DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Venres, 26 de xuño de 2026 Páx. 36531

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 22 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión dunha axuda económica ás familias usuarias dos comedores escolares dos centros docentes sostidos con fondos públicos non xestionados por esta consellería e se procede á súa convocatoria para o curso escolar 2025/26 (código de procedemento ED601C).

O Estatuto de autonomía de Galicia declara no seu artigo 31 a competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia para o regulamento e a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das limitacións impostas polos artigos 27 e 149 da Constitución española.

Pola súa banda, a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece e define as obrigas das administracións educativas en relación cos servizos educativos complementarios, tales como o transporte e os comedores escolares.

O Decreto 132/2013, do 1 de agosto, polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios dependentes da consellería con competencias en materia de educación, establece no seu artigo 2 as modalidades nas que se pode prestar o servizo de comedor escolar, regulando ademais da xestión directa e indirecta da consellería competente en materia de educación, a xestión por administracións públicas distintas da Xunta de Galicia, responsables da contratación e da xestión integral do servizo, mediante a subscrición, se é o caso, de convenios de colaboración para o efecto, e por entidades privadas sen ánimo de lucro, responsables da contratación e da xestión integral do servizo, autorizadas para o efecto pola consellería competente en materia de educación, como poden ser as asociacións de nais e pais de alumnos e as súas federacións con que esta, se é o caso, poderá establecer fórmulas de colaboración mutua.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional establece, nesta orde, axudas económicas ás familias do alumnado de centros educativos sustentados con fondos públicos usuarias do comedor escolar non xestionados por esta.

Establécese a obrigatoriedade do emprego de medios electrónicos por parte das persoas solicitantes, ao abeiro do previsto no artigo 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, dado que se dirixe a un colectivo en que se presume a dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios e que conta coa capacidade técnica precisa para garantir o acceso a eles, destacando que na actualidade a comunicación cos centros educativos se fai a través de ferramentas electrónicas.

Esta orde adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

No uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten como obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión directa de axudas económicas ás familias do alumnado matriculado en niveis de segundo ciclo de educación infantil, educación primaria e educación especial pola utilización do comedor escolar non xestionado directa nin indirectamente pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional nos centros docentes sustentados con fondos públicos.

2. Os centros docentes deberán estar autorizados pola consellería competente en materia de educación, situados no territorio da Comunidade de Galicia e contar con servizo de comedor prestado de conformidade co disposto no Decreto 132/2013, do 1 de agosto, nunha modalidade distinta á xestión directa ou indirecta da consellería.

3. Así mesmo, é obxecto desta orde proceder á súa convocatoria para o curso 2025/26 (código de procedemento ED601C).

4. As axudas que se concedan terán o carácter de subvención e rexeranse pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de desenvolvemento; pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; así como polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de 2.800.000,00 €, con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.423A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

2. O crédito final resultante destinado a estas axudas poderase incrementar no suposto de que sexa insuficiente para atender todas as solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde. Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado dalgún dos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.

A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes, nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias da axuda as persoas proxenitoras e as persoas titoras ou representantes legais do alumnado matriculado no curso 2025/26, nos niveis de segundo ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria e Educación Especial dos centros docentes sustentados con fondos públicos non universitarios do alumnado usuario dun comedor escolar non xestionado nin directa nin indirectamente pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

2. O alumnado deberá ser usuario do servizo de comedor escolar do centro no que se atope matriculado, con asistencia, polo menos, do 40 % dos días lectivos durante o curso escolar 2025/26.

3. Así mesmo, as persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Todos os requisitos deberán reunirse no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 4. Tipo de axuda e contía

A axuda consistirá nunha achega económica de pagamento único de 150 € por cada filla ou fillo usuaria/o do comedor escolar para aquelas familias con renda per cápita da unidade familiar igual ou inferior a 6.000 €.

Artigo 5. Compatibilidade con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas serán compatibles con outras subvencións, axudas ou ingresos, procedentes doutras administracións públicas, destinados á mesma finalidade, sempre que, en concorrencia con estas, non supere o custo do servizo de comedor escolar.

2. As persoas beneficiarias terán que comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións ou bolsas para a mesma finalidade, procedente de calquera outra Administración pública, para o curso 2025/26.

Artigo 6. Determinación da renda per cápita da unidade familiar

1. Para os efectos desta orde, a renda per cápita da unidade familiar é o resultado de dividir a renda da unidade familiar do exercicio fiscal 2024 entre o número de membros computables, tendo en conta que computarán por dous os membros que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33 % ou a percepción dunha pensión da Seguridade Social por incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez, ou a equivalente de clases pasivas.

2. A renda da unidade familiar será o resultado de sumar as rendas de cada un dos membros computables da familia que obteñan ingresos de calquera natureza, de conformidade coa normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Cando esta declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas no exercicio fiscal 2024, sumaranse a base impoñible xeral (recadro 435) e a base impoñible do aforro (recadro 460); cando non se presente, teranse en conta os ingresos de acordo cos datos tributarios facilitados pola Axencia Estatal de Administración Tributaria (certificado de imputacións).

Artigo 7. Membros computables da unidade familiar

1. Para os efectos desta orde, terán a consideración de membros computables da unidade familiar:

a) As persoas proxenitoras non separadas legalmente nin divorciadas ou, de ser o caso, as persoas titoras do alumnado.

b) Os/as fillos/as menores de idade con excepción dos emancipados, así como as persoas menores tuteladas ou en acollemento familiar ou preadoptivo legalmente constituído.

c) Os/as fillos/as maiores de idade con discapacidade cando teñan modificada xudicialmente a súa capacidade xurídica mediante a constitución de curatela representativa ou cando estean suxeitos a patria potestade prorrogada ou rehabilitada mentres non se produza a revisión desta medida.

d) Os/as fillos/as solteiros/as menores de 25 anos e que convivan no domicilio familiar.

e) As persoas proxenitoras separadas legalmente ou divorciadas con custodia compartida forman unha unidade familiar cos fillos que teñen en común.

f) A persoa unida por novo matrimonio ou por unión de feito á persoa proxenitora da/do alumna/o, agás nos casos de custodia compartida.

2. Cando non exista vínculo matrimonial, entenderase que constitúen unha unidade familiar as persoas proxenitoras e todos os descendentes que convivan con eles e que reúnan os requisitos das letras b), c) e d) do punto 1, agás nos casos de custodia compartida.

3. Non terá a consideración de membro computable:

a) A persoa proxenitora que non conviva co alumnado nos casos de separación legal ou divorcio, agás no caso de custodia compartida.

b) O agresor nos casos de violencia de xénero.

4. En todo caso, terase en conta a situación persoal e a composición da unidade familiar referida á data de fin do prazo para presentar solicitudes, excepto os datos económicos, que serán os do exercicio fiscal de 2024.

Artigo 8. Procedemento de concesión e resolución das axudas

1. O procedemento de concesión da axuda é o de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

De acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 31.4 da mesma norma, o órgano competente para a tramitación do procedemento comezará a instrución dos expedientes seguindo a orde de presentación das solicitudes de acordo co disposto no artigo 71.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

En aplicación dos principios de eficacia na asignación e na utilización dos recursos públicos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a tramitación e a resolución das solicitudes virá determinado pola data na que se tivese presentado a documentación completa requirida nesta orde.

As axudas reguladas nesta orde tramitaranse polo procedemento abreviado previsto no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. En consecuencia, unha vez realizadas as comprobacións dos requisitos establecidos nesta convocatoria, a unidade administrativa instrutora elevará unha proposta de resolución.

2. Corresponderá aos Servizos de Apoio aos Servizos Educativos dos departamentos territoriais competentes en materia de educación, segundo o ámbito territorial do centro docente do alumnado solicitante, a instrución do procedemento, coa tramitación das solicitudes de axudas e realizando os demais actos de xestión previstos nesta orde.

3. A resolución destas axudas correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, por delegación da persoa titular da Consellería Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que deberá resolver no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución dos órganos instrutores.

A resolución, única para as catro provincias, realizarase unha vez recibidas as propostas de resolución, fixará os termos da axuda e considerarase ditada polo órgano delegante.

4. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de cinco meses contados desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

Artigo 9. Forma, lugar e prazo para a presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado de solicitude, anexo I, código de procedemento ED601C, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes electrónicas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A solicitude será única para todos os fillas e fillos e, de ser o caso, tuteladas e tutelados, que estean admitidos no mesmo centro docente para o curso 2025/26.

3. O prazo para a presentación de solicitudes iniciarase transcorridos 8 días naturais desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG e será dun mes.

No caso de que o día de inicio do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o día hábil seguinte, cunha hora de inicio das 9.00 horas e unha hora de fin de prazo ás 20.00 horas.

Enténdese por último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de inicio, conforme o establecido neste artigo. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. Poderán presentar as solicitudes de axudas as persoas proxenitoras, titores/as ou representantes legais do alumnado, e a súa presentación implicará que aceptan as bases da convocatoria, que cumpren os requisitos exixidos nela e que son certos os datos indicados na solicitude.

5. A persoa solicitante asinará na declaración responsable que forma parte da solicitude, que dispón do documento asinado polo cónxuxe ou persoa con unión análoga á conxugal ou outro membro da unidade familiar, no que autoriza ou se opón á comprobación dos datos destas últimas, conforme o modelo do anexo II. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.

6. A presentación da solicitude supón a aceptación das bases reguladoras, así como a aceptación da axuda, en caso de resultar beneficiario da subvención.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo III. Declaración responsable da entidade xestora do comedor escolar, en que o alumno curse os seus estudos, na que se indique que este utilizou o comedor escolar durante o curso, así como o número de días, o prezo diario do devandito servizo e o importe total pagado e os datos do pagador.

Esta declaración tamén pode realizarse pola entidade contratada pola entidade xestora para a prestación do servizo.

b) Declaración responsable onde figuren xunto á/ao alumna/o, os demais membros computables da unidade familiar, segundo se establece no artigo 7 desta orde.

c) Certificado de discapacidade do/da alumno/a ou calquera membro da familia non expedido pola Administración autonómica.

d) Documentación xustificativa da situación de violencia de xénero no ámbito familiar, en calquera das formas que enumera o artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, cando o agresor forme parte da unidade familiar.

e) Resolución xudicial constitutiva da curatela representativa ou resolución xudicial que estableza a patria potestade prorrogada ou rehabilitada mentres non se produza a revisión desta medida.

f) Resolución administrativa ou xudicial acreditativa da situación de acollemento ou de certificado do centro de menores, para o alumnado en situación de tutela ou garda da Xunta de Galicia.

g) Certificado de convivencia, volante de convivencia ou informe dos servizos sociais ou do órgano equivalente do concello onde resida a familia, no caso de que o pai e a nai ou o titor o titores carezan de DNI e NIE.

h) Outra documentación que se considere pertinente.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. En todo caso, os documentos deberán ser válidos e eficaces no momento da súa presentación e reflectir a situación persoal e familiar á data de fin do prazo para presentar solicitudes, excepto os datos económicos que serán os do exercicio fiscal 2024.

Artigo 12. Comprobación datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que as persoas interesadas se opoñan á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar.

b) DNI ou NIE da persoa representante do/da solicitante.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

c) Certificado de discapacidade da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar expedido pola Administración autonómica, de ser o caso.

d) Percepción de pensión por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez, ou de pensión de clases pasivas por xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade (equivalente a unha discapacidade igual ou superior ao 33 %), da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar, de ser o caso.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario respectivo e achegar os documentos.

2. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para consultar:

a) Declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas ou, a falta desta, o certificado tributario de imputacións da persoa solicitante e do resto dos membros computables da unidade familiar do exercicio 2024 (consulta de nivel de renda).

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Instrución do procedemento

1. Os departamentos territoriais da consellería comprobarán que figure toda a documentación que a persoa solicitante indica no recadro «documentación que se presenta» do anexo I e, así mesmo, os documentos preceptivos que se deben presentar en caso de oposición á consulta automatizada.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles, emenden a falta ou acheguen os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos no artigo 21 da dita lei.

3. Sen prexuízo do disposto no número anterior, o órgano instrutor realizará, de oficio, cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, e poderá requirir a persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Respecto dos expedientes en que concorran causas de inadmisión, así como de declaración ou aceptación de desistencia, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta de resolución do procedemento. En todo caso non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na convocatoria.

Artigo 14. Resolución

A persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, por delegación da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación profesional, resolverá a concesión ou denegación das axudas, así como as persoas solicitantes que se considere teñen desistido na súa solicitude ou nas que concorren outras causas de finalización do procedemento.

A resolución, única para as catro provincias, realizarase unha vez recibidas as propostas de resolución de todos os departamentos territoriais, fixará os termos da axuda e considerarase ditada polo órgano delegante.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións electrónicas entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Pagamento das axudas

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos tramitará as correspondentes ordes de pagamento, que se farán coa resolución de concesión das axudas, unha vez acreditado que o beneficiario solicitou e acreditou a situación que xustifica a concesión da subvención e o cumprimento das obrigas materiais e formais establecidas nestas bases.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias destas axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e mais no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e especificamente a:

a) Facilitar aos órganos competentes toda a información necesaria para asegurar o cumprimento da finalidade da axuda concedida, particularmente a que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

b) Destinar a axuda á finalidade para a que se concede.

c) Comunicar calquera alteración das condicións que motivaron o seu outorgamento.

d) Manter no seu poder o anexo II de comprobación de datos de terceiras persoas. Estes documentos poderán ser requiridos pola Administración pública en calquera momento.

Artigo 18. Réxime de recursos

As resolucións expresas ou presuntas que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditou por delegación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Será competente para a resolución destes recursos de reposición a persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, que os resolverán por delegación de competencias.

Directamente poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se esta for expresa, ou de seis meses a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

No caso de interpoñer o recurso de reposición, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producira a desestimación presunta do dito recurso.

Artigo 19. Modificación da resolución de concesión

De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Artigo 20. Xustificación da subvención

Tendo en conta que as axudas previstas nestas bases se conceden en atención á concorrencia nas persoas beneficiarias da situación prevista no seu artigo 1, de acordo co artigo 28.9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non se requirirá a rendición da conta xustificativa regulada nese artigo, sen prexuízo, en todo caso, da necesaria acreditación da situación que xustifica a concesión da subvención previamente á súa concesión e o cumprimento das obrigas materiais e formais establecidas nestas bases.

Artigo 21. Revogación da prestación

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito á cobranza ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das seguintes obrigacións:

a) Cando se obtivese a subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.

b) Cando se incumpran totalmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou non se adopte o comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigacións contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso se derivase a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. No suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de demora correspondente.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os números anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 22. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código ED601C, poderase obter documentación normalizada ou información na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede. xunta.gal, no portal da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, https://educacioneciencia.xunta.gal/es/portada

Artigo 23. Réxime de infraccións e sancións

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Base de datos nacional de subvencións

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional transmitiralle á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2026

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file