O Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, foi aprobado tendo en conta os criterios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.
De acordo con estes criterios, foron aprobados os decretos 48/2024 e 49/2024, do 14 de abril, polos que se establecen os órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, respectivamente, tendo en conta o compromiso da Xunta de Galicia de afondar no camiño xa iniciado de racionalización das súas estruturas administrativas, consolidando pautas de mellora continua na procura dunha maior eficacia e eficiencia no seu funcionamento.
Posteriormente, o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería, recolle a distribución de competencias entre os diferentes órganos desta. O Decreto 136/2024, do 20 de maio, foi modificado polo Decreto 73/2025, do 4 de agosto.
Con esta modificación créase unha Xefatura de Servizo de Obras e Infraestruturas Administrativas no Departamento Territorial de Lugo, co fin de reforzar a estrutura organizativa neste ámbito e garantir unha xestión eficiente das obras e infraestruturas administrativas, deportivas e xudiciais da provincia, asegurando unha adecuada planificación, coordinación e supervisión das actuacións.
Así mesmo, adecúanse as funcións dos servizos de Obras e Infraestruturas Administrativas dos departamentos territoriais da Coruña e Pontevedra, para incorporar a correcta denominación das unidades administrativas con que conta a Subdirección Xeral de Coordinación e Servizos Transversais.
O decreto axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público de Galicia. En concreto, cumpre cos principios de necesidade e eficacia, é un instrumento necesario e axeitado para servir ao interese xeral e ten como premisas os criterios de racionalización administrativa. Cumpre co principio de proporcionalidade e é o instrumento normativo necesario para o desenvolvemento da estrutura orgánica, coa regulación imprescindible para atender esta necesidade. Finalmente, cumpre cos principios de seguridade xurídica, transparencia e eficiencia, pois é coherente co resto do ordenamento xurídico, identifica o seu propósito e del non derivan novas cargas administrativas, así como cos principios de simplicidade e eficacia.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, cos informes preceptivos favorables e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e dous de xuño de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO:
Artigo único. Modificación do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
O Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, queda modificado como segue:
Un. O cuarto parágrafo do número 2 do artigo 52 queda redactado como segue:
2.4. Servizo de Obras e Infraestruturas Administrativas.
Desenvolverá, no seu ámbito territorial, todas as funcións do Servizo de Supervisión de Proxectos de Infraestruturas e do Servizo de Xestión de Infraestruturas Administrativas, en coordinación con eles.
Dous. Engádese un parágrafo quinto ao punto 2 do artigo 53:
2.5. Servizo de Obras e Infraestruturas Administrativas.
Desenvolverá, no seu ámbito territorial, todas as funcións do Servizo de Supervisión de Proxectos de Infraestruturas e do Servizo de Xestión de Infraestruturas Administrativas, en coordinación con eles.
Tres. O quinto parágrafo do número 2 do artigo 55 queda redactado como segue:
2.5. Servizo de Obras e Infraestruturas Administrativas.
Desenvolverá, no seu ámbito territorial, todas as funcións do Servizo de Supervisión de Proxectos de Infraestruturas e do Servizo de Xestión de Infraestruturas Administrativas, en coordinación con eles.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo
Autorízase a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e dous de xuño de dous mil vinte e seis
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
