DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Martes, 30 de xuño de 2026 Páx. 37198

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2026 pola que se convoca un posto de persoal directivo para a súa cobertura (xerente da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia).

En virtude das facultades conferidas nos estatutos, e en cumprimento da política de persoal aprobada polo padroado da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia, o presidente da Fundación

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto que se indica no anexo I desta resolución, cuxas funcións están recollidas no artigo 30 dos estatutos da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia.

Segundo. Aprobar as bases polas cales se rexerá o proceso de selección, que se inclúen no anexo II. Para participar nesta convocatoria os/as candidatos/as utilizarán o modelo de solicitude que se inclúe no anexo III.

Terceiro. Esta convocatoria e as distintas resolucións que se diten ao longo do proceso de selección publicaranse na páxina web www.edu.xunta.gal. A resolución que poña fin ao proceso de selección publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos deriven dela ou da actuación do tribunal de selección poderán ser impugnados polos/as interesados/as no prazo e na forma establecidos pola Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2026

Román Rodríguez González
Presidente da Fundación Pública Galega de Talento Investigador
de Alto Nivel Galtia

ANEXO I

– Denominación do posto: xerente da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia.

– Dependencia: Presidencia da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia.

– Localidade: Santiago de Compostela.

– Forma de provisión: persoal directivo.

– Directivo do grupo III, nivel 2. Ao persoal que teña a condición de empregado público seralle de aplicación o disposto no artigo 12 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico.

– Tipo de persoal: alta dirección.

ANEXO II

Bases reguladoras da convocatoria da selección para o posto de xerente da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Esta convocatoria ten por obxecto a cobertura do posto de xerente da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia.

Artigo 2. Vínculo

O vínculo coa persoa seleccionada formalizarase mediante un contrato laboral de alta dirección ao abeiro do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, nos artigos 12 e 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e o disposto nos estatutos da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia.

O/a xerente estará suxeito/a o réxime de incompatibilidades recollido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

Artigo 3. Requisitos dos/das aspirantes

As persoas aspirantes deben reunir, na data de peche do prazo de presentación das candidaturas, os requisitos seguintes:

1. Requisitos xerais:

a) Ter nacionalidade española, nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea ou de calquera outro ao cal as normas do Estado lle atribúan iguais dereitos para efectos laborais na Administración pública. Poderán concorrer igualmente persoas estranxeiras non comunitarias vinculando a formalización do contrato á obtención do permiso de traballo, consonte o disposto na Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, e en disposicións regulamentarias de aplicación.

b) Tamén poderán participar, independentemente da súa nacionalidade, cónxuxes de persoas españolas e de nacionalidades doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e os do seu cónxuxe, sempre que non estean separados de dereito e que sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

c) Quen, sen estar incluído/a nos parágrafos anteriores, se encontre residindo en España en situación de legalidade e sexa titular dun documento que o/a habilite a residir e a poder acceder sen limitacións ao mercado laboral.

d) Non ter sido separado/a nin despedido/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública nin dos órganos constitucionais ou estatuarios das comunidades autónomas, nin encontrarse inhabilitado/a para desempeñar funcións públicas. No caso de ser nacional doutro Estado, non estar inhabilitado/a nin en situación equivalente, nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria que impida o acceso ao emprego público no seu Estado.

e) Ter dezaseis anos e non exceder, de ser o caso, a idade máxima de xubilación forzosa.

f) Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

2. Requisitos específicos:

a) Estar en posesión dun título universitario oficial de nivel 3 do Marco español de cualificacións para a educación superior, establecido polo Real decreto 1027/2011, do 15 de xullo, ou equivalente.

De ser o caso, para as titulacións obtidas no estranxeiro deberá estar en posesión da credencial que acredita a súa homologación ou validación.

b) Ter desempeñado, nos últimos cinco (5) anos, polo menos un posto directivo de estrutura en universidades ou centros de investigación, ou ben un posto de dirección ou xestión en centros, entidades, estruturas ou unidades de investigación, tanto públicas como privadas.

Para estes efectos, considérase posto directivo de estrutura aquel de natureza directiva con responsabilidade sobre a dirección, coordinación e toma de decisións dunha área, servizo, unidade ou estrutura organizativa, incluídos, entre outros, postos equivalentes á Xerencia, Vicexerencia, Dirección de área ou Subdirección, ou aqueles clasificados como postos de nivel 2 conforme o Decreto 119/2012, do 3 de maio, relativo ás retribucións do persoal directivo do sector público autonómico, ou normativa equivalente noutras administracións ou entidades públicas, así como denominacións equivalentes nas universidades.

Entenderase por posto de dirección ou xestión aquel que implique responsabilidade efectiva de organización, coordinación e supervisión de procesos e recursos en centros, entidades, estruturas ou unidades de investigación, incluídos, entre outros, dirección u subdirección de centros, responsables de unidade, responsables de xestión da investigación, xestores/as de centros ou unidades de investigación, responsables de oficinas de transferencia ou de áreas de desenvolvemento tecnolóxico, ou postos equivalentes.

No ámbito privado, considerarase tamén a experiencia en postos directivos con responsabilidade organizativa e de xestión situados en niveis inmediatamente inferiores á alta dirección ou dirección xeral, tales como direccións funcionais, direccións de área, xefaturas de departamento ou postos comparables, incluíndo expresamente os desempeñados no marco dun contrato de alta dirección.

c) Acreditar o coñecemento do idioma galego presentando o título do Celga 4, título de perfeccionamento do idioma galego ou estudos equivalentes, debidamente homologados polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, consonte a disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

No caso de que a persoa aspirante non posúa a titulación sinalada no parágrafo anterior, poderá igualmente participar no proceso selectivo. Con todo, se unha vez finalizada a segunda fase do proceso a persoa proposta polo tribunal para o posto de xerente da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia non acredita o cumprimento do dito requisito, deberá superar unha proba de dominio do idioma galego.

A proba consistirá nunha tradución do galego para o castelán e outra do castelán para o galego, e será cualificada como apta ou non apta.

Tamén poderán ser convocadas a esta proba as persoas candidatas que, mesmo non tendo resultado propostas polo tribunal, superasen a segunda fase e non cumpran o requisito lingüístico, co fin de permitir a súa selección, no caso de superaren a proba, se a persoa inicialmente proposta non consegue a cualificación de apto/a.

Para a realización da dita proba, o tribunal poderá requirir o asesoramento de persoal cualificado na materia.

Artigo 4. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes para participar nesta convocatoria poderán presentarse por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (código de procedemento xenérico PR004A), https://sede.xunta.gal, no Rexistro da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (Edificio Administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), ou nas oficinas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Neste caso, deberá remitirse unha copia escaneada ao seguinte enderezo de correo electrónico: galtia.educacion@xunta.gal e, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, a solicitude inscrita e a relación individualizada dos méritos que se aleguen (anexo V).

2. As persoas solicitantes deberán enviar obrigatoriamente o modelo de solicitude debidamente asinado, incluído no anexo III destas bases. Este modelo incorpora os datos persoais necesarios para dar cumprimento ao Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016 (RXPD), e á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (LOPDGDD). Así mesmo, inclúe a declaración responsable de cumprir os requisitos exixidos para participar na convocatoria.

3. Xunto co anexo III deberán achegarse os seguintes documentos:

a) Declaración responsable coa relación dos requisitos e de cada un dos méritos que alegue a persoa candidata, utilizando os modelos que figuran nos anexos IV e V desta convocatoria.

b) Coa solicitude terá que achegarse o plan de actuación en soporte papel ou en formato electrónico.

c) A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e, ao abeiro do establecido nos artigos 2 e 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, implicará a autorización á Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia para comprobar os datos de carácter persoal que figuren no documento DNI/NIE da persoa que teña a condición de interesada, por medio do acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao Sistema de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Administracións Públicas. Con todo, o/a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e, nese caso, deberá presentar, xunto coa solicitude, unha copia cotexada do documento de identidade en vigor.

O tribunal de selección poderá requirir a exhibición da documentación acreditativa acerca dos requisitos e méritos declarados polas persoas solicitantes, de existir dúbidas sobre a veracidade da información declarada.

En todos estes casos, o enderezo que figure nas solicitudes considerarase como o único válido para efectos de notificacións, e será responsabilidade exclusiva da persoa aspirante que se produza un erro, tanto na súa consignación como na comunicación coa Fundación, de calquera cambio nela.

4. O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

5. Para calquera aclaración ou información adicional, os/as interesados/as poderán dirixirse ao seguinte enderezo de correo electrónico: galtia.educacion@xunta.gal

Artigo 5. Admisión de aspirantes

Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, publicarase na web www.edu.xunta.gal a lista provisional de admitidos/as e excluídos/as ao proceso de selección, con indicación da causa de exclusión, os cales terán un prazo de tres (3) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

Neste período de emenda soamente se pode rectificar a documentación achegada coa solicitude inicial, e nunca achegar nova documentación. Transcorrido o prazo de alegacións á lista provisional, e despois da súa valoración, publicarase a lista definitiva de admitidos/as e excluídos/as do proceso de selección. A estimación ou desestimación das alegacións entenderase implícita na resolución de aprobación da lista definitiva de admitidos/as e excluídos/as.

Artigo 6. Tribunal de selección

O tribunal de selección será nomeado mediante resolución da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, na súa condición de presidenta da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia, e constituirase unha vez publicada a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas ao proceso selectivo.

O tribunal constituirase con respecto ao principio de paridade entre mulleres e homes, nos termos establecidos no artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia. Estará integrado polos seguintes membros:

– Un/unha presidente/a.

– Tres vogais.

– Un/unha secretario/a, que poderá ser un/unha dos tres vogais.

Todos os membros do Tribunal deberán estar en posesión dunha titulación de nivel igual ou superior á exixida para participar no proceso selectivo. Os membros do tribunal estarán suxeitos ás causas de abstención e recusación previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Para a válida constitución do tribunal, para efectos da realización de sesións, deliberacións e adopción de acordos, será necesaria a presenza de, polo menos, a metade dos seus membros e será en todo caso imprescindible a asistencia do/da presidente/a e do/da secretario/a.

Para a toma de decisións e demais cuestións relativas ao funcionamento do tribunal observarase o disposto nas Instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección, do 11 de abril de 2007, modificadas polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

Artigo 7. Forma de acreditación e valoración dos méritos

A persoa que resulte proposta para a contratación deberá presentar a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos e dos méritos baremables na fase de concurso.

A formación acreditarase mediante a presentación de copia cotexada ou electrónica auténtica dos títulos ou certificados correspondentes aos cursos, licenciatura, grao, máster ou posgrao nos ámbitos establecidos, así como das actividades formativas.

A experiencia profesional acreditarase mediante a presentación dos seguintes documentos:

1. Servizos prestados por conta allea: deberá achegarse certificación de vida laboral:

a) No caso de empresas privadas, a persoa candidata deberá achegar un informe da entidade, no cal consten as actividades ou tarefas desenvolvidas mentres durou o contrato. Na súa falta, poderá presentar unha declaración responsable en que se detallen as actividades ou tarefas realizadas e o período correspondente.

b) No caso de entidades públicas, deberá presentarse unha certificación de servizos prestados. Na súa falta, poderá achegarse unha declaración responsable na cal consten as actividades ou tarefas desenvolvidas e o período de prestación de servizos.

2. Servizos profesionais desenvolvidos por conta propia: deberá achegarse algún dos seguintes documentos: copia do contrato de prestación de servizos ou carta acreditativa/informe da entidade pública ou privada para a cal se realizaron os traballos.

En todos os casos, os documentos achegados deberán conter información suficiente para permitir a comprobación da experiencia alegada.

O tribunal de selección realizará cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución, incluíndo a acreditación documental de calquera dos méritos achegados na solicitude.

Se do exame das solicitudes e a documentación presentada se desprende que estas omiten información esencial para o proceso de avaliación ou conteñen información ou datos inexactos, contraditorios, incongruentes ou falsos, o tribunal de selección poderá excluír a dita solicitude do procedemento, mediante escrito no cal se fará constar tal circunstancia.

Artigo 8. Desenvolvemento do proceso de selección

Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos exixidos, a selección efectuarase polo procedemento de concurso. A puntuación máxima do proceso de selección é de 100 puntos.

O procedemento constará de dúas fases. A fase 1, de carácter eliminatorio, consistirá na baremación dos méritos alegados e na valoración do plan de actuación do/da xerente da Fundación Galtia.

Esta fase 1 divídese en tres epígrafes:

– 1.A. Formación, cunha puntuación máxima de 20 puntos e un limiar mínimo de 11 puntos, que é necesario acadar para pasar á epígrafe 1.B.

– 1.B. Experiencia profesional, cunha puntuación máxima de 35 puntos e un limiar mínimo de 18 puntos, que é necesario acadar para pasar á epígrafe 1.C.

– 1.C. Plan de actuación, cunha puntuación máxima de 35 puntos e un limiar mínimo de 18 puntos, que é necesario acadar para pasar á fase 2.

A puntuación mínima exixida entenderase referida á puntuación obtida en cada epígrafe, con independencia da puntuación acumulada ata ese momento.

A fase 2 consistirá na realización dunha entrevista en inglés, cunha puntuación máxima de 10 puntos.

Fase 1. Valoración de méritos e do plan de actuación (máximo 90 puntos).

1.A. Formación (máximo 20 puntos), puntuación mínima 11 puntos.

– 1.A.1. Titulación académica superior á exixida (máximo 18 puntos):

Valorarase con nove (9) puntos estar en posesión do título de doutor (nivel 4 MECES).

Valorarase con tres (3) puntos cada título oficial de máster universitario (nivel 3 do MECES) e/ou cada título oficial de licenciatura ou de grao, sempre que constitúan titulacións adicionais á exixida como requisito de acceso ao proceso selectivo.

En todo caso, os títulos deberán estar expedidos por unha universidade española ou, de ser o caso, por unha universidade estranxeira legalmente recoñecida; os títulos estranxeiros serán valorables cando estean homologados, declarados equivalentes ou recoñecidos en España conforme a normativa aplicable.

– 1.A.2. Outra formación (máximo 2 puntos).

Valorarase con dous (2) puntos cada un dos seguintes cursos: Gesci (Xestión Estratéxica de Centros de Investigación) e Gosci (Xestión Operativa de Centros e Unidades de Investigación), promovidos pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Valorarase cun (1) punto cada acción formativa relacionada coa xestión operativa de centros ou unidades de investigación, coa gobernanza e a rendición de contas destes, coa planificación, o seguimento e a xustificación da actividade científico-técnica, co soporte á xestión da investigación e coa xestión, execución e/ou control de programas cofinanciados con fondos europeos e/ou cos marcos europeos de xestión da investigación.

1.B. Experiencia profesional (máximo 35 puntos) puntuación mínima 18 puntos.

Para os efectos de valoración, teranse en conta os anos completos de experiencia ou as fraccións superiores a seis meses. Un mesmo período non poderá ser valorado dúas veces. Para a cualificación e o encadramento da experiencia, aplicaranse os mesmos criterios e definicións establecidos no número 2.b) do artigo 3 destas bases.

– 1.B.1. Experiencia en postos directivos de estrutura en universidades ou de dirección ou xestión en centros, entidades, estruturas ou unidades de investigación públicos ou privados (máximo 30 puntos).

Valorarase con cinco (5) puntos por cada ano completo ou fracción superior a seis meses a experiencia de directivo en postos directivos de estrutura das universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), así como a experiencia en postos de dirección ou de xestión de centros, áreas, servizos, unidades e estruturas de investigación das universidades do SUG.

Valorarase con catro (4) puntos por cada ano completo ou fracción superior a seis meses a experiencia adquirida no desempeño de postos directivos ou de xestión en centros, unidades ou servizos de investigación, con independencia da súa forma xurídica, pertencentes á Administración xeral da Xunta de Galicia ou ás entidades ou organismos dela dependentes, incluíndo as entidades previstas no artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga).

Valorarase con catro (4) puntos por cada ano completo ou fracción superior a seis meses a experiencia adquirida no desempeño de postos directivos de estrutura de universidades españolas ou estranxeiras, así como a experiencia en postos de dirección ou de xestión de centros, áreas, servizos, unidades e estruturas de investigación das ditas universidades.

Valorarase con catro (4) puntos por cada ano completo ou fracción superior a seis meses a experiencia adquirida no desempeño de postos directivos ou de xestión en OPI, centros, unidades ou servizos públicos de investigación con sede no estranxeiro.

Valorarase con tres (3) puntos por cada ano completo ou fracción superior a seis meses a experiencia adquirida no desempeño de postos directivos ou de xestión en organismos públicos de investigación (OPI), centros, unidades ou servizos de investigación integrados na Administración xeral doutras comunidades autónomas e nas entidades e organismos dela dependentes.

Valorarase con dous (2) puntos por cada ano completo ou fracción superior a seis meses a experiencia adquirida no desempeño de postos directivos ou de xestión en organismos públicos de investigación (OPI), centros, unidades ou servizos de investigación integrados na Administración xeral do Estado e nas entidades e organismos dela dependentes, incluíndo as entidades previstas no artigo 84 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Valorarase cun (1) punto por cada ano completo ou fracción superior a seis meses a experiencia en postos directivos ou de xestión en entidades privadas de I+D+i; cando a experiencia se desenvolva no estranxeiro, valorarase con dous (2) puntos por cada ano completo ou fracción superior a seis meses.

– 1.B.2. Experiencia en postos de persoal investigador (máximo 5 puntos).

Valorarase cun (1) punto por ano por cada ano completo ou fracción superior a seis meses a experiencia adquirida no desempeño de postos de persoal investigador; cando a experiencia se desenvolva no estranxeiro, valorarase con 2 puntos por cada ano completo ou fracción superior a seis meses.

1.C. Plan de actuación (máximo 35 puntos) puntuación mínima 18 puntos.

As persoas aspirantes deberán presentar un plan de actuación para a Xerencia da Fundación Galtia, no cal se defina unha proposta de xestión integral da entidade para desenvolver no medio prazo. O plan deberá abordar a organización e execución da actividade operativa, económica e administrativa da Fundación, en coherencia coa súa natureza, fins e normativa de aplicación.

Este plan deberá recoller as principais actuacións que se van desenvolver, cunha planificación temporal estimada, así como a definición dun modelo de seguimento e avaliación que permita valorar o grao de execución e cumprimento dos obxectivos establecidos.

O plan non poderá superar os 25 folios de extensión, a dobre espazo por unha soa cara, en letra Arial, tamaño 11.

O plan valorarase conforme os seguintes criterios:

– Adecuación do plan ao marco de actuación de Galtia, entendida como a correcta identificación e tratamento das condicións económicas, materiais, técnicas e humanas necesarias para levar a cabo as funcións encomendadas á Xerencia.

– Viabilidade operativa e sustentabilidade, isto é, o grao en que as medidas propostas permitan a implantación e o funcionamento ordinario da Fundación e a continuidade da súa actividade no medio prazo.

Fase 2. Entrevista.

A segunda fase consistirá nunha entrevista en inglés, co obxecto de valorar a adecuación da persoa candidata ás funcións do posto e a súa capacidade de comunicación profesional en inglés. A entrevista versará sobre o perfil profesional da persoa candidata e, de ser o caso, sobre o plan de actuación presentado na fase anterior. Terá unha duración máxima de 20 minutos e unha puntuación máxima de 10 puntos.

As persoas candidatas deberán presentarse á proba provistas do DNI ou dun documento fidedigno que acredite a súa identidade. Deberán expoñer a súa traxectoria profesional nun tempo máximo de vinte (20) minutos e responder todas aquelas preguntas que permitan valorar a súa idoneidade, así como o seu coñecemento e manexo da lingua inglesa, sen que o tempo dedicado ás respostas compute para os efectos da duración prevista nesta epígrafe.

Artigo 9. Selección de candidatos/as

En caso de empate na puntuación total, este dirimirase a favor da persoa que obteña maior puntuación nas distintas fases do procedemento selectivo e pola orde establecida nel (1º baremación de méritos e valoración do plan de actuación; 2º entrevista do plan de actuación).

De persistir o empate (tendo en conta que non existe a infrarrepresentación da muller respecto do home a que fai referencia o artigo 153 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia), resultará seleccionada a persoa que corresponda pola orde alfabética do primeiro apelido e, de ser igual, pola do segundo, a partir da letra establecida na Resolución do 22 de xaneiro de 2026 pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 16, do 26 de xaneiro).

En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

Unha vez finalizado o proceso de selección, o tribunal publicará na web www.edu.xunta.gal as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes, con indicación do/da candidato/a seleccionado/a.

Establécese un prazo de tres (3) días hábiles, contados desde seguinte ao da publicación na web www.edu.xunta.gal, para presentar alegacións. A estimación ou desestimación destas entenderase implícita na resolución definitiva.

Artigo 10. Resolución da convocatoria

O tribunal elevará á Presidencia da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia a proposta a favor do/da aspirante que obtivese a maior puntuación. O nomeamento correspóndelle á Presidencia da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia.

O/a candidato/a seleccionado/a deberá aceptar o posto no prazo de tres (3) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución da Presidencia da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia no Diario Oficial de Galicia.

De non presentarse solicitudes, de non cumprir ningunha das rexistradas os requisitos exixidos ou de considerarse que ningún/ningunha dos/das candidatos/as resulta idóneo/a para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución da Presidencia da Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia.

A resolución que poña fin ao proceso de selección publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Datos de carácter persoal

Os datos de carácter persoal serán tratados segundo o disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Os/as candidatos/as que participen neste proceso selectivo consenten expresamente a incorporación dos seus datos de carácter persoal nos ficheiros existentes na Fundación Pública Galega de Talento Investigador de Alto Nivel Galtia.

O/a titular dos datos de carácter persoal poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ao tratamento nos termos da dita lei orgánica.

missing image file
missing image file
missing image file