Mediante a Resolución do 9 de decembro de 2024 publicouse a resolución pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección do Igape que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape ás agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG núm. 7, do 13 de xaneiro de 2025).
No punto quinto da devandita resolución establécese que o prazo de execución dos gastos subvencionables non poderá superar o 30 de setembro de 2026. Así mesmo, establécese que as persoas beneficiarias deberán presentar unha solicitude de cobramento da subvención e que o prazo para presentala rematará o 30 de setembro de 2026. No mesmo punto indícase que para o ano 2026 poderán presentar solicitude de cobramento parcial entre o 1 e o 30 de abril, e a solicitude final ata o 30 de setembro.
Os proxectos aprobados ao abeiro desta convocatoria están integrados por plans de actuación con accións de divulgación, difusión, estudos, prospección, vixilancia tecnolóxica e fomento da colaboración empresarial e sectorial, cuxa execución require a coordinación de axendas, a intervención de provedores especializados e a participación de empresas e entidades asociadas.
Por razóns de programación e coordinación, determinadas actuacións previstas no exercicio poderían non quedar completadas antes do 30 de setembro de 2026, aínda que a súa realización resulte viable dentro do exercicio orzamentario. A ampliación permitirá rematar esas actuacións e presentar a súa xustificación, limitando a xustificación final adicional ás actuacións efectivamente pendentes e facilitando a comprobación e liquidación no exercicio.
Esta ampliación non afecta a selección das entidades beneficiarias nin a valoración dos proxectos, non supón modificación das contías concedidas, nin incremento de crédito, nin compromiso orzamentario máis aló do exercicio 2026. Tampouco afecta dereitos de terceiros, ao limitarse a permitir a completa execución e xustificación de actuacións xa aprobadas.
Polo exposto, tendo en conta que concorren circunstancias que aconsellan a ampliación de oficio e que non excede a metade do prazo inicialmente previsto para a execución dos proxectos, de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas,
RESOLVO:
Artigo 1
Ampliar de oficio, con carácter xeral e sen necesidade de solicitude individual para as entidades beneficiarias dos proxectos aprobados ao abeiro da convocatoria, ata o 20 de novembro de 2026 o prazo máximo de execución dos gastos subvencionables e de presentación da solicitude de cobramento final, previsto nos parágrafos segundo, terceiro e cuarto do punto quinto do resolvo da Resolución do 9 de decembro de 2024 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Igape ás agrupacións empresariais (clústeres) innovadoras na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva, exclusivamente respecto das actuacións aprobadas que non estivesen realizadas con anterioridade ao 30 de setembro de 2026.
Artigo 2
Manter o 30 de setembro de 2026 como data límite para a xustificación das actuacións executadas con anterioridade a esa data. No caso de existiren actuacións pendentes acollidas á ampliación prevista no artigo anterior, a solicitude de cobramento que se presente ata o 20 de novembro de 2026 comprenderá exclusivamente as actuacións non realizadas antes do 30 de setembro de 2026 e executadas dentro do prazo ampliado, xunto coa documentación xustificativa que proceda de acordo co artigo 17 das bases reguladoras.
Artigo 3
Mantéñense inalteradas as restantes condicións da convocatoria e das resolucións de concesión ditadas ao seu abeiro.
Artigo 4
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2026
Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
