En cumprimento do disposto no artigo 80.3 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, no artigo 36 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental e nas demais normas vixentes de aplicación, sométese a información pública a solicitude relacionada co proxecto que se detalla a continuación.
1. Antecedentes.
1º. Con data 1.6.2026, o proxecto do complexo industrial para a produción e distribución de vehículos eléctricos e híbridos, no concello de Ferrol (A Coruña), promovido por Saic Motor Corporation Limited, foi declarado proxecto industrial estratéxico (PIE) por Acordo do Consello da Xunta de Galicia, ao abeiro do establecido no texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, actuación enmarcada dentro dun proxecto global de implantación previsto pola empresa nas comarcas de Ferrol e As Pontes de García Rodríguez, territorios con ampla tradición no desenvolvemento de actividades industriais, e nas cales se considera óptimo impulsar unha estratexia de reindustralización que permita a implantación de novas industrias e a creación de emprego industrial.
De acordo coa solicitude de proxecto industrial estratéxico (PIE) presentada pola promotora, o proxecto intégrase plenamente na estratexia corporativa de SAIC Motor orientada á innovación tecnolóxica, a sustentabilidade ambiental e a dixitalización industrial, e apóiase na súa sólida base de recursos humanos, na súa rede global de centros de I+D, na súa experiencia en xestión de grandes complexos industriais e na súa capacidade para coordinar operacións multimarca e multiplanta.
Así mesmo, a nova planta deseñarase conforme os sistemas de xestión de calidade, medio ambiente e control interno xa implantados polo grupo, garantindo elevados niveis de fiabilidade operativa, seguridade laboral e desempeño ambiental.
Ademáis da súa dimensión industrial, a implantación da nova planta de produción terá un impacto relevante no ámbito socioeconómico, contribuíndo á xeración de emprego directo e indirecto, ao desenvolvemento de capacidades técnicas e profesionais, e ao fortalecemento do ecosistema industrial asociado. O proxecto prevé integrar políticas corporativas aliñadas cos principios de responsabilidade social empresarial e sustentabilidade, baseándose na experiencia previa de SAIC Motor en programas de formación, seguridade laboral, eficiencia enerxética e redución de emisións.
En conxunto, este proxecto representa unha aposta estratéxica polo desenvolvemento de capacidades industriais no sector da automoción en Galicia, reforzando a competitividade, a innovación e a sustentabilidade da actividade produtiva, e sentando as bases para un crecemento industrial sólido, tecnoloxicamente avanzado e aliñado coas tendencias estruturais do sector da automoción.
O proxecto concíbese cunha clara vocación de efecto tractor sobre o tecido industrial galego e europeo, asumindo o compromiso de cumprir cos requisitos de localización de fabricación de compoñentes establecidos pola Unión Europea.
Entre os desenvolvementos industriais que SAIC ten previsto levar a cabo está a implantación de procesos clave de fabricación tales como as operacións de estampaxe, taller de carrozaría e taller de pintura, que se prevé despregar progresivamente no porto exterior de Ferrol, en consonancia co desenvolvemento global do proxecto, así como outras actividades industriais noutras localizacións da comarca de Ferrol.
Igualmente, tendo en conta o desenvolvemento global do proxecto e as necesidades industriais, SAIC Motor prevé o desenvolvemento progresivo doutras actividades industriais dentro do concello das Pontes de García Rodríguez, con especial atención á fabricación de compoñentes para automoción e ás industrias auxiliares relacionadas (tales como compoñentes de interior, procesado de compoñentes de chasis, ensamblaxe, etc.).
O proxecto impactará positivamente en varios aspectos socioeconómicos na Comunidade Autónoma de Galicia, xerando riqueza, emprego e oportunidades no territorio galego, especialmente no ámbito de actuación do proxecto. O investimento previsto supón unha mobilización significativa de gran relevancia, pois trátase dun investimento destinado a crear actividade industrial, xerando unha actividade económica estable, sustentable e con efecto multiplicador sobre a industria auxiliar, os servizos técnicos e a actividade loxística, entre outros sectores.
Neste sentido, a implantación do proxecto terá un impacto positivo directo e indirecto sobre a industria auxiliar galega, actuando como panca de crecemento para provedores xa implantados e como elemento de atracción para novas capacidades industriais. A maior demanda de bens intermedios, servizos técnicos e solucións loxísticas impulsará a actividade económica en múltiples sectores complementarios, especialmente en fabricación auxiliar, mantemento industrial, enxeñaría, dixitalización, transporte e almacenamento. Este efecto multiplicador reforzará a resiliencia da cadea de subministración rexional, mellorará economías de escala e consolidará o posicionamento competitivo de Galicia en sectores industriais de alto valor engadido.
Nunha primeira etapa, o proxecto industrial estratéxico inclúe a posta en marcha dunha zona industrial no porto exterior de Ferrol. O proxecto creará 1.000 postos de emprego directo, cun impacto no conxunto de Galicia de 2.000 empregos creados en total (1.000 empregos directos +1.000 indirectos), tendo en conta as cadeas de valor da automoción e a loxística, entre outras, que se verán positivamente afectadas polo proxecto. Dos 1.000 postos de traballo directos, 460 postos estarán relacionados coas operacións loxísticas e 540 coas produtivas.
Adicionalmente a estes números de creación de emprego directamente polo proxecto da implantación en Ferrol, tanto na fase de operación como de construción, prevese que as actividades industriais das empresas da cadea de subministración que se instalarían nas Pontes teñan un impacto positivo no emprego local, que se estimou preliminarmente en máis de 300 postos de traballo, aínda que a magnitude real dependerá das decisións individuais de investimento, o desenvolvemento de negocio e os plans de execución de cada empresa da cadea de subministración.
2º. O 15.6.2026 a promotora presentou a documentación exixida de acordo co artigo 80.3 do TRDLPI, correspondente á primeira etapa da actuación global da empresa en Galicia. Esta primeira etapa consiste no desenvolvemento dun proxecto do complexo industrial para a produción e distribución de vehículos eléctricos e híbridos, no concello de Ferrol (A Coruña). Unha vez completa a documentación, a Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético da Consellería de Economía e Industria continúa coa tramitación do expediente e somete a información pública, polo prazo de (30) días hábiles, o proxecto e o estudo de impacto ambiental (EIA) do proxecto industrial estratéxico (PIE) denominado Complexo industrial para a produción e distribución de vehículos eléctricos e híbridos, no concello de Ferrol (A Coruña).
2. Datos do proxecto.
• Solicitante/promotora: Saic Motor Corporation Limited.
• NIF: B02673689.
• Denominación do proxecto: Complexo industrial para a produción e distribución de vehículos eléctricos e híbridos.
• Concello afectado pola industria: Ferrol (A Coruña).
• Situación da industria: porto exterior de Ferrol-San Cibrao, s/n, cabo Prioriño.
• Actividade: 2910. Fabricación de vehículos de motor.
• Descrición do proxecto: o obxecto do presente proxecto é a implantación dun complexo destinado ao proceso de recepción e almacenaxe das diferentes pezas que conforman os vehículos, pezas de interiores e equipamento, chasis, carcasas exteriores, vidros etc., todo o necesario para poder levar a cabo o proceso de ensamblaxe completa dos vehículos. Tras a montaxe realizaranse os controis de calidade, probas de funcionamento completo dos vehículos e expedición final. A produción anual estimada é de 120.000 vehículos ao ano. Correspóndese coa primeira etapa da actuación global de despregamento da empresa en Galicia, que se prevé que inclúa a fabricación doutros compoñentes na Comunidade Autónoma, así como a adquisición doutros elementos á industria local.
• Investimento: 196.945.658,02 €.
• Principais instalacións da planta:
Exponse a seguinte configuración de edificios e as súas respectivas fases de desenvolvemento para poder operar como unha planta industrial moderna, eficiente e aliñada cos principios da mobilidade sustentable, cunha superficie total construída de 100.541 m2.
A fase I configurarase mediante os seguintes espazos:
– Centro Workshop (General Assembly Shop) edificio principal destinado a recibir as pezas terminadas, almacenar e ensamblaxe/produción dos automóbiles.
– Oficinas principais, distribuídas en dúas plantas (planta baixa e primeira planta).
– Garita de control de accesos.
– Edificación destinada á almacenaxe de produtos químicos e residuos perigosos.
– Circuito de probas, espazo completamente exterior e delimitado onde, tras a finalización da montaxe, se levaran os automóbiles para realizar as probas e test oportunos e así verificar o correcto funcionamento.
– Almacenaxe exterior de vehículos terminados, lugar completamente exterior e acondicionado onde quedarán almacenados os vehículos tras a realización con éxito das probas e test.
– PDI (in) e PDO (out) (oficinas de entrada e saída), edificios administrativos situados xunto á área destinada á almacenaxe exterior de vehículos terminados en que se levarán a cabo os labores de control administrativo do devandito almacén.
Na fase II prevese:
– Almacén, edificación existente que se destinará ao almacenamento de mercadorías e das pezas que compoñen os vehículos, para a súa posterior incorporación ás liñas de produción.
– Ampliacións do Workshop: seguindo as necesidades de espazo destinado á almacenaxe descrita no volume (existente) anterior, proxéctanse as ampliacións do Centro Worlshop principal, as cales conectarán este centro con estes novos espazos onde se almacena a mercadoría/pezas que compoñen os vehículos, para a súa posterior introdución nas liñas de produción.
– Almacenaxe exterior de vehículos terminados; derivada das previsións e necesidades de produción proxectadas pola promotora, amplíase a área destinada a almacenamento completamente exterior de vehículos terminados, listos para seren expedidos do complexo.
– Estación de reposición para o consumo propio, consistente en dous depósitos aéreos de 10.000L cada un deles e 2 chafarices, previstos para dotar dun mínimo de combustible os vehículos híbridos fabricados listos para seren expedidos do complexo.
De forma esquemática, o proceso completo segue esta secuencia:
1. Recepción e secuenciación de carrozarías procedentes dos talleres previos (chapa e pintura).
2. Liña de interior: cablaxe, cadro de mandos, vidros, tapizaría e frontal.
3. Liña de chasis: suspensións, batería, paragolpes, asentos e rodas.
4. Liña de ensamblaxe final: líquidos, portas, comprobacións electrónicas e axustes.
5. Inspección, probas dinámicas, proba de choiva e reparación, se procede.
6. Inspección previa á entrega e expedición.
Todo este proceso está sincronizado mediante un sistema informático que controla o ritmo de produción (takt-estafe), xestiona os pedidos de pezas aos provedores e rexistra cada operación realizada.
3. Obxecto da información pública:
Sométense a información pública o proxecto industrial estratéxico (PIE) denominado Complexo industrial para a produción e distribución de vehículos eléctricos e híbridos, no concello de Ferrol, e o seu estudo de impacto ambiental (EIA), para os efectos das autorizacións administrativas que procedan para a súa aprobación. Todo o anterior de forma conxunta, en virtude do disposto no artigo 79.4 do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro.
4. Documentación que se expón:
– Proxecto básico Saic Eu Base Proyect de complexo industrial para produción e distribución de vehículos eléctricos e híbridos (xuño 2026; colexiado núm. 2955 ICOIIG).
– Estudo de impacto ambiental ordinario do proxecto de implantación dun complexo industrial para a produción e distribución de vehículos eléctricos e híbridos no porto exterior de Ferrol (xuño 2026).
O que se fai público, de conformidade co artigo 80.3 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, e demais normas anteriormente citadas, para o coñecemento xeral, e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren afectadas nos seus dereitos ou intereses poidan examinar a documentación técnica anteriormente relacionada e, de ser o caso, presentar as alegacións ou observacións que consideren oportunas dentro do prazo de trinta (30) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Para a presentación de alegacións empregarase o modelo normalizado IN301B, Alegacións a proxectos industriais estratéxicos durante o trámite de información pública, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https:\\sede.xunta.gal).
A dita documentación poderá consultarse no portal web da Consellería de Economía e Industria, a través da seguinte ligazón:
https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/proxectos-industriais-estratexicos
Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2026
Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético
