Examinado o expediente iniciado por solicitude de Naturgy Renovables, S.L.U., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Batifol, constan os seguintes
Antecedentes de feito:
Primeiro. O 24.9.2019, Naturgy Renovables, S.L.U., en diante o promotor, presentou ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais a solicitude de autorización da instalación de produción de enerxía eléctrica e das súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado Parque eólico Batifol e a súa infraestrutura eléctrica de evacuación.
Segundo. O 7.9.2023, o promotor presentou unha solicitude de modificación substancial do parque eólico Batifol e das súas infraestruturas de evacuación e, con data 27.11.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle o cumprimento dos requisitos da solicitude de modificación substancial.
Terceiro. O 27.11.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais solicitou o informe a que fai referencia o artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.
Cuarto. O 19.12.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33 da Lei 8/2009, onde se indica que «Logo da análise da posición dos 4 aeroxeradores ... conclúese que todos eles cumpren a distancia mínima de 1.000 m ás delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable, con uso residencial», acorde á disposición adicional quinta da Lei 8/2009.
Quinto. O 27.1.2025, a daquela Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación técnica do proxecto do parque eólico Batifol ao Departamento Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático de Lugo para a continuación da tramitación, de acordo co indicado no artigo 33.9 da Lei 8/2009.
Sexto. Mediante o Acordo do 12 de marzo de 2025, do Departamento Territorial de Lugo, polo que se someten a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública (DUP), en concreto, a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental (EIA) do proxecto do parque eólico Batifol, nos concellos de Castro de Rei, Castroverde e Pol (Lugo) (expediente IN408A 2019/076).
O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 58, do 25.3.2025. Así mesmo, foi remitido para a exposición ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (Castroverde, Castro de Rei e Pol) e nas dependencias da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático do Departamento Territorial da Lugo. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Advertido un erro na publicación do citado acordo, o 31.3.2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 61 a corrección de erros en que se efectúa a corrección correspondente ao concello en que se localiza o aeroxerador BA-04, de Castro de Rei a Castroverde.
Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas polo promotor.
Sétimo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o Departamento Territorial de Lugo remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: concellos de Castro de Rei, Castroverde e Pol, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Telefónica de España, S.L.U., UFD Distribución Electricidad, S.L., Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, Retegal, S.L., Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión), Enel Green Power España, S.L., Enerxías Renovables de Galicia, S.L., Corporación Acciona Energías Renovables, S.L.
A continuación relaciónanse os organismos que emitiron os correspondentes condicionados técnicos:
Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Telefónica de España, S.L.U, UFD Distribución, S.L., Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, Retegal, S.L., Cellnex Telecom, S.A. (Retevisión) e Corporación Acciona Enerxías Renovables, S.L.
O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.
Respecto do resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.
Oitavo. O 1 de agosto de 2025, o Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático remitiu o expediente a esta dirección xeral para continuar coa tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.
Noveno. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia Turismo de Galicia, Concello de Castro de Rei, Concello de Castroverde, Concello de Pol, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.
A continuación relaciónanse os organismos que emitiron os correspondentes informes ou condicionados:
Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Sociedade Galega de Historia Natural e Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega).
O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.
Respecto do resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto de execución será de trinta días desde a recepción da solicitude. De non se recibiren estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto e continuarase a tramitación do procedemento.
Décimo. O 4.9.2025, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico, que se fixo pública polo Anuncio do 5 de setembro de 2025, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Batifol, nos concellos de Castroverde, Castro de Rei e Pol (expediente 2018/0149). (DOG núm. 180, do 18 de setembro de 2025).
Décimo primeiro. O 3.10.2025, esta dirección xeral envioulle ao promotor a dita declaración de impacto ambiental e requiriulle a documentación técnica refundida resultante dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizados polos distintos organismos que emitiron informes durante o proceso de información pública, coa configuración definitiva.
Décimo segundo. O 21.10.2025, Naturgy Renovables, S.L.U. deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior achegando a documentación solicitada. A nova configuración do parque consiste en dous aeroxeradores de 6,235 MW de potencia unitaria, 155 metros de diámetro e 122,5 metros de altura.
A nova configuración débese ao informe condicionado da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, no que consideraba necesario a eliminación de dous dos aeroxeradores, eliminando así as infraestruturas asociadas e as súas afectacións.
Décimo terceiro. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 12,47 MW.
Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (modificado, entre outros, polo Decreto 106/2025, do 11 de novembro), e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.
Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido, as respostas efectuadas polo promotor e o resto de documentación que consta no expediente cómpre manifestar o seguinte:
1. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas cuestións se tiveron en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 4.9.2025, en que se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas preventivas, correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.
Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que foi sometido o proxecto recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia (Confederación Hidrográfica de Miño-Sil), Axencia Turismo de Galicia, Deputación de Lugo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica e Instituto de Estudos do Territorio e, como interesados, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) e a Sociedade Galega de Historia Natural.
En relación coas alegacións que non son de carácter ambiental, cabe indicar o seguinte:
2. No que respecta ao desenvolvemento anárquico e á marxe da avaliación ambiental estratéxica do sector eólico en Galicia, así como aos cruzamentos e paralelismos con outras instalacións eléctricas e ao incumprimento do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre indicar que a poligonal deste parque eólico se atopa dentro da área de desenvolvemento eólico (ADE), que é un espazo territorial comprendido dentro do Plan sectorial eólico de Galicia. Asemade, tal e como se establece no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción estudaranse e tramitaranse en estrita orde temporal da súa data de presentación.
Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.
3. No que respecta á complexidade técnica-xurídica do procedemento e á feble posición dos particulares afectados ao respecto dos seus dereitos de participación nel, cómpre indicar que o procedemento de tramitación das autorizacións administrativas previa e de construción está definido na Lei 8/2009, do 22 de decembro, así como a obriga de realizar o trámite de información pública do proxecto, en que calquera persoa, entidade ou organismo poderá presentar cantas alegacións coide oportunas ou solicitar o exame do expediente e da documentación técnica.
4. No que respecta ao carácter mercantil do proxecto eólico e á súa escasa ou nula incidencia positiva na loita contra o cambio climático, cómpre indicar que a Comunidade Autónoma de Galicia se atopa vinculada polo Plan nacional integrado de enerxía e clima 2023-2030 (PNIEC), co que se busca acadar unha maior subministración a partir de fontes de enerxía renovables, diminuíndo a dependencia enerxética de combustibles fósiles que supoñen un detrimento para o desenvolvemento da economía, para as familias e as empresas.
Por isto, dentro da execución do (PNIEC) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, búscase transformar o sistema enerxético cara a unha maior autosuficiencia enerxética sobre a base de aproveitar dunha maneira eficiente o potencial renovable existente no noso país, particularmente o solar e o eólico. Esta transformación incidirá de maneira positiva na seguridade enerxética nacional ao diminuír de maneira significativa a dependencia dunhas importacións de combustibles fósiles que supoñen unha elevada factura económica e que está sometida a factores xeopolíticos e a unha volatilidade elevada nos prezos.
Segundo un informe da Axencia Internacional das Enerxías Renovables, publicado en xuño de 2023, o mundo necesita triplicar a capacidade mundial de enerxía renovable ata algo máis de 11.000 GW en 2030 para manter a posibilidade de limitar o quecemento global a 1,5°C. Este foi un dos temas tratados no 18ª Cume de Xefes do Estado e Goberno do G20 en Nova Delhi, onde se acordou, entre outras cousas, o seguinte: «Perseguiranse e fomentaranse os esforzos para triplicar a capacidade de enerxía renovable a nivel mundial mediante obxectivos e políticas existentes, así como demostrar unha ambición similar con respecto a outras tecnoloxías cero e de baixas emisións, incluíndo a redución e tecnoloxías de eliminación, en consonancia coas circunstancias nacionais para 2030». Tamén observamos o Plan de acción voluntaria para o fomento das enerxías renovables para acelerar o universal acceso á enerxía (G20 New Delhi Leaders’ Declaration, 9-10 setembro de 2023).
Neste sentido, o 12 de setembro de 2023 aprobouse a Directiva sobre fontes de enerxía renovables do Parlamento Europeo, na cal se poden atopar diferentes puntos en favor das enerxías renovables:
Os Estados membros deberán adiantar o obxectivo da cota de enerxías renovables na combinación enerxética. O obxectivo global da Unión en materia de enerxía é que o 42,5 % desta sexa de orixe renovable no ano 2030, ata alcanzar a neutralidade climática, como máis tarde no ano 2050, descarbonizando a industria da Unión.
Necesítase unha maior racionalización dos procedementos administrativos de concesión de autorizacións co obxecto de eliminar a carga administrativa innecesaria para os efectos de establecer proxectos de enerxías renovables e de infraestrutura de rede relacionados.
Nesta liña, o capítulo IX, sección primeira, da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, establece nunha norma de carácter legal o papel esencial da enerxía renovable e a necesidade de seguir fomentando o despregamento deste tipo de proxectos, co fin de cumprir os obxectivos de redución das emisións netas de gases de efecto invernadoiro e de neutralidade climática da Unión Europea; contribuír coa enerxía renovable á redución da contaminación e á protección, restauración e mellora do estado do ambiente, detendo e revertendo a perda de biodiversidade; e fomentar os beneficios socioeconómicos das enerxías renovables en Galicia, mediante a creación de novos postos de traballo, o fomento das industrias locais e a súa contribución á redución dos prezos da enerxía e á consecución dun prezo xusto e accesible para os cidadáns e as empresas. Deste modo, decláranse de interese público superior a planificación, construción e explotación dos parques eólicos de competencia autonómica, así como das súas infraestruturas de evacuación, de conformidade co establecido no Regulamento (UE) 2022/2577 do Consello, do 22 de decembro de 2022, polo que se establece un marco para acelerar o despregamento de enerxías renovables.
5. Sobre a non adecuación do proxecto á zonificación ambiental de enerxías renovables: eólica e fotovoltaica, definida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, hai que indicar:
A clasificación de sensibilidade ambiental desenvolvida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico é un recurso para axudar na toma de decisións estratéxicas sobre a localización das infraestruturas de produción de enerxía a partir de fontes renovables, que implican un importante uso de territorio e poden xerar impactos ambientais significativos. Como tal recurso ou ferramenta, segundo recolle o resumo executivo elaborado polo ministerio, na súa epígrafe de obxectivos, o modelo de zonificación «non exime do pertinente procedemento de avaliación ambiental a que se deberá someter cada instalación no seu caso, pois é unha aproximación metodolóxica orientativa que pretende servir de instrumento para que, desde un enfoque estratéxico e a unha escala xeral e integradora, se coñezan desde fases temperás os condicionantes ambientais asociados ás localizacións dos proxectos. Así mesmo, esta ferramenta sempre se deberá complementar coas regulacións establecidas naqueles instrumentos de planificación e ordenación aprobados polas comunidades autónomas no ámbito das súas competencias».
A memoria da zonificación ambiental para a implantación de enerxías renovables: eólica e fotovoltaica, no punto 3.2. Definición de indicadores, describe o proceso mediante o cal se establece a zonificación: «Por outro lado, analizouse a planificación enerxética das comunidades autónomas, xa que en moitas delas se levaron a cabo estudos de zonificación para orientar o desenvolvemento das enerxías renovables nos seus respectivos territorios. A dita planificación non foi integrada neste modelo debido a que a heteroxeneidade de criterios empregada nas diferentes comunidades autónomas dificulta a súa presentación e operación de xeito conxunto a nivel estatal.
Porén, esta planificación enerxética supón un complemento determinante a este modelo de zonificación estatal, que permite considerar as restricións establecidas a nivel autonómico e serviu de referencia á hora de seleccionar e valorar os indicadores do presente modelo.
Por outra banda, débese ter en conta que nas avaliacións de impacto ambiental que se efectúen para cada proxecto en concreto se realizarán procedementos de consulta e participación das administracións autonómicas e estatais con competencias en ambiente, avaliación ambiental, medio natural, enerxía, patrimonio cultural, etc., que asegurarán a integración destes criterios co maior nivel de detalle».
Se temos en consideración que a zonificación de sensibilidade ambiental proposta polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico é unha ferramenta, un recurso para axudar na toma das decisións relativas á avaliación ambiental dos proxectos de implantación de parques eólicos, recurso que, como se describiu antes, é orientativo; que a definición dos indicadores que establecen a zonificación teñen en conta, sen integralas plenamente, as regulacións de zonificación establecidas nas comunidades autónomas; que a súa definición é posterior ou coetánea á elaboración da documentación ambiental dos proxectos e que estes contaron cunha tramitación de avaliación ambiental que considerou todos os factores que esta ferramenta emprega para a súa elaboración, enténdese que a avaliación realizada polo órgano ambiental, de acordo co establecido na Lei 21/2013, do 28 de decembro, de avaliación ambiental, é máis precisa na aplicación de criterios de sensibilidade ambiental que unha ferramenta xeral creada a nivel de todo o territorio nacional.
Polo tanto, en canto á idoneidade da localización do parque eólico, debemos remitirnos ao ditame do órgano ambiental na formulación da declaración de impacto ambiental.
6. No que respecta ao incumprimento das distancias mínimas exixidas pola Lei 8/2009, o proxecto que se autoriza mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral do Territorio e Urbanismo do 19.12.2023, tal e como se sinala no antecedente de feito cuarto.
7. En relación coa grave afectación ás explotacións agrogandeiras e forestais, cómpre indicar que non están previstas afectacións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afectacións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiatorio, de ser o caso, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.
8. En canto ao fraccionamento, a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados. Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental». Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria). Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban incluír os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou doutro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «fraccionamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas. Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede». Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, coma o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares de ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita sentenza do 11 de decembro de 2013, «non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais». Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se persegue neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, pois reduce as superficies afectadas polas instalacións.
As recentes sentencias do Tribunal Supremo núm. 316/2025 e núm. 317/2025, do 21 de marzo de 2025 (recursos de casación 7213/23 e 3716/2024, respectivamente), confirman que o feito de compartir instalacións de evacuación non implica ineludiblemente a existencia dunha fragmentación artificiosa, e fixan a seguinte doutrina casacional (FX 9): «– O feito de que dúas ou máis instalacións de parques eólicos compartan instalacións de conexión non comporta, ineludiblemente, que debamos considerar a existencia dun único proxecto de parque eólico para os efectos da súa avaliación ambiental. A determinación de se, en tal suposto, debe considerarse ou non a existencia dun único parque eólico para os efectos da súa adecuada avaliación ambiental deberá facerse en cada caso atendendo ás circunstancias concorrentes, á luz da normativa e da xurisprudencia aplicables».
Desde o punto de vista da normativa aplicable, o Tribunal Supremo constata que «o uso de infraestruturas comúns é unha exixencia técnica imposta ou favorecida pola normativa aplicable». Neste sentido, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, coma o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita sentenza do 11 de decembro de 2013, «non se podería dar un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».
De acordo co exposto, non existe fragmentación artificiosa tendo en conta a normativa, a xurisprudencia aplicable e que en ningún caso se eludiron maiores exixencias ambientais (SSTS 316/25 e 317/25, do 21 de marzo).
9. En canto á alegación achegada pola empresa SPK Ansar, S.L., en que manifesta que esta sociedade está promovendo un parque eólico que se solapa co proxecto do parque eólico Batifol, obxecto desta autorización, promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., cómpre indicar que a tramitación do dito parque foi arquivada o 22.1.2026 pola Resolución do 22 de xaneiro de 2026, da Dirección Xeneral de Política Enerxética e Minas, pola que se acepta a desistencia formulada por SPK Ansar, S.L. da solicitude de autorización administrativa previa para o parque eólico Batifol, de 54,4 MW de potencia instalada, e a súa infraestrutura de evacuación, nos concellos de Castro de Rei, Castroverde e Pol, na provincia de Lugo, e se acorda o arquivamento do expediente PEol-942.
10. En canto á alegación relativa á ausencia de xustificación para se considerar o proxecto de interese público, cómpre facer mención á presunción de interese público superior das instalacións eólicas, derivada da Directiva (UE) 2023/2413 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de outubro de 2023, pola que se modifican a Directiva (UE) 2018/2001, o Regulamento (UE) 2018/1999 e a Directiva 98/70/CE no que respecta á promoción da enerxía procedente de fontes renovables e se derroga a Directiva (UE) 2015/652 do Consello (DOUE do 31 de outubro de 2023).
Neste contexto normativo, a Comunidade Autónoma de Galicia aprobou a Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que no seu capítulo IX, sección 1ª, regula a promoción en Galicia do despregamento da enerxía eólica como enerxía renovable, todo isto a partir da súa consideración estratéxica na redución das emisións netas de gases de efecto invernadoiro e da contaminación e, en fin, na loita contra o cambio climático, así como o papel esencial que as enerxías renovables desempeñan en termos de desenvolvemento económico, tal e como expón o seu artigo 34.
Nesta situación, o seu artigo 35 declara de interese público superior a planificación, construción e explotación de parques eólicos de competencia autonómica, así como as súas infraestruturas de evacuación, incluíndo os seus procedementos de autorización, construción e posta en funcionamento.
A este respecto, o artigo 36.1 establece os efectos de acordo coa normativa europea citada.
Polo demais, en canto ao ámbito de aplicación, o artigo 36.2 establece que será aplicable a todos aqueles proxectos que non dispoñan da autorización definitiva na vía administrativa, de posta en funcionamento antes do 30 de decembro de 2022, data da entrada en vigor do Regulamento (UE) 2022/2577 do Consello (precursor da Directiva (UE) 2023/2413), calquera que sexa a data de inicio dos procedementos administrativos de autorización ante a Administración autonómica.
Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Batifol, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 4.9.2025:
a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do proxecto parque eólico Batifol, nos concellos de Castro de Rei, Castroverde e Pol (Lugo), promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, concluíndo que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, o condicionado e o programa de vixilancia ambiental que figuran neste documento e que prevalecerán sobre todo o anterior».
b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Batifol.
Nas epígrafes 5 e 6 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:
5. Condicións ambientais.
5.1. Condicións particulares.
5.2. Condicións xerais.
5.2.1. Protección da atmosfera.
5.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.
5.2.3. Protección do solo e infraestruturas.
5.2.4. Xestión de residuos.
5.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.
5.2.6. Integración paisaxística e restauración.
5.3. Outras condicións.
6. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.
6.1. Aspectos xerais.
6.2. Aspectos específicos.
6.3. Informes do programa de vixilancia.
De acordo con todo o que antecede,
RESOLVO:
Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Batifol, sito nos concellos de Castro de Rei, Castroverde e Pol (Lugo) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., para unha potencia de 12,47 MW.
Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Batifol, composto polo documento Parque eólico Batifol. Proxecto de execución. Concellos de Castro de Rei, Castroverde e Pol (Lugo), asinado o 26.1.2026 polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares e visado o 27.1.2026 polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, co número 20260160.
As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:
Solicitante: Naturgy Renovables, S.L.U. (NIF B-84160423).
Enderezo social: avenida de América, 38, 28028 Madrid.
Denominación: parque eólico Batifol.
Potencia instalada: 12,47 MW.
Potencia autorizada/evacuable: 12,47 MW.
Produción neta: 29.616 MWh/ano.
Horas equivalentes netas: 2.375 h.
Concellos afectados: Castro de Rei, Castroverde e Pol (Lugo).
Orzamento de execución material (sen IVE): 10.675.028,57 €.
Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico ás cales se circunscriben as autorizacións:
|
Vértice poligonal |
Coordenadas UTM |
|
|
(Fuso 29 ETRS89) |
||
|
X |
Y |
|
|
a |
630.892,00 |
4.773.357,00 |
|
b |
632.369,00 |
4.770.898,00 |
|
c |
633.770,00 |
4.770.600,00 |
|
d |
633.770,00 |
4.769.000,00 |
|
e |
628.320,00 |
4.768.710,00 |
|
f |
627.535,00 |
4.770.231,00 |
|
g |
629.581,00 |
4.773.357,00 |
Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:
|
Aeroxerador |
Coordenadas UTM |
||
|
(Fuso 29 ETRS89) |
|||
|
X |
Y |
Concello |
|
|
BA-03 |
628.355,00 |
4.770.288,00 |
Castro de Rei |
|
BA-04 |
628.608,00 |
4.769.899,00 |
Castroverde |
Coordenadas do centro de seccionamento Monciro:
|
Vértice |
Coordenadas UTM |
||
|
(Fuso 29 ETRS89) |
|||
|
X |
Y |
Concello |
|
|
CS |
629.829,71 |
4.770.481,22 |
Pol |
Coordenadas dos vértices da plataforma onde se localiza o centro de seccionamento:
|
Vértice |
Coordenadas UTM |
|
|
(Fuso 29 ETRS89) |
||
|
X |
Y |
|
|
1 |
630.804,85 |
4.770.467,71 |
|
2 |
629.828,47 |
4.770.509,50 |
|
3 |
629.854,58 |
4.770.494,74 |
|
4 |
629.830,97 |
4.770.452,95 |
Coordenadas da ampliación SET Monciro:
|
Vértice |
Coordenadas UTM |
||
|
(Fuso 29 ETRS89) |
|||
|
X |
Y |
Concello |
|
|
Ampliación SET Monciro |
633.566,20 |
4.770.033,82 |
Castroverde |
Características técnicas principais das instalacións que forman o parque eólico:
• Dous aeroxeradores de potencia nominal unitaria de 6,235 MW, cun diámetro de rotor de 155 m e altura de buxa 122,5 m.
• Dous centros de transformación, instalados no interior da torre de cada un dos aeroxeradores, formados por transformadores de 7.000 kVA de potencia aparente e relación de transformación 0,65/30 kV, cabinas e cables de 30 kV.
• Rede colectora soterrada de 30 kV, para a interconexión dos centros de transformación dos aeroxeradores co centro de seccionamento do parque. Condutores de fibra óptica e condutores da rede de terras.
• Rede colectora soterrada de 30 kV, para o centro de seccionamento do parque e o edificio de control localizado na SET Monciro 20/132 kV. Condutores de fibra óptica e condutores da rede de terras.
• Obra civil necesaria (camiños de acceso, vías interiores, cimentación e plataformas de montaxe, canalizacións e gabias de cablaxe).
Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Naturgy Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras e na fase de desmantelamento. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, en 80.062,71 e 106.750,29 euros, respectivamente.
A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.
2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.
3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).
4. De acordo coas condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 4.9.2025, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras de construción, cos informes favorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e da Dirección Xeral de Saúde Pública, de acordo cos puntos 5.1.2, 5.1.3 e 5.1.4 da DIA.
5. O promotor deberá comunicar o inicio das obras con anterioridade ao prazo de dez (10) días á Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático achegando toda a documentación necesaria establecida nesta resolución e na declaración de impacto ambiental.
6. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, o promotor deberá achegar ao Servizo de Seguimento e Oficina Técnica da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 6 da declaración de impacto ambiental.
7. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.
No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.
8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante o departamento territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.
9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, o Departamento Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.
10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.
11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.
12. O promotor deberá cumprir todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 4 de setembro de 2025, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.
13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.
14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.
15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. De transcorreren tres meses sen que o promotor aboe as taxas correspondentes a esta publicación no Diario Oficial de Galicia, entenderase paralizado o procedemento por causa imputable ao promotor polo que, de acordo co artigo 95 da Lei 39/2015, se acordará o arquivamento das actuacións.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2026
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
