O artigo 5 da Resolución do 13 de maio de 2026 pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2026/27 (Diario Oficial de Galicia núm. 91, do 19 de maio), establece as condicións e períodos en que pode realizarse o adestramento de cans e aves de cetraría.
No número 1 do artigo 5 mencionado regúlanse os períodos xerais de adestramento en función do réxime dos terreos cinexéticos, sen facer referencia ao número máximo de cans que pode adestrar simultaneamente unha persoa ou grupo de persoas cazadoras, limitación que se tratou na sesión do Comité Galego de Caza do 26 de marzo de 2026 e que se considera necesaria.
Considerando o anteriormente exposto, en uso das funcións conferidas polo disposto no artigo 54 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, e consonte o recollido no Decreto 137/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que atribúe á consellería a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos e concreta que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural é o organismo que exercerá as competencias e funcións atribuídas en materia da ordenación, conservación, protección, fomento e o aproveitamento sustentable dos recursos cinexéticos,
RESOLVO:
Artigo único. Modificación da Resolución do 13 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2026/27
O número 1 do artigo 5 da Resolución do 13 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, pola que se determinan as épocas hábiles de caza, as medidas de control por danos e os réximes especiais por especies durante a tempada 2026/27, queda redactado da seguinte maneira:
«1. Nos terreos de réxime cinexético común autorízase o adestramento de cans e aves de cetraría, sen petición previa, desde o 1 de setembro de 2026 ata o 6 de xaneiro de 2027 os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico.
En terreos de réxime cinexético especial, agás na superficie vedada dos tecores, autorízase o adestramento de cans e aves de cetraría, sen solicitude previa, desde o 1 de setembro de 2026 ata o 17 de outubro de 2026 os xoves, sábados, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico, e desde o 18 de outubro de 2026 ata o 6 de xaneiro de 2027 os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico.
Nos terreos de réxime cinexético especial que teñan autorizada a prórroga do período hábil de caza para a arcea nos seus plans de aproveitamento cinexético, poderá permitirse o adestramento de cans sobre esta especie e exclusivamente para realizar censos desde o 7 de xaneiro de 2027 ata o 7 de febreiro de 2027, os xoves, os domingos e os festivos de carácter estatal ou autonómico.
En todo caso, o adestramento realizarase segundo o establecido no artigo 44.4 da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia. O número máximo de cans por persoa cazadora será de catro e de 12 por grupo constituído por un máximo de seis persoas cazadoras, sexa cal sexa o tipo de réxime do terreo cinexético en que se realice o adestramento, excepto nas zonas de adestramento para cans, que teñen a súa propia normativa».
Disposición adicional única
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto nos artigos 45.1.a), 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2026
Marisol Díaz Mouteira
Directora xeral de Patrimonio Natural
