evacuación

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar a autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Batifol, sito nos concellos Castro de Rei, Castroverde e Pol (Lugo) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., para unha potencia de 12,47 MW.

Outorgar a autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Batifol, composto polo documento Parque eólico Batifol. Proxecto de execución. Concellos de Castro de Rei, Castroverde e Pol (Lugo), asinado o 26.1.2026 polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares e visado o 27.1.2026 polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, con número 20260160.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 24.9.2019, Naturgy Renovables, S.L.U., en diante a promotora, presentou ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a solicitude de autorización de instalación de produción de enerxía eléctrica e das súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado Parque eólico Batifol e a súa infraestrutura eléctrica de evacuación.

2. O 7.9.2023, a promotora presentou a solicitude de modificación substancial do parque eólico Batifol e das súas infraestruturas de evacuación e, con data 27.11.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle o cumprimento dos requisitos da solicitude de modificación substancial.

3. O 27.11.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou o informe a que fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

4. O 20.12.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33 da Lei 8/2009, onde se indica que «Logo da análise da posición dos 4 aeroxeradores ... conclúese que todos eles cumpren a distancia mínima de 1.000 m ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable, con uso residencial», acorde á disposición adicional quinta da Lei 8/2009.

5. O 27.1.2025, a entón Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Batifol ao Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de Lugo para a continuación da tramitación, de acordo co indicado no artigo 33.9 da Lei 8/2009.

6. Mediante o Acordo do 12 de marzo de 2025, do Departamento Territorial de Lugo, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública (DUP), en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental ambiental (EIA) do proxecto do parque eólico Batifol, nos concellos de Castro de Rei, Castroverde e Pol (Lugo) (expediente IN408A 2019/076).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 58, do 25.3.2025. Así mesmo, foi remitido para a exposición ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (Castroverde, Castro de Rei e Pol), e nas dependencias da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático do Departamento Territorial de Lugo. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Advertido un erro na publicación do citado acordo, o 31.3.2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 61, a corrección de erros en que se efectúa a corrección correspondente o concello en que se localiza o aeroxerador BA-04, de Castro de Rei a Castroverde.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.

7. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o Departamento Territorial de Lugo remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: concellos de Castro de Rei, Castroverde e Pol, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Telefónica de España, S.A.U., UFD Distribución Electricidad, S.A., Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión), Enel Green Power España, S.L., Enerxías Renovables de Galicia, S.A., Corporación Acciona Energías Renovables, S.A.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron os correspondentes condicionados técnicos:

Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Telefónica de España, S.A.U., UFD Distribución Electricidad, S.A., Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, Retegal, S.A., Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión) e Corporación Acciona Enerxías Renovables, S.A.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Respecto ao resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

8. O 1 de agosto de 2025, o Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

9. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia Turismo de Galicia, Concello de Castro de Rei, Concello de Castroverde, Concello de Pol, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron os correspondentes informes ou condicionados:

Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Sociedade Galega de Historia Natural e Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega).

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Respecto ao resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.

10. O 4.9.2025, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 5 de setembro de 2025, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Batifol, nos concellos de Castroverde, Castro de Rei e Pol (expediente 2018/0149). (DOG núm. 180, do 18 de setembro de 2025).

11. O 3.10.2025, esta dirección xeral envioulle á promotora a dita declaración de impacto ambiental e requiriulle a documentación técnica refundida resultante dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública, coa configuración definitiva.

12. O 21.10.2025, Naturgy Renovables, S.L.U., deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior achegando a documentación solicitada. A nova configuración do parque consiste en dous aeroxeradores de 6,235 MW de potencia unitaria, 155 metros de diámetro e 122,5 metros de altura.

A nova configuración débese ao informe condicionado da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no cal consideraba necesario a eliminación de dous dos aeroxeradores, eliminando así as infraestruturas asociadas e as súas afectacións.

13. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 12,47 MW.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2026

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático